lunes, 20 de febrero de 2012

Mourente (1)

As parroquias dos arredores de Pontevedra foron o berce de numerosas iniciativas de carácter agrario, sindical e político dende finais do século XIX. Destacaron pola súa actividade as de Lérez, Salcedo e Mourente. De esta última trataremos nesta entrada. Viña de lonxe a actividade política sobranceira de personaxes nacidos en Mourente e con residencia fóra da parroquia: José Araújo Pérez, canteiro, un dos primeiros dirixentes da UGT viguesa, líder indiscutible da sociedade de canteiros daquela cidade, morreu en Vigo no ano 1929 aos 59 anos; Enrique Heraclio Botana, compañeiro do anterior nas lides sindicais e tamén pioneiro do socialismo nos tempos de Pablo Iglesias, elixido deputado en 1931, detido o 24 de xullo de 1936 e fusilado o 27 de agosto, Botana era irmán (fóra do matrimonio e non recoñecido) por parte de pai doutro importante político nativo de Mourente: Manuel Portela Valladares, político centrista, propietario do xornal El Pueblo Gallego, destacado membro da masonería e presidente do goberno en tempos da 2ª República. A Portela referíase o semanario La Causa, órgano da Federación Agrícola de Pontevedra e “defensor de los trabajadores del campo y del obrero en general”:
nuestro ilustre paisano Portela Valladares, el hijo del pueblo elevado por su talento cuyo corazón late al unísono de nuestras ansias, de nuestras amarguras, de nuestras miserias.

Nas loitas agrarias do primeiro terzo do século XX participan fillos de Mourente como o serrador Ramón Meis, o destacado dirixente obreiro Manuel García Filgueira e Bernardino Fondevila, este último, logo do golpe militar do 36 pasaríase ao bando falanxista ocupando cargos no novo réxime.
As organizacións xuvenís Juventud Agrícola e Sociedad Recreo de la Juventud organizaban numerosas conferencias sobre temas diversos: medicina, agricultura, política, etc, nas que participan coñecidos pontevedreses como o doutor Filgueira Martínez, o mestre e futuro gobernador de Ourense Gonzalo Martín March, o inspector de ensino Gerardo Álvarez Limeses, o avogado e xornalista Joaquín Poza Juncal ou o catedrático Bibiano Fernández-Osorio Tafall que se felicita que por medio destes actos se puxeran en contacto os traballadores do campo e os obreiros da intelixencia. Non se descoidaba o eido musical e a “Juventud” contaba cunha rondalla denominada “Lira”. O escritor Ramón de Valenzuela, presidente da Federación de Juventudes Recreativas de Pontevedra, dirixía o grupo de teatro que obtivo soados éxitos con obras como O Fidalgo de Xesús de San Luis. O local no que se celebraban estas actividades, a sociedade de agricultores, sería incendiado sobre as catro da madrugada do dez de agosto de 1936.
Na campaña electoral de febreiro do 36 participan en numerosos mitins Aurelio Torres e Ramón Meis e o celebrado en Mourente foi presentado polo mestre, membro de Izquierda Republicana, Isolino Martínez Pérez; este mestre sería sancionado polo novo réxime ao igual que a mestra María Alonso Pérez.
Veciños de Mourente ocuparon cargos relevantes no sindicalismo pontevedrés: o xa citado García Filgueira, líder indiscutible dos comunistas pontevedreses, presidente da Federación Obrera e último alcalde republicano de Pontevedra. Logo do golpe militar permaneceu escondido e entregouse ás autoridades no mes de xullo de 1949. José Oliveira Posada, carpinteiro, vicepresidente da Federación Obrera, detido en numerosas ocasións acusado de coaccións a obreiros con motivo de folgas e boicots; detido polos sublevados, a intervención dunha influínte familia pontevedresa evitou o consabido “paseo”; o seu fillo Alfredo foi “pasado polas armas” o seis de outubro de 1936 en Ferrol.
A familia dos “Marións” contou con varios membros que destacaron tanto no eido sindical como no político: Manuel, Joaquín e Ramón Martínez Vázquez. A Joaquín un informe da Guardia Civil considérao: De mala conducta y antecedentes, comunista y de extrema izquierda, andou fuxido. Ramón ocupou os cargos de secretario e contador do sindicato de albaneis, detido no seu domicilio de Cons foi xulgado en consello de guerra celebrado o 16 de marzo de 1938 e condenado a cadea perpetua que foi conmutada posteriormente e posto en liberdade en 1940. O máis significado da familia foi Manuel, de profesión albanel, participou activamente en canto conflito obreiro houbo en Pontevedra nos anos trinta, detivérono en varias ocasións por coaccións, en 1933 foi denunciado por inxurias e calumnias á autoridade e, con motivo dos sucesos de outubro de 1934, foi posto a disposición do comandante militar acusado de coaccionar aos obreiros para que se apuntasen á folga revolucionaria, así como ás persoas que traían á cidade artigos de primeira necesidade; o primeiro de maio de 1935 detéñeno por resistencia aos axentes da autoridade. Membro destacado do Partido Comunista, formou parte do comité provincial pro estatuto e pertenceu ao comité do Frente Popular. Os informes policiais considerábano gran propagandista dos ideais comunistas entre a clase traballadora e afirmaban que “concurría uniformado y con corbata roja a todas las manifestaciones que se celebraban con carácter marxista”. Participou activamente na organización da defensa contra o golpe militar permanecendo no goberno civil como integrante do comité de defensa da república. Logo da saída das tropas estivo agochado e foi encausado en rebeldía en dúas causas: na 1229/36 como presunto autor dun delito de rebelión por supoñérselle participante nun intento de secuestro de familiares de militares, e no quinto rollo da causa 720/37 , tamén por rebelión. A Comisaría emitiu un informe o 22 de marzo de 1937 no que afirmaba: “es persona de filiación comunista, siendo considerado como de gran peligrosidad, fue directivo de la Casa del Pueblo y perteneció al Comité del Frente Popular.” O vintenove de xaneiro de 1948 presentouse voluntariamente ás autoridades, foi xulgado e condenado a doce anos e un día de cárcere, esta pena foi conmutada por cinco anos de prisión.

