O
maior número de mortes na represión desatada tras o golpe de estado
de 1936 produciuse a causa da violencia extraxudicial e representou ó
redor dos dous terzos do total. Sobre as circunstancias dos
asasinatos extraxudiciais, ou sexa os efectuados sen que mediara unha
sentenza, non é fácil atopar información fiable dada a súa propia
natureza; aínda así, é habitual contar con fontes orais e, co
baleirado exhaustivo da documentación dos arquivos militares,
aparece documentación que nos permite unha aproximación á
realidade do sucedido.
Neste
artigo utilizaremos este tipo de fontes para, a partir da “saca”
efectuada o 5 de setembro de 1936 no cárcere de Pontevedra, analizar
polo miúdo os axentes e procedementos deste mecanismo represivo.
Dentro
desta tipoloxía represora atopamos diversas modalidades: a)
Execucións baseadas no estipulado polo bando de guerra, que amparaba o
fusilamento inmediato daqueles aos que se atopara en posesión de
armas; non deixaba de ser unha variante legalizada de “paseo”.
Foi o caso de Gerardo Bao, Manuel Calvar ou Faustino Gama, este
último con características especiais que xa tratamos noutra
ocasión.
b)
Os clásicos “paseos, efectuados nos primeiros días por milicias
falanxistas e/ou “cívicos” que actuaban cunha certa marxe de
autonomía pero suxeitas ao control das autoridades de orde pública.
Algúns destes crimes foron consecuencia ou continuación de
torturas. Os cadáveres das vítimas aparecían abandonados en
determinados lugares. Na nosa zona podemos encadrar neste tipo os
asasinatos de Genaro Puga, Aurelio Torres, Juan Magdalena ou Raimundo Rodríguez, entre outros; sobre eles contamos con testemuñas orais
e, nalgún caso, con documentación escrita por testemuñas. É o
caso de Raimundo, asasinato cometido por un grupo de falanxistas de
Marín no que participaba o contratista alemán afincado nesa
localidade, Bruno Schweiger. A denuncia escrita dun oficial do
exército que facía un servizo de vixilancia coa Guardia Cívica
e o diario de Luis de Sa testemuñan o sucedido.
c)
“Sacas” dos cárceres levadas a cabo, seguindo os procedementos
legais, co pretexto de traslado de prisión, interrogatorio ou
localización de armas e explosivos, que remataban co asasinato dos
presos. Poden ser colectivas ou individuais; no caso das colectivas
non era habitual que aparecesen os cadáveres e foran anotados no
rexistro civil; en ocasións foron enterrados en foxas (Xeve,
Tenorio, Xinzo...) e noutras, fondeados no mar (Bueu, Cangas...). Nas
“sacas” individuais era máis común o depósito dos cadáveres
nos cemiterios polo que, nalgúns casos, atopamos dilixencias
xudiciais, autopsias e anotacións da morte no rexistro.
Nos
“paseos” e “sacas”, cando se dá o caso de que algunha das
vítimas é reclamada por un xuíz instrutor de causas militares, a
xustificación da morte sempre se basea no intento de fuga. Esta
chamada “lei de fugas” nunca existiu recollida legalmente, pero
tiña os precedentes máis recoñecidos nos asasinatos levados a cabo
baixo o mandato de Martínez Anido (ocuparía o cargo de responsable
de orde pública dos sublevados) na Barcelona dos anos vinte.
O
esquema básico que sempre aparece nos escritos xustificativos das
desaparicións ou mortes (na práctica totalidade asinados polo
comandante Velarde) é o seguinte: avaría no vehículo ou detención
para efectuar unha necesidade fisiolóxica, petición de descenso do
auto, veloz fuxida desoíndo as voces de alto, internamento nun
piñeiral inmediato á estrada, disparos; nas conducións individuais
é habitual que se indique a morte do fugado (Turnes, Pintos,Zbarsky, Bastilleiros...) pero nas colectivas soe aducirse que se
ignora a dirección que tomou na fuxida (desaparición).
