miércoles, 17 de octubre de 2018

Socorro Rojo Internacional en Vigo.

O Socorro Rojo Internacional (SRI) naceu na Unión Soviética en decembro de 1922, pero non acadará a súa completa organización ata o V Congreso Mundial da Internacional Comunista no ano 1924. Nun principio, como sinala Laura Branciforte (El Socorro Rojo Internacional (1923-1939). Relatos de la solidaridad antifascista. Madrid, Biblioteca Nueva, 2011.), tiña, principalmente, finalidade de propaganda política e será a partir dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934, cando se centre nas tarefas de axuda aos detidos políticos e as súas familias. A partir de 1935 adquire unha destacada relevancia política e é digna de destacar a presencia e actividade de mulleres na organización.
       Comeza a actuar clandestinamente en España nos tempos da Ditadura de Primo de Rivera; as dificultades son grandes pois á represión do réxime contra os comunistas hai que sumarlle as desavinzas e loitas internas do PCE. A partires de outubro de 1934, co partido comunista reducido á clandestinidade, o Socorro Rojo Internacional actúa publicamente e xoga un papel fundamental na política comunista de lograr as alianzas obreiras e pactos de unidade con outras forzas; este labor válese dos comités de axuda, organismo no que participan sindicatos obreiros e militantes socialistas, comunistas e republicanos de distintos partidos.
Organízase nun comité executivo, radicado en Madrid, comités rexionais e locais e constitúen o último chanzo os grupos formados en fábricas, talleres, etc.
      Nesta entrada centrareime nos anos 1934 e 1935 e na localidade de Vigo, onde residía o comité galego. Utilizarei como fonte principal numerosa documentación da causa 77/35 instruída contra Manuel Vázquez Lamas, Adolfo Taboada Otero, Manuel Rodríguez Mouriño, Evangelino Taboada Vázquez e Manuel Villar Cimadevila, por indución á sedición por medio de pasquíns e excitación á rebelión militar. Tivo un destacado papel nas investigacións contra os anteriormente nomeados o coñecido tenente da Guardia Civil Francisco González Rodríguez “O Rabioso”.
O 17 de xaneiro de 1935, a Guardia Civil rexistra a casa do empregado municipal do servizo de arbitrios Manuel Vázquez Lamas; era secretario de organización no Radio do PCE, atópanlle un carnet da Asociación de Amigos da Unión Soviética co número 14748, outro do Partido Comunista de España e tamén o de socio do Socorro Rojo Internacional, sección española e federación de Galicia (estaba afiliado, ao parecer, dende 1933). Tamén aparecen numerosos selos, documentos de afiliación sen nome e escritos de todo tipo. Destacamos unha comunicación que o comité local do SRI dirixe ao presidente do sindicato da Unión de Traballadores das fábricas de conservas no que fai propaganda de cara a recibir donativos en metálico, xoguetes, alimentos, etc; tamén atopan unha autorización da comandancia militar a favor de Enriqueta Villar Montes (muller de Villar Cimadevila) e Carlota Ramírez, que actúan en representación dunha comisión de mulleres, para facer unha cuestación pública destinada a obsequiar con xoguetes, roupas e alimentos os nenos pobres; na autorización especificábase que debía facerse sen formar grupos de máis de dúas persoas, sen exhibición de distintivos de calquera agrupación e determina que o lugar do reparto sería no local de Izquierda Republicana, na rúa Galán 17.
       No rexistro tamén se recollen listados de cotizacións a favor de presos e familias así como escritos e libros considerados pola forza actuante como subversivos de matiz comunista. Especial insistencia ten o “Rabioso” en coñecer quen fabricara numerosos brazaletes coa lenda de “Comisión Pro-Infancia” e dos pasquíns colocados en Lavadores e Teis con lendas como: “Abajo la pena de muerte”, “Contra la guerra imperialista-guerra civil”, “Por la libertad de los presos”, “Contra los campos de concentración” e “Viva el proletariado asturiano”.
   Un escrito dirixido ao comité executivo nacional permite coñecer que, tras o movemento insurreccional de outubro, o SRI quedara totalmente desarticulado en Galicia debido á detención de numerosos membros; como consecuencia reciben a visita dun enviado da executiva nacional e definen un programa de tarefas a realizar de xeito urxente:
a) Organización e elección de secretariado ampliándoo coa participación de todos os organismos obreiros, elementos intelectuais e pequeno-burgueses; este proceso debería culminar coa celebración dunha conferencia rexional da que sairía o comité rexional definitivo.
b) Campaña de Reis. Levouse a cabo con gran éxito, a pesar da sabotaxe das autoridades e prensa. Sorteáronse 600 xoguetes entre fillos de obreiros e participaron uns 2000 nenos, polo que quedaron a maioría sen recibir agasallo. Teñen en proxecto a creación dunha asociación pro-infancia.
c) Preparación dun Boletín de información.
