viernes, 26 de julio de 2013

Prisión Central de Figueirido

Para Benigno Rey Sarmiento, que sabe moitas historias de presos de Figueirido.

A principios da década dos 80 coincidín, no tren de Madrid a Pontevedra, cunha parella de idade; eles vivían na Arxentina e viñan visitar a uns familiares coido lembrar que a Vilagarcía. Como é habitual viñemos falando de todo un pouco pero cando nos achegabamos a Pontevedra e pasamos  por Figueirido, a conversación cambiou por completo. O señor empezou a falar de que estivera alí preso,  logo do golpe militar, contaba da fame pasada e do ben que se portara a xente dos arredores levándolles comida (que tampouco abondaba nas súas casas), a falta de auga nos meses de verán, dos asturianos que alí chegaran en grupos, logo de ser xulgados no campo de concentración de Camposancos... A muller ata entoou parte dunha canción da que apenas se lembraba: “pobre pajarillo/ de pecho amarillo/ que lo llevan preso, mi vida/ para Figueirido.”  Os poucos minutos que faltaban para chegar á estación pontevedresa non deron para máis.
    Pouco se ten falado da Prisión Central de Figueirido e non é este o lugar  para facelo con profundidade, ás veces aparece algunha nova documentación pero moi pouca.
    Hoxe lembraremos aquí a un dos seus involuntarios hóspedes: o filólogo Aníbal Otero Álvarez. Cando o golpe militar, Aníbal andaba por terras portuguesas facendo traballos de campo na recollida de materiais  para o Atlas Lingüístico da Península Ibérica.  A policía portuguesa deteno por “supuesto confidente, en aquella República, del Frente Popular Español”e, segundo din algúns, por  sospeitar que as anotacións en alfabeto fonético que posuía eran unha clave secreta de espionaxe. Foi entregado ás autoridades militares golpistas de Tui. Consultando documentación da causa militar 809/36 que contra el se instruíu, despréndese que  Aníbal Otero era un home comprometido coa causa da República e a utilización das acusacións  contra el de varias persoas españolas, que pasaban as vacacións ou  residían por outros motivos, no norte de Portugal e coincidiron con el no Hotel Rio Minho de Valença.
    Nun dos resultados da sentenza afírmase que contra acción do exército encamiñada a "rescatar a España del del mando de los gobiernos del Frente Popular, que pretendían desmembrarla” opuxera resistencia un conglomerado de membros e simpatizantes do Frente Popular 
los que al alzarse en armas contra España, hicieron patente una revolución con el fin de implantar la dictadura del proletariado al servicio de Rusia.
    Afirman que Aníbal Otero, pensionado en Portugal pola Junta de Ampliación de Estudios, ademais de manter estreita relación co embaixador español en Lisboa, trasladouse a Valença do Minho enviando novas do “movimiento Nacional” e declarándose fervente defensor da causa marxista. Tamén   manifestara a súa afiliación comunista e expresara os seus desexos de cruzar a fronteira “uniéndose a los comunistas y con ellos luchar con las armas contra la verdadera España."
Condénase ao acusado a reclusión perpetua  por un delito de rebelión militar, coas accesorias de interdición civil e inhabilitación absoluta perpetua, ademais das correspondentes responsabilidades civís.
    Estivo  na colonia penitenciaria  de san Simón, logo da súa detención efectuada o 19 de agosto de 1936. Sabemos da súa relación coa prisión de Figueirido, ademais de por fontes orais, por unha dilixencia (7-4-1941) de  notificación de conmutación  da pena  pola de seis anos e un día. Tanto en san Simón como en Figueirido participou nas actividades de formación organizadas polos propios presos: alfabetización, aprendizaxe de idiomas, matemáticas, etc e, como nos conta Dionisio Pereira, tamén aproveitou para recoller notas sobre o vocabulario dos canteiros.
    Con data de 23 de maio de 1941, a dirección da prisión de Figueirido comunica o pase a liberdade condicional de Aníbal Otero, que fixou a residencia en Ribeira de Piquín. (Unha interesante biografía sobre Otero: Alonso Montero, Xesús. Aníbal Otero. Lingüística e política na Guerra Civil e no franquismo. Xerais, Vigo 2011.)
    A que fora prisión central de Figueirido está na actualidade comprendida no recinto da BRILAT e a etapa na que actuou como instalación carceraria segue a ser unha zona de sombra nos anos do medo.