miércoles, 21 de septiembre de 2011

O asasinato do padre Olmedo.





O día 12 deste mes cumpríronse 75 anos do asasinato de Fernando Olmedo Reguera, máis coñecido na nosa cidade como padre Olmedo. Neste blog, no que tantas veces tratamos dos asasinatos cometidos polos sublevados, falaremos hoxe do perpetrado na zona republicana sobre este membro dunha coñecida familia pontevedresa.
Fernando Olmedo naceu en Santiago o 10 de xaneiro de 1873. Cursou a carreira de avogado e obtivo o grao de doutor en dereito. Ocupou praza de contador no concello da súa cidade natal. Foi un personaxe destacado na prensa clerical de entre séculos, escribiu e ocupou postos de máxima responsabilidade en xornais como El Pensamiento Gallego, diario católico tradicionalista compostelán e en El Áncora, xornal pontevedrés do mesmo signo. Este último nacera impulsado por un grupo de clérigos e de crentes pontevedreses; no seu primeiro número, na exposición que facían ao arcebispo dos seus obxectivos, dicían:
En presencia de la encarnizada guerra que se hace a la Santa Iglesia, nuestra Madre, no podemos permanecer por más tiempo impasibles e inactivos, contemplando la pérdida de la juventud, arrastrada por la senda tortuosa del error y del vicio, las familias desmoralizadas, los pueblos alejándose de Dios, paganizándose el mundo a pasos agigantados. [...] Hay que contrarrestar la influencia perniciosa del diario impío o inmoral con el saludable influjo del periódico católico, propagador celoso e incansable de la sana doctrina. El Áncora, 20-4-1897.

Neste combativo e clerical xornal tamén aparecían personaxes como Carmelo Castiñeira ou Hermenegildo Calvelo, incansable polemista cos xornais republicanos da época.
Fernando Olmedo foi un dos fundadores do Círculo Católico de Obreiros. O 15 de febreiro de 1901 tomou o hábito da orde capuchina, profesou na mesma o ano seguinte e recibiu a orde sacerdotal o 31 de xullo de 1904. Ocupou cargos de responsabilidade na orde, como o de secretario da curia xeral en Roma pero, por motivos de saúde, regresou a España ocupando o posto de definidor e de secretario provincial de Castela.
O convento de Jesús de Medinaceli ( Madrid ), no que residía, foi asaltado por milicianos nos primeiros días de xullo de 1936; os relixiosos xa o abandonaran e vivían en casas particulares. Hai algunha referencia ( coas cautelas debidas polo tipo de fonte) á celebración de mitins nun dos templos madrileños dos capuchinos: ...en el que dirigió la palabra a las masas rojas desde el púlpito la agitadora marxista Margarita Nelken. La Dominación Roja en España. Causa General.
Nos días que seguiron ao golpe militar, a situación policial e xudicial en Madrid quedou nas mans de diferentes organizacións, na maioría sen control por parte das autoridades legais. Paul Preston afirma:
En el marco de este tumultuoso proceso de “justicia” espontánea, los comités de partidos y sindicatos, junto con trabajadores sin ninguna filiación sindical y delincuentes comunes, se entregaron por diversas razones a una oleada de matanzas impulsadas por motivos muy diversos. Los principales objetivos de la violencia fueron los militares rebeldes, el clero y los elementos más prominentes de la antigua clase dirigente: terratenientes y empresarios. El Holocausto español. Ed. Debate, 2011.

Moito se debateu sobre as causas desta violencia: a incapacidade do goberno para controlar a situación, a vinganza polos bombardeos aéreos indiscriminados sobre a poboación civil e as novas que chegaban da represión fascista, o medo á “quinta columna” anunciada polo xeneral Mola...
No caso da persecución aos clérigos, Julián Casanova (La iglesia de Franco. Ed. Biblioteca de Bolsillo ) escribe:
Toda esa violencia anticlerical que se desató desde el primer momento donde la sublevación militar fracasó corrió paralela al fervor y entusiasmo, también asesino, que mostraron los clérigos allá donde triunfó. [...] La mayoría del clero, con los obispos a la cabeza, no sólo silenció esa ola de terror, sino que la aprobó e incluso colaboró “en cuerpo y alma” en las tareas de limpieza.

Sobre a morte de Fernando Olmedo, a información que facilitaban os xornais pontevedreses non daba detalles das circunstancias da mesma:
Se omiten detalles del trágico final del religioso pontevedrés y solamente se sabe que fué elegido con otros tres Padres por las hordas rojas para saciar su sed de venganza contra quienes predicaban y practicaban las doctrinas de nuestra Iglesia. El Diario de Pontevedra, 25-9-1936.
Atopamos dúas versións sobre o sucedido. A primeira corresponde á Gran Enciclopedia Gallega que afirma, sen entrar en maiores precisións, que falleció el 12 de agosto de 1936 durante el asalto al cuartel de la Montaña. Apreciamos un erro fundamental pois a data do asalto ao cuartel foi o 19-20 de xullo. En diferentes pescudas realizadas non atopei o nome do padre Olmedo nas listas de mortos relacionadas con dito asalto, principalmente eran militares e falanxistas alí refuxiados.
A segunda, e máis convincente, versión afirma que Fernando Olmedo fora detido o 11 de agosto e fusilado o día seguinte nos xardíns do cuartel da Montaña (de aí pode vir a confusión). Os seus restos repousan na cripta da igrexa de Jesús de Medinaceli en Madrid. Na provincia capuchina de Castela foron asasinados 22 relixiosos desa orde.
A nova da morte chegou aos seus familiares de Pontevedra o 24 de agosto a través de Roma a onde fora levada por un relixioso. O xornal Progreso facíase eco da mesma:
Fray María (sic) Fernando de Santiago Olmedo, fué un religioso que amó a la Humanidad, y este fué el delito que ha cometido para ser vilmente asesinado por esas hordas marxistas que a nada temen ni les detiene ni la sabiduría ni la bondad, ni la vejez de sus presas. El P. Olmedo ha pasado a mejor vida engrosando la lista de los mártires de la religión. Progreso 25-9-1936.

O día 30 de setembro celebráronse os funerais na igrexa de San Francisco. Houbo unha elevada asistencia con representación dos capuchinos de Vigo e de empregados dos almacéns Olmedo. Estes almacéns eran propiedade da familia e o seu irmán José Olmedo era un importante dirixente da patronal pontevedresa.