viernes, 10 de febrero de 2012

Setenta e oito anos despois.


O día 11 deste mes de febreiro de 2012 inaugúrase a casa de cultura de Lérez no solar ocupado polo edificio de Juventud Lerezana. A teimuda loita veciñal pola recuperación da propiedade plena deste ben arrebatado polo franquismo acadou o éxito que se merecía. Esta entrada conta a historia da “Juventud” en lembranza dos fundadores da entidade, por desgraza ningún deles chegou a vivir para gozar deste momento.

Lérez dende finais do século XIX coa fundación da sociedade de agricultores, a primeira agraria de Galicia, era unha parroquia cun forte dinamismo asociativo: Unión Agrícola, Caixa Rural, Juventud Libre (1922-24), Unión Lerezana Recreo (1923), Recreativa de la Juventud “Plus Ultra” (1923), Recreo artístico de Lérez (1909 e 1924), Recreo de Artesanos de Lérez, as mutuas gandeiras, a Solidaria, etc. Ese dinamismo leva tamén á publicación de xornais como “La Glosopeda” (Semanario de intereses generales y defensor de las clases obreras y agrícolas) e a revista Vida Agraria (1928).

Juventud Lerezana foi fundada o 2 de maio de 1929 pero será a partir da proclamación da II República o 14 de abril de 1931, cando as súas actividades acaden maior repercusión. Nestes momentos, nas parroquias da comarca pontevedresa créanse numerosas entidades co apelativo de “Juventudes” que se organizan nunha Federación de Juventudes Culturales Recreativas de Pontevedra. Parroquias como Mourente, Campañó, Bora, Marcón, Poio Grande e Poio Pequeno, Salcedo e Lérez teñen as súas respectivas “Juventudes” e foi precisamente no local de Juventud Lerezana, onde a finais de marzo de 1935, tivo lugar o primeiro congreso ordinario desta federación. No mesmo, os representantes das distintas entidades debateron sobre temas de interese para as mesmas. O congreso rematou cun baile de gala ofrecido en honor dos congresistas.

O lerezán Arturo Sánchez será elixido o 13 de xaneiro de 1934 para o cargo de Presidente da Federación e Manuel Arribas como vocal da mesma. Pero a entidade lerezá tamén participa en organismos a nivel estatal nomeando a asemblea xeral do 7 de marzo de 1933 a Manuel Dios, Bernardo Rey e Manuel Cochón para asistir ao Comité Nacional Juvenil.

O 22 de xuño de 1936, Ramón de Valenzuela (con posterioridade coñecido escritor e político) que desempeñaba naquel momento o cargo de presidente da federación de xuventudes, publica un artigo no xornal pontevedrés El País co título de “Una obra en marcha” que é altamente significativo do sentir das “juventudes” ademais de ofrecernos todo o programa de actividades realizadas e en proxecto. Cóntanos que os mozos e mozas dos arredores de Pontevedra reaccionan de seu e, sen subvencións do Estado, tentan superarse a través dunha serie de actividades xa realizadas e que Valenzuela relaciona: inversión de máis de 1000 pesetas en libros, excursións, socorro a compañeiros en dificultades, representación de dúas obras de teatro, series de conferencias en diferentes localidades, etc.

