lunes, 30 de junio de 2008

Familias represaliadas: Os Zbarsky (1)




Ao amigo Serafín Fontenla, dos bos e xenerosos, investigador das terras e as xentes de Cotobade.


Non son raras as familias nas que a represión se cebou en varios membros das mesmas, unha delas foi a dos Zbarsky, familia de inmigrantes xudeos, de orixe rusa, varios dos seus membros eran odontólogos. Nas súas diferentes ramas, pagaron coa morte, o cárcere, ou o desterro o seu compromiso cos ideais de progreso e democracia.

Un panorama xeral dos avatares da familia Zbarsky, aparece nun interesante artigo do estomatólogo pontevedrés José M. Álvarez Vidal, na revista Punto de Encuentro, nº 3, xaneiro de 1997. Nesta entrada ocupareime de D. Abraham Zbarsky Geller (Avrun Klva Elewitch Zbarsky) e na seguinte do seu fillo Jacobo, primeiro dos fusilados en Pontevedra logo de Consello de Guerra.


Abraham nacera no ano 1882, dentista, militante do partido socialista pontevedrés, participante en numerosas iniciativas culturais, entre outras, foi directivo da Sociedad Filarmónica pontevedresa. Persoa querida e respectada na cidade, foi unha das persoas que estivo no goberno civil nos días do golpe militar e mesmo mantivo contacto con Bastarreche, do que se afirma era coñecido. Foi detido e levado ao cárcere da Normal e logo á illa de S. Simón. Co socorrido pretexto de ser trasladado ao cárcere de Ponte Caldelas, é sacado do lazareto e o seu cadáver aparece no cemiterio de S. Amaro o 29 de decembro de 1936. No rexistro civil de Pontevedra aparece a referencia a tres descoñecidos ese día, todos mortos por colapso (feridas por armas de fogo no tórax, abdome e cranio); a idade estimada dun deles, 40 anos, lévanos a pensar que é D. Abraham, que nese momento tiña 54 anos.


Buscar motivacións á sinrazón dun asasinato é unha tarefa estéril, Evaristo Mosquera (Mosquera, Evaristo. Catro anos a bordo dunha illa. Vigo: A Nosa Terra, 2006.), aparte de afirmar que fora asasinado no cuartel da G. Civil de Pontevedra, cunha moto encendida para que non se ouvisen os tiros, apunta como posible motivo as ameazas que D. Abraham fixera de levar o caso do seu fillo Jacobo á Sociedade das Nacións. Non se aporta ningunha proba sobre o anterior pero parece claro que o feito de ser socialista, comprometido coa República, librepensador, ruso e xudeu, eran motivos de abondo, nos anos do medo, para ser eliminado. Por exemplo, o feito de ser xudeu engadía gravidade, nun tempo en que nos xornais aparecían, de xeito destacado, frases como as seguintes:

Crearemos campos de concentración para vagos y maleantes políticos. Para masones y judíos. Para los enemigos de la Patria, el Pan y la Justicia.

...Acabaremos con la inmunda raza judía. Y entonces será el triunfo de España sobre sus enemigos. Triunfo de Dios y el César.

(El Pueblo Gallego, 22-5-1937).


Do seu fillo Jacobo trataremos na vindeira entrada.


domingo, 22 de junio de 2008

O 20 de xullo de 1936 en Pontevedra: o golpe (2)

A preparación do golpe militar xa viña de moi atrás e varios militares da guarnición pontevedresa foran contactados polos conspiradores. Arrarás (Arrarás, Joaquín. Historia de la Cruzada Española. Madrid: Ediciones Españolas, 1941.), ao que seguen a maioría de historiadores actuais, cita ao tte coronel Durán, o comandante Vila Fano, o capitán Sánchez Cantón, o tenente José Vidal Moltó e o capitán da Garda Civil Manuel Bernal.

