domingo, 22 de febrero de 2015

Mulleres nas requisas.


  Para Queta Molas e compañeiros e compañeiras da asociación para a recuperación da memoria histórica de Marín, polo seu traballo exemplar e compromiso coa verdade, a xustiza e a reparación.
Na entrada anterior falamos de Atilano Godoy e dos feitos que o levaron a estar preso e ser fusilado no forte de san Cristóbal. Nos rexistros efectuados o 20 de xullo en Marín, nos que foi acusado de participar, estivo acompañado por numerosos militantes da Fronte Popular, que tamén foron xulgados con el na causa 1286/36. Entre eles estaban catro mulleres ás que se lles abriu sumario; elas van ser as protagonistas desta páxina.
O seu calvario comeza a principios de agosto de 1936 cando o delegado gobernativo en Marín, José Alcántara Fernández, acompañado de varios gardas cívicos, de madrugada, presenta no cuartel da Guardia Civil a
cuatro individuas una de ellas Presidenta de la Confederación de trabajadoras, las cuales se dedicaban acuacionar (sic) a las mugeres (sic) y otras se dedicaron el día veinte por la tarde en unión de varios jóvenes a efectuar registros domiciliarios. (Causa 1286/36. AMN)
 Entre os domicilios rexistrados falábase do do propio Alcántara, de Maestú e do de Ezequiel Massoni.
A Guardia Civil comeza os interrogatorios.
 Dolores Santiago Troitiño, de 32 anos, solteira, veciña de Cantodarea, era presidenta da sociedade de chaboleiras e empacadoras e nega as acusacións que se lle fan.
Antonia [Ramona] Otero Martínez, 28 anos, Cantodarea, recoñece que, logo de estar no concello xunto con multitude de xente, foi requirida por unha comisión de persoas para acompañar nos rexistros de casas, cousa que fixo, sen entrar dentro dos domicilios, ata a saída dos militares, momento que aproveitou para fuxir cara á casa.
A irmá da anterior, Adelina, 23 anos, manifesta que estivera na zona do concello, que se deron á fuga ao saír as tropas e que, de camiño, viron como se rexistraba a casa de Eusebio Santiago. Recoñece que o primeiro de maio, foi á xira campestre en unión da súa irmá e os comunistas “formados y uniformados como igualmente la declarante y su hermana.”
Estas irmás eran coñecidas polo alcume de “As Casqueiras” que na causa converten en “Las Canasteras” e Antonia parece ser que se chamaba Ramona aínda que nas declaracións asina como Antonia.
Asunción Vilas López, 23 anos, solteira, domiciliada en As Pedreiras (Lourizán), coincide no relatado polas anteriores e proporciona máis detalles sobre os actos do primeiro de maio aos que asistiu 
en unión de los comunistas y milicias socialistas que fueron formados a la jira (sic) campestre que tuvo lugar al punto conocido por la Raña, al frente de estos en primera fila iba la declarante con la Avelina (sic) y Antonia [Ramona], vestidas algunas contrage (sic) rojo pero la que dice lo llevaba azul. (Causa 1286/36. AMN)
Ezequiel Massoni declara que lle rexistraran a casa logo de ameazalo cunha pistola e que só coñecía dos participantes a unhas irmás coñecidas por Las Canasteras. Outra testemuña acusa a Antonia [Ramona] e Asunción de entrar nas casas, rexistrar habitacións e mobles así como de cachear ás mulleres.
O informe do concello atribúelles mala conduta e profesar ideas políticas de extrema esquerda.
O instrutor non atopa cargos contra Dolores Santiago Troitiño, polo que queda fóra da causa, aínda que fai constar o cargo sindical que ocupaba e indica que percibía como retribución por desempeñalo a cantidade de cento cincuenta pesetas mensuais.
O consello de guerra tivo lugar o 19 de decembro de 1936 e a sentenza considera a Ramona, Adelina e Asunción como autoras dun delito de auxilio á rebelión e condénaas á pena de doce anos e un día de reclusión.
As tres estiveron presas no tristemente celebre cárcere de Saturrarán, en Mutriku (Guipúscoa).

viernes, 6 de febrero de 2015

Atilano Godoy Calvelo: Tenorio, Marín, forte de Ezcaba.