Tamén especifica as actividades previstas: En Mourente ya tienen ensayadas dos obras de teatro, “O Fidalgo” y “Los Caimanes”, en Salcedo “Treizón” de Cotarelo, bailes, conferencias, excursiones... A maior parte non poderán celebrarse debido ao golpe militar do 20 de xullo. Remata o artigo cunha animosa declaración:

Nos cuesta trabajo el hacer despertar a la aldea, no lo dudamos, no contamos con grandes fondos materiales para acometer lo que queremos; pero en cambio poseemos un almacén de cariño a nuestra Tierra y un espíritu de sacrificio, que nos permitirá llegar hasta donde sea necesario.
Había tamén actividades de intercambio entre as diferentes sociedades.

Acadou grande repercusión a conferencia dada nos locais de Juventud Lerezana por Bibiano F. Osorio Tafall, catedrático de agricultura do instituto e alcalde de Pontevedra (naquelas datas cesado ao igual que a corporación democrática elixida no 31),

Unha actividade que tivo moita aceptación foi a dos bailes, nos primeiros tempos celebrábanse nun local alugado e logo no novo. Os xornais daban conta dos mesmos: todos los domingos y días festivos viénense celebrando en el amplio salón de la Juventud Cultural de la Ferreira, en Lérez, animados bailes que son amenizados por la afamada orquesta de la Juventud Lerezana. Sen dúbidas, a orquestra á que se fai referencia debe ser a rondalla da entidade que temos a sorte de contemplar nunha das fotos da época. Os músicos ceaban na do Molinero ou na de Laura Portasany e dábanselle 20 minutos para a cea. Non se admitían mulleres menores de 12 anos e homes menores de 14.

O 28 de abril de 1933, a asemblea xeral toma o acordo de que, na primeira oportunidade, se modificase o regulamento para que puidesen ser socias as mulleres, con voz e voto e podendo desempeñar cargos na administración da sociedade. Nese mesmo regulamento, artigo 16, afírmase: Siendo una de las principales misiones de esta colectividad difundir la cultura, el local social permanecerá abierto todas las noches para que los socios puedan dedicarse a la lectura de libros, revistas, periódicos, etc. O local vai estar aberto os mércores, xoves e venres de 6 e media a 8 e media. Compran un “diccionario de la lengua americana” (sic) por 30 pesetas e xa daquela había liortas coa sociedade de autores que lles manda un recibo de 72 pta (ano 1935).

Para levar a cabo todas estas actividades era preciso contar cun local, este foi de aluguer no piso alto dunha casa propiedade de Dorinda Mourente, na Pedra Picada. No ano 1933, a dona do local non chega a un acordo co prezo do aluguer (40 pta ao mes) e a asemblea decide construír un local propio. A rescisión do aluguer non foi nada amistosa e Dorinda Mourente Rodríguez denuncia na Comisaría de Vixilancia a varios directivos de la directiva de Juventud Lerezana quienes le vienen haciendo objeto de un tenaz boicot por haberse negado aquella a rebajarles el precio del alquiler... Juventud Lerezana xa pretendera desmarcarse do asunto e curándose en saúde, publicara en abril do mesmo ano unha carta asinada polo seu presidente José Casalderrey Pérez e o secretario Manuel Galiano, protestando contra la reprobable acción de algunos sujetos que para desprestigiarla, han pintado en algunos lugares de aquella parroquia rótulos propagando boicot. Engaden tamén que a súa sociedade, facendo honra aos seus fins culturais e recreativos, nunca pretenderá privar a ninguén dos seus lexítimos medios de vida.

O día 7 de abril de 1933, a asemblea xeral acorda, por unanimidade, facer un novo local e dá amplas facultades á comisión xestora para a compra do solar e construción do edificio e tamén para que esta execute as obras e as administre da forma que coide conveniente.

Organízase unha comisión para buscar socios accionistas do local que recorrerán a parroquia provistos dun talonario con resgardo para recoller as accións e deixar acuse de recibo, dando un prazo para a entrega do diñeiro.

Había diversos tipos: accionistas anticipadores en metálico, accionistas en traballo e accionistas en material. O traballo e os materiais aportados eran taxados pola comisión e se lles entregaba un recibo polo seu valor, especificando o xuro acordado, do mesmo xeito que aos accionistas en metálico. A sociedade comprometíase a responder co solar e os seus bens polo importe das accións e os seus réditos; no caso de falecemento dos accionistas, as accións pasarían aos seus herdeiros.

Para garantir o reintegro dos importes anticipados, acórdase que o edificio social non poderá ser alleado nin hipotecado nin ofrecido como garantía de ningunha especie en tanto non se reintegrasen os anticipos aportados.

O reintegro faríase cando o estado económico da sociedade o permitira e de acordo co seguinte sistema: reintegrar parcialmente os importes de primeira contía ata que cheguen ao nivel dos de 2ª e estes ata chegar ao nivel de 3ª e así sucesivamente. O socio anticipador de maior contía foi Sebastián Dios Blanco con 1412,50 pta seguido de José Cons Fernández e Arturo Sánchez con 830 e 750 pta respectivamente. Conseguíronse 88 accionistas por un importe total de 12757,5 pta.

A comisión que se encargou de controlar todo o proceso tivo diversas modificacións sendo a composición definitiva a integrada por: Sebastián Dios Blanco, José Cons Fernández (O Carranco), Francisco Teso Solla, Manuel Arribas Hermida, Arturo Sánchez, José Pérez Piñeiro ( O Chouza), Agustín Freiría Fernández, Andrés Veiga López, Benigno Iglesias Fontenla (O Reisiño), Alejandro Gama Casalderrey, José Corbal Orozco (O Mariano), Luis de los Reyes e Ramón Dios Blanco, aparecendo tamén nalgúns documentos, Manuel Dios. Todos eles teñen accións por un importe superior a 600 pta.

Efectúase a compra de varias parcelas no lugar de A Torre. A licencia municipal concédese por acordo do concello do 17 de xullo de 1933 (coas obras xa practicamente rematadas) eximiéndole del pago del arbitrio en virtud de acuerdo adoptado por la corporación en 17 de abril del año actual.

A relación de gastos ocasionados pola compra do solar e construción do edificio ascendía a dez mil cento seis pesetas con oitenta e cinco céntimos e, con posterioridade, súmanselle gastos de pintura e outros materiais co que o importe total ascende a 10447,50 pta. Na relación de gastos, as partidas máis importantes son: Compra do solar: 1862 pta, xornais: 2059 pta, madeira para armadura comprada a Secundino Ruibal: 1192 pta, madeiras do teito e piso: 1149 pta pagadas a Hijos de Lantero, acarrexo de pedra: 161, ladrillos: 495, pedra de Marcón e do Vao: 359 pta, tellas: 1440,75 compradas a Jesús Silva, madeira para portas e ventás: 230,55, cristais: 122,85 pta comprados a Julio Paisa, seguro obreiro 125 pta e non entramos noutras cantidades máis miúdas.

Os fondos de Juventud Lerezana estiveron depositados nunha conta da Caixa Rural de Lérez. Tamén é interesante resaltar que cando unha comisión da directiva foi convidada á inauguración da Juventud de Poio, o coche de punto vai por conta dos comisionados. Tamén teñen instaurado un sistema de donativos obrigatorios de 50 céntimos para os directivos que non asistan ás reunións, salvo caso de enfermidade. Non quita que tamén houbera algún pequeno problema, como o desfalco de 79 pesetas na comida de inauguración do local acordando a maioría que o pagase a comisión organizadora.

A inauguración do local tivo lugar o domingo 23 de xullo de 1933 e a prensa do momento destaca o feito, así o xornal El Pueblo Gallego di o seguinte:

En la vecina y floreciente parroquia de Lérez tendrá lugar hoy el acto de inaugurar el magnífico edificio que para sí ha construído la simpática Juventud Lerezana. Hace dos meses nadie pensaba en que esta pujante sociedad recreativa tuviese casa propia y hoy, sin embargo, ya es una realidad. ¿ Quién la ha construído?. No se sabe. Lo cierto es que una parroquia entera, con simpatizantes de otras, hicieron una casa a unos cincuenta metros de la carretera de Santiago, en el empalme de la de Codeseda, para domicilio perpetuo de la Juventud Lerezana. El entusiasmo es enorme, porque esta obra se debe a toda la parroquia, que al construirla puso en ella todo su cariño y entusiasmo, sin reparar en sacrificios, ya que se trataba de tener un centro en donde presentes y futuros encuentren en donde divertirse honestamente y desarrollar su cultura.

O levantamento militar de xullo do 36 remata con esta e con outras iniciativas dos veciños de Lérez. Iníciase o proceso de incautación de bens das sociedades cualificadas de “marxistas” e a esta entidade tamén a inclúen nas mesmas. Noutra entrada deste blogue xa se tratou sobre a incautación.

Hoxe, setenta e oito anos despois da inauguración, é un día de ledicia para os veciños e veciñas de Lérez e tamén para todas aquelas persoas solidarias con este proceso de recuperación do inxustamente arrebatado.