Nas
“sacas” dos cárceres sempre participan directamente axentes da
Guardia Civil, que son encargados oficialmente de dirixir
estes traslados. A burocracia penitenciaria esixía documentación
oficial emitida polas autoridades competentes para permitir a saída
de presos ao seu cargo; este tipo de oficios e os correspondentes
recibos, que de cando en vez poden atoparse en causas militares,
documentan o procedemento. Na zona pontevedresa era habitual que,
acompañando á parella de gardas civís encargados, participasen
membros da Guardia Cívica que estaban adscritos para prestar
servizos no cuartel que compartían no campo da feira; tamén soían
facelo falanxistas, algúns procedentes doutras zonas como Lalín,
Vilaboa, O Salnés...
O
procedemento que se seguía está pautado e documentado: orde da
“Superioridad” (Delegación de Orden Público e/ou
Comandancia militar) ao Inspector Provincial de Prisións, este
comunícallo aos directores da prisión emisora e receptora e á
comandancia da Guardia Civil. Os detidos nunca chegaban á
prisión sinalada e non se sabía máis deles de non darse o caso
dalgunha reclamación da xustiza militar, como apuntamos
anteriormente.
Unha
cuestión difícil de documentar de xeito exacto é a da elaboración
das listas de detidos a eliminar; algúns autores sosteñen a
existencia dunha especie de tribunal secreto con curas, patronal e
falanxistas. O máis lóxico é supoñer que a Delegación de
Orden Público, a comandancia da Guardia Civil e a
xefatura da Guardia Cívica tiveran un papel determinante na
súa confección. A información sobre os sinalados só podía chegar
a través dos ficheiros da Guardia Civil, policía ou servizos
de información de Falanxe, porén esta última non tiña unha
presencia significativa nas primeiras semanas. Tampouco podemos
desbotar que, nalgún caso, se tiveran en conta denuncias concretas
por parte de sectores afectos.
A
documentación dos arquivos militares parece confirmar o apuntado
anteriormente: na causa 440/40 sobre a desaparición de AlbertoMartínez, afirmacións de testemuñas presenciais certifican a
participación do Delegado de Orden Público e gobernador
civil, Ricardo Macarrón, do xefe da comandancia da Guardia Civil,
Joaquín Velarde, e do xefe efectivo da Guardia Cívica,
Víctor Lis, na reunión na que se decide a súa morte. Trataremos o
caso máis adiante.
O
papel do Delegado de Orden Público, que reunía a condición
de gobernador civil e que fora, ata ocupar estes cargos, xefe da
comandancia da Guardia Civil, debeu ser moi relevante;
coincidimos co apuntado por Eliseo Fernández para Ferrol:
En pouco tempo foi
clarificándose a distribución de competencias na represión: a
xurisdición militar encargábase da represión sobre os militares
presos e os civís mediante a instrución de causas militares [...]
mentres que a Delegación de Orden Público asumía pola súa banda a
represión extraxudicial contra os fuxidos que ían sendo capturados
e contra os civís seleccionados dentre os presos que se acumulaban
nos numerosos cárceres” (Os Nomes do terror, 2017: 89).
Utilizaremos
a “saca” efectuada na prisión pontevedresa o 5 de setembro de
1936 como exemplificación do modelo proposto anteriormente.
No
caso estudado de José Fares Fidalgo, da documentación achegada ao xuíz instrutor, que aparecía na
causa que se lle incoara, afirmábase
claramente que fora unha fuga individual, aínda que había
referencias a unha condución colectiva de presos; isto tamén
sucedía noutros casos e raramente atoparemos referencias á
aplicación da “lei de fugas” a dúas ou máis persoas
conxuntamente. A coincidencia de datas (entre o 4 e o 7 dese mes) na
desaparición de varias persoas levounos a analizar as causas
instruídas nas que aparecían algunhas delas.
