Alejandro Gama Casalderrey e outros compañeiros permaneceron fuxidos polos montes de Lérez e proximidades, sendo axudados por veciños desa parroquia, que lles levaban comida e novas dos movementos da Guardia Cívica. Máis tarde, tanto el como Manolo Calvo, refúxianse noutros escondites habilitados na casa familiar nos que, en condicións precarias, resisten. No ano 1945, Alejandro preséntase ás autoridades e é condenado a 20 anos de prisión, condena conmutada a tres anos e máis tarde indultado.
A súa actividade política fora moi significada e así se encargou de lembralo Víctor Lis, no atestado instruído o 8 de setembro de 1936, a raíz da detención de Claudio Magdalena. Lis refírese a Gama deste xeito:
es un individuo peligroso, organizador y dirigente del grupo comunista de Lérez, donde se planeaba los asesinatos del declarante, del Doctor Marescot y otras personas de significación derechista [...] que también era elemento de acción y directivo organizador e impulsor del Socorro Rojo internacional, tomando parte activísima en todas las revueltas, huelgas y alteraciones de orden público; que tomó parte con el mismo carácter de dirigente en la resistencia armada contra el Ejército el día 20 de Julio y en los asaltos de acción ppular (sic), centro radical, falange y almacén del Señor Melero ocurridos en las últimas elecciones.
Como se ve, é un compendio das consabidas acusacións que se fan a todos os inculpados tras o golpe, neste caso aumentadas coas acusacións de Lis e os seus adláteres; estas imputacións serán completadas por Lis engadindo ao listado de supostos ameazados, a personaxes como Eduardo Rodríguez “Palomita”, Bernardo López e José Ramón Gómez, todos coñecidos integrantes da Guardia Cívica mandada por Lis.
O informe de conduta emitido pola Guardia Civil (4-1-37), tampouco se quedaba atrás:
De mala conducta y antecedentes, comunista significado y propagandista, matón.
Como xa dixemos, as condicións en que estiveron agochados Alejandro e Calvo foron malas e ocasionáronlles graves problemas de saúde; aínda así, Alejandro acepta o encargo do Partido Comunista para desprazarse a Coruña, no ano 46, e reorganizar a estrutura comunista na zona. Vai contar coa axuda , entre outros, de dous vellos coñecidos pontevedreses: Emilio Villar, mecánico, con militancia socialista en tempos da república, directivo das xuventudes unificadas, membro do comité do Socorro Rojo e compañeiro de Gama na directiva da Federación Cultural Deportiva Obrera de España; o outro era Rogelio González Suárez, de Salcedo, antigo dirixente do sindicato de carpinteiros e vicepresidente da Federación Obrera no 36.
En xaneiro de 1947, a policía detén a Alejandro Gama Casalderrey “El Viejo”, xunto con outros compañeiros, uns días antes dun partido de fútbol internacional en Riazor, para o que tiñan preparada unha acción de lanzamento de panfletos contra o réxime. Sucédese unha caída en cadea de militantes da organización.
Sofre torturas e cae polas escaleiras da comisaría na madrugada do 24, a versión oficial di que foi un intento de suicidio e outras fontes afirman que o tiraron. O parte da Casa de Socorro onde foi atendido, aprecia fortes contusións e derrames nos glúteos, muslos e pernas así como conmoción cerebral.
Xulgado na causa 36/47, o fiscal pide a pena de morte para Gama e outros acusados, sendo condenado a trinta anos de reclusión cumprindo máis de 13 anos na Prisión Central de Burgos. Cando acada a liberdade marcha para o estranxeiro.
Sobre a persecución e torturas padecidas por Alejandro e tamén sobre as circunstancias do asasinato de Faustino, podemos ler o lúcido testemuño, feito aos seus 102 anos (só un par de discordancias en datas), que Custodia Gama lle fixo a Aurora Marco, no libro: Ramiro Paz Carbajal. 1891-1936. Unha vida segada pola barbarie. Ed. Toxosoutos. Noia, 2003. pp 174-175. Luis Lamela, nun artigo titulado Aspectos desconocidos de la guerrila del Llano (Anuario Brigantino nº 26), ofrece información sobre as actividades coruñesas de Gama.
De acordo co decreto 108 da Junta de Defensa Nacional (BOE 16-9-36), son incautados os bens pertencentes a Faustino e Alejandro Gama e o dez de agosto de 1937, o xuíz de primeira instancia de Pontevedra, D. Serapio del Casero Menéndez, fai pública a execución de poxa durante oito días de
los efectos del comercio y demás enseres y existencias, del de ultramarinos que los ejecutados tenían establecido en la Plaza de San José 35 y Oliva 37, [...] La subasta se celebrará en la sala de audiencia de este Juzgado el día VEINTICUATRO DEL ACTUAL debiendo los que desen tomar parte en ella, depositar previamente sobre la mesa del Juzgado una cantidad igual por lo menos, al diez por ciento de la de DOCE MIL CIENTO SETENTA Y DOS PESETAS CON CINCUENTA Y OCHO CÉNTIMOS, a que asciende el total importe del valor de los bienes subastados...
A familia Gama quedaba sen o seu comercio de ultramarinos, un dos mellores de Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario