sábado, 18 de junio de 2011

Comunistas en Pontevedra



 A situación do Partido Comunista en Pontevedra nos últimos anos da República non se podía cualificar de boa e así o recoñecen diversas fontes, entre outras Víctor Santidrián na súa Historia do PCE en Galicia (Ediciós do Castro,2002. Sada). Este autor afirma que no ano 1935, “a capital contaba con tres células e vintedous afiliados; nos arredores eran 52 os comunistas, agrupados en sete células”.
Os problemas organizativos e as tirapuxas internas eran recoñecidas polo Comité Rexional que, en agosto de 1935, dirixiu unha circular ás células do Radio Comunista de Pontevedra, que transcribimos íntegra:


Apreciados camaradas: Ante el Estado de desorganización en que se encuentra el radio de Pontevedra, tanto en el funcionamiento de las Células, como del Comité, este Comité Regional, se ha visto obligado, igual que lo hizo otras veces, a tomar medidas de organización discutiendo con los elementos responsables y activos del Partido en esa Capital y proceder a doptar al Radio de una nueva dirección que lleve a la práctica las tareas de organización y de trabajos prácticos señalados en nuestra resolución que acompaña a esta circular y que debe ser conocida por las Células, para su cumplimiento y aplicación.

En espera de que las Células se darán cuenta de la importancia que para la vida de nuestro Partido significa el salir de la actual situación de crisis y se oriente por un franco y recto camino, revolucionario, quedan vuestros y del comunismo. Por el Comité Regional. El Secretariado.


Nota: Las Células después de conocer la resolución y discutirla, mandarán acta al Comité de Radio y este, terminada la discusión, en todas ellas, enviará un informe a este Comité Regional para su conocimiento.

A resolución que acompañaba a esta circular e que ía dirixida a todas as células, contiña unha durísima crítica á situación do partido en Pontevedra e sinalaba como máximo responsable ao anterior Comité de Radio que, a pesares da axuda tanto na orientación como na práctica, por parte do C.R., que chegou a manter un instrutor durante algún tempo, e de celebrar un pleno de Radio, non logrou endereitar o rumbo. Dada a situación, noméase un novo Comité.
O estado de cousas que describía o C.R. era caótico: falla de sentido de responsabilidade, de funcionamento orgánico, carencia dun comité capaz de exercer un traballo diario e firme de dirección, loitas persoais, incapacidade para levar ao seo do partido todas as opinións para acabar coas críticas negativas e derrotistas fora da organización, alonxamento da creación dun forte partido de masas con vocación de partido dirixente entre campesiños e obreiros, etc.
O novo Comité recibe o encargo da preparación dunha conferencia do Radio e desenvolver un programa de 9 puntos, que se poden resumir en: nova estruturación das células garantindo o control das reunións polo comité de Radio; constitución das “fraccións” do partido no ámbito obreiro, campesiño, etc; restablecemento da disciplina fronte a condutas sectarias e personalistas, acabando cunha situación que cualifica de anárquica; abrir unha forte campaña de afiliación rematando coa pasividade e apostando por un estreitamento das relacións entre o Radio pontevedrés e o Comité Rexional.
As distintas células do partido debateron os documentos anteriores; así podemos comprobalo en diversas actas de reunións, entre elas a dunha célula da cidade e que transcribimos a continuación, respectando a redacción e ortografía orixinais:

Acta de reunión de la Celula; Santa María; Barrio; celula que funciona como base del P.C. Se pone en conocimiento de los Camaradas responsables del Radio que abiendo sido Eligido el Secretariado de dicha Celula y estando todos reunidos: sedio lectura a una circular del Comité Regional P.C. Seción E. De la I.C. [ilexible] en agosto de 1935: quedándo de conformidad con lo expuesto en la misma: por el Camara Fernando [ilexible] la palabra y dice que esta Celula debe hacer un Reclutamiento de nuebos camaradas activos para dar [ilexible] a los anteriores responsables de lamisma: a continuación y estando todos conformes conlo expuesto lo dicho por el Camarada, seacuerda que nos de material. Acuntinuación pasamos a hacer una crítica sobre el Camarada Gallego pues tal camarada sedejo decir en una taberna que el periódico local La Hora es un chantaje y que está bendido al fascista Lis esto camaradas nos parece inoportuno y chobenista mas cuando ese tal es un fascista rrabioso en contra de tal Periódico hasta llegar al extremo en el anterior mobimiento todos saben los preguicios que causo en dicha imprenta, por lo tanto nosotros cremos que esa no es manera de nuestro acercamiento a otros [ilexible] y esgusto por unanimidad que el Radio llame al Camarada Gallego e imponerle la sanción que merezca por chobenismo inoportuno. 27-agosto-1935.

O feito de condenar os comentarios de Gallego – certamente esaxerados ao supoñer conivencia entre Ramiro Paz, dono do xornal, e Víctor Lis- explícase pola inconveniencia dos mesmos nun momento no que a táctica do P.C. era o achegamento e confluencia cos socialistas en diferentes ámbitos como o sindical, xuventudes, etc
O secretariado desta célula estaba integrado por Manuel Tobío, Antonio Fernández, Fernando Rodríguez e Antonio Fandiño ( o churreiro Fandiño, complicado posteriormente na morte de Secundino Esperón) que desempeñaba o cargo de secretario de organización.
En diversa documentación podemos comprobar a actividade de afiliación nas diferentes células, destacando a recomendación de atraer choferes para cada unha das células. Nestas datas finais do 35, temos novas da formación de células como a de Tourón, no veciño concello de Ponte Caldelas, que se constitúe en outubro cun secretariado que ten como secretario de organización ao canteiro Celso Doval sendo o resto de compoñentes canteiros ou peóns.
O nomeamento de candidatos para as eleccións ao parlamento foi motivo de desgusto entre os comunistas pontevedreses e así o manifestou a célula nº 6 dirixíndose ao Radio de Pontevedra para criticar que o candidato, o cordobés Adriano Romero Cachinero, fora nomeado en Madrid e non na asemblea provincial do partido.
No ano 1936, a militancia comunista aumentou e temos constancia da existencia de, polo menos, trece células na zona. En parroquias como Salcedo ou Mourente contaban cunha boa estrutura. Do pescudado en diversa documentación de causas militares e con testemuñas persoais, obtivemos algúns nomes de militantes: Constante Tomé, Joaquín e Manuel Martínez “Os Marións”, Manuel López, Benito Otero “O Canelo”, Alfredo Oliveira (asasinado no Ferrol), Manuel Piñón, Ramón Meis (fillo), Herminio Coto, Manuel Torres, José e Manolo Ruibal, Joaquín Carregal e outros na célula 3 de Mourente. En Salcedo, a célula do Campo da Porta estaba dirixida por un secretariado composto polo peón Anselmo Pastoriza como secretario político, Julio Villanueva, canteiro (organización), Manuel Iglesias, carpinteiro (administración), Lino Crespo, canteiro (sindical) e Alfredo Garrido, carpinteiro (agit-prop); a célula da Ruibal tiña como compoñentes a Emilio e Manuel Méndez (asasinado no 36), Rogelio Suárez e Manuel Montes. Outros militantes nesta parroquia eran Jesús Muñiz, Genaro Estévez (fusilado no 36), Eugenio Muñiz, Eugenio Peón e José Farto.
Na parroquia de Bora (célula 13), o dirixente comunista máis coñecido era Benito Tenorio, secretario de organización, e outros militantes eran Segundo Calviño, Cortegoso, Alejandro Estévez, Honorio e Aurelio Martínez, Eduardo Domínguez...
Parece indudable que o PC pontevedrés tivo unha influencia elevada en moitos sectores da vida pontevedresa; esta influencia parece debida, máis que a un gran desenvolvemento do partido, á capacidade de traballo e o prestixio de líderes como os irmáns Gama en Lérez, os irmáns Martínez en Mourente, Manuel Dios Costado (candidato no 33 e fusilado en decembro do 36), Pastor Torres Paz, Manuel García Filgueira, entre outros, que lle proporcionaban capacidade para controlar sectores como a poderosa Federación Obreira local, presidida por García Filgueira, de quen se afirmaba nun informe que “fué el sembrador del germen comunista en Pontevedra y ha tenido siempre la significación de Santón y apóstol en el concepto de los elementos obreros organizados”; García Filgueira foi o último alcalde republicano da capital ao substituír a Tafall, apoiándose na candidatura obreiro-agraria liderada por comunistas.
Tamén foi unha figura importante no campo sindical Manuel Martínez “O Marión”, de Mourente, secretario xeral do poderoso sindicato da construción. A organización dos mariñeiros pontevedreses tiña como dirixente destacado ao militante comunista Ricardo Fariña. No mundo agrario, a referencia indiscutible foi Manuel Gama, de ideoloxía comunista pero do que non temos constancia documental da súa afiliación ao PC, a pesares de ser candidato do partido nas eleccións do 33. Podemos considerar na órbita do partido, en maior ou menor grao, as milicias antifascistas obreiras e campesiñas (MAOC), a Federación Cultural Deportiva Obrera de España (Alejandro e Faustino Gama,Eugenio Urtaza e outros) e outras organizacións. Na prensa de orientación comunista nos tempos da República, destacariamos os xornais Nueva Aurora e Revolución.