d) Propóñense consolidar a organización, aumentar o número de afiliados e estendela a toda Galicia, a tal fin desprazarán un compañeiro por toda a rexión en canto dispoñan de fondos.
O comité executivo español do SRI, nun escrito datado o 9-1-1935 e asinado polo secretario xeral “Roberto”, lembra a situación de represión e terror existente e pide aos comités rexionais e provinciais que colaboren para proporcionar axuda económica e tamén documentación para burlar a acción da “justicia burguesa de clase”; para facelo piden o envío da maior cantidade de cédulas persoais de idades comprendidas entre 23 e 45 anos, procurando que sexan novas ou sen asinar. Na provincia pontevedresa, segundo investigacións de membros de IR, as cédulas eran do ano anterior e, ademais, presentaba dificultades facerse con elas a través da compra. (Comunicación do secretario do C.R. ao C.E. do SRI. 22-11-1935)
     O Comité Rexional, con sede en Vigo, elabora un programa detallado de actuacións, que nos proporciona moita información sobre o estado real da organización así como das liñas que consideran prioritarias:
* Rematar coa reorganización do C.R. e atraer unha obreira da conserva, un picapedreiro ou albanel, algún ferroviario e un intelectual.
* Desprazar un camarada ao interior para reorganizar os grupos e comités, especialmente en Pontevedra e Ourense. Todos os grupos de Vigo deberán estar reorganizados no prazo de dúas semanas.
* Manter correspondencia permanente co comité executivo nacional e co comité provincial da Coruña.
* Crear círculos de doantes e facer rifas e festivais. Control severo das finanzas.
* Pedir o apoio e adhesión colectiva dos sindicatos ao SRI.
*Sacar un manifesto e un boletín mensual de carácter informativo. Tamén elaborarán unha carta-informe a todos os presos con todos os traballos que está realizando o SRI para mellorar a axuda e atención dos familiares e perseguidos “explicándoles el gran Comité Popular de frente Único que vamos a crear para organizar la agitación y lucha por su libertad”.
* Asegurar a venda do xornal Combate, órgano do SRI, e dos “episodios de Asturias”.
* Crear agrupacións femininas, xuvenís e infantís.
* Normalizar a recadación de cotas e crear círculos de doantes, así como facer rifas e festivais.
Ademais destas medidas, o maior esforzo en mobilización consistiría en crear o antes citado Comité Popular de Frente Único, no que estarían representados os partidos, sindicatos, SRI, Xuventudes, Clubes e Bibliotecas, así como intelectuais de renome; tería como principal obxectivo a “lucha contra la reacción y el fascismo y por la ayuda a todas las víctimas”. Para abrir o camiño serviríanse da campaña de Reis que tamén se utilizaría para recrutar novos afiliados. A obsesión polo aumento da afiliación é sempre un tema central na política do SRI, así determinan que, no prazo de dous meses, cada afiliado debe recrutar un afiliado máis e tamén se recomenda traballar na adhesión colectiva de sindicatos e Club Deportivo Obrero.
       O Comité Executivo responde a estas propostas do Comité rexional cun escrito (13-1-1935) no que se aproban estas medidas e ofrece varias razóns polas que as posibilidades de éxito son grandes; entre elas o bo plantel de afiliados en Vigo, Pontevedra, Ourense e outras cidades e que teñen gran ascendente nas organizacións obreiras, así como a a adhesión colectiva de varios sindicatos. Pero na comunicación non deixan de advertir que estas condicións foron malogradas polo “sectarismo crónico” e a falta de organización e de dirección colectiva. Confían en que non se repitan estes erros e pide se lle remita información sobre puntos concretos; destaca a petición de información sobre os novos elementos que se incorporan ao comité rexional e a que tendencias e organismos pertencen.
      En relación coa atención a presos e familias, aparecen distintos listados; un deles está referido a doantes e aparecen os nomes: Asunción Rodríguez, Filomena Martínez, Isolina Piñeiro, José Iglesias, David García, M. Villaverde, Edelmiro Amoedo, Melchor Campos, J. Gil, M. Martínez, Urbano Veiga, Avelino Enríquez, Darío Alonso e J.R. Boente, entre outros.
      De interese especial resulta un listado de presos sociais e políticos aos que hai que prestarlle axuda, aparecen tachados algúns nomes que, dadas as súas circunstancias, non necesitan dita axuda. Especifícanse as condicións económicas e cargas familiares de cada un e que omitimos:
Cangas.- Lorenzo Corbacho Rodal, Estanislao Graña Soliño, Guillermo Chapela Fernández, José Martínez Bames (?), Francisco Martínez Martínez.
Ponteareas.- Rafael Gómez Carrera
Coia.- Ramón Otero.
Lavadores.- Perfecto Cabaleiro Fernández, Isabelino Cabaleiro Fernández, Manuel Mariño Villar, Domingo García, José Mirás, Fernando López, Sebastián Camaño (?), Aquilino Asensio, Manuel Lamas e Fernando Castro.
Vigo.- Adolfo Taboada.
A Guarda.- Antonio Alfonso.
A Comisión local de axuda a presos seleccionados pide solidariedade a todos:

COMPAÑERO: La solidaridad de clase en estos momentos es más necesaria que nunca. La burguesía trata de sembra en nuestras filas el terror, encarcelando a compañeros y dejando sin trabajo a raíz de la huelga a los camaradas más destacados en la defensa diaria de nuestros intereses. Aporta alguna cantidad para la ayuda a estos camaradas hasta conseguir que sean puestos en libertad nuestros presos y vuelvan a sus puestos los seleccionados.

      Pero volvamos ás persoas encausadas tras o rexistro efectuado polo tenente Francisco González “O Rabioso”. Manuel Rodríguez Mouriño continúa detido a disposición da autoridade gobernativa e os outros catro quedan en liberdade; a autoridade xudicial militar ditou o sobresemento. Ao ano seguinte, 1936, a maioría tiveron un fin tráxico, seguramente algo debeu influír o papel destacado na represión que tivo o seu antigo perseguidor “O Rabioso”, que tiña un bo coñecemento da súa ideoloxía e actividades.
Sobre Manuel Rodríguez Mouriño, membro de Amigos de la Unión Soviética, un informe do tenente González afirma: 
Daba escuela a este individuo y a un hermano suyo ya fallecido que era de iguales ideas, un Maestro Nacional de la localidad, también comunista y que estuvo preso con motivo de los últimos sucesos. Las hermanas de aquellos tengo entendido confidencialmente son acérrimas en las mismas ideas y hasta propagan las hojas sediciosas y un tío suyo llamado Juan, hoy difunto, que en vida habitaba con la familia, tenía carnet de “Los Amigos de Rusia”, sociedad política establecida en la localidad. Ha sido pues, criado e instruído en ambiente bolchevique y lo considero elemento de enlace y propaganda peligroso para el orden social” (24-2-1935)

 Manuel Rodríguez Mouriño foi asasinado o 27 de xullo de 1936. Manuel Vázquez Lamas, comunista, directivo do Ateneo Obrero Deportivo, “paseado” en Chapela xunto con 3 homes e unha muller. Manuel Villar Cimadevila, natural de Vila de Cruces, tamén foi “paseado”, neste caso en Vincios (Gondomar) o 6 de outubro de 1936 en unión doutras persoas. Evangelino Taboada Vázquez, afiliado á ORGA e logo ao PCE, natural de Lalín, dirixente do Ateneo de Divulgación Social e do SRI, “por tanto, organizador y peligrosísimo contra el Régimen y orden social” (informe G. Civil, 24-2-1935) estivo fuxido, foi detido xunto co seu fillo Adolfo, a ambos ábrenlle expediente de responsabilidades políticas no ano 1941 (BOE 16-11-41). Morreu no ano 1954.