A
referencia a Luis Abilleira fixo que consultáramos a causa 174/36 e
nela aparece unha comunicación de Velarde, a requirimento do
instrutor, que coincide case literalmente coa que xustificaba a
desaparición de Fares:
al ser conducido la noche del
día 5 del actual, en unión de otros desde esta Capital a la Prisión
de Caldas de Reyes, por los Guardias segundos de esta Comandancia
Evaristo Cid Lozano y Manuel Araújo Fernández, aprovechando una
parada que hizo el vehículo que los transportaba, para reparar una
avería, solicitó de la fuerza se le permitiese apearse unos
momentos por notar síntomas de mareo. Autorizado por la pareja para
apearse, nada más bajarse del coche emprendió una veloz carrera
consiguiendo internarse en un pinar inmediato a la carretera y
ponerse protegido por la oscuridad reinante fuera del alcance de la
pareja conductora que le persiguió haciendo varios disparos de fusil
ignorándose la dirección que haya tomado.
Comprobando
vítimas que morreran nestas datas, localizamos a causa 594/36 contra
Andrés Rey e Ramón Magariños por insultos a sentinela realizados o
día 9 de agosto de 1936; nela aparece un oficio de Manuel Cidrón,
director da prisión provincial, comunicándolle ao instrutor que, en
virtude do ordenado pola superioridade, Andrés Rey fora entregado á
Guardia Civil para conducilo á prisión de Caldas o 5 de
setembro. Temos que recorrer á causa 1098/36 para atopar máis
detalles desa suposta condución. A información que nos proporciona
é fundamental para a nosa investigación pois atopamos unha serie de
oficios con datos reveladores.
Con
data 22 de setembro, a Inspección Provincial de Prisións comunica
ao xuíz instrutor, Julio Fernández de los Ríos, os datos que tiñan
sobre Andrés:
Oficio
nº 218.
Tengo el gusto de participarle
que, cumpliendo órdenes de la Superioridad, esta Inspección ruega a
V. sean entregadas a las fuerzas de la Guardia Civil de la
Comandancia de Pontevedra, para su traslado a la Prisión de Caldas,
los detenidos en esa Prisión Provincial, Andrés Rey, Francisco
Fernández, Luis Abilleira, Alfonso Rodrigo, Carlos Varela, José
Fares Fidalgo, Vicente Guillán, Maximino Alonso y Manuel Pedreira,
Maestro Nacional, lo que comunico a V. para su conocimiento y demás
efectos.= ¡Viva España!= Pontevedra, 5 de Septiembre de 1936.= El
Inspector.- Firmado. Sr Director de la Prisión
Provincial.=Pontevedra.
Oficio
219.
Tengo el gusto de manifestarle
que esta Inspección, cumpliendo órdenes verbales de la Superioridad
sírvase disponer que los detenidos [os citados anteriormente] sean
conducidos por fuerzas de la Guardia Civil[...]. (Está asinado por
Lago Búa e diríxese ao comandante da Guardia Civil).
Oficio
220.
Sírvase admitir en esta
Prisión en calidad de detenidos a [...]que proceden de la Prisión
Provincial y que son trasladados a esa por orden verbal de la
Superioridad y que van conducidos por fuerzas de la Guardia Civil de
la Comandancia de Pontevedra. (Asina o inspector Lago Búa e diríxese
ao xefe da prisión de Caldas).
Oficio
222.
Tengo el honor de participarle
que esta Inspección, en cumplimiento de lo dispuesto por V.S., y por
el mal comportamiento que estos detenidos tienen en la Prisión
Provincial, procedió en el día de hoy a dar las oportunas órdenes
para su traslado a la Prisión de Caldas, habiéndose dirigido a
tales efectos al Sr. Comandante de la Gaurdia (sic) Civil de esta
Capital para que estos detenidos [...] sean conducidos y custodiados
por las fuerzas a sus órdenes a la referida Prisión. (Este oficio
está dirixido ao Delegado de Orde Pública).
