martes, 23 de julio de 2024

Masonería en Marín. O Triángulo Solón nº 8.

 


O triángulo Solón nº 8 de Marín constitúese a finais de 1929 e os seus primeiros membros proceden da loxa Helenes nº 7 de Pontevedra. O día 1 de febreiro do ano seguinte, para constituílo, reciben prancha de quite na loxa citada os masóns José Antonio Paz Martínez “Marconi”, grao 3 (mestre masón) e que adoptaría un novo nome simbólico, “Licurgo”, José Bermejo Sánchez “Zozaya”, grao 2 (compañeiro masón), Roberto Cob de la Guardia “Raúl”, Pedro Escarabajal Peralta “Asdrúbal” e “Tolstoy” e Salvador Mas Sastre “Lanuza”, os tres últimos eran grao 1 (aprendiz masón).

A razón da fundación (levantamento de columnas na linguaxe masónica) deste triángulo está relacionada coa aprobación, na Asamblea Nacional Simbólica celebrada en Cartaxena a principios de 1930, da constitución dunha Loxa Naval, integrada exclusivamente por membros da Mariña, militar ou civil. Créase así a loxa Atlántida, dependente da Gran Logia Regional del Suroeste de España, pero os talleres podían establecerse nos distintos portos. Un dos triángulos constituídos foi o Solón nº8 de Marín, lugar de moito interese debido á existencia do Polígono de tiro naval Janer e a base naval e “ser al mismo tiempo uno de los lugares de Galicia más propicios a todas las propagandas anticatólicas” (causa 155/37). Como veremos, non todos os afiliados foron mariños; a razón de non poder constituírse como loxa era o feito de que se necesitaban sete membros como mínimo e tres deles tiñan que ter o grao tres. Os triángulos só precisaban un mínimo de tres membros e un mestre masón.

Nun principio tiña seis afiliados e no ano 1931 ou 1932 “abate columnas” ou sexa péchase, algúns dos seus membros intégranse na loxa orixinal, a Helenes, e outros deixan a masonería.

Ademais dos citados, integraron o triángulo ao longo do seu curto tempo de vida, Valentín Pazos Fernández “Marcelino Domingo”, Gonzalo Martín March “Igualdad”, Ángel Ramonde Gregorio “Sherman”, Enrique Sanmartín García “Ferrer”, Manuel Rivero Fuentes “Caronte”, Enrique Vidal Espiñeira “Esculapio” e Eduardo Sánchez Rodríguez.

Ramonde e Vidal reciben “prancha de quite” por traslado en marzo de 1931 ao igual que Sanmartín e Escarabajal.

Tras o golpe lévanse a cabo unha serie de actuacións contra membros, reais ou presuntos, da masonería marinense. O 1 de xuño de 1937, o xuíz Colmeiro, encargado da persecución da masonería a nivel Galicia, ordena a detención e ingreso en prisión no cárcere de Pontevedra do armador Luis Pérez Quevedo, de Agustín Rey Fonseca e Antonio Muíños Búa. O 7 dese mes quedan en liberdade xa que “han cesado las causas que han motivado su detención”. Estas detencións obedecen a unha serie de denuncias, probablemente de sectores falanxistas da localidade (grupo de Temes e Bruno Schweiger), que motivaron a remisión, por parte do goberno militar (8-5-37) dunha serie de fichas de posibles sospeitosos.

A Luis Pérez Quevedo acusábano de que se efectuara diante do seu domicilio unha queima de papeis e que nos restos apareceran membretes masónicos polo que “es lógico sospechar que ese señor pertenecía a esa infame secta y por eso se dió tanta prisa por destruir todos los documentos que le podían comprometer”. Valentín Pazos (o único dos acusados que efectivamente era masón) estaba acusado de repartir folletos nuns buques e dependencias da Mariña facendo apoloxía da masonería. A José Esperón declárano sospeitoso por ser cuñado de Pazos e dirixente das Xuventudes Socialistas. A Agustín Rey, Antonio Muíños, Antonio Pazos e José e Eusebio Santiago considéranos sospeitosos por ter amizade con masóns ou por rumores no pobo. Ao panadeiro Eladio Santos Fontenla, aparte do rumor público, afirman que no seu carro de reparto de pan tiña pintado o símbolo masónico da estrela de cinco puntas; ademais era “Socialista, asegurándose que es masón [...] Es individuo de cuidado”. Antonio Landín Graña estaba considerado como “Comunista, asegurándose que es masón [...] Es hombre peligroso”. Ata chegan acusar a Sebastián González, xefe local da Falanxe en Marín, porque consideran que é de carácter débil e estaba influenciado por familiares e amigos pertencentes ao Frente Popular e á Masonería, “de los que recibe constantemente indicaciones en el sentido de sus conveniencias particulares y nunca en bien de las cosas justas y de la Patria”.

