jueves, 7 de septiembre de 2023

Intento de suborno.


Eran anos de fame, estraperlo e corrupción; o sistema de cupos sobre determinadas mercancías, imposto pola política económica intervencionista do réxime, propiciaba redes fraudulentas que as subtraían do circuíto oficial regulado polas autoridades para vendelas no mercado negro. Na maioría dos casos, estas redes non eran alleas ao funcionariado e cargos do réxime e a sectores próximos ao poder que participaban do chamado gran estraperlo.

Organismos como a Comisaría de Abastecementos e Transportes (CAT) ou a Fiscalía de Taxas, creados para controlar o sistema de abastecemento, resultaban ineficaces ou pouco activos para evitar estes fraudes (cando non participaban directamente neles). Máis eficientes parecían na loita contra o pequeno estraperlo, cun número elevado de sancións e comisos de mercadorías. De cando en vez aparecían nos xornais novas dalgunha acción contra o gran estraperlo, mesmo se se trataba dun cargo político. Era un xeito de propaganda sobre o carácter xusticeiro do réxime, que daba a imaxe de sancionar duramente tamén os seus propios membros; moitas veces encubría loitas internas polo poder.

A xeito de exemplo tratamos un caso que afectou o alcalde de Meaño no ano 1943. Manuel Sineiro Moldes era membro dunha familia moi ligada ao poder municipal xa dende antes do golpe de estado; un dos seus membros, Ángel Sineiro, fora alcalde durante a Ditadura de Primo de Rivera. Manuel, industrial, afiliárase a Falanxe e, no ano 1940, cando era secretario local de FET y de las JONS, fora nomeado membro da xestora municipal.

O 27 de febreiro de 1943, o xornal falanxista El Pueblo Gallego publica en portada unha nota do gobernador civil coa nova da destitución, detención e ingreso no cárcere do alcalde Manuel Sineiro, que pretendera subornar un funcionario da Delegación Provincial de Abastecementos e Transportes. 

Al hacer públicas estas medidas, me complazco en felicitar a los funcionarios del referido Servicio, por dar muestras de probidad como la presente.

O asunto estaba relacionado co cupo de fariña adxudicado ao concello de Meaño: segundo o expediente 513/431, iniciado o 23 de febreiro, o funcionario denunciante afirma que 

le propuso que si además del cupo de harina que correspondía a dicho Ayuntamiento lograba entregarle alguna cantidad más, le daría mil pesetas animándole a recibir dicha cantidad puesto que la vida estaba muy mal y que el podía lograr otros ingresos de esta forma.

 O funcionario dera conta ao secretario e idearon unha estratexia para coller no allo ao alcalde; citouno nun reservado do Bar Español ao que acudiu Sineiro acompañado dun panadeiro da súa localidade. Cando o funcionario saíu cun pano branco na americana como sinal de que se efectuara o pago, interviron o secretario e un subinspector da CAT que procederon a indicar que os acompañasen para interrogalos.

Sineiro aduce que a intención era que o funcionario estudase a posibilidade de aumentar o cupo do seu concello 

por no llegar a cubrir las necesidades y ser mucha la gente que llega a pedir pan todos los días, no haciéndolo, sin que en el ánimo del que dice hubiese intención de lucro alguno.

 Asegura que todo fora debido a unha insinuación do panadeiro (que fora quen entregou os cartos ao funcionario), sen afán de lucro e só co ánimo de que a industria continuase traballando. O panadeiro corrobora o anterior.

O secretario fai constar a certeza que ten da capacidade e honradez do funcionario denunciante (Francisco González López de la Ballina) e 

ni por un momento pongo en duda sus manifestaciones de que el Sr. Alcalde pensaba realizar un gran negocio con los cupos de harina [...] Llegó a indicarle que las verdaderas ganancias las obtendrían los dos puesto que ya verían la forma de engañar al panadero al que utilizarían como testaferro.

O Comisario xeral de Abastecementos e Transportes, en vista da gravidade dos feitos propón ao ministro de Gobernación o internamento do alcalde nun Batallón de Traballadores.

144-02547-00001 AGA.