En diversos xornais insístese na
necesidade da moderación nas sancións e de evitar inxustas
acusacións, vinganzas e delacións anónimas, así o xornal
estradense El Emigrado (16-10-34),
En estas horas abrumadoras, somos todos los españoles partícipes obligados a compartir las amarguras de la Patria, y somos todos, también obligados, a laborar por la restauración de una paz moral y material que una los espíritus en hermandad Nacional, por la reconstrucción de cuanto, en unas horas de obsesión, nos hayan hecho destruir [...]y esperamos del patriotismo de los hombres que se hallan al frente de los destinos de la Patria la suficiente serenidad y acendrado patriotismo, para que entre hijos de una misma patria se reinstaure el imperio de la conciencia, usando del escalpelo de la justicia con mesura y tino.
Continúa o goteo de postas en
liberdade de presos, alternados con consellos de guerra. O doce de
decembro son liberados os destacados dirixentes da federación
obreira Manuel García Filgueira (presidente), José Oliveira
(vicepresidente) e Andrés Rey (bibliotecario). Son trasladados ao
penal de El Dueso varios veciños de A Estrada (Manuel Coto Chan,
Higinio Carracedo e Manuel Vázquez Otero) que estaban presos na
capital e foran condenados á pena dun ano 4 meses e un día por
participar nos sucesos revolucionarios. Ábrese de novo o prazo para
solicitar licencias de caza.
O 18, presididos polo coronel de
artillería Mario Sánchez, celébranse consellos de guerra contra
Jesús Diéguez Noguerol por tenencia ilícita de armas, Segundo
Lorenzo García por intento de agresión a man armada e Carlos Pérez
Cameselle, axente de arbitrios de Vigo, por rebelión. Ao día
seguinte son liberados os veciños de Domaio José Palmás Pastoriza,
Josefa González Crespo, Benito Calvar Calvar e Manuela Ríos que
estaban no cárcere acusados de coaccións. O día 29 son detidos en
Salcedo, por repartir follas subversivas, Gerardo Martínez
Villanueva, José Gómez Pereira e Enrique Cochón.
O 5 de febreiro celebrouse consello
de guerra contra Valeriano Riobó acusado de intervir no pasado
movemento revolucionario e cunha petición fiscal de dez anos de
cárcere, foi defendido por José Adrio Barreiro que logrou a
absolución do inculpado. Días despois deteñen en Marín aos
militantes comunistas Daniel Gómez Martí e José García Busto como
presuntos autores de rótulos subversivos. O 24 de dito mes refórzase
a garda do cárcere debido aos rumores dunha evasión de presos
políticos.
Pouco a pouco recóbrase a normalidade
e o 7 de marzo levántase o estado de alarma, substituído polo de
prevención e o 29 remata a clausura das sociedades pero con
advertencia da necesidade de que cumpran a legalidade. Aínda así,
non se autorizan os actos obreiros do 1º de maio e detense a Antonio
Prieto Roque, de Campolongo, que estaba reclamado polo xulgado
militar por teren topado no seu domicilio armas e munición en
abundancia. En maio deteñen a José Iglesias Rey, canteiro de 23
anos, a quen o capitán da Guardia de Asalto atopoulle unha folla
clandestina e a Benigno Vidal Couto, labrador de 18 anos, ambos de
Bora; a José Fernández, metalúrxico, José Cortegoso Solla,
Eladino Castro Torres, os tres de Mourente, por coaccións a obreiros
que ían traballar e tamén a 4 persoas mais como medida preventiva.
Volvamos a finais de 1934. Os
incidentes entre militantes de esquerda e dereita aumentan e
sucédense continuos enfrontamentos e denuncias. O 30 de outubro pola
noite, o militante fascista José Outerelo Carril foi mallado a paus
en Salcedo “por un grupo de salvajes que campea en aquella
parroquia”
A prensa de esquerda denuncia as
tropelías de mozos fascistas como o asalto e roubo da imprenta do
xornal socialista La Hora mentres o seu dono, Ramiro Paz, estaba no
cárcere, asalto que quedou impune a pesar de que o rumor público
sinalou inmediatamente aos seus autores; días despois asaltaron o
quiosco dos mesmos donos na praza da República.
Además, estos elementos, descaradamente no solo no niegan nada, sino que dicen estar dispuestos a acabar por todos los medios no solo con las organizaciones de izquierda, cosa ya de por si condenable sino también con lo que es mucho más grave con el Estado republicano que la Autoridad tiene el deber de guardar. (El País 20-12-34.)
Un grupo de mozos galeguistas
repartiu unhas follas nas que lembraban o aniversario da morte de
Pardo de Cela e que remataban coa frase “Viva Galicia Ceibe” e
acabaron detidos tres deles e rexistrado e clausurado o centro
galeguista; a actuación policial contrastaba coa inhibición cara
elementos fascistas como “el mismo joven a quien se acusa como
autor principal” das tropelías citadas anteriormente. O militante
falanxista Vicente Couceiro Amor, que denunciou aos galeguistas polos
pasquíns, volveu a presentar denuncia contra o galeguista José Luis
Fontenla Méndez acusándoo de que lle pegara e insultara na Ferrería
con motivo da denuncia citada. Os galeguistas detidos foron postos en
liberdade o 27 de decembro. Hai multitude de denuncias por agresións:
Benito Lago Currás denuncia ao fascista José Torres e outros por
maltratalo e lesionalo na rúa Xan Guillermo. Na madrugada do día de
Nadal, o veciño de Salcedo Gerardo Bao Rúa foi agredido cunha
navalla que lle causou unha ferida no peito, polo veciño de Mourente
Constantino Rozados. No baile do Pino, na carreteira de Vigo,
(3-1-35) un grupo de individuos agrediron e lesionaron a un tal José
Piñeiro co pretexto das súas ideas políticas; foi detido o veciño
de Salcedo Celestino García. Tamén houbo denuncias contra dous
mozos de Salcedo por arrebatarlle a un vendedor varios exemplares do
voceiro dereitista J.A.P. e rompelos.
As consecuencias dos sucesos de
outubro foron de diversa orde. A represión foi moi dura, o número
de detidos e despedidos alto, moitos centros obreiros foron
clausurados, concelleiros e outros cargos destituídos, etc. A
esquerda adoptou como obxectivo a consecución da amnistía para os
encarcerados e a reposición nos seus postos de traballo dos
despedidos.
Foi premonitorio o xornal El País
(11-10-34):
Dos distintas maneras de ver la esencia de la República y sus fines han conducido a ellos. Y, cualquiera que sea el resultado de esta gesta trágica, en la vida de España queda trazado un hondo surco que ha de influír sobremanera en el futuro.
E así foi, co golpe militar do 36, o
ter antecedentes de participación nalgún incidente ou ser detido no
34 constituíu un agravante a ter moi en conta nos xuízos ou para
ser obxecto dos “paseos”; como exemplo, dos citados ao longo
destas entradas referidas aos sucesos de outubro, foron asasinados
(en diversas modalidades): Augusto A. González, Manuel Amoedo, José
Gallego, Víctor Moldes, Antonio Blanco, Alexandre Bóveda, Cristóbal
Peñín, Juan M. Gómez, Dionisio González, Andrés Rey, José
García Busto, Ramiro Paz, Gerardo Bao, entre outros.