lunes, 27 de octubre de 2014

Dionisio González, garda urbano de Pontevedra.


O catorce de outubro de 1936, no alto da Caeira, ás sete da mañá, unha sección de gardas de asalto fusilaba a seis persoas: Joaquín Blanco Vázquez, barbeiro, de 45 anos e Serafín López Otero, ebanista, de 34 anos, os dous veciños de Caldas de Reis; José Vidal Puga, zapateiro, 45 anos, Manuel Puente Porto, labrador, 33 anos, José Rico Gaiteiro, peón, 33 anos, veciños de A Estrada e Dionisio González Pérez, 52 anos, garda municipal de Pontevedra. Deste último falaremos hoxe nestas páxinas.
Dionisio era natural de Tui, ocupaba o cargo de subcabo de municipais e xa tiña antecedentes pois fora detido en outubro de 1934, acusado de coaccionar ás leiteiras e outras mulleres que viñan con alimentos á cidade e non secundaban a folga; fora posto en liberdade o primeiro de novembro.
Ao triunfar o golpe militar do 36 foi detido e instrúese a causa 978/36 na que aparece como acusado. Actúa de instrutor o comandante Fernández de los Ríos que lle atribúe os cargos de ter requisado e distribuído armas, capitanear grupos armados e tratar de deter a dous oficiais do polígono de tiro Janer de Marín así como de requisar un automóbil militar. O consello de guerra celebrouse o sete de outubro de 1936 e estivo presidido polo tenente coronel do rexemento de artillería Durán Salgado. No xuízo precísanse máis as acusacións e o fiscal considérao axente de enlace do “alcalde comunista de la capital”, que se distinguía como extremista; os informes cualifícano como
  individuo militante y de acción, revolucionario comunista afiliado también al partido socialista, destacado siempre por su intervención en cuantos actos de tendencia revolucionaria tuvieron lugar en esta capital.
 En canto á intención  de deter aos oficiais da Marina que, na noite do 19 de xullo, viñan a animar aos militares acuartelados  a que deran o golpe,  o intento de Dionisio e o grupo que o acompañaba para detelos foi frustrado pola saída das tropas da garda do cuartel. Outra acusación era a de pertencer á “Checa” (utilizamos a nomenclatura dos golpistas) do goberno civil, que era como cualificaban ao grupo máis activo que alí actuaba. Ademais era un dos “elementos agitadores de las masas congregadas en Pontevedra para hacer frente al Ejército.”
O seu defensor foi o capitán Leonardo Enríquez que tratou de xustificar ao seu defendido baseándose no deber que tiña de obedecer as ordes do alcalde, polo que pide a absolución ou unha suavización da pena. Condénano a morte por un delito de rebelión militar.
Ás catro da madrugada do día de execución entraron en capela, foron acompañados polos seus defensores, os xuíces e dous cregos: o franciscano padre Luis (Luis Mª Fernández Espinosa) e o carlista, capelán das monxas clarisas de santa Clara e que, posteriormente, sería capelán do penal de Figueirido, Marcelino Torres Villar (o coñecido “Miss Clero”). Dionisio e dous reos máis rexeitaron os auxilios espirituais. Os cadáveres foron levados ao cemiterio de san Amaro.
Nestas datas nas que todos os representantes municipais pontevedreses acordaron homenaxear aos políticos e funcionarios municipais represaliados, non está de máis que fagamos un recordatorio de Dionisio González.
En entradas anteriores xa nos temos referido a outros concelleiros e funcionarios represaliados.

