Aquel ano de 1948,
o venres santo cadrou no 25 de marzo; ese día atopábase na reitoral
de Rivela (A Estrada) o cura, Casimiro Cubela García, o seu irmán
Victorino, a súa irmá Emérita, un sobriño e os veciños de
Codeseda e Tabeirós Francisco Bergueiro e José Durán. Contra a
tardiña chamaron á porta, o cura foi abrir e entraron tres
individuos que foron acompañados polo cura e os seus familiares ata
a cociña; Francisco e José subiron ao comedor polo que non puideron
saber o sucedido no interior. Os visitantes, aparentemente armados e
un deles levando o emblema da República, estiveron na casa sobre media hora,
comeron filloas, pan, queixo, viño e bacallau cocido, todo
proporcionado polo cura. Presentáranse como guerrilleiros e
preguntaron se había cuartel da Guardia Civil en Codeseda, tamén
preguntaron polo cura daquela parroquia encomendándolle a don
Casimiro que lle dixera que non lles tivera tanto medo; por último,
pedíronlle que lle comentase a un cuñado, garda civil en Forcarei,
que non os perseguira tanto pois eles non facían dano a ninguén.
Don Casimiro, en
declaración prestada diante dos gardas civís Olegario Cuesta e
Alfonso González Leiro, manifestou que os trataran correctamente e
non lle pediran cartos. Cando marcharon os guerrilleiros da reitoral,
o cura pediulles a Francisco e José ( “camisa vella” da Falange
e adicto ao Réxime) que non dixeran nada do sucedido.
Non sería a única
vez que os guerrilleiros visitasen a reitoral de Rivela: o 7 de
abril, pola mañá cedo, volveu a presentarse un grupo de cinco
homes; tomaron un pouco de leite e descansaron nunha corte, á
tardiña cearon patacas con carne e caldo, pan e viño e marcharon
cara a ponte que cruza o Umia.
Pouco a pouco
estendeuse o rumor de que na casa do cura estiveran bastante tempo e
cearan cinco “bandoleiros” capitaneados por “Foucellas”. A
Guardia Civil da Estrada instrúe atestado o 16 de xuño de 1948 e
comeza o interrogatorio das testemuñas. Envíaselle o atestado
instruído ao capitán xeral que, o 10 de agosto, ordénalle ao
gobernador militar de Pontevedra que comunique ao comandante xuíz
militar a apertura de causa contra o párroco de Rivela e
acompañantes por “protección y auxilio a bandoleros”, tamén
informa da notificación ao vicario para que sinalase a casa
relixiosa na que o cura sufriría prisión preventiva.
Manuel Montero
Galvache, xefe do Sector Interprovincial de persecución e represión
de “bandoleros” de Lalín, instrutor do atestado, considera
demostrado que o cura de Rivela
ocultó, albergó, facilitó medios de existencia con comidas y otros artículos a los bandoleros pertenecientes a la partida del “FOUCELLAS” facilitándole todos los medios de existencia como berdadero (sic) bandolero del llano.
Casimiro Cubela queda detido na propia freguesía a disposición do
gobernador militar. Victorino Cubela, Francisco Bergueiro e José Durán
Maceira tamén son encausados e ingresan no cárcere de Pontevedra.
As xustificacións
dadas polo cura para non denunciar o sucedido foron: ter dúbidas
sobre se eran verdadeiros guerrilleiros ou delincuentes comúns, o
medo a posibles represalias, ignorar a responsabilidade contraída
por non denunciar e o decaemento de ánimo que tiña.
Casimiro Cubela,
natural de san Xurxo de Sacos, 43 anos, ingresa como detido no
convento de Poio o 4 de setembro. O día 10 de ese mes escribe unha
instancia na que solicita a liberdade provisional
en atención a los muchos años que llevo de Párroco sin ser sometido a causa alguna, por tener a mi único cargo tres parroquias que sufren las consecuencias de mi ausencia, por mi estado de ánimo abatido que ha sufrido mucho esta temporada, y otras causas de carácter espiritual y material que a Vª Eª no se le ocultan.
O auditor xurídico,
Hernán de Martín – Barbadillo, informa contrariamente a conceder
o solicitado e propón ditar auto de procesamento contra o cura e
sobresemento para os demais procesados. A proposta é aceptada polo
capitán xeral. O defensor coincide co fiscal e acepta o solicitado
por aquel. A causa fallouse directamente pola autoridade militar
facendo uso do artigo 737 do código de xustiza militar: por “prestar
auxilio a los componentes de partidas armadas dedicadas al bandidaje”
condénase a Casimiro Cubela a seis meses e un día de desterro a
unha distancia non inferior a 25 quilómetros da súa residencia
habitual na que tiveron lugar os feitos.
Casimiro Cubela sae do
convento de Poio o 24 de outubro e pasa a residir en san Xurxo de
Sacos quedando extinguida a pena o 19 de xaneiro de 1949, xa que lle
fora aboado o tempo pasado en prisión preventiva.
Ata aquí esta breve
achega sobre un aspecto non publicitado da vida deste crego humanista
e tolerante, á espera de que algún dos excelentes historiadores
cotobadeses ou estradenses escriba a súa biografía.
Foto: Claustro do convento de Poio.
Documentación: AIMN.