miércoles, 11 de agosto de 2010

Instantáneas (I): 11 de agosto de 1936.

Estas instantáneas pretenden ofrecer unha visión dos feitos máis significativos de Pontevedra, as novas dos xornais, os sucesos máis relevantes... en distintas datas daqueles anos do medo.


O martes, 11 de agosto de 1936, festas da Peregrina, Pontevedra vive momentos álxidos de fervor patriótico. Acábase de recuperar a bandeira bicolor (o golpe fíxose baixo a bandeira republicana) e nos xornais fálase do tema:

Tenemos, pues, la verdadera, la auténtica bandera de la Patria, ¡Bendita sea! El pueblo, el buen pueblo español, le ha devuelto los honores que le corresponden. [...] ¿Que historia, que representación tiene la tricolor? Ni tiene historia, ni representa nada, ni simboliza nada. Todo lo más una revolución salvaje y masónica, laica, atea, anticatólica, antiespañola. Por eso la parte sana del pueblo español la repudiaba.

O Centro de Movilización, encargado de recrutar aos mozos dos distintos chamamentos, ferve de actividade. O exército necesita homes para o frente. Seica moitos viñan con un gran espíritu patriótico y muchos de ellos lucen medallas y banderitas con los colores rojo y gualda.

Para que non haxa dúbidas sobre o ben alimentados que estarán na fronte, o rexemento de artillería dá conta do seu menú un día non festivo: almorzo, café con leite; 1ª comida, sopa de cus-cus, paella valenciana, ovos fritidos con salsa de tomate e viño; 2ª comida, garavanzos con mans de porco, vitela guisada con xudías verdes e viño.


Eran días de recollida de donativos, a lista de beneficiados é ampla: Falange Española, Guardia Cívica, Milicias, Batallón de Voluntarios, Guardia Civil... Os doadores repítense nas distintas listas, chaman a atención algúns deles: Una señora viúda, forastera, 100 pta; Viva España Gloriosa, 25; Una familia muy española, 10; Dos españoles de veras, 10... Non faltan doazóns en especie como a que realizaron tres españoles pobres pero muy amantes del orden que doan tres ducias de calcetíns ou a sociedade anónima La Toja que regala 500 pastillas de xabón.


As entregas de ouro están encabezadas polo gobernador Ricardo Macarrón que aporta 50 dólares, figurando tamén, entre outros, Filgueira Valverde cunha libra esterlina do ano 1891.


O avogado Isidoro Millán (que sería perseguido por sospeitoso de masón) pronuncia ás 9 e media da noite, un discurso patriótico na emisora local. Desta emisora estaba encargado, por orde da autoridade militar, o enxeñeiro industrial Luis Iparraguirre.

Siendo el señor Millán uno de los oradores más destacados de Galicia por su elocuencia, su discurso será sin duda brillantísimo.

O pasado 6 de agosto, día de S. Salvador, estivera de santo Salvador Moreno Fernández, comandante do cruceiro “Almirante Cervera” e a dotación do mesmo tribútalle unha homenaxe; compóñense improvisadas “poesías” ás que se lle pon música. Co ritmo da coñecida “La cucaracha” cantan:

Arriba España

Arriba España

Que el marxismo se acabó

porque el Ejército

y la Marina

serán nuestra salvación.

Outra canción que lle cantaron foi:

Frente al puerto del Musel

fondeó un barco de guerra

que con los cañones dice:

soy “Almirante Cervera”

O novo poder facíase visible ante a poboación con paseos militares como o que, na tarde deste día, fai polo Morrazo (Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu, Marín) unha columna motorizada integrada por membros dos corpos armados e das milicias, baixo o mando do capitán Carrillo, do Batallón de Voluntarios.


Eran días de chumbo e nos xornais aparecían relacións de "individuos pasados por las armas por incumplimiento de bandos..."

Serán pasados por las armas:

Primero.- Los miembros de las Juntas directivas de las Asociaciones o Sindicatos disueltos cuyos obreros no acudan al trabajo o lo abandonen por su orden o sugerencia.

Segundo.- Los que de obra o palabra ejerzan coacción para impedir el cumplimiento u obediencia a órdenes insertas en los bandos de guerra en relación con la libertad del trabajo.

Tercero.- Los que sean sorprendidos emborronando paredes, fachadas, etcétera, con alusiones subversivas o contrarias a la independencia de España por la que luchan el Ejército y el Pueblo español.


A pesares das intimidacións e dos cadáveres que aparecían nas cunetas, aínda había resistencia obreira. A oposición ao cumprimento dos decretos regresivos en relación cos dereitos laborais, era recoñecida pola Delegación de Orden Público pontevedresa ao informar que, na tarde do pasado sábado, traballárase de acordo coa xornada de 48 horas en todas as obras da capital, agás algunha excepción de obreiros que por negarse a trabajar como la Ley manda, fueron despedidos en el acto. Xa pasaran máis de 15 días do golpe militar.


Algún xornal informaba do fusilamento, na madrugada do día anterior, de Jacobo Zbarsky e ás catro desa mesma madrugada, o lume destruía o local da Sociedade de Agricultores de Mourente.