domingo, 17 de noviembre de 2013

Grazas



O pasado luns, 11 de setembro, presentouse en Pontevedra o libro “Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939) editado por Ed. Xerais. O paraninfo do instituto Valle Inclán quedou pequeno para as máis de duascentas persoas que asistiron e foron moitas as persoas que tiveron que dar volta por non atopar sitio. Ben sei que moitas circunstancias favoreceron esta asistencia multitudinaria: a data, o tema, a implicación de moitas persoas e asociacións...
A data era a véspera do 77 aniversario do fusilamento, no quilómetro un da carreteira de Campañó, na Caeira, de dez destacados cidadáns: Juan Rico González, capitán da Garda de Asalto; Amancio Caamaño Cimadevila, médico; Ramiro Paz Carbajal, impresor e xestor provincial; Paulo Novas Souto, mestre da preparatoria do instituto; Víctor Casas Rey, xornalista; José Adrio Barreiro, avogado; Germán Adrio Mañá, mestre da graduada da rúa Maceda; Telmo Bernárdez Santomé, médico; Benigno Rey Pavón, mestre e Luis Poza Pastrana, médico. Neste senso, podemos entender o acto como unha homenaxe a estes fusilados polos golpistas.
O tema da represión na capital pontevedresa  trátase por primeira vez dun xeito específico nun libro, máis alá de referencias puntuais en obras de carácter xeral ou en obras como a biografía de Ramiro Paz ( Marco, Aurora. Unha vida segada pola barbarie. Noia: Toxosoutos, 2003), a de Luis Lamela referida a A. Bóveda e os fusilados o 12 de novembro ( Lamela García, Luis. Inmolados Gallegos. Sada: Ed. Do Castro, 1993) e as memorias de Gonzalo Adrio (Adrio Barreiro, Gonzalo. Sin odio, sin rencor, pero el recuerdo vivo. Sada: Ed. Do Castro, 2004).
Tamén foi grande a implicación de persoas e asociacións que, a través da lectura deste blogue ou doutras actividades, consideran necesaria a divulgación dos feitos tratados no libro.
Pero, máis alá do anterior, parece clara a existencia en Pontevedra dun importante número de persoas interesadas polo sucedido a raíz do golpe militar, feito que contradí o discurso de que debemos mirar ao futuro e esquecernos do pasado.
Moitas grazas a todas as persoas que asistiron e desculpas ás que non puideron facelo por falta de sitio. En Brétemas podemos atopar unha crónica do acto.