Hoxe, primeiro de maio, non está de máis lembrar os actos celebrados neste día en Pontevedra no ano 1936. A expectación era moi alta pois na cabeza de todos estaba o sucedido o ano anterior: o goberno de dereitas prohibira a utilización de bandeiras pero, cando a manifestación discorría pola rúa do arcebispo Malvar, ondeou unha bandeira vermella; nas inmediacións da praza de touros, ante a intervención da forza pública, produciuse a desbandada dos manifestantes. Foron detidas varias persoas. O mitin, no que interveu “Pasionaria”, foi moi soado e falaremos del noutra ocasión.
En 1936 non había prohibicións, pero na cidade espalláranse rumores de que algo grave ía pasar e de que dereitistas marcharan cara Portugal. O xornal El País facía alusión a este feito na primeira páxina:
No se atemoricen las cotorronas ni tiemblen las lechuzas que en sus penumbras auguran para el 1º de Mayo motines y fieros males porque en las tiendas se ha agotado la percalina roja. La percalina roja será en las calles, con sus vivos matices, el símbolo de la alegría popular y de la esperanza de las multitudes que trabajan y esperan, no de los parásitos que viven a su costa. Habrá, pues, alegría y júbilo, y alborozo en medio de la paz. Los que tienen mucho que temer nada teman. ¡ Bastante castigo tienen con su estado cotidiano de sobresalto y excitación!No transcurso do acto, varios oradores farán fincapé nas súas intervencións sobre estes rumores e destacarán a ausencia de incidentes nos actos. O mesmo xornal, ao día seguinte, aproveita para seguir sobre o tema:
Los “patriotas canallas” demostrando una vez más su gran amor a la patria, huyeron cobardemente al extranjero temerosos de que “algo” ocurriese. Ahora se darán cuenta de que el pueblo si no se le provoca, no se sale nunca de los cauces de la legalidad.Pola mañanciña, as bombas de palenque e as dianas interpretadas pola banda municipal de música despertaban á poboación. Pouco a pouco chegaban á praza do Muelle grupos de persoas pertencentes a organizacións agrarias, obreiras, xuventudes... que se concentraban nas inmediacións do Centro Obrero. A manifestación toma a saída ás 10 e media; durante todo o traxecto soa a música da Internacional, interpretada pola banda e coreada polo Orfeón Obrero e polos asistentes. Detrás da presidencia desfilaban as milicias antifascistas uniformadas, compostas por xente moza de ambos sexos. O percorrido discorreu polas rúas da Ponte, Pi e Margall (actual rúa Real), Curros Enríquez, Ferrería, Peregrina, Oliva, Riestra, Palmeiras, Montero Ríos, praza do concello, Echegaray (hoxe rúa Alameda) e praza de touros. Ao pasar diante do Goberno Civil (actual Deputación) detívose a marcha e cantouse “La Commune” diante do gobernador e do comandante xefe da Guardia Civil que estaban no balcón. Pasadas as once chegou á praza de touros e deu comezo o mitin ao que asistiron, segundo a policía, unhas seis mil persoas.
Fixo a presentación o vicepresidente da Federación Obrera, Rogelio González Suárez, [ na prensa era habitual invertirlle a orde dos apelidos], que falou sobre a significación do acto e insistiu na sensatez e cordura dos asistentes. Luis de Sáa, presidente das Xuventudes Unificadas, explica a importancia que tivo a unificación das xuventudes e invita a que se unan tamén as xuventudes campesiñas. Chama a superar o equívoco de considerar aos campesiños galegos como burgueses polo feito de posuír minúsculas propiedades e di que son tan obreiros como os das fábricas e talleres polo que deben agruparse nas organizacións obreiras e cooperar na unificación da clase traballadora.
En representación da Federación Obrera toma a palabra José Acuña Gallego, que se centra no problema do elevado paro e critica aos gobernos anteriores por non ter feito nada para arranxalo. Tampouco esquece a problemática agraria e gandeira así como a da pesca. Pide á xuventude que loite para implantar unha sociedade máis xusta e equitativa.
