domingo, 31 de enero de 2021

Libros de historia en tempos de pandemia.

 


O ano 2020 estivo marcado pola pandemia que nos asola; o remate do ano anterior (2019) e os inicios do actual (2021) deron á luz dúas publicacións moi necesarias na historia da nosa provincia. A primeira foi “Atila no Grove. Crónica política e Memoria da masacre (1923-1948)”, editada por Positivas e a última “Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor”, publicada por Laiovento. Ambas editoriais contan cun amplo recorrido na aposta por dar a coñecer esta temática, cousa de agradecer nestes tempos.

Aos autores, Antón Mascato e Carlos Méixome, poderiamos encadralos nese grupo de historiadores que, nunha feliz denominación de Dionisio Pereira, coñecemos por francotiradores; tanto Mascato como Méixome teñen un compromiso longo en campos como a edición, o activismo cultural, político e no traballo memorialístico, na tarefa de reivindicar e dar a coñecer as historias de vida e a memoria dos sectores sociais relegados pola historia. As súas publicacións neste campo (lembremos a súa participación no monográfico de Nós Diario sobre os vitimarios) sempre están caracterizadas por unha fiabilidade que non ten nada que envexar ao chamado, ás veces pretensiosamente, rigor académico.

En ambas obras, máis alá do relato da represión efectuada polos golpistas, atopamos a explicación das posibles causas do sucedido, os antecedentes, en suma: a xenealoxía dos feitos e dos personaxes que os protagonizan. En relación cos protagonistas, atenden non só a memoria das vítimas senón tamén a dos vitimarios ou verdugos.

As dúas obras supoñen un avance importante para completar, tanto espacial como cronoloxicamente, o mapa da represión na provincia pontevedresa, aínda, por desgraza, con moitas lagoas no coñecemento desta etapa crucial.

En “Atila no Grove”, Antón Mascato deixa poucos flocos (sempre os hai) no relato do panorama político e social grovense no período comprendido entre a Ditadura de Primo de Rivera e o que coñecemos como primeiro franquismo. A utilización de fontes arquivísticas variadas e da memoria oral proporcionan solidez a un relato que se completa cunha interesantísima listaxe na que se pon biografía ás vítimas do terror.

É un libro valente, sen ocultamentos biográficos, no que cada quen aparece desempeñando o papel que realmente tivo: as vítimas e os verdugos, porque as primeiras non existirían sen os segundos; achéganos así as diversas tipoloxías represivas que alí se realizaron nos anos do terror.

No libro de Méixome, a primeira consideración que debemos facer é a de non deixarnos levar pola modestia do título: son, efectivamente, catas no campo do ensino e das causas militares máis destacadas nos tres concellos estudados; pero así como ás veces as prospeccións resultan falidas ou apenas achegan indicios, neste caso, a información revelada é abundante e proporciónanos unha visión de conxunto, tanto da represión como da situación socio-política da zona nese período. A represión, tanto no maxisterio como nos concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona, así como na figura do portugués Telmo Freitas, amósasenos a partir do estudo e lectura axeitada, con interpretación crítica, do inxente volume de información que nos achegan as causas militares.

Agardamos que estas catas tan produtivas sexan a base para unha obra que abarque de xeito global toda a zona. Destacaría tamén esas páxinas impagables do apartado “Primeiras palabras”, con reflexións que veñen moi a conto nestes tempos de visibilidade provocadora e  avance do negacionismo.

Parabéns aos autores por estas dúas obras polo que supoñen de avance real no coñecemento da nosa historia e parabéns tamén a Edicións Positivas e Laiovento. Só queda animar a Antón e Carlos de cara a novas publicacións.

No hay comentarios: