sábado, 18 de febrero de 2017

O ministro milagreiro.



Adicado a Manolo Ayán.
No xornal Mundo Obrero, editado polo Comité de Galicia do Partido Comunista de España, sempre lle prestaron moita atención aos temas relacionados coa situación do campo galego e ás actividades de organismos como as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos, fiscalía de taxas, e a todo o entramado de control franquista neste eido. Había unha sección, escrita en galego cunha ortografía peculiar, titulada “Pote Gallego” da que transcribimos un artigo, publicado no 1948, cheo de ironía sobre os problemas da agricultura galega e as corruptas Hermandades e que titulaba “O ministro milagreiro”:
Com’a tripa valdeira é mala conselleira, a xente cárgalle o san Benito de todal-as calamidades o Goberno de Franco.
Se os precios ruben, com’os foguetes; se as contribuciós medran com’a herva mala; se non hai sementes, nin abonos, nin lus, nin gasolina; se hastra pol-os cans hai que afloxar imposto, a xente marmulla... “a culpa ten-a o goberno”. S’un coitado que lampaba c’oa fame, dempois d’un ano mangoneando a Hermandade, fai unha casa de catro pisos, os chismós axiña lle votan as contas: tanto que raspillou d’os cupos, tanto d’as sementes, tanto d’o nitrato...
Moita xente inora que o Fuero falanxista, garantiza a libertade de roubar...pro roubar en grande. Marmurar d’o Caudillo, e d’os qu’o redor dil, esmiólanse por faguer unha España con mais cárceres qu’escolas; sospeitar d’os que se fan ricos d’a noite pra mañan, e mala fe. Se os gobernadores, alcaldes e xerarcas, quédanse c’unha miaxa entr-as uñas, fan-no sin malicia. Como diria Curros:
Sonche os que gustan d’as troitas
E como lle gustan, tentan
Pescar c’oas bragas enxoitas.
Pro o qu’hai que ver non son os defuntos, senon as virtudes, os milagres, que fai o goberno. Ollai unha mostra. Os nosos labregos andaban enrabiados pol-os cupos y-as tasas; queixabanse de qu’a terra non daba nin pra broa de medio ano.
Estaban murchos, com-a si os vira o meigallo; mais o Ministro d’Agricultura de Franco (de quen as malas lenguas din que ten cara d’esguello e mañas de raposa) acaba de alcontral-o remedio: ¡ vai poñer aparatos de Radio en todal-as Hirmandades! Así, cando o labrego non teña os satenta pesos pra contribución; nin abono pras terras, ou o forero amenace c’o embargo, dáse unha voltiña pol-a Hirmandade, e dempois d’ouvir un bolero de Machín, acabanselle as preocupacións. ¿Non é isto maior milagre qu’o d’o Cristo de Limpias? Abofellas qu’o que se queixa, e de bulra. Como dixo Franco, outros están pior qu’a nos. Por exemplo, os negros d’o Congo africano que non disfrutan d’unha feiticeira Xunta d’Abastos que lles racione a fame...¡nin teñen chirimbolo de Radio! Moito pior viviase c’oa República, pois aquelas potas de bacallau, y-as talladas de touciño, estragaban os estómagos.
Os que se queixan, dóulles un consello: con chorar non matadel-a fame. Eu, como bon gallego, calo...e fago. Teño dous fillos n’o monte y-outro que rabia por liscarse pra-lo. Eu, y-outros dous veciños, un d’estes días, cavilamos dar unha voltiña pol-a Hermandade. ¿A vos gustavos a Radio?...Pois a min tamén. So que esa noite temos un traballiño que faguer: vámoslle prender lume a esa cova de vermes que se chama “Hirmandade...de ladrós e lampantís”.

miércoles, 1 de febrero de 2017

Malleiras na illa de Arousa.

As actuacións da Guardia Cívica da Illa de Arousa non se limitaron ao asasinatos de Santiago Otero “Pajares” ou de Esteban Picón; hai documentada toda unha serie de actuacións represoras, que van dende as apropiacións irregulares de bens incautados ata malleiras que acaban, meses despois, en morte.
Algunhas das malleiras están relacionadas co que parecía ser unha obsesión do xefe “cívico” Benito Figueiras: a obrigatoriedade de asistencia á misa. O cura recoñece o trato afectuoso e correcto que tiña con el e o ofrecemento que lle fixera para  darlle escolta ao Viático, porén afirma “Que según rumores aconseja y hasta coacciona al vecindario para que concurra al santo Sacrificio de la misa.” Algunhas veces obrigaba aos mariñeiros a ir á misa sen deixarlles sequera cambiar a roupa de augas. O día da festividade da Ascensión, estaban uns mariñeiros xogando ao dominó na taberna, Benito entrou preguntando se aquelo era a misa e engadiu: “agora vai saír o Cristo” e comezou a darlle labazadas aos presentes botándoos fóra do establecemento. Non abondou co anterior e visitou a casa do portugués Domingo Barbosa e indicoulle á muller que tiñan que ir á misa de doce; como ela lle respondera que xa foran pola mañá cedo, tampouco se librou dos golpes de Figueiras. Pola tarde volveu para golpear ao home pero impediullo un garda civil que o acompañaba.
Maior gravidade revestiron outras malleiras realizadas polos “cívicos” no seu cuartel; na fatídica noite do 20 de setembro de 1936 levaron ao cuartel a Francisco Diz, Juan Chaves e Enrique Rial; o primeiro tivo que gardar cama e estivo incapacitado para o traballo máis de dous meses, Juan Chaves recibiu vergalladas, puntapés e golpes coa culata dos fusís durante dúas horas.
Quen levou a peor parte foi o mariñeiro de 29 anos Enrique Rial; os golpes deron lugar a varias hemoptises e as molestias foron aumentando co tempo e obrigárono a gardar cama pois afectáranlle gravemente os pulmóns “siendo su estado de tuberculosis aguda gravísima; estado que tiene relación íntima con los traumatismos” segundo fan constar os médicos Martínez e Legerén que o recoñecen meses máis tarde, médicos  nada sospeitosos de desafectos.  Morre á seis da tarde do 3 de xullo de 1937 e, segundo a autopsia, a causa inmediata da morte foi tuberculose pulmonar pero a causa fundamental foran os traumatismos.