martes, 20 de octubre de 2020

A morte de Egidio.

 

En “Inmolados gallegos” (Ed. do Castro, 1993), publicación pioneira sobre a represión en Pontevedra, Luis Lamela noméao nun listado que aparece como apéndice: “Sin motivo. (Instruyó diligencias el Juez Militar)”; a intervención do xuíz militar é un dos sinais relevantes para considerar unha morte como resultado da represión. Fóra desta mención non atopamos ningunha outra referencia bibliográfica e na web do proxecto Nomes e Voces tampouco figura.

Era un descoñecido máis ata que localizamos, no arquivo militar de Ferrol, unhas dilixencias, posteriormente elevadas a causa (319/36), que nos proporcionaron algúns datos sobre as circunstancias que deran lugar á súa morte.

O 29 de xullo de 1936, o tenente de infantería Fernández de Córdoba estaba prestando servizo na localidade de Vilagarcía ao mando de 18 membros da Garda Cívica; pola tarde, na Cruz Vermella vilagarciá, entréganlle “un individuo cuyo nombre y demás antecedentes se desconocen, herido al intentar colocar una bomba que hizo explosión prematuramente”. A Guardia Civil recolle o ferido e trasládao a Pontevedra onde o ingresa no Hospital ás oito da tarde. O delegado de orde pública, Ricardo Macarrón, informa ao comandante militar ao día seguinte.

O 31 de xullo, Bernardino Fondevila, administrador do Hospital, maniféstalle ao xuíz instrutor, tenente de infantería retirado Fausto Roldán, que o detido negábase a falar cando o ingresaron e tiveran que facer pescudas por outras persoas para identificalo. Tratábase de Egidio Fernández Pérez, solteiro, duns 45 anos, fillo de Joaquín e de Cándida e veciño de Cambados; alí vivía logo de regresar de América, adicábase á mendicidade e padecía trastornos mentais. No centro sanitario tíñano constantemente atado debido ao seu estado de excitación, negábase a tomar alimentos e a contestar preguntas. “Tiene tendencias a la agresión y a proferir gritos subversivos y frases malsonantes”. Tiña numerosas feridas “producidas, seguramente, en los accesos de furia que padece” e, polo seu estado de axitación, non puidera realizárselle un recoñecemento axeitado nin un diagnóstico seguro.

O instrutor ordena que o ingresen no manicomio de Conxo pero falece ás 18 horas do 1 de agosto. Realízase a autopsia na tarde do día 3: contusións en diversas partes do corpo, ferida cortante nun brazo, edema e desprendemento da pel, conxestión menínxea e estado conxestivo do pulmón dereito. Os forenses conclúen que a morte foi producida polo estado patolóxico pulmonar, como causa inmediata; non fan referencia á causa orixinaria, que puidera ser a explosión da bomba, autolesións ou malos tratos.

De calquera xeito, os feitos están ligados ás actuacións de resistencia ao golpe militar e a represión posterior na zona de Vilagarcía.

viernes, 2 de octubre de 2020

Epistolario (6): Carta de Cangas.

 


O valor das cartas é moi grande porque son testemuños escritos que nos achegan a realidade do que estaba a suceder no momento en que se escribiron, sen as modificacións que o paso do tempo sempre introduce nos relatos dos protagonistas. A censura de correspondencia existente, tanto na zona franquista como na republicana, proporciónanos mostras das cartas intervidas. Debido á gran cantidade de correspondencia a censurar, non era raro que algunhas cartas puideran subtraerse a este control; este debeu ser o caso da enviada polo mariñeiro de Cangas Ángel Chapela Fernández, de 24 anos e afiliado á CNT, a seu tío Antonio Chapela Figueroa que nesa data (outubro de 1936) residía en Bos Aires.

Non tivo tanta sorte a resposta de Antonio que foi interceptada e deu lugar a un procedemento contra o destinatario.

Ademais da carta, no sobre viñan recortes de xornais arxentinos con información sobre a situación española. Antonio, nun parágrafo que parece adiviñar o que ocorrería posteriormente, advírtelle a Ángel sobre as precaucións que debe tomar cando lle escriba:

Tu cuando escribas ten mucho cuidado y evita de hablares sobre la revolución pues ello puede ocasionarte algún mal rato. Pues estando la parte de Galicia bajo el control de esos fariceos (sic), no sería difícil que abran la correspondencia que sale fuera de España.

Comunícalle que está ben informado do que ocorre en Galicia:

Sé de las barbaridades que han cometido en Vigo y en otros puntos de Galicia. Las hordas fascistas extranjeras son las que alimentan y arman el brazo de los mercenarios españoles. Si esto no fuera así, que tiempo hubiera triunfado la causa del pueblo. Pero quiéranlo o no el triunfo será nuestro.

O delegado civil dá conta do contido da carta censurada e a Guardia Civil de Cangas instrúe, o 13 de xaneiro de 1937, un atestado contra Ángel Chapela por “propalar noticias falsas y espionaje”. O inculpado recoñece que, a finais de outubro, escribíralle a seu tío contándolle novas sobre a marcha do “movimiento”; informárao da detención e condena a prisión do seu primo Ángel Fernández del Río (concelleiro da Fronte Popular) e tamén que

en esta había ocurrido lo que en Octubre en Asturias que habían matado unos treinta hombres los Facistas; que en Vigo se sofocó enseguida el movimiento pero que a pesar de todo lo mismo que decían de Madrid que cairía pronto confiaba en que el triunfo sería del Gobierno de Madrid.

Ángel tamén lle contaba a seu tío que en Vigo desembarcaran material de guerra procedente de Italia e Alemania e que a “escuadra Roja” estivera próxima a ese porto e apresara unha parella de barcos cos seus tripulantes. Pedíralle que lle enviara uns recortes de xornais de Bos Aires que lle dixesen a verdade do que sucedía, pois aquí estaban enganados.

Ángel Chapela sufriu condena a cadea perpetua por rebelión militar.

Foto: Oficina de censura de correspondencia en Vigo. Casado. Vida Gallega.