Entre os oficiais citados por Arrarás na preparación do golpe, as figuras clave na capital son o comandante de artillería José Vila Fano, posteriormente instrutor de causas militares e casado con Bernarda Patiño, xefa provincial da Sección Femenina de Falanxe, e o capitán Bernal; tamén teñen unha destacada participación os capitáns Rodríguez, Casal, Caruncho e o tte. Vázquez. Este último, Antonio Vázquez Quitián, procedía da Garda de Asalto, na que cesara en marzo do 36, pasando a dispoñible en Infantería. Era militante de Falange, segundo afirma Buhigas, xefe de Falange en Vilagarcía, que recorda que os militares afiliábanse por unha clave que solo coñecían o xefe que os afiliaba e José Antonio. ( El Progreso,8-4-37). Foi o oficial que mandaba o pelotón de fusilamento de A. Bóveda. O capitán da G. Civil Manuel Bernal Hernández xa estivera como voluntario na represión en Asturias no 34, ás ordes do tristemente célebre comandante Lisardo Doval e, en decembro do 36, marcha para a fronte de Asturias cun terzo de falanxistas galegos.

Foi moi importante na trama golpista a actitude, decididamente favorable ao golpe, da oficialidade do Polígono de Tiro Janer de Marín, baixo o mando do capitán de navío Francisco Bastarreche. O día 19 de xullo, catro oficiais de Marín reúnense en Pontevedra con militares, pois o coche no que viaxaban non fora detido como ordenaran dende o goberno civil. Os militares e G. Civil suman 440 efectivos e entre o Corpo de Asalto e Carabineiros non chegan a 50.

Os altos mandos como o xeneral Iglesias, gobernador militar, ou o coronel-xefe de artillería Mario Sánchez, están á marxe e a súa actitude dubidosa no momento do golpe vai levar, máis tarde, á súa separación do exército.

O capitán da Garda de Asalto, Juan Rico González, parece ser que propuxera ao gobernador a detención dos xefes militares e dos civís conspiradores e mantiña contactos con dirixentes das esquerdas.

O gobernador civil estaba en contacto cos mandos militares e da G. Civil que lle aseguraron fidelidade á República e tentou non tomar medidas que puideran entenderse como provocación aos militares.

O día 17 de xullo, pola noite, chegan as novas do levantamento do exército no norte de África e recíbense ordes de reforzar a fronteira portuguesa pola posibilidade de que entrasen os xenerais Sanjurjo e Cavalcanti así como armas. Ese mesmo día o gobernador envía a Rico a Vigo pola folga dos dependentes.

O 18, sábado, acoden ao goberno civil dirixentes da Fronte Popular como Caamaño, Bóveda, Guiance, Edelmiro Dios, Novás, Francisco Fernández, José Pintos, Manuel Martínez e outros, para recibir información e tratar de organizarse. O gobernador xira unha visita á zona da fronteira pero, diante da gravidade da situación a nivel estatal, volta a Pontevedra pola noite, convoca aos dirixentes políticos e sindicais e organízanse as milicias unificadas populares, nomeando ao odontólogo Jacobo Zbarsky Kuper, membro dunha familia de dentistas de orixe rusa, militar de complemento,como xefe das mesmas.

Os testemuños nos posteriores consellos de guerra, apuntan nomes de quen estaban no goberno civil naqueles intres: Manuel Buján, Evaristo Mosquera, Edelmiro Dios, Manuel Escudero, Magdalena, os irmáns Gama, entre outros. Os militares estaban acuartelados dende as primeiras horas do día. Danse ordes de vixiar aos cuarteis de Campolongo e S. Fernando e comunícase aos militantes dos arredores que acudan á capital.

Seguindo instrucións de Madrid (a través de Tafall, subsecretario de gobernación), fórmase un Comité de Defensa da República composto por un representante de cada partido dos que forman a Fronte Popular. Tamén se forma outro no concello baixo a presidencia do alcalde, o comunista García Filgueira.

O domingo, día 19, volta de Vigo o capitán Rico e danse ordes para a requisa de armas e explosivos e outras medidas. Coaccionado (como logo afirmaría no xuízo) ou non, o gobernador asina as ordes para requisas e autorizacións para o uso de armas. Nas conversas co gobernador militar e con Bastarreche,estes tranquilízano sobre a actitude do exército.

Ás once e media da mañá do luns día 20, declárase a folga xeral e veñen á capital xentes dos pobos e concellos veciños con escopetas e armamento de pouca calidade, con panos roxos e gritando UHP.

Nós iamos co carro para a veiga cando pasaron cunha escopeta o señor Vásques, Manolo o Puchero, Herminio o da Barreghuda e dixéronlle a papá: deixa o carro e vente con nós que hai que defender a República e tal, e papá díxolles: mirade, eu estiven na guerra de África e sei como é iso, en canto o exército tire uns cañonazos ides vir dando cos pés no cu. Cando voltamos da veiga xa viñan abafando e case non podían falar... ( Testemuño oral. F.C.L.)

