miércoles, 14 de noviembre de 2018

José Núñez Montes.

        Pasaran catro meses e medio do golpe militar cando detiveron a José Núñez Montes; o dous de decembro de 1936 un grupo de gardas civís mandados polo cabo Jesús Barja levárono preso. José era viúvo, vivía no Carramal (Salcedo), fora vicesecretario da sociedade de agricultores e traballaba como garda xurado e conserxe de dita sociedade. O motivo aducido para detelo era o de tomar parte activa contra o “Glorioso Movimiento” e tamén había informacións de que, nos sucesos de outubro do 34, coaccionara as leiteiras para que non abasteceran a poboación.
        Segundo o patrón habitual na actuación da Guardia Civil, un grupo de veciños, significados militantes da dereita e membros da Guardia Cívica, participan como acusadores e afirman que baixara armado a Pontevedra o 20 de xullo e así o viran nas inmediacións do goberno civil. Coinciden todos en cualificalo de comunista destacado e un deles aproveita para lembrar que coidaba fora un dos que apedrara a súa casa, logo das eleccións do 36.
       José non pode máis que recoñecer que baixara á capital coa súa arma regulamentaria pero alega que o fixera por motivos particulares e para cobrar uns recibos; a carabina entregáralla días despois a un significado garda cívico de Salcedo.
       Nos informes sobre o detido hai división de opinións: o concello informa favorablemente sobre a súa conduta pero a Guardia Civil afirma que tiña ideas comunistas aínda que non figuraba como afiliado a este partido; tamén sostiña que, a pesar de que non se sabía tomara parte activa o 20 de xullo, adicárase a inducir as masas para opoñerse ao estado de guerra.
      Unha curiosa acusación foi a de que solicitara á sociedade de agricultores un aumento de soldo de 10 pesetas mensuais “cuyo aumento lo pagarían los de la Banda Negra”; “Banda Negra” era o apelativo que recibían os fascistas de Salcedo por parte dos militantes da esquerda. A Guardia Civil recoñece que non se atopara ningunha documentación sobre esa petición, pero afirma que puideran queimala as forzas sublevadas “en unión de otros documentos recogidos en las distintas sociedades” en virtude de orde superior; recoñécese así oficialmente a queima de documentación por parte dos golpistas.
      A causa 777/37 xúlgase en Pontevedra o un de xullo de 1937. O defensor, tenente de artillería Juan José Astor, basea a defensa na suposta escasa cultura do procesado e, polo tanto, estar influído pola propaganda e ideas disolventes nesta “nefasta etapa”. Segundo este tenente, José Núñez non podía ser culpable senón o ambiente social creado polos propagadores de doutrinas antinacionais.
     O tribunal non tivo en conta estas alegacións e José Núñez Montes foi condenado a cadea perpetua.

No hay comentarios: