jueves, 30 de noviembre de 2023

Contra o esquecemento: Juan Nogueira Álvarez.

 

Juan Nogueira Álvarez nacera o 15 de Xaneiro de 1914 na parroquia de Montefurado, concello de Quiroga, era fillo de Benjamín e de Pilar e labrador de profesión; pertencente ao primeiro remprazo do ano 1935 estaba cumprindo o servizo militar no Rxto de Artillería nº 15 de Pontevedra co emprego de cabo.

Un ano despois do golpe militar, o 25 de agosto de 1937, chega ao cuartel pontevedrés unha denuncia, procedente do destacamento da Guardia Civil de Montefurado, acusándoo de ideas extremistas e de que nos primeiros días do “Glorioso Movimiento Nacional” destacara polo seu entusiasmo cara o “funesto Frente Popular”, participara no desarme de elementos dereitistas, ameazara a varias persoas e solicitara armas dos seus correlixionarios para defender o comunismo.

O 20 de xullo de 1936, Juan estaba de permiso en Montefurado e incorporouse ao servizo en Pontevedra cando tivo oportunidade de facelo ao restablecerse a comunicación ferroviaria a finais de xullo.

Ante a gravidade da denuncia as autoridades militares inician un procedemento sumarísimo (causa 1170/37) para comprobar os feitos. No interrogatorio Juan Nogueira nega as acusacións e sostén que non pertencía a ningún partido nin sociedade obreira e que os días en Montefurado pasáraos axudando a seus pais nas tarefas agrícolas. Manifesta que a súa familia fora ameazada polos esquerdistas.

As acusacións da Guardia Civil baseábanse en tres feitos que, ao interrogar as persoas denunciantes, podemos comprobar que non sucederon exactamente como conta a “benemérita”. A mestra Mercedes Fernández, casada cun tío de Juan, declara que este fora á súa casa para preguntar polo seu esposo dicíndolle: “Es para darle un paseo por el campo porque seguramente estará muy aburrido”. Como o buscado non estaba presente Juan marchou. Mercedes sabía que era de esquerdas pero non o consideraba extremista e 

probablemente nada bueno pretendía hacer con su tío Enrique, dado que por aquellas horas había bastantes hombres armados por el pueblo en aptitud (sic) de oponerse al Glorioso Movimiento Nacional. 

A ameaza era, polo tanto, unha mera suposición da súa tía, máxime cando non levaba ningunha arma e non ía acompañado. A señora Elena Checantini tamén recibira a visita do acusado preguntando polo seu home: 

no había hecho daño alguno a la declarante y a su familia, no sabe concretamente con que finalidad fuera esa mañana preguntando por Benjamín ya que en otras ocasiones había mostrado amistad. 

O comerciante Alberto Vicente González afirma que o vira na estación e que se dirixira cara unha máquina do tren que levaba asturianos que se dirixían a Ponferrada; Juan achegárase a eles dicíndolles: “si le daban un fusil que se marchaba con ellos a donde le indicasen” pero o denunciante non sabía o que fixera Juan e afirma que non lle merecía mal concepto.

Juan declara que só quería protexer a seu tío, que non fora á casa de Elena Checantini con quen a súa familia tiña inimizade por motivos económicos e, se ben recoñece que estivera na estación, asegura que non pedira armas a ninguén.

O informe do concello resulta significativo por como desmente o afirmado na acusación: 

es o era de ideas izquierdistas pero, ni antes del Movimiento Nacional ni cuando se inició este se sabe que haya cometido desmanes ni haya intervenido en ningún acto en contra de los vecinos ni contra la Fuerza Pública [...] aprovechó el primer tren que pasó por Montefurado para incorporarse a su Regimiento.

