sábado, 24 de noviembre de 2018

De Mourente a Gusen: Urbano Sanmartín Abilleira.

Pouco sabemos da vida de Urbano Sanmartín Abilleira: que naceu en Mourente (Pontevedra) o 15 de marzo de 1902 e que o seu último domicilio coñecido en España era na travesía Salmerón en Almacellas (Lleida).

Coa derrota do exército republicano, Urbano súmase aos miles de españois que cruzan a fronteira francesa no ano 1939. No sur de Francia son internados en campos de refuxiados. Diante dos que non puideron ou quixeron exiliarse a América preséntanse diferentes opcións: volver a España e enfrontarse á dura represión franquista, alistarse na Lexión Estranxeira francesa, ingresar nos campos de concentración ou formar parte das Compañías de Traballadores Estranxeiros (CTE). Un decreto do goberno francés, ditado en abril de 1939, establece que os estranxeiros con idades comprendidas entre os 20 e 48 anos deberían integrarse nas CTE; era un xeito de encadrar a estas persoas durante un tempo equivalente ao que cumprían os franceses no exército regular. Nas CTE, que eran unidades militarizadas e cun oficial francés ao mando, realizaban tarefas relacionadas coas fortificacións militares e outras obras de defensa así como traballos agrícolas e industriais, isto último para substituír os franceses mobilizados. A partires de setembro de 1939, o ingreso de estranxeiros nas CTE convértese en obrigatorio.

Urbano intégrase na 22 Compañía de Traballadores Estranxeiros e, nos combates que tiveron lugar no territorio francés entre maio e xuño de 1940, foi capturado polas tropas do III Reich o 19 de xuño dese ano en Epinal, no departamento francés de Vosges. En data descoñecida ingresa no Stalag VIII- C, situado en Kunau (Polonia), co número 57132, e o 26 de novembro de 1940 ingresa no Stalag XII-D en Trier (Alemania) con idéntica numeración. (A documentación é contraditoria sobre en que Stalag ingresa primeiro pois aparecen VII-C, VIII-C e XII-D.)

Os Stalag (Stammlager) eran campos para prisioneiros de guerra e, polo tanto, só custodiaban militares e dependían do exército alemán, ao contrario que os campos de concentración que eran controlados polas SS.

O 25 de xaneiro de 1941 trasladan a Urbano ao campo de concentración de Mauthausen (Austria). Aparece relacionado co número 3508. Un mes despois destínano ao subcampo de traballos forzados de Gusen no que ten o número 10070 (nalgún documento aparece como 10020). Neste campo morre ás 4 horas e 20 minutos do 24 de novembro dese ano, fai 77. Na documentación figura como causa da morte a de pericardite e foi incinerado no crematorio do campo o 27 dese mes.

A súa dona Rosa Domínguez, residente en Oloron, nos Baixos Pirineos, deixou de ter novas de Urbano a primeiros de xaneiro de 1941 e iniciou unha serie de xestións diante das autoridades francesas de excombatentes e da Cruz Vermella para obter datos. No ano 1943 reitéralle ao director da Cruz Vermella que continúen as pescudas para dar co paradeiro do seu home “co fin de poñer termo á cruel incerteza que me atenaza dende fai máis de dous anos”. Será no ano 1974 cando o secretario de estado francés para excombatentes comunica o falecemento e as vicisitudes sufridas por Urbano Sanmartín.

Hoxe, no día en que se cumpren setenta e sete anos da súa morte, lembramos a este veciño de Mourente.

Documentación utilizada dos arquivos ITS de Bad Arolsen (Alemaña) e do portal PARES (España), entre outros.
Foto: Liberación dos presos de Mauthausen coa pancarta elaborada polos internos españois.

miércoles, 14 de noviembre de 2018

José Núñez Montes.

        Pasaran catro meses e medio do golpe militar cando detiveron a José Núñez Montes; o dous de decembro de 1936 un grupo de gardas civís mandados polo cabo Jesús Barja levárono preso. José era viúvo, vivía no Carramal (Salcedo), fora vicesecretario da sociedade de agricultores e traballaba como garda xurado e conserxe de dita sociedade. O motivo aducido para detelo era o de tomar parte activa contra o “Glorioso Movimiento” e tamén había informacións de que, nos sucesos de outubro do 34, coaccionara as leiteiras para que non abasteceran a poboación.
        Segundo o patrón habitual na actuación da Guardia Civil, un grupo de veciños, significados militantes da dereita e membros da Guardia Cívica, participan como acusadores e afirman que baixara armado a Pontevedra o 20 de xullo e así o viran nas inmediacións do goberno civil. Coinciden todos en cualificalo de comunista destacado e un deles aproveita para lembrar que coidaba fora un dos que apedrara a súa casa, logo das eleccións do 36.
       José non pode máis que recoñecer que baixara á capital coa súa arma regulamentaria pero alega que o fixera por motivos particulares e para cobrar uns recibos; a carabina entregáralla días despois a un significado garda cívico de Salcedo.
       Nos informes sobre o detido hai división de opinións: o concello informa favorablemente sobre a súa conduta pero a Guardia Civil afirma que tiña ideas comunistas aínda que non figuraba como afiliado a este partido; tamén sostiña que, a pesar de que non se sabía tomara parte activa o 20 de xullo, adicárase a inducir as masas para opoñerse ao estado de guerra.
      Unha curiosa acusación foi a de que solicitara á sociedade de agricultores un aumento de soldo de 10 pesetas mensuais “cuyo aumento lo pagarían los de la Banda Negra”; “Banda Negra” era o apelativo que recibían os fascistas de Salcedo por parte dos militantes da esquerda. A Guardia Civil recoñece que non se atopara ningunha documentación sobre esa petición, pero afirma que puideran queimala as forzas sublevadas “en unión de otros documentos recogidos en las distintas sociedades” en virtude de orde superior; recoñécese así oficialmente a queima de documentación por parte dos golpistas.
      A causa 777/37 xúlgase en Pontevedra o un de xullo de 1937. O defensor, tenente de artillería Juan José Astor, basea a defensa na suposta escasa cultura do procesado e, polo tanto, estar influído pola propaganda e ideas disolventes nesta “nefasta etapa”. Segundo este tenente, José Núñez non podía ser culpable senón o ambiente social creado polos propagadores de doutrinas antinacionais.
     O tribunal non tivo en conta estas alegacións e José Núñez Montes foi condenado a cadea perpetua.