Se hai unha tradición popular e
estendida por todos os pobos de Galicia, esa é a de lembrar os
defuntos adornando con flores e alumeando con velas as tumbas dos
cemiterios no mes de Santos; pero fóra dos camposantos aínda
existen lugares de morte ou de enterramento de vítimas do golpe
militar do 36. Moitos destes lugares son descoñecidos para a maioría
da poboación, sen unha placa ou símbolo que nos lembre o que alí
sucedeu. Non ocorre así co malecón de Monte Porreiro, lugar de
fusilamento de máis dun cento de persoas e que conta cun monumento
que nos lembra o sucedido. Outro destes lugares é a chamada “volta do Couto”, na carreteira de Ourense, entre Bora e Tenorio; alí non
hai símbolo que nos lembre os crimes cometidos no lugar pero está
na memoria das xentes.
No ano 1944 aínda o terror estaba
presente con toda intensidade, algúns presos saían das cadeas
grazas aos indultos, eran anos de medo e de fame. A guerrilla actuaba
nas zonas próximas e a resistencia contra o réxime contaba cunha
organización incipiente vinculada, fundamentalmente, co partido
comunista. Non eran tempos doados para lembrar publicamente as
vítimas republicanas, aínda así, a resistencia foi capaz de
efectuar o que foi a acción máis espectacular e inimaxinable da
propaganda antifranquista.
Na mañá do primeiro de novembro de
1944, forzas do Servicio de Información da Guardia Civil
pontevedresa observaron no malecón de Monte Porreiro e “sobre la
trinchera donde durante el Glorioso Alzamiento Nacional se estuvieron
verificando los fusilamientos de los condenados a la última pena por
los Tribunales en los Consejos de Guerra.” que aparecera unha cruz
de madeira cravada no chan, sobre ela unha coroa de flores naturais
e, pendente desta, unha cinta de crespón negro dun metro de longo e
14 centímetros de ancho, que tiña pintada con esmalte branco a
frase: HONOR A NUESTROS MÁRTIRES. Outra cruz, con coroa e cinta
semellantes, foi recollida ao día seguinte na “volta do Couto”,
na marxe esquerda da carreteira en dirección á capital.
A ousadía do feito puxo en máxima
actividade á “Brigadilla” da Guardia Civil así como á
comisaría de policía, pero as xestións para dar cos autores non
deron resultado e só puido saberse que as coroas foran adquiridas no
establecemento da viúva de Rivas, en Poio, por un home vestido cunha
prenda de coiro; para engadirlle máis aquel ao asunto, quen as
despachara fora un policía, xenro da propietaria, que,
evidentemente, pouco podía sospeitar do destino das mesmas.
A xustiza militar abre unha causa
contra “autores desconocidos de un delito de propaganda subversiba
(sic)”.
Adicado aos compoñentes da tertulia dos martes.