O vindeiro xoves achegarase a Pontevedra Fermín Ezkieta, autor do libro “Os fugados do forte de Ezcaba”; falará sobre o sucedido na fuga que tivo lugar nesa prisión navarra o 22 de maio de 1938. Moitos dos fugados foron galegos, entre eles algúns pontevedreses que alí cumprían condena.
Un deles foi o  nativo de Tenorio (Cotobade), aveciñado en Marín, Atilano Godoy Calvelo. As circunstancias e a data da súa morte aparecen reflectidas de xeito contraditorio na documentación oficial. Na páxina los fugados de ezcaba 1938 trátase o caso e cóntanos como, no rexistro de Cotobade, inscríbese nunha anotación á marxe como fusilado en Juslapeña o 25 de maio de 1938; no rexistro de Ansoain figura como morto en Esteribar e como causa da morte aparece que “resultó muerto por la Fuerza pública encargada de su captura al hacer armas contra ella.” Trátase da acostumada terxiversación oficial  do que, en realidade, foi unha  caza do home contra os fugados.
Nesta entrada non imos falar destes feitos senón dos que deron lugar ao encarceramento de Atilano.
Atilano Godoy nacera en Tenorio o 1 de abril de 1915, estaba solteiro e traballaba en Marín de panadeiro. A principios de agosto sucédense unha serie de detencións de mozos e mozas acusados de participar nos rexistros de varios domicilios marinenses na procura de armas. Entre os detidos atopábase Atilano; no interrogatorio a que foi sometido o 16 de setembro, manifesta que, o 20 de xullo, atopárase cunha serie de persoas, das que coñecía a José García Busto (“paseado” o 5 de agosto), que lle dixeran que os acompañase a rexistrar casas; el dixéralles que non ía e ameazárono con que o suspenderían no seu traballo e que non pasaría nada, pois levaban unha orde do alcalde. Indica que foi ameazado por Busto, que non levaba armas e que pertencía á Sociedade de Oficios Varios para poder traballar.
    O informe do concello indica que estaba afiliado ás xuventudes marxistas, das que era elemento destacado pois era considerado xefe e que dirixira os asaltos e rexistros en casas particulares, aplicándose igualmente á propaganda  das súas ideas dentro e fóra da localidade.
 Xunto con outras persoas foi encartado na causa 1286/36; o seu defensor foi o capitán de artillería Rafael Reyes. O consello de guerra tivo lugar en Pontevedra o 19 de decembro de 1936.
    Nun dos resultandos da sentencia consta:
 Que en la Villa de Marín de esta provincia, secundando órdenes del Gobernador, desde el día veinte y siguientes del mes que se cita, el Alcalde y directivos del Frente Popular agotaron los medios a su alcance para la recluta de personal y material con que oponerse al Ejército, organizando partidas armadas integradas por los afiliados políticos y sindicales, los que requisaron armas y practicaron registros domiciliarios con tal fin y así, los procesados en esta causa, formando grupo allanaron las moradas de los vecinos DON JOSÉ ALCÁNTARA, DON LUIS NUÑES Y DON EZEQUIEL MASONI (sic), distinguiéndose entre ellos el ATILANO GODOY, que empuñando pistola amenazó a los propietarios que a su vez fueron objeto de insultos por parte de las tres mujeres procesadas.”
Condenan a Atilano á pena de reclusión perpetua coa accesoria de  interdición e inhabilitación absoluta perpetua. Ramona e Adelina Otero, Asunción Vilas e Ignacio Caeiro impóñenlles doce anos e un día e a Ricardo Soto 15 anos de reclusión.
Sirvan estas letras de lembranza para Atilano e para todos os fugados do forte de san Cristóbal.