Mostrando entradas con la etiqueta Rogelio González Suárez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rogelio González Suárez. Mostrar todas las entradas

martes, 29 de abril de 2025

Contra o esquecemento: Rogelio González Suárez.

 


“De mala conducta moral, dirigente comunista muy significado”, así era como a Garda Civil pontevedresa cualificaba a Rogelio. A comisaría de policía ofrecía máis detalles da súa actividade política e sindical: 

es de filiación comunista, estando afiliado a la sociedad de carpinteros con el número 52, adscrita a la UGT habiendo desempeñado el cargo de directivo en la Federación Obrera. Era elemento destacado y uno de los más exaltados en la parroquia de Salcedo, habiendo trabajado con gran intensidad para la consecución del triunfo del Frente Popular en las elecciones de febrero del pasado año. Durante los sucesos revolucionarios de julio último desplegó gran actividad por la causa marxista, viniendo a la ciudad el día 20 de dicho mes, armado, para aprestarse a la defensa del Gobierno Civil, motivo por el que el día 22 se le fué a detener, no pudiendo llevarse a cabo por haber huído. (Informe do 27-3-1937)

Rogelio González Suárez naceu o 5 de decembro de 1906 en Salcedo, fillo de Manuel e de Dolores, tiña por profesión a de carpinteiro. Militaba no partido comunista pertencendo á célula da Ruibal. Era un dos dirixentes máis significados do sindicalismo pontevedrés; presidiu a Sociedade de Carpinteiros, adscrita primeiro á CGTU (Confederación General de Trabajadores Unitaria) de obediencia comunista e, máis tarde, integrada na UGT tras o proceso de unidade sindical entre o sindicato comunista e o socialista. Ocupou tamén o cargo de vicepresidente na Federación Obreira pontevedresa (1936). Nesta última condición, presidiu o mitin do primeiro de maio dese ano, no que participaron Manuel García Filgueira, Julio Álvarez del Vayo e Margarita Nelken. Foi membro da comisión provincial pro estatuto galego e do comité local da F.P.

Durante os sucesos de outubro de 1934 puxérono a disposición do comandante militar por “coaccionar a los obreros para que secundaran la huelga revolucionaria”; ingresou no cárcere.

Nos días inmediatos ao golpe militar de xullo, tivo unha destacada participación na organización da oposición a aquel; segundo testemuñas, foi un dos encargados da distribución de escopetas no concello e na formación de grupos que requisaron armas na cidade e zonas próximas.

Tras a vitoria dos sublevados, desaparece e, ao igual que outros correlixionarios, permanece oculto en diversos lugares.

Segundo as súas declaracións, estando escondido no seu domicilio, decide marchar de Pontevera en novembro de 1945. Atopa traballo na Coruña, na empresa pontevedresa de construcións “Rodolfo Lamas” e utiliza o nome falso de Braulio Fernández Portela.

Probablemente, a súa marcha á cidade coruñesa obedecera a ordes do partido; por esas datas tamén se despraza á cidade herculina un vello coñecido de Rogelio, o destacado comunista Alejandro Gama. Había necesidade de reconstruír a organización comunista naquela provincia e botouse man de significados militantes para efectualo. Ademais, tanto Gama como Rogelio eran moi coñecidos en Pontevedra o que dificultaba calquera labor na zona.

Na cidade herculina entra en contacto con Gama e outros camaradas e constitúen o comité provincial. Gama ocupa o cargo de secretario de organización, Ramón Seoane o de secretario sindical e Rogelio González o de secretario político.

En xaneiro de 1947, tras unha serie de detencións e os consabidos interrogatorios, a Brigada Político-Social desarticula a organización comunista na provincia. No mes de febreiro  deteñen en Cádiz a Rogelio, que se desprazara a aquela cidade facía uns días fuxindo das actuacións policiais. Nos interrogatorios, Rogelio recoñece a súa actividade sindical anterior ao golpe pero nega a militancia política; aduce que as reunións celebradas na Coruña con Gama, Seoane e un responsable comunista (probablemente Manuel Blanco “Diego Romero”), estaban dirixidas a buscar unha solución á súa situación ilegal; nega que aceptara formar parte do comité.