Oficio
223. Reproduce exactamente o anterior e está dirixido ao comandante
militar da praza.
Da
lectura dos anteriores oficios despréndense varias conclusións: o
traslado foi colectivo, coñecemos o nome dos presos, a custodia foi
da Guardia Civil e as ordes de traslado foron dadas polo
delegado de orde pública (Ricardo Macarrón) e polo comandante
militar (Leoncio de Aspe Baamonde).
Na
mesma causa aparece a habitual comunicación de Velarde dando conta
da “fuxida” do preso, cunha redacción idéntica ás xa
reproducidas.
Comprobamos
tamén se existía documentación referida a outro dos conducidos, o
mestre de Sanxenxo Alfonso Rodrigo; atopamos un escrito do tan
nomeado Lago Búa, datado o 20 de setembro, no que comunica ao
instrutor que fora conducido o día 5 dos correntes a Caldas e que se
dera conta ao comandante militar. Na causa 832/36 o instrutor oficia
ao comandante da Guardia Civil para que manifeste a situación
do mestre, xa que non ingresara en Caldas. O 27 de outubro, Velarde
remite un informe idéntico aos precedentes: parada do coche por
avaría, síntomas de mareo, fuga e internamento no bosque, disparos
e ignorancia da dirección que tomara.
Aparece
no listado de presos un tal Vicente Guillán (o seu apelido está
errado, é Guillén). Na causa 953/39, localizamos unha declaración
súa, efectuada no xulgado militar de Vigo o 21-9-1939; nela afirma
que:
ingresó en la cárcel en la
cual permaneció hasta el día 6 de sectiembre (sic) de mil
novecientos treinta y seis a la noche en que salió de esta para ser
trasladado según le dijeron a la de Caldas de Reyes, cuyo traslado
se efectuó en una camioneta. Que en lugar de llevarlo a la cárcel
de Caldas como le habían previsto le llevaron en unión de ocho más
al cementerio de la parroquia de Aldán de donde se fugó
permaneciendo cuatro días en el monte hasta que le prepararon un
lugar en su casa.
Sobre
algunha das persoas que o acompañaron, parecíalle que un deles era
un veciño de San Andrés de Comesaña.
Nun
informe, datado o 26 de setembro de 1939, sobre os resultados dunha
citación a tres veciños desa parroquia viguesa para que
compareceran diante do xuíz militar, aparece un dos compoñentes na
relación de conducidos: Maximino Alonso Comesaña, que non pudo
comparecer “por haber fallecido en esa Capital hallándose sujeto a
procesamiento”. Ademais, a Guardia Civil confirma a fuxida
de Guillén nunha condución efectuada pola forza pública.
A
data dos feitos e a mención á zona de Aldán condúcenos a
relacionar o caso co asasinato do concelleiro pontevedrés Alberto
Martinez Tiscar. Na causa 440/40, o “cívico” Mirón (logo de que
o xuíz lle asegurara protección) declara a existencia da reunión,
xa citada, na que se decide a detención e eliminación do
concelleiro:
Que el comandante Velarde le
dijo “oye Mirón hay que ir a buscar con una pareja a Alberto
Martínez y de este que no quede ni rastro porque sinó ya sabes lo
que te pasa, te fusilo. [...] Que cuando el dicente salía con la
camioneta acompañado de dos guardias Civiles y Cívicos, D. Víctor
Lis Quibén acercándose al dicente le dijo “ya has oído lo que ha
dicho el Comandante, que no quede rastro de Alberto Martínez y ten
mucho cuidado con lo que dices y que nadie se entere de esto.
