O pasado luns, 11 de setembro,
presentouse en Pontevedra o libro “Pontevedra nos anos do medo.
Golpe militar e represión (1936-1939) editado por Ed. Xerais. O
paraninfo do instituto Valle Inclán quedou pequeno para as máis de
duascentas persoas que asistiron e foron moitas as persoas que
tiveron que dar volta por non atopar sitio. Ben sei que moitas
circunstancias favoreceron esta asistencia multitudinaria: a data, o
tema, a implicación de moitas persoas e asociacións...
A data era a véspera do 77 aniversario
do fusilamento, no quilómetro un da carreteira de Campañó, na
Caeira, de dez destacados cidadáns: Juan Rico González, capitán da
Garda de Asalto; Amancio Caamaño Cimadevila, médico; Ramiro Paz
Carbajal, impresor e xestor provincial; Paulo Novas Souto, mestre da
preparatoria do instituto; Víctor Casas Rey, xornalista; José Adrio
Barreiro, avogado; Germán Adrio Mañá, mestre da graduada da rúa
Maceda; Telmo Bernárdez Santomé, médico; Benigno Rey Pavón,
mestre e Luis Poza Pastrana, médico. Neste senso,
podemos entender o acto como unha homenaxe a estes fusilados polos golpistas.
O tema da represión na capital
pontevedresa trátase por primeira vez dun xeito específico nun
libro, máis alá de referencias puntuais en obras de carácter xeral
ou en obras como a biografía de Ramiro Paz ( Marco, Aurora. Unha
vida segada pola barbarie. Noia: Toxosoutos,
2003), a de Luis Lamela referida a A. Bóveda e os fusilados o 12 de
novembro ( Lamela García, Luis. Inmolados Gallegos.
Sada: Ed. Do Castro, 1993) e as memorias de Gonzalo Adrio (Adrio
Barreiro, Gonzalo. Sin odio, sin rencor, pero el recuerdo
vivo. Sada: Ed. Do Castro,
2004).
Tamén
foi grande a implicación de persoas e asociacións que, a través da
lectura deste blogue ou doutras actividades, consideran necesaria a
divulgación dos feitos tratados no libro.
Pero,
máis alá do anterior, parece clara a existencia en Pontevedra dun
importante número de persoas interesadas polo sucedido a raíz do
golpe militar, feito que contradí o discurso de que debemos mirar ao
futuro e esquecernos do pasado.
Moitas
grazas a todas as persoas que asistiron e desculpas ás que non
puideron facelo por falta de sitio. En Brétemas podemos atopar unha
crónica do acto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario