lunes, 30 de junio de 2008

Familias represaliadas: Os Zbarsky (1)




Ao amigo Serafín Fontenla, dos bos e xenerosos, investigador das terras e as xentes de Cotobade.


Non son raras as familias nas que a represión se cebou en varios membros das mesmas, unha delas foi a dos Zbarsky, familia de inmigrantes xudeos, de orixe rusa, varios dos seus membros eran odontólogos. Nas súas diferentes ramas, pagaron coa morte, o cárcere, ou o desterro o seu compromiso cos ideais de progreso e democracia.

Un panorama xeral dos avatares da familia Zbarsky, aparece nun interesante artigo do estomatólogo pontevedrés José M. Álvarez Vidal, na revista Punto de Encuentro, nº 3, xaneiro de 1997. Nesta entrada ocupareime de D. Abraham Zbarsky Geller (Avrun Klva Elewitch Zbarsky) e na seguinte do seu fillo Jacobo, primeiro dos fusilados en Pontevedra logo de Consello de Guerra.


Abraham nacera no ano 1882, dentista, militante do partido socialista pontevedrés, participante en numerosas iniciativas culturais, entre outras, foi directivo da Sociedad Filarmónica pontevedresa. Persoa querida e respectada na cidade, foi unha das persoas que estivo no goberno civil nos días do golpe militar e mesmo mantivo contacto con Bastarreche, do que se afirma era coñecido. Foi detido e levado ao cárcere da Normal e logo á illa de S. Simón. Co socorrido pretexto de ser trasladado ao cárcere de Ponte Caldelas, é sacado do lazareto e o seu cadáver aparece no cemiterio de S. Amaro o 29 de decembro de 1936. No rexistro civil de Pontevedra aparece a referencia a tres descoñecidos ese día, todos mortos por colapso (feridas por armas de fogo no tórax, abdome e cranio); a idade estimada dun deles, 40 anos, lévanos a pensar que é D. Abraham, que nese momento tiña 54 anos.


Buscar motivacións á sinrazón dun asasinato é unha tarefa estéril, Evaristo Mosquera (Mosquera, Evaristo. Catro anos a bordo dunha illa. Vigo: A Nosa Terra, 2006.), aparte de afirmar que fora asasinado no cuartel da G. Civil de Pontevedra, cunha moto encendida para que non se ouvisen os tiros, apunta como posible motivo as ameazas que D. Abraham fixera de levar o caso do seu fillo Jacobo á Sociedade das Nacións. Non se aporta ningunha proba sobre o anterior pero parece claro que o feito de ser socialista, comprometido coa República, librepensador, ruso e xudeu, eran motivos de abondo, nos anos do medo, para ser eliminado. Por exemplo, o feito de ser xudeu engadía gravidade, nun tempo en que nos xornais aparecían, de xeito destacado, frases como as seguintes:

Crearemos campos de concentración para vagos y maleantes políticos. Para masones y judíos. Para los enemigos de la Patria, el Pan y la Justicia.

...Acabaremos con la inmunda raza judía. Y entonces será el triunfo de España sobre sus enemigos. Triunfo de Dios y el César.

(El Pueblo Gallego, 22-5-1937).


Do seu fillo Jacobo trataremos na vindeira entrada.


1 comentario:

Anónimo dijo...

Espléndido que lle poñas "imaxes" propias da época e das xentes lembradas. Coido un acerto.