Instrúese a causa 36/47 contra numerosas persoas inculpadas por “actividades políticas de tipo comunista”; no procedemento atopamos implicados outros pontevedreses: Antonio Vidal Vilas, tenente de alcalde socialista en Vigo e natural de Vilaboa, e o xoieiro Timoteo Blanco Abal. Tamén tiña relación con Pontevedra Benito Pedreira Rumbo pois o seu pai, o mestre Manuel Pedreira Pazos residira na cidade e fora “paseado” nela en setembro de 1936.

Celebrouse o xuízo o 30 de xullo de 1947; preside o tribunal o coronel de Enxeñeiros Juan Noreña Echevarría, actúa como vogal poñente o capitán auditor Eduardo Sanjurjo de Carricarte e de fiscal o xurídico militar Sergio Peñamaría de Llano. Foi defensor de Rogelio o capitán Benito Rivas Pichel.

O fiscal solicita a pena de morte para Rogelio. Condénano a 15 anos de prisión polo delito de rebelión militar. O 13 de xaneiro de 1949 ingresa no penal de El Dueso (Santoña) procedente da Prisión Central de Burgos. Concédenlle indultos parciais en 1950 e 1952. O 23 de xullo de 1952 obtén a liberdade condicional e así consta na orde do 21-7-1952; xunto a Rogelio, saen da Colonia Penitenciaria de El Dueso outros dous comunistas pontevedreses, presos alí por outra causa militar: Carlos Alfaya e Jesús Carrera.

Neste período sufre tamén outros procedemento: o Tribunal de Responsabilidades Políticas sanciónao, en rebeldía, cunha multa de 250 pesetas, 10 anos de desterro a máis de 150 quilómetros de Pontevedra e 10 anos de inhabilitación absoluta, como “elemento peligroso para el Nuevo Estado”.

Como estaba declarado en rebeldía na causa 720/37, ábreselle o procedemento 149/47 no que o fiscal pide 30 anos de prisión, conmutable a 20 anos e un día. Ofrécelle a Rogelio a posibilidade de que, no caso de que acepte a condena, aplicarlle os beneficios do decreto do 9-10-1945 co que quedaría indultado. Rogelio acepta a proposta. Neste procedemento, un informe da comisaría proporciónanos algúns datos sobre a súa personalidade: 

en contraposición con su ideología política, su conducta en el aspecto privado era buena. Se dedicaba a su trabajo de carpintero con la asuidad que le permitían sus actividades políticas, si bien nunca desatendió aquel del que vivió, sosteniendo también a su madre [...] No se le conocía vicio alguno.

 Engadía que non se tiña coñecemento de que participara en actos de violencia ou ameazas a adversarios políticos. (8-3-1947).

Rogelio González Suárez tivo pouco tempo para desfrutar da liberdade pois faleceu no ano 1955.

Fotografía: https://www.dogrisaovioleta.gal/wp-content/uploads/2018/12/A-Pontevedra-boa-e-xenerosa.pdf


jueves, 1 de mayo de 2014

Primeiro de maio de 1936.

Para os compañeiros da tertulia dos mércores.
        Hoxe, primeiro de maio, non está de máis lembrar os actos celebrados neste día en Pontevedra no ano 1936. A expectación era moi alta pois na cabeza de todos estaba o sucedido o ano anterior: o goberno de dereitas prohibira a utilización de bandeiras pero, cando a manifestación discorría pola rúa do arcebispo Malvar, ondeou unha bandeira vermella; nas inmediacións da praza de touros, ante a intervención da forza pública, produciuse a desbandada dos manifestantes. Foron detidas varias persoas. O mitin, no que interveu  “Pasionaria”, foi moi soado e falaremos del noutra ocasión.
    En 1936 non había prohibicións, pero na cidade espalláranse rumores de que algo grave ía pasar e de que dereitistas marcharan cara Portugal. O xornal El País facía alusión a este feito na primeira páxina:

 No se atemoricen las cotorronas ni tiemblen las lechuzas que en sus penumbras auguran para el 1º de Mayo motines y fieros males porque en las tiendas se ha agotado la percalina roja. La percalina roja será en las calles, con sus vivos matices, el símbolo de la alegría popular y de la esperanza de las multitudes que trabajan y esperan, no de los parásitos que viven a su costa. Habrá, pues, alegría y júbilo, y alborozo en medio de la paz. Los que tienen mucho que temer nada teman. ¡ Bastante castigo tienen con su estado cotidiano de sobresalto y excitación!
    No transcurso do acto, varios oradores farán fincapé nas súas intervencións sobre estes rumores e destacarán a ausencia de incidentes nos actos. O mesmo xornal, ao día seguinte, aproveita para seguir sobre o tema:
 Los “patriotas canallas” demostrando una vez más su gran amor a la patria, huyeron cobardemente al extranjero temerosos de que “algo” ocurriese. Ahora se darán cuenta de que el pueblo si no se le provoca, no se sale nunca de los cauces de la legalidad.
    Pola mañanciña, as bombas de palenque e as dianas interpretadas pola banda municipal de música despertaban á poboación. Pouco a pouco chegaban á praza do Muelle grupos de persoas pertencentes a organizacións agrarias, obreiras, xuventudes... que se concentraban nas inmediacións do Centro Obrero.  A manifestación toma a saída ás 10 e media; durante todo o traxecto soa a música da Internacional, interpretada pola banda e coreada polo Orfeón Obrero e polos asistentes. Detrás da presidencia desfilaban as milicias antifascistas uniformadas, compostas por xente moza de ambos sexos. O percorrido discorreu polas rúas da Ponte, Pi e Margall (actual rúa Real), Curros Enríquez, Ferrería, Peregrina, Oliva, Riestra, Palmeiras, Montero Ríos, praza do concello, Echegaray (hoxe rúa Alameda) e praza de touros. Ao pasar diante do Goberno Civil (actual Deputación) detívose a marcha e cantouse “La Commune” diante do gobernador e do comandante xefe da Guardia Civil que estaban no balcón. Pasadas as once chegou á praza de touros e deu comezo o mitin ao que asistiron, segundo a policía, unhas seis mil persoas.
    Fixo a presentación o vicepresidente da Federación Obrera, Rogelio González Suárez, [  na prensa era habitual invertirlle a orde dos apelidos], que falou sobre a significación do acto e insistiu na sensatez e cordura dos asistentes. Luis de Sáa, presidente das Xuventudes Unificadas, explica a importancia que tivo a unificación das xuventudes e invita a que se unan tamén as xuventudes campesiñas. Chama a superar o equívoco de considerar aos campesiños galegos como burgueses polo feito de posuír minúsculas propiedades e di que son tan obreiros como os das fábricas e talleres polo que deben agruparse nas organizacións obreiras e cooperar na unificación da clase traballadora.
      En representación da Federación Obrera toma a palabra José Acuña Gallego, que se centra no problema  do elevado paro e critica aos gobernos anteriores por non ter feito nada para arranxalo. Tampouco esquece a problemática agraria e gandeira así como a da pesca. Pide á xuventude que loite para implantar unha sociedade máis xusta e equitativa.
    Francisco Fernández Blanco, “Sacheiro”, ten unha intervención  moi dura: critica os novos impostos que agravan, aínda máis, a situación dos agricultores, ataca ao capitalismo e considera que a situación non está para facer xogos florais senón que hai que organizarse para dar a batalla final

 con los emblemas del trabajo que figuran en la bandera proletaria aplastaremos -agrega- y segaremos la cabeza del odioso capitalismo e implantaremos nuestro Gobierno obrero y campesino. (El País, 2-5-36).
 O informe da policía achega máis información sobre a intervención deste dirixente agrario  indicando que se doera de que o sistema actual facía posible a existencia de terras sen campesiños e de campesiños sen terra, e que había que ir dereitos á implantación do réxime comunista, único que daría xustiza ao obreiro da terra e que “llegará un día en que los martillos de los obreros machaquen las cabezas de los burgueses al unísono de la hoz campesina que irá segando estas.” (Informe da comisaría, 1-5-36. AIMN)
    O partido comunista ten a súa voz en Manuel García Filgueira que insiste no bo comportamento que tiveran os asistentes á manifestación; tamén fai alusións a que a clase obreira non ía facer este primeiro de maio a revolución pero que se fará ao seu debido tempo, que xa está en marcha e que o triunfo será inevitable. Serán só os obreiros  os que dean a batalla para derrubar o fascismo porque non teñen o apoio de ninguén máis; denuncia o trato desigual que se daba nas comisarías a fascistas e antifascistas e que, en outubro do 34,  “ en unos calabozos de apenas dos metros de cubicación se encerró a catorce hombres que se morían de asfixia.”
    Miguel Villalta, deputado do PSOE por Alicante, fai un chamamento á unidade sindical para impedir a implantación do fascismo e chama a implantar a ditadura do proletariado como paso intermedio para o réxime socialista e espera que o vindeiro ano “sea ya un hecho la consecución del verdadero significado de esta fiesta.”
    O acto remata pasada a unha da tarde e sen incidente algún, pola tarde houbo xira pola avenida de Buenos Aires e verbena.

       En moitas publicacións faise referencia a uns incidentes con falanxistas en Pontevedra, en realidade estes sucederon en Tabeirós  (A Estrada) nunha pelexa entre falanxistas e esquerdistas e na que os irmáns Castro Pena (falanxistas) foron detidos por ferir a un esquerdista. Estes feitos levaron á declaración de folga xeral naquela localidade.
    As peticións que se elevaron ao goberno foron as seguintes:
1º Recoñecemento polo goberno español do goberno da URSS.
2º Inmediato cumprimento do Pacto do Bloque Popular, e no que se refire a responsabilidades, pedimos o rápido encarceramento de todo o goberno Lerroux-Gil Robles.
3º Xornada de 44 horas semanais.
4º O mesmo salario para homes e mulleres que realicen igual traballo.
5º Creación ininterrompida de escolas e acceso da xuventude obreira ás aulas universitarias.
6º Dereitos políticos para os mozos de 18 anos, incluso os soldados.
7º Abolición dos foros, que sexan reintegradas aos campesiños as cantidades achegadas para a súa redención e que se rebaixen todos os impostos que gravitan sobre os campesiños pobres e medios.
8º Extensión do crédito agrícola.
9º Socorro polo Estado aos obreiros sen traballo.
10º Expropiación dos bens do clero e da igrexa, en beneficio dos obreiros e campesiños pobres.
11º Expulsión do exército e corpos armados de todos os xefes e oficiais monárquicos e fascistas.
12º Suspensión de toda a prensa monárquica e fascista, incautación das súas imprentas e encarceramento dos seus dirixentes.
13º Recoñecemento polo Estado das milicias obreiras e campesiñas.
14º Humanización do réxime de prisións.
    A sorte dos oradores que interviñeron no mitin foi mala: Miguel Villalta, fusilado en 1942 en Alicante; José Acuña  e Francisco Fernández foron “paseados”, Rogelio González, Luis de Sáa e Manuel García estiveron fuxidos e sufriron cárcere.

sábado, 8 de enero de 2011

Familias represaliadas: Os Gama (2)

Alejandro Gama Casalderrey e outros compañeiros permaneceron fuxidos polos montes de Lérez e proximidades, sendo axudados por veciños desa parroquia, que lles levaban comida e novas dos movementos da Guardia Cívica. Máis tarde, tanto el como Manolo Calvo, refúxianse noutros escondites habilitados na casa familiar nos que, en condicións precarias, resisten. No ano 1945, Alejandro preséntase ás autoridades e é condenado a 20 anos de prisión, condena conmutada a tres anos e máis tarde indultado.
A súa actividade política fora moi significada e así se encargou de lembralo Víctor Lis, no atestado instruído o 8 de setembro de 1936, a raíz da detención de Claudio Magdalena. Lis refírese a Gama deste xeito:
es un individuo peligroso, organizador y dirigente del grupo comunista de Lérez, donde se planeaba los asesinatos del declarante, del Doctor Marescot y otras personas de significación derechista [...] que también era elemento de acción y directivo organizador e impulsor del Socorro Rojo internacional, tomando parte activísima en todas las revueltas, huelgas y alteraciones de orden público; que tomó parte con el mismo carácter de dirigente en la resistencia armada contra el Ejército el día 20 de Julio y en los asaltos de acción ppular (sic), centro radical, falange y almacén del Señor Melero ocurridos en las últimas elecciones.

