sábado, 22 de marzo de 2014

Portugueses en Galicia


    Escribir sobre a traxectoria de Dionisio Pereira como investigador e acerca do seu compromiso para botar luz sobre as etapas máis escuras da nosa historia é innecesario neste blog, onde xa se falou doutras obras da súa autoría.
    Nesta ocasión, facémolo  sobre a  recente aparición da obra “Emigrados, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940)”, editado por Através Editora.
    O papel da comunidade portuguesa no noso país foi, ata agora, unha desas áreas que permanecían na escuridade, ignorada pola inmensa maioría de galegos e portugueses. O libro de Dionisio Pereira racha con ese descoñecemento e achéganos información sobre diversos campos: o fenómeno migratorio portugués de finais do século XIX e primeiro terzo do XX cara ao noso país; o mundo dos exiliados políticos do país veciño con anterioridade a 1936; tamén destaca o seu tratamento da represión dos golpistas españois sobre traballadores portugueses que vivían en Galicia, moitos deles cunha actuación destacada no asociacionismo obreiro.
    Dende os últimos anos do XIX, os obreiros portugueses foron utilizados por determinados patróns como crebafolgas; así foi o caso, na nosa cidade, do coñecido contratista Benito Corbal, acusado de contratar “esquirois” portugueses para rebentar conflitos cos seus obreiros. As iniciativas de  solidariedade entre obreiros de ambos lados da Raia fixeron que, pouco a pouco, este tipo de prácticas foran desaparecendo.
    Exiliados políticos de diversas tendencias tamén tiveron Galicia como residencia ao longo deste período, e Dionisio Pereira préstalle demorada atención á época republicana.
    O capítulo máis extenso está adicado á represión franquista contra os portugueses, que afectou ao redor de trescentas persoas, das que preto de setenta foron asasinadas. Foron reprimidos polo seu compromiso político e social e non pola súa nacionalidade. Analiza os diferentes casos e tamén a actitude cómplice  das autoridades portuguesas; non falta tampouco a referencia ás actividades de fuxidos e guerrilleiros nos territorios da Raia. Destacamos o anexo formado por pequenas biografías das vítimas, no que podemos atopar veciños da comarca pontevedresa, como António Fernandes Guimarães, António Moreira, Manuel da Silva Barbosa, Francisco Alves Vidal, entre outros, así como os fusilados na capital procedentes doutras localidades: Manuel Graciano Araújo, Adonis Teixeira Alonso (“paseado”) e Augusto Afonso Gonçalves.
    En resume, un libro fundamental para coñecer este anaco da historia e que abre un camiño a novas vías de investigación nas relacións transnacionais entre Galicia e Portugal.