Seguen as requisas de armas e dinamita en armerías como as de Juan Santos, na rúa da Oliva, ou na de Rafael Varela na de don Gonzalo e tamén en domicilios particulares. Participan nas mesmas Andrés Rey, Eduardo Muíños, Albino Sánchez, Manuel Calvo e outros.

Víñase considerando como dubidosa e falta de decisión a actitude do gobernador Gonzalo Acosta Pan (Izquierda Republicana) e afirmábase que as decisións foran tomadas por Bóveda, Rico e os integrantes do Comité de Defensa da República; a publicación por Lamela de autorizacións para as requisas asinadas por el, danlle unha volta á cuestión, aínda que queda a dúbida sobre se o fixera baixo ameazas.

Os militares seguen dando seguridades de fidelidade á República. A indecisión dos xefes de maior grao e a desconfianza na actitude que puideran tomar os sarxentos e a tropa retardan o momento do golpe. Pouco despois das sete da tarde, o gobernador recibe unha chamada do Comandante Militar, xeneral Iglesias, pedindo que se renderan nun prazo de cinco minutos. O gobernador, logo de falar co capitán Rico, decide renderse e é insultado e ameazado pola maioría dos presentes. O xeneral Iglesias declara o estado de guerra, sobrevoa a cidade un hidro de Marín.

Son conducidos ao cuartel de Artillería o gobernador, a súa muller, o deputado socialista Guiance, Alexandre Bóveda, o médico Caamaño, sendo acompañados polo capitán Sánchez Cantón. Máis tarde son postos en liberdade. O capitán Rico ponse ás ordes do xeneral Iglesias e participa cos militares na toma do concello e nas patrullas pola cidade.

As tropas que saen á rúa están baixo o mando do capitán Casal apoiado por un hidroavión de Marín. O capitán Jack Caruncho empraza un canón e dispara contra o concello. A Garda Civil controla a zona leste da cidade. O encargado da lectura do bando de guerra, cousa que se fai entre tiroteos, é o capitán Sánchez Cantón, a primeira lectura faise xunto ao concello, van as tropas pola Michelena e volta a lelo na Peregrina, logo collen pola Oliva ata a Praza de S. Xosé onde se le por última vez, volvendo ao cuartel pola rúa Riestra. O crego Silva Ferreiro escribe:

No se concibe -sin una especial protección de Dios- que un puñado de hombres sometieran y dominaran en tan poco tiempo, al numerosísimo rebaño de inconscientes llegados de todos los pueblos de la provincia a engrosar las filas de los marxistas pontevedreses. (Silva Ferreiro,M. Galicia y el movimiento nacional. Santiago: I. y Enc. Seminario conciliar. 1938)

Na mesma noite do 20 continúan os tiroteos nalgunhas zonas da capital, rematando con elas unha sección de metralladoras. Os capitáns Caruncho e Fernández quedan ao cargo da emisora local e difunden os comunicados militares.

Nese día resultan feridos de carácter leve algúns militares e civís e teñen lugar as tres primeiras mortes: Ángel Torres López, (esta é a orde correcta dos seus apelidos e non a que aparece en distintas publicacións, era irmán do mestre fusilado en Vigo Apolinar Torres), 44 anos, na Alameda, “rotura de corazón por arma de fuego”, Enrique Torres Barcia, de 72, cobrador do Banco Pastor, por “vaciamiento de cráneo por explosión” e Manuel Iglesias Filgueira, de 31, mestre de Confurco, por “hemorragia por disparo de arma de fuego” cando fuxía cara á súa casa de Mourente polo campo da feira.

Noméanse autoridades militares: gobernador civil: tte. coronel Luis Ledo, ( máis tarde nomearase ao tte coronel da G. Civil Ricardo Macarrón Piudo), alcalde: tte. coronel Becerril e Pte da Deputación: tte. coronel González Besada.

A partires de aí: a garda cívica de Lis, o Petit Bar pasa a ser Bar Imperial, a represión, a longa noite de pedra...pero iso xa é outra historia.



domingo, 15 de junio de 2008

Masonería en Pontevedra (II): Manuel Guillán Abalo



Da familia Guillán Abalo (Manuel, Alfonso, Pascual, Antonia...) sabe moito e ben o historiador Andrés Dacosta, de quen esperamos unha pronta publicación sobre a historia de Poio; pero aquí só trataremos do mestre Manuel Guillán Abalo e a súa relación coa masonería.