Como se ve, é un compendio das consabidas acusacións que se fan a todos os inculpados tras o golpe, neste caso aumentadas coas acusacións de Lis e os seus adláteres; estas imputacións serán completadas por Lis engadindo ao listado de supostos ameazados, a personaxes como Eduardo Rodríguez “Palomita”, Bernardo López e José Ramón Gómez, todos coñecidos integrantes da Guardia Cívica mandada por Lis.
O informe de conduta emitido pola Guardia Civil (4-1-37), tampouco se quedaba atrás:
De mala conducta y antecedentes, comunista significado y propagandista, matón.

Como xa dixemos, as condicións en que estiveron agochados Alejandro e Calvo foron malas e ocasionáronlles graves problemas de saúde; aínda así, Alejandro acepta o encargo do Partido Comunista para desprazarse a Coruña, no ano 46, e reorganizar a estrutura comunista na zona. Vai contar coa axuda , entre outros, de dous vellos coñecidos pontevedreses: Emilio Villar, mecánico, con militancia socialista en tempos da república, directivo das xuventudes unificadas, membro do comité do Socorro Rojo e compañeiro de Gama na directiva da Federación Cultural Deportiva Obrera de España; o outro era Rogelio González Suárez, de Salcedo, antigo dirixente do sindicato de carpinteiros e vicepresidente da Federación Obrera no 36.
En xaneiro de 1947, a policía detén a Alejandro Gama Casalderrey “El Viejo”, xunto con outros compañeiros, uns días antes dun partido de fútbol internacional en Riazor, para o que tiñan preparada unha acción de lanzamento de panfletos contra o réxime. Sucédese unha caída en cadea de militantes da organización.
Sofre torturas e cae polas escaleiras da comisaría na madrugada do 24, a versión oficial di que foi un intento de suicidio e outras fontes afirman que o tiraron. O parte da Casa de Socorro onde foi atendido, aprecia fortes contusións e derrames nos glúteos, muslos e pernas así como conmoción cerebral.
Xulgado na causa 36/47, o fiscal pide a pena de morte para Gama e outros acusados, sendo condenado a trinta anos de reclusión cumprindo máis de 13 anos na Prisión Central de Burgos. Cando acada a liberdade marcha para o estranxeiro.
Sobre a persecución e torturas padecidas por Alejandro e tamén sobre as circunstancias do asasinato de Faustino, podemos ler o lúcido testemuño, feito aos seus 102 anos (só un par de discordancias en datas), que Custodia Gama lle fixo a Aurora Marco, no libro: Ramiro Paz Carbajal. 1891-1936. Unha vida segada pola barbarie. Ed. Toxosoutos. Noia, 2003. pp 174-175. Luis Lamela, nun artigo titulado Aspectos desconocidos de la guerrila del Llano (Anuario Brigantino nº 26), ofrece información sobre as actividades coruñesas de Gama.
De acordo co decreto 108 da Junta de Defensa Nacional (BOE 16-9-36), son incautados os bens pertencentes a Faustino e Alejandro Gama e o dez de agosto de 1937, o xuíz de primeira instancia de Pontevedra, D. Serapio del Casero Menéndez, fai pública a execución de poxa durante oito días de
los efectos del comercio y demás enseres y existencias, del de ultramarinos que los ejecutados tenían establecido en la Plaza de San José 35 y Oliva 37, [...] La subasta se celebrará en la sala de audiencia de este Juzgado el día VEINTICUATRO DEL ACTUAL debiendo los que desen tomar parte en ella, depositar previamente sobre la mesa del Juzgado una cantidad igual por lo menos, al diez por ciento de la de DOCE MIL CIENTO SETENTA Y DOS PESETAS CON CINCUENTA Y OCHO CÉNTIMOS, a que asciende el total importe del valor de los bienes subastados...

A familia Gama quedaba sen o seu comercio de ultramarinos, un dos mellores de Pontevedra.