Francisco Fernández Blanco, “Sacheiro”, ten unha intervención moi dura: critica os novos impostos que agravan, aínda máis, a situación dos agricultores, ataca ao capitalismo e considera que a situación non está para facer xogos florais senón que hai que organizarse para dar a batalla final
con los emblemas del trabajo que figuran en la bandera proletaria aplastaremos -agrega- y segaremos la cabeza del odioso capitalismo e implantaremos nuestro Gobierno obrero y campesino. (El País, 2-5-36).O informe da policía achega máis información sobre a intervención deste dirixente agrario indicando que se doera de que o sistema actual facía posible a existencia de terras sen campesiños e de campesiños sen terra, e que había que ir dereitos á implantación do réxime comunista, único que daría xustiza ao obreiro da terra e que “llegará un día en que los martillos de los obreros machaquen las cabezas de los burgueses al unísono de la hoz campesina que irá segando estas.” (Informe da comisaría, 1-5-36. AIMN)
O partido comunista ten a súa voz en Manuel García Filgueira que insiste no bo comportamento que tiveran os asistentes á manifestación; tamén fai alusións a que a clase obreira non ía facer este primeiro de maio a revolución pero que se fará ao seu debido tempo, que xa está en marcha e que o triunfo será inevitable. Serán só os obreiros os que dean a batalla para derrubar o fascismo porque non teñen o apoio de ninguén máis; denuncia o trato desigual que se daba nas comisarías a fascistas e antifascistas e que, en outubro do 34, “ en unos calabozos de apenas dos metros de cubicación se encerró a catorce hombres que se morían de asfixia.”
Miguel Villalta, deputado do PSOE por Alicante, fai un chamamento á unidade sindical para impedir a implantación do fascismo e chama a implantar a ditadura do proletariado como paso intermedio para o réxime socialista e espera que o vindeiro ano “sea ya un hecho la consecución del verdadero significado de esta fiesta.”
O acto remata pasada a unha da tarde e sen incidente algún, pola tarde houbo xira pola avenida de Buenos Aires e verbena.
En moitas publicacións faise referencia a uns incidentes con falanxistas en Pontevedra, en realidade estes sucederon en Tabeirós (A Estrada) nunha pelexa entre falanxistas e esquerdistas e na que os irmáns Castro Pena (falanxistas) foron detidos por ferir a un esquerdista. Estes feitos levaron á declaración de folga xeral naquela localidade.
As peticións que se elevaron ao goberno foron as seguintes:
1º Recoñecemento polo goberno español do goberno da URSS.
2º Inmediato cumprimento do Pacto do Bloque Popular, e no que se refire a responsabilidades, pedimos o rápido encarceramento de todo o goberno Lerroux-Gil Robles.
3º Xornada de 44 horas semanais.
4º O mesmo salario para homes e mulleres que realicen igual traballo.
5º Creación ininterrompida de escolas e acceso da xuventude obreira ás aulas universitarias.
6º Dereitos políticos para os mozos de 18 anos, incluso os soldados.
7º Abolición dos foros, que sexan reintegradas aos campesiños as cantidades achegadas para a súa redención e que se rebaixen todos os impostos que gravitan sobre os campesiños pobres e medios.
8º Extensión do crédito agrícola.
9º Socorro polo Estado aos obreiros sen traballo.
10º Expropiación dos bens do clero e da igrexa, en beneficio dos obreiros e campesiños pobres.
11º Expulsión do exército e corpos armados de todos os xefes e oficiais monárquicos e fascistas.
12º Suspensión de toda a prensa monárquica e fascista, incautación das súas imprentas e encarceramento dos seus dirixentes.
13º Recoñecemento polo Estado das milicias obreiras e campesiñas.
14º Humanización do réxime de prisións.
A sorte dos oradores que interviñeron no mitin foi mala: Miguel Villalta, fusilado en 1942 en Alicante; José Acuña e Francisco Fernández foron “paseados”, Rogelio González, Luis de Sáa e Manuel García estiveron fuxidos e sufriron cárcere.