Nacido o 5 de maio de 1902, tivo un activo papel no maxisterio pontevedrés, por exemplo coa súa xestión en Madrid representando ao profesorado pontevedrés e ourensán con motivo da problemática dos profesores sen praza do 1928.


No expediente do TERMC nº 16005 (AGCE), aparece un informe da comisaría de policía pontevedresa, con data 19-11-42, no que se fai un breve relato biográfico do mesmo: diversas denuncias por malos tratos, rexistro do seu domicilio, afiliación ao Centro Republicano e logo á ORGA pola que se presentou candidato ás eleccións no 31, afiliado posteriormente ao partido Galeguista, apoderado do F. Popular en febreiro do 36, amigo de Caamaño e Maquieira...


...El día de la iniciación del G.M.N. recorrió diversos lugares de dicha provincia organizando las masas extremistas para hacer frente al Ejército y Falange, habiendo sido detenido el día 21 de julio de 1936 por fuerzas de la Guardia Civil del puesto de Laín [ sic] siendo puesto a disposición del Ilmo Sr Comandante Militar de la referida plaza. El 9 de octubre de 1936 al ser conducido con otros detenidos a la Prisión de la Estrada, intentaron fugarse, habiendo sido muerto por la que lo custodiaba. No se le conocían bienes de fortuna propios. Todos sus familiares eran y son elementos marxistas.

En canto á súa pertenza á masonería, un informe policial de 28-12-55, coa saída 16703 do libro secreto da Dirección Xeral de Seguridade, afirma que: al parecer, perteneció con el simb. “F. Galán” y gr. 3º a la logia Helenes de Pontevedra.


En diferente documentación acredítase a súa condición masónica, con data de ingreso do 5-5 1931 e baixa por prancha de quite sen data.


No referido expte persoal aparece copia dun escrito da loxa pontevedresa, en defensa de Guillán a raíz dun incidente que tivo co inspector de ensino José Gabaldón e que levou aparellada a suspensión do seu cargo de mestre interino na escola de S. Salvador de Poio. O incidente ocorre logo dunha visita do citado inspector á escola de nenas de Xustáns, na que era mestra a muller de Guillán e coa que Gabaldón parece que mantivo actitudes vexatorias e insinuacións indignas que aquela rexeitou; ao toparse ambos nunha rúa de Pontevedra, Guillán agrede ao inspector sendo denunciado por este. Copiamos unha parte do mesmo mantendo o característico estilo e abreviaturas dos escritos masónicos :


Y que siendo necesario auxiliar al h:. MANUEL GUILLÁN ABALO ante las autoridades de 1ª enseñanza por tratarse de un caso de hostilidad de un organismo en que predominan los elementos reaccionarios contra un maestro de reconocido carácter laico, el Tall:. en ten:. Ord:. Del 13 de dicho mes, acordó a propuesta de la Com:. de MM:., solicitar el apoyo de los Talleres regionales a fin de que se dirijan a la Or:. Log:. del Nor:. apoyando la petición en tal sentido y que emprendan en el mundo profano una activa campaña acudiendo inclusive a la prensa para evitar que los saboteadores de la libertad y la justicia continúen formando parte de dicho Consejo provincial.

O Tribunal Especial para a represión da masonería e do comunismo, en sentenza do 6 de maio de 1946, dita o sobresemento provisional por presunto falecemento . Aínda case 20 anos despois de ser paseado na Ponte do Regueiro (A Estrada), a Dirección Xeral de Seguridade, en escrito datado o 28-12-1955, demanda do Delegado Nacional-Director General de Servicios Documentales, lle sexa remitida copia dos antecedentes masónicos de Guillán Abalo que existan nos arquivos de dita delegación.

domingo, 1 de junio de 2008

Masonería en Pontevedra (I): Loxa no Burgo

La masonería trabaja en la sombra; pero su acero es de limpio filo. El secreto y la intriga son sus secuaces. Y una turba de pájaros, deslumbrados con el oropel de las promesas y las realidades del logro, le hacen el juego.

Ave negra del mundo, como la mancha de aceite se extiende. Ella minará primero los puntos eje, las garitas vigía, las torres de descubierta en las atalayas [...]