Logo
da detención de Alberto en Covelo (Samieira) efectuada por “cívicos”
e o garda civil Evaristo Cid, sóbeno a unha camioneta nas portas do
cárcere, xunto con outros presos; na expedición ían Mirón, dous
gardas civís e varios “cívicos” e falanxistas. Pasaron por
Marín e dirixíronse ao cuartel da Guardia Civil de Bueu,
onde se incorporaron outros gardas e falanxistas:
conduciendo a los detenidos a un
monte, donde fueron fusilados y después de haberlos ejecutado se
volvieron a cargar en la camioneta los cadáveres, siendo arrojados
al mar muy retirados de la playa sin que sepa fijar el paradero
porque el dicente quedó en Bueu en el Cuartel de la Guardia Civil,
yendo los restantes a efectuar la anterior diligencia.
Mirón
afirma que na camioneta viaxaban dous gardas civís, os “cívicos”,
Borrajo, José Estévez, Avelino Fraga e outros; Avelino Fraga “O
Chalán” declara que tamén participaran falanxistas de Lalín,
Vilaboa e Bueu. Segundo José Estévez “O Raña”, logo de fusilar
os presos nunha carballeira, metéranos nunha motora e fondeáranos
no mar.
Unha
investigación sobre outras sacas confirma a semellanza no
procedemento. Nunha das notas reservadas redactadas tras a detención
do inspector de prisións Lago Búa, afírmase que
o día 8 de novembro de
1936 sacaron de
San Simón, para
conducilos ao cárcere de Redondela, a José López Bernárdez, Luis
Frade Pazos, Ramiro Granja González, Luis Varela Sobrado, José
Montoto Rodríguez, Eliseo Garra Lalín, Alfonso Alonso Portugue
(sic), Telmo Rodríguez Alonso, Juan Alonso Pérez, José Gómez
Sampayo e Antonio Picallo Buela. Sabemos
que foron fusilados na volta do Couto e enterrados en Tenorio.
O
día 9 efectuaron o mesmo con Manuel Fontán Herbón, Manuel Lustres
Rivas, Abdón Simón Da Ponte, Silo Marmolejo Santos, Vicente
Bautista Faria, Manuel Nores Portela, Víctor Fraiz Castellanos e
Florentino Vázquez Doval. Neste caso foron “paseados” en
Trasmañó (Redondela)
O
día 11 sacan a Gumersindo González González, José Romero
Castiñeiro, Alberto Casal Dozo, Ángel Rial Vidal e Eduardo García
Santos. Estes, xunto con Antonio Fariña Duque, foron asasinados na
estrada de Campo Lameiro, na Lomba (Gargallóns), e enterrados na
parte exterior do cemiterio de santo André de Xeve. Vexamos o caso
dun deles: Alberto Casal Dozo “O Rosquilleiro” e comprobamos que
se repite o relatado anteriormente. Na causa 199/37 afírmase que foi
entregado á Guardia Civil para trasladalo ao cárcere da
Cañiza. Existe un oficio do xefe do lazareto, Pelegrín González,
(29-1-1937), no que se comunica que Alberto foi trasladado ao cárcere
de Redondela o 11 de novembro xunto con varios máis, existe recibo
da entrega; no cárcere de Redondela certifican o ingreso por orde de
Lago Búa e que o 12 de novembro fixérase cargo deles a Guardia
Civil, foi encargado da
forza condutora o garda Miguel Gómez. Afírmase que ao chegar á
parroquia de Xeve, ao deterse o vehículo por avaría, tentou a
fuxida e, ao non deterse ás voces de alto, a forza condutora
causoulle a morte.
Conclusión:
as sacas dos cárceres foron ordenadas polas autoridades golpistas de
cada zona (delegacións de orde pública/comandancias militares),
cumpriron cos trámites burocráticos estipulados para os traslados,
os encargados da custodia foron membros da Guardia Civil,
que estaban acompañados de
falanxistas e “cívicos”, os asasinatos xustificáronse, a
posteriori, como intentos de fuga mediante informes, practicamente
idénticos, e sen a máis mínima credibilidade. Non son, por tanto,
obra de incontrolados senón actuacións pautadas nas que gardas e
milicianos actuaban baixo mandato das autoridades.
Foto: Cárcere provincial de Pontevedra (actual Audiencia).