domingo, 30 de abril de 2023

O primeiro traslado dos restos de José Antonio.

A exhumación en Cuelgamuros do cadáver de José Antonio Primo de Rivera non foi a primeira que sufriu o fundador de Falange Española; en novembro de 1939 xa fora trasladado o cadáver ata o Escorial e, anos despois, ao chamado Valle de los Caídos. Nestes traslados aproveitouse para facer ostentación do exhibicionismo escénico tan querido pola organización fascista.

En 1938, con motivo de certificarse oficialmente o seu falecemento, en todas as provincias organizáronse actos de homenaxe póstumo; en Pontevedra (6-11-1938. III Año Triunfal) a corporación municipal “al conocer la triste confirmación de la pérdida para siempre de José Antonio Primo de Rivera, vilmente asesinado por los rojos” fai constar en acta a dor pola desaparición do “forjador de la Falange y precursor del destino Nacional e Imperial de nuestra España”. Nesa data acorda que o seu retrato honre o salón de sesións, “como enseñanza para los presentes y generaciones futuras”, gravar o seu nome e dirixirse á Xefatura local de F.E.T y de las JONS para participarlle o acordo.

Días despois, o xefe local, cumprindo ordes da secretaría xeral, monta unha Guardia de Camaradas fronte á inscrición co nome de José Antonio que se gravou na igrexa de santa María e se descubriría logo duns solemnes funerais. O secretario xeral do Movimiento, Raimundo Fernández Cuesta, declara o uso obrigatorio da garavata negra coa camisa azul en sinal de do permanente pola morte do fundador e primeiro xefe nacional.

A nova oficial da morte excitou a vea poética, sempre presta a facerse notar, dos vates falanxistas; no xornal estradense El Emigrado (16-11-1938) o inefable V.J. Refojo escribe varios poemas. Un deles, titulado “A José Antonio”, copiámolo a continuación:

No hay otro como tú tan inmortal,

La página gloriosa de tu historia

Deja indeleble y graba en la memoria,

Marcado ciclo de esencia triunfal.

En tus andanzas bélicas forjaste

Una enseñanza santa de igualdad,

Lo que era un sueño, lo hiciste realidad,

En tu doctrina no existió contraste.

Somos iguales, un día, nos digiste,

Y en titánica lucha, en buena hora,

Creador de un Estado Único fuiste;

Nos anunciaste, entonces, una aurora

Que esplendorosa con su luz resiste

Alumbrando a la ESPAÑA triunfadora.

Nunha circular do ano 1939 dítanse normas para que o nome de José Antonio quedara escrito de forma permanente nos templos, ben esculpido sobre a pedra ou escrito con letras metálicas, situado sobre a cruz colocada na parede, tamén de forma permanente, cun ramo confeccionado da mesma materia abrazando os travesos horizontais e vertical. Baixo os travesos horizontais escribiríanse, no seu día, os nomes dos caídos de cada parroquia. O Administrador Apostólico da diocese de Tui e o arcebispo de Compostela concederon a autorización debida, segundo comunicaba o xefe provincial de propaganda Enrique Pascual Souto.

O 20 de novembro de 1939, 3º aniversario da execución do xefe falanxista, declárase día de vacacións para que todo o alumnado “rindan con el recogimiento de un día de luto espiritual el homenaje de su evocación a la inmortal figura de José Antonio”. De todas as provincias acoden a Alicante “camisas vellas”, excombatentes e xerarquías falanxistas para participar no traslado do cadáver do que El Pueblo Gallego cualifica como “Fundador del Imperio Azul”; entre eles o xefe provincial Jesús Suevos, tres curas (un deles o “padre Comesaña”) e 9 acólitos. A capital provincial estará representada polos membros da Vieja Guardia Emilio Boullosa Asorey e Antonio Fuentes Giráldez. O día 22 iníciase desde Alicante a comitiva cara a tumba do Escorial: “Por los caminos de España, alfombrados de flores, desfilan los restos del mártir”. (El Pueblo Gallego, 22-11-1939). As campás de todas as igrexas tocarán nuns horarios coincidentes cos relevos no traslado dos restos.