La masonería Negra y la masonería Blanca. Madre e hija, encarnadas en procedimientos gemelos de sigilo y sombra. Más certera la negra, más cauta y peligrosa la blanca. Una es la tenebrosa secta de los manejos contra Cristo. Otra es la inmunda y asquerosa del capisayo de reflejo metálico que enhesta la Cruz como señuelo para aprontar el logro. Pero madre e hija practican el mismo lema: “Divide y vencerás”.

(El Pueblo Gallego, 1-1-37)


Realmente, aunque la mano que conducía la tea incendiaria variase de nombre de un golpe a otro – liberales, anarquistas, comunistas...- lo cierto es que el cerebro director de las bárbaras explosiones fue el mismo en todas las ocasiones: la masonería.

(Narbona, Francisco. La quema de conventos. Temas españoles nº129. 2ª ed. Publicaciones Españolas. Madrid.1959.)

Da implantación da masonería en Pontevedra así como da composición das súas loxas, hai algunhas publicacións entre as que destacaría: A familia Poza: un exemplo de republicanismo e “librepensamento” en Pontevedra , artigo publicado no nº 27 do Anuario Brigantino e que ten como autor a Carlos Pereira Martínez. Non se trata, pois, de facer unha historia da masonería pontevedresa, senón de ir dando a coñecer aspectos pouco coñecidos da represión contra esta organización, a partires da pescuda realizada no Archivo General de la Guerra Civil Española en Salamanca, sobre todo no contido da causa 155/937 (TERMC), completada con outras fontes documentais.

Un suceso que vai ter unha transcendencia grande nas actuacións antimasónicas posteriores a xullo do 36, e mesmo na serie de procesos abertos nos anos 40 a diversos pontevedreses, foron as detencións realizadas en Lérez fai setenta e oito anos. Nun informe da Delegación de Orden Público de Pontevedra, datado no 17 de abril de 1937 e dirixido ao comandante xuíz instrutor D. Sisenando Martínez, encargado no goberno militar de A Coruña, dos procedementos relacionados coa masonería, figura unha información da Comisaría de Investigación y Vigilancia do 12-9-36, na que se dá conta da formación, en 1929, dun grupo masónico formado por Amancio Caamaño Cimadevila, José Echevarría Novoa, Avelino Silva, Joaquín Maquieira, un comandante de carabineiros apelidado Cueto (¿Juan Cueto?), Isidoro Millán, Andrés Corbal, Arturo Rey e Joaquín Poza Juncal. Tamén indicaba que Andrés Corbal e Isidoro Millán formaban parte do grupo só con fins políticos e finalmente abandonaran a organización:...los señores Millán y Corbal, dejaron de asistir a las aludidas reuniones y como al mismo tiempo dejaron de cotizar a pesar de que les pasaban los correspondientes recibos, fueron dados de baja o expulsados del grupo en los meses de enero o febrero del año 1930. (O que non impedirá a incoación dun proceso por masonería a Millán no ano 1945). Apunta como outro dos participantes a Basilio Pintos Fonseca.

En relación con este grupo e a través de diversas fontes, podemos comprobar que o día 28 de maio de 1930, ás nove da noite, a policía detén a un grupo de persoas, todas de especial relevancia na cidade, cando saían dunha casa, propiedade de Avelino Silva, sita no número 70 do barrio do Burgo en Lérez. Ás once da noite faise un minucioso rexistro da casa incautándose diversa documentación. Os detidos quedan en liberdade ás catro da madrugada. Por parte do gobernador civil, impóñense as seguintes multas: Avelino Silva Güimil, avogado, 1000 pta, José Echevarría Nóvoa, avogado, 500 pta, Joaquín Maquieira Fernández, boticario, Basilio Pintos Fonseca, empregado de banca, Joaquín Poza Juncal, xornalista, Maximiliano Pérez Prego, procurador e Arturo Rey Juncal, industrial, 250 pta. A censura de prensa vixente naquel momento, non pode ocultar as críticas de varios xornais, que coincidían en sinalar que todos los multados son personas honorabilísimas de esta capital, que gozan de generales simpatías por su probidad y hombría de bien. (El Progreso, 6-6-1930).

Así o explicita El Progreso (1-6-30) ao publicar a nota oficiosa do gobernador co seguinte comentario:

La anterior nota que publicamos por deferencia al gobierno civil y como simple información, nos inspira consideraciones que callamos por motivos que en estos tiempos pesan poderosamente sobre la prensa y que adivinarán nuestros lectores.

Non podía ser doutra maneira a postura dos xornais consultados (El País, El Pueblo Gallego, El Progreso, Diario de Pontevedra) dada a relación de afinidade política respecto a moitos dos detidos e/ou a pertenza á masonería dalgún dos seus directores ou propietarios.

A militancia política da maioría dos inculpados era republicana nas súas distintas variantes e coa chegada da República ocuparían cargos políticos destacados. Os señores Millán Mariño e Corbal Hernández pertencían ao partido Liberal Demócrata de Melquíades Álvarez, de signo dereitista. Todos eles aparecen como masóns, membros da loxa Helenes nº 7 de los valles de Pontevedra, nas relacións incautadas logo do golpe militar. Os seus nomes simbólicos e graos son os seguintes: Avelino Silva, Abel,3; José Echevarría, Roura, 3; Joaquín Maquieira, Ives Delage, 3; Basilio Pintos, Fraterno, 1; Joaquín Poza, Vergniaud, ?; Maximiliano Pérez, Claudio, 3; Arturo Rey, Víctor, 3; Isidoro Millán, Urco, 1; Andrés Corbal, Tenero, 1; Amancio Caamaño, Servet, 3.

No informe “Actividades masónicas en Pontevedra capital” elaborado pola xefatura pontevedresa de Falange Española y de las J.O.N.S. con data 26-5-37 e que figura na documentación da citada causa 155/937 (TERMC. AGCE), tamén atopamos unha referencia a estas detencións citando só a Maquieira, Echeverría (sic), Millán, Corbal e Silva, apuntando que

el hallazgo de la documentación de la misma con la relación de los afiliados y nombres que usaban, publicándose dicha relación por lo menos en el Diario de Pontevedra, debiendo estar dicha relación en la Comisaría de Policía o por lo menos poderse enterar por la colección de dicho diario.


Pero neste informe atopamos tamén outras informacións das actividades posteriores dos membros da loxa Helenes 7: acusacións a Echevarría e Maquieira de ser enlaces con algunhas clases de tropa do Polígono Janer de Marín e da Base Naval de Ríos. Dá conta do lugar das reunións no primeiro piso da imprenta de Joaquín Poza, na rúa D. Filiberto así como de novos masóns: Ramón Cortés (ORGA), Carlos Pintos...apuntando á afiliación á ORGA dos membros desta loxa: siendo sospechosos de masones casi todos los restantes afiliados. También se hablaba de Bibiano Fernández Ossorio Tafall.

As acusacións do informe falanxista continúan:

Tenemos vehementes sospechas también lo sean tanto por sus ideas como por sus amistades y su comportamiento con el Movimiento, un tal ANDRADE CIMADEVILA ( en maiúsculas no orixinal), pariente de Caamaño, médico del sanatorio de la Lanzada, hoy cesante por sus simpatías por los “rojos” y Agustín Portela, Ingeniero o Perito Industrial con residencia en Madrid, residente actualmente en Pontevedra y cuyo comportamiento ante el Movimiento es de total desafección.

También fueron detenidos y puestos en libertad después de serles impuesta una sanción económica de 1500 pta, los falangistas Enrique Barreiro, fotógrafo y teósofo espiritista y sospechoso de masón, lo mismo que Domingo Rodríguez Formoso y Adolfo Álvarez Gómez, telegrafista de quien se dijo se le había encontrado en su casa una espada y un mandil masónico al registrarla la policía.

Tampouco faltan veladas alusións por encubrimento ao gobernador Macarrón ( del que por cierto los únicos que hablaban bien de él eran los izquierdistas) e a outras persoas, pero o máis relevante do informe, ao meu xuízo capital para os que estudamos a represión, polo que ten de recoñecemento oficial e por escrito de certas actuacións da Falanxe naqueles días, é o parágrafo que transcribo a continuación:

Después de iniciado el Movimiento se procedió por F.E. a la detención de Maquieira para tomarle declaración y ELIMINARLO (o subliñado e as maiúsculas son meus) pero se interpusieron las Autoridades y se consiguió llevarle a la prisión provincial de donde fue trasladado al Lazareto siendo más tarde puesto en libertad mediante una sanción económica y facilitado pasaporte para Cuba.

A palabra eliminarlo , situados no contexto espazo-temporal relatado, non parece deixar lugar a outra interpretación distinta do “paseo” en calquera dos lugares habituais da nosa comarca.