A pesar do relatado anteriormente que, polo menos, debería suscitar moitas dúbidas sobre a certeza ou gravidade das acusacións, o instrutor asume estas
e, o 30 de setembro de 1937, celébrase en Pontevedra o xuízo contra Juan Nogueira. A sentenza declárao culpable dun delito de adhesión á rebelión e aprecia perversidade no acusado polo que o condena a morte. Ás seis da mañá do 21 de xaneiro de 1938, despois de “reconciliarse” brevemente cun frade franciscano que o acompañaba, un piquete de forzas de seguridade mandadas polo sarxento José Jiménez fusílao na avenida de Bos Aires. Recibiu tres feridas de arma de fogo na rexión precordial. Ás once e media da mañá foi enterrado no cemiterio de san Amaro na sepultura nº 163, zona 2ª, fila 2ª, propiedade do concello. Vestía chaqueta escura, pantalón claro, camisa branca, zapatos negros e calcetíns castaños.

sábado, 11 de noviembre de 2023

Contra o esquecemento: Alberto Casal Dozo "O Rosquilleiro"

 

Cúmprense nestas datas 87 anos dos fusilamentos da Lomba (Gargallóns), na estrada de Xeve a Campo Lameiro; os corpos das vítimas foron transportados en carros e enterrados na foxa situada entre a igrexa e o cemiterio de santo André de Xeve. Un dos asasinados foi o natural de Castrelo (Cambados) Alberto Casal Dozo “O Rosquilleiro”. Alberto estaba conceptuado como suxeito de moi malos antecedentes, tomara parte activa en contra do “movimiento nacional” actuando como “cabecilla”. Os primeiros días tras o golpe estivo fuxido ata que o detivo a Guardia Civil e ingresou no cárcere de Ponte Caldelas o 14 de setembro do 36.

Procesárono na causa 199/37; por aquelas datas xa fora asasinado pero a instancias do xuíz instrutor, capitán Ángel del Río, que inquire o seu paradeiro, xérase unha serie de documentación que leva a coñecer as circunstancias en que se produciu a súa morte e a de varios compañeiros. Con motivo da detención do inspector provincial de prisións Fernando Lago Búa, a comisaría de policía redacta unha serie de notas reservadas sobre o acontecido na illa de san Simón; unha delas informa que:

 En el día once del mismo mes y año y también conducidos por oficiales de la Prisión a la cárcel de Redondela. GUMERSINDO GONZÁLEZ GONZÁLEZ, JOSÉ ROMERO CASTINEIRO (sic) ALBERTO CASAL DOZO, ÁNGEL RIAL VIDAL Y EDUARDO GARCÍA SANTOS. En la conducción del día once no fué sacado JOSÉ VÁZQUEZ INCÓGNITO por equivocación teniendo proyectado el señor Búa sacarlo al día siguiente pero no pudo llevarlo acabo por haberlo detenido.1

Esta equivocación salvou a vida ao veciño de Bouzas José Vázquez que foi xulgado e resultou con sobresemento. Sobre a veracidade da nota reservada hai abundante documentación: o xefe da prisión de san Simón, Pelegrín González, resposta ao instrutor militar indicando o traslado a Redondela 

obrando asimismo un recibo del Sr. Jefe de la referida prisión [Redondela] como de hacerse cargo de dicho recluso así como de varios más siendo estos entregados por el Oficial don Evelio Delgado [...] así también se expresa en el referido recibo que el objeto del ingreso en la dicha prisión fué para ser entregados dichos reclusos a la Guardia Civil para su traslado a la Prisión de Partido de la Cañiza.

O xefe da prisión de Redondela confirma que o día 12 forzas da comandancia da Guardia Civil de Pontevedra, mandadas polo garda Miguel Gómez [noutro documento figura como Miguel González], fixéranse cargo deles para o traslado.

Os cinco relacionados así como o tranviario Antonio Fariña Duque foron asasinados por forzas da Guardia Cívica e gardas civís; varias testemuñas que residían próximas ao lugar deron fe dos feitos e tamén da identidade dalgún dos “cívicos” participantes. Unha vez máis terxiversáronse as circunstancias dun “paseo” colectivo presentándoo como un intento de fuga individual dun preso; neste caso a Guardia Civil informou sobre Alberto dicindo que “dicho detenido y procesado fué muerto en Geve cuando intentaba fugarse de la fuerza que le conducía”. Tamén afirmaba que o cadáver fora entregado ao alcalde de Xeve e que se anotara no rexistro, extremos negados polo alcalde, Benito Rivas.

O 12 de novembro foi un día aciago para Pontevedra pois ,tamén nese día, foron fusiladas no alto da Caeira destacadas personalidades políticas e sociais, os coñecidos como “os dez do doce de novembro”.

1Nota reservada. Individuos que fueron sacados del Lazreto de San Simón.