lunes, 6 de octubre de 2014

Franco, o condutor da nova España


Así titulaba en primeira páxina e a cinco columnas o Diario de Pontevedra do 30 de setembro de 1936, referíndose ao nomeamento do xeneral Franco como máxima autoridade dos sublevados. O 21 de setembro, nunha finca do gandeiro salmantino de touros bravos  Pérez Tabernero, reúnese a Junta de Defensa que, ata aquela data, gobernaba o territorio baixo control golpista. Agás o seu presidente, o masón e republicano xeneral Cabanellas, os demais compoñentes deciden nomear un mando único. O día 28, inmediatamente despois da toma do Alcázar de Toledo, aceptan o mando supremo do xeneral Franco, que pasa a ser xeneralísimo das forzas de terra, mar e aire e “xefe do Goberno do Estado”; esta denominación sofre unha controvertida modificación pola que se convirte en “xefe do Estado” sen limitacións temporais o que era unha xefatura de goberno de carácter provisional. Das intrigas que se sucederon en torno ao nomeamento hai moito publicado, só lembrar as proféticas palabras de Cabanellas, lembradas polo xeneral Kindelán (que non tardaría en arrepentirse de ter proposto a Franco): 
Ustedes no saben lo que han hecho porque no lo conocen como yo, que lo tuve a mis órdenes en el Ejército de África como jefe de una de las unidades de la columna a mi mando, y si, como quieren, va a dársele en estos momentos España, va a creerse que es suya y no dejará que nadie lo sustituya en la guerra ni después de ella, hasta su muerte.
Franco pronuncia unha alocución diante dos compoñentes da Junta de Defensa: 
Podéis estar orgullosos de vuestra obra. Me entregáis en estos momentos una España. Recibísteis nada más que pedazos de España. Os alzasteis en distintas regiones desplegando la verdadera bandera de España, la bandera de España encarnada en las tradiciones y en el espíritu del pueblo. La bandera de España, el símbolo de una raza que no quiere morir, que entrañaba la civilización en trance de desaparecer por las hordas rojas de Moscú. [...] Ponéis en mi mano a España. Mi mano será firme, mi pulso no temblará y yo procuraré lanzar a España al puesto que le corresponde, conforme su historia y al que ocupó en épocas pretéritas.
En Pontevedra o 30 de setembro foi declarado inhábil, o comercio pechou as portas en sinal de xúbilo e moitas casas apareceron adornadas con bandeiras. As autoridades cursaron telegramas de felicitación; a título de exemplo, copiamos o enviado polo gobernador militar Leoncio Aspe
 Me permito elevar a VE en nombre de esta provincia y en particular de las fuerzas armadas la felicitación más entusiasta e inquebrantable adhesión por su elevación a la primera Magistratura de España, que no dudamos he de hacer una, grande y gloriosa. Viva España.
Coa presencia do gobernador militar Leoncio Aspe, o civil, Ricardo Macarrón, tenente coronel Durán Salgado, presidente da Audiencia Ildefonso Baquero, comandante da Guardia Civil Joaquín Velarde e outras autoridades así como  dunha batería do 15 Rexemento lixeiro de Artillería, o alférez Ferreirós dá lectura ao bando co nomeamento mentres se disparan 21 canonazos.
Pero nestes días de fins de setembro e comezos de outubro tamén houbo novas interesantes: o bispo Pla y Deniel asina a pastoral “Las dos ciudades” na que, por primeira vez, denominábase cruzada ao golpe militar. O Papa autorizaba o uso de vasos e copas de cristal “de presentación decente” naqueles templos onde “la barbarie roja ha realizado profanaciones que privaron a dichos sagrados recintos de estos elementos indispensables para la misa y comunión.” 
 A toma de Toledo é motivo para a celebración de manifestacións, oficiais ou “espontáneas”; a máis soada foi a celebrada na noite do 27, con banda de música, cívicos, requetés, disparo de bombas de palenque, etc. Logo do consabido discurso diante do cuartel de san Fernando recorren o barrio da Moureira e disólvense diante do cuartel de Falange á unha da madrugada.
Os xornais dan conta da morte do garda de asalto, destinado en Pontevedra, José Jartín de Castro, que morrera na fronte de Asturias; hai que facer notar que en varias publicacións aparece erroneamente como fusilado polos sublevados.
Pero unha morte que conmociona a Pontevedra é a do funcionario do servizo de repoboación forestal da Deputación José Álvarez Limeses. Xornalista que utiliza o seudónimo de Zaavrel e tesoureiro da asociación da prensa. Membro dunha coñecida familia pontevedresa con varios membros cruelmente represaliados (fusilamentos de Bóveda e Darío Álvarez, persecución e depuración doutros membros...), de José podemos dicir que morreu de pena o 29 de setembro. Varios xornais publican unha nota idéntica, o que indica a súa inserción obrigada, da que reproducimos un parágrafo: 
 Todo cuanto se diga de la bondad, simpatía y afabilidad del finado sería poco, ya que puede asegurarse atesoraba en sí todas las virtudes cristianas y todas las condiciones que pueden exigirse en la vida social a una persona.
 O escritor Prudencio Taboada Tabanera escribe unha sentida nota necrolóxica no xornal Progreso: 
Nada hay tan emocionante al borde de la muerte como la saudosa evocación de la vida; pero el viajero que rindió ahora su camino ha trazado su vida en silencios magníficos, ha realizado su labor brillante, maestra, con humildad implacable [...] Su gran modestia es la que más nos obliga a reconocer y publicar sus virtudes.

Nos xornais repítese unha consigna: Saluda al estilo romano. Con el brazo extendido hacia adelante y la mano abierta. Somos latinos y este es el saludo de nuestra raza.