O título do artigo
tómollo prestado a Carlos Méixome, autor dun magnífico artigo en
Nós Diario: “Tres cabaleiros españois e unha consideración
previa” (30-12-2020); nel facía unha semblanza de tres militares
participantes na represión en Tui, un deles o protagonista desta
entrada. No blog do mesmo autor, Pé do Galinheiro
un neto do militar fai uns comentarios nos que defende a postura
humanitaria e oposta á entrega de presos para fusilalos, na súa
etapa de responsable do campo de concentración do mosteiro de Oia, onde era coñecido como “o capitán castaña”. Apunta este
familiar que a súa postura levou a que o denunciaran e fora xulgado
nun consello de guerra no que o absolveran. Non dei localizado esa
causa pero si outra anterior contra Maximino Méndez Varela, no ano
1936, por neglixencia (causa 916/36). Posiblemente fora esta á que se referira.
Quede constancia
pois da miña débeda co admirado Méixome por provocar a curiosidade
que posibilitou este traballo.
O estudo desta
causa, que rematou coa absolución de Méndez, proporciona moitas
luces sobre o desenvolvemento dos procesos celebrados en Tui, aspectos que
neles influíron e a dinámica xeral dos procesos militares.
Aparece clara a
existencia dun grupo moi caracterizado dentro dos militares con mando
na zona, que preme fortemente para imprimir a máxima dureza nas
actuacións, significadamente, contra personalidades políticas
tudenses. Destacarían nel os capitáns José Peñarredonda, que
ocupaba o cargo de alcalde, e Eduardo Rodríguez, que era o
comandante militar da praza. Este grupo é o que está detrás das
denuncias contra Méndez pola actuación, ao seu xuízo, branda e
pode que desleal, como instrutor da causa 529/36.
Destaca tamén a
comprobación do papel decisivo dos auditores e asesores xurídicos
das comandancias militares. É un feito coñecido a importancia dos
auditores como garantía do respecto ás formalidades xurídicas dos
procesos e na valoración e revisión das sentencias emitidas polos
tribunais en orde á ratificación ou disentimento pola máxima
autoridade militar; tamén na análise da instrución do proceso
feita polo xuíz instrutor para determinar a elevación a causa ou
sobresemento. Neste caso, dun xeito claro e detallado, pode
comprobarse ademais a intervención directa, non só dos auditores
rexionais senón tamén dos auditores e asesores xurídicos dos
gobernos militares, tutelando de inicio a fin os procedementos:
suxiren actuacións, testemuñas, desgloses en pezas separadas,
revisan procesamentos e cualificacións feitas polos instrutores.
O tenente retirado
de infantería Maximino Méndez fora nomeado xuíz instrutor de
causas militares na praza de Tui, actuou na 529/36 por rebelión e
auxilio á rebelión contra destacados republicanos da cidade
“Dirigentes y auxiliares del Movimiento de Rebelión contra las
fuerzas del Ejército Nacional” así como contra os promotores da
folga xeral entre os días 18 e 27 de xullo. As actuacións inícianse
o 1 de agosto e están encartadas 30 persoas, delas algunhas
declaradas en rebeldía e outras xa falecidas. Na peza principal
houbo condenados a morte, que foron executados o 27 de agosto (José
Alonso Martínez, Francisco Guinde Puente e Enrique Jaso Paz). Na
peza separada 889/36 (un dos motivos da denuncia contra Méndez)
estaban comprendidos Alejo Diz Jurado, Darío Álvarez Limeses,
Serafín Fernández Costas, Manuel Domínguez León, José Felipe
Muñoz, Julio Fernández Fernández e Francisco Alonso Menela. En
consello de guerra celebrado o 13-10-36 todos foron condenados a
morte, agás Francisco Alonso que foi condenado a cadea perpétua.
A finais de agosto,
o comandante militar de Tui, capitán de artillería Eduardo
Rodríguez, dá conta telefonicamente ao comandante militar de Vigo
da existencia de denuncias sobre certas actuacións do instrutor; a
continuación informa por escrito das “irregularidades observadas
desde hace algún tiempo en la actuación del Teniente DON MAXIMINO
MENDEZ, como Juez Instructor de esta Comandancia Militar”. Detalla
polo miúdo a actuación denunciada consistente en que, como
instrutor do sumario incoado contra os dirixentes do “movimiento
comunista” en Tui, elevara a sumarísimo as actuacións contra
persoas encartadas de segunda fila e continuara por trámite
ordinario contra outras persoas de máis elevada responsabilidade
dándose el caso insólito de que habían sido ya fusilados los
del juicio sumarísimo y todavía no se había dictado auto de
procesamiento contra los otros no obstante su mayor responsabilidad y
categoría.
Non atribúe ese comportamento a incompetencia de
Méndez
pero bien pudiera haber influído en el ánimo del Oficial
en cuestión, las frecuentes visitas que le ha hecho el Médico Don
Darío Álvarez Blázquez, hijo de uno de los encartados, a quien se
ha visto en alguna ocasión paseando con el mencionado oficial,
siendo ello motivo de escándalo para los espíritus perspicaces.
Apunta tamén as visitas do director da sucursal do Banco Pastor,
Arturo Zas que tiña vínculos de amizade con algún dos encartados.
Continúa o escrito
afirmando ter novas de que algunhas comunicacións dirixidas a este
xuíz non foran unidas ao sumario e que se dera
el caso insólito
de que este Oficial al proponerme la libertad provisional de cuatro
encartados por no aparecer suficientemente probada, según él, su
culpabilidad, se permitía hacer una verdadera defensa de los mismos,
citando en su descargo todo cuanto podía favorecerles, y omitiendo
en cambio aquellos informes que les eran adversos como los del señor
Delegado de Orden Público, quien por los medios propios de que
dispone se halla en condiciones de darlos verídicos sobre todas las
personas encartadas.
Está fóra de
dúbida a conivencia coa denuncia ( posiblemente fose súa a
iniciativa) do alcalde, capitán de infantería retirado José
Peñarredonda, que presta unha declaración coincidente con aquela.
Tamén declara en contra de Méndez o secretario da causa, avogado e
sarxento de complemento Teodosio Baquero, que sinala trato de favor do tenente a
Serafín Fernández Costas.
O día dous de
setembro relevan a Méndez no cargo de instrutor sendo substituído
por Rafael Pineda.
Ábrense dilixencias
e o 7 de setembro comparece Maximino diante do instrutor; manifesta
que fora a Tui o auditor Álvarez de Toledo para fiscalizar e
asesorar nos procesos incoados e que, ao examinar o dos dirixentes
tudenses, dixéralle:
vamos a procesar a estos cinco individuos
para juicio sumarísimo y los restantes los dejamos para ordinario,
continuando la práctica de diligencias; dictando el mismo el auto de
procesamiento y dando normas a seguir con las actuaciones; a los
pocos días, recibimos orden los Jueces que teníamos causas que las
lleváramos a Pontevedra, y una vez allí el Sr. Álvarez de Toledo
en unión del Sr. Coronel Auditor, volvió a revisarla, manifestando
dichos Señores que estaban bien y que aquel mismo día saliese para
Coruña, lo que se efectuó [...] El día veinticinco o veintiseis,
con ocasión de celebrarse un Consejo de Guerra en Tuy, me visitó el
Auditor de aquel, diciéndome, que mientras no recibía la causa
devuelta fuese tomando declaraciones sobre los encartados [...] así
como pidiendo informes y demás testimonios.
Méndez afirma que
así o fixera con testemuños e informes de numerosas persoas de
autoridade e solvencia moral para esclarecer os feitos “buscando la
más clara luz de la justicia” e que non puidera levar a cabo o
procesamento pois fora relevado, por orde do comandante militar, o
mesmo día en que terminara e ía facelo.
Explica que
propuxera a liberdade duns encartados porque, ao seu xuízo, non
había cargos tan graves contra eles que non permitisen atenuar a
prisión e, en segundo lugar, porque nunhas instrucións entregadas
aos xuíces, o artigo 3º dicía que se non se produciran danos
graves a persoas ou cousas, os comandantes militares podían
sancionar vía gobernativa.
Nega ter amizade con
Darío Álvarez Blázquez nin co señor Zas.
O 3 de outubro
declara José Álvarez de Toledo, agregado á asesoría xurídica do
goberno militar de Pontevedra. Manifesta que, no estudo da causa,
deduciu que os encartados ou a maior parte deles “no estaban
detenidos en flagrante delito, pues cuando en Tuy entró el Ejército
quienes le habían hecho resistencia, paisanos y carabineros, se
hallaban refugiados en sus casas o huídos”, polo que había que
examinar indicios racionais sobre quen fora membro do comité de
folga.
Que con estos antecedentes indicó al Sr. Méndez la
conveniencia de procesar a determinados individuos [...] dictando un
auto de procesamiento en el que disponía la formación de pieza
separada para persiguir (sic) a los otros responsables de Tuy.
Afirma que, ao examinar a causa en Pontevedra, parecéralle
que o auto de procesamento era o que el ditara e que tamén lle dera
a conformidade o xefe da a sesoría xurídica, auditor de División
retirado Gonzalo Fernández de la Mora.
Apunta tamén que,
na Coruña, indicara aos auditores Salvador Merino e Fernández de la
Mora (Ramiro) o criterio seguido en Tui e que ao chegar alí a causa
fora aprobada “y que cree que si estuviera equivocado se hubiera
dispuesto que la causa se tramitara sumarisimamente contra todos los
encartados”.
Pero as acusacións
contra Méndez teñen outro cargo máis referido á proposta que fixera o 26
de agosto ao comandante militar para poñer en liberdade a Francisco
Alonso Medela, Consuelo Crespo García, Manuel Estévez Cosme e
Eugenio Davila Vela, por considerar os cargos contra eles “no son
suficientes concretos ni justificativos de una culpabilidad tal que
les permita retener más en prisión”. A esta acusación
sumábaselle a aparición de dous oficios de F.E. de Santiago contra
Eugenio Davila nos que o conceptuaba como “elemento destacadísimo
en las organizaciones de Juventudes marxistas de Santiago” e que
actuara á fronte de “elementos extremistas en diversos desmanes y
desórdenes”. Estes escritos, ao parecer, estaban no local do
xulgado militar pero non se uniran á causa anterior.
Conseguido o
obxectivo de relevar a Méndez como instrutor e visto que as súas
actuacións, en liñas xerais, concordaban co disposto polos
auditores, conclúese que:
De lo actuado no ha
llegado a dibujarse en modo alguno en su proceder una figura
delictiva o culposa de gravedad, tan solo si un descuido o falta de
celo en ocasión de una propuesta de libertad que, si se estima
merecedora de una sanción disciplinaria, ha de reputarse ya
suficientemente corregida en la incoación de este proceso a cuyas
resultas además se ha mantenido gubernativamente arrestado al
Teniente MENDEZ VARELA.
Sobresemento
definitivo o 21 de outubro de 1936.