Algún dos masóns do triángulo Solón, como foi o caso de Salvador Mas Sastre, afiliouse a Falanxe e participa activamente coas súas milicias noutra localidade; tamén o acusan de delator de antigos compañeiros, posiblemente isto lle vale para que a condena a 12 anos de cárcere por masonería quede reducida a un confinamento domiciliario de 3 anos e un día.


domingo, 30 de junio de 2024

Contra o esquecemento: o mestre Alfonso Dámaso Rodrigo Méndez.



Alfonso Dámaso Rodrigo Méndez naceu o sete de abril de 1895 en Bande (Ourense); era fillo de Joaquín e de Consuelo. Estudou a carreira de mestre; no ano 1925 reside en Figueirido (Pontevedra) e solicita unha praza de interino sendo destinado á escola de Figueroa (Cerdedo). No ano 1926 aproba as oposicións e, no 1927, destínano a Meira (Lugo). No ano seguinte trasládase a Porto (Salvaterra) e no 1933, pola quenda de consortes, toma posesión da escola unitaria nº 2 de Sanxenxo, xunto coa súa dona Bernarda Pereira Solla. Socio da Casa del Maestro de Pontevedra, fai unha doazón de 3 pesetas para a homenaxe que o maxisterio tributou ao ministro Marcelino Domingo no ano 1935. O labor docente deste matrimonio na localidade foi moi destacado, cun intenso compromiso pola renovación pedagóxica. (Véxase: Mestres deSanxenxo).

Alfonso tivo tamén unha destacada actividade política como militante socialista, organizador e secretario da agrupación do PSOE na localidade e afiliado á UGT.

Este compromiso político fixo que estivera no punto de mira das forzas da dereita e cando triunfa o golpe militar de 1936 vai pagar as consecuencias. Detéñeno nos primeiros días e ingresa no cárcere de Pontevedra. O 16 de agosto, varios militantes falanxistas toman a iniciativa de presentarse diante do comandante de posto da Garda Civil, José Freijanes Freijanes, para acusar o mestre. Declaran que fora o organizador das “milicias marxistas armadas”, que dirixira a requisa de coches “alentando a las masas para marchar a la capital con el objeto de ponerse frente al Ejército y la fuerza pública”. Conceptuábano como individuo de ideas extremistas que inculcaba aos nenos. A partir destas declaracións, o cabo chama a declarar outro veciño, que reforza as acusacións contra Alfonso. Explica que, o 20 de xullo, o mestre animaba a un cento de persoas que o acompañaban con gritos de “Viva o comunismo” e dicíalles que ían loitar polo proletariado e a Fronte Popular. Tamén lle oíra dicir que “esto pronto iba a terminar, y que algunas casas de esta villa (dirigiéndose a las de determinadas personas de derecha) serían pronto para algunos pobres que estaban viviendo miserablemente” e que aos elementos fascistas de Sanxenxo había que cortarlles a cabeza. Engade o declarante que Alfonso dixera que a súa maior alegría fora cando sacaran os crucifixos das escolas e cando puidese queimar a igrexa de Sanxenxo.

Pola súa conta, o cabo instrutor do atestado engade que Alfonso actuaba intensamente en política e que era un propagandista de ideas extremistas intervindo “incluso en asuntos de huelgas en los que se colocaba en actitudes de las que era imposible llegar a arreglarse”.

Alfonso Rodrigo presta declaración diante do xuíz militar como inculpado na causa 832/36, contra os principais dirixentes republicanos da localidade, os días 26 de agosto e 3 de setembro. Recoñece a súa actividade política pero nega as acusacións de que era obxecto.

O 28 de agosto ábreselle unha causa (1151/36) polo delito de rebelión. Ante a imposibilidade de localizar a Alfonso, pídense varios informes. O 20 de setembro, o director de prisións, Lago Búa, informa que, por orde da superioridade, fora entregado á Garda Civil para trasladalo a Caldas. O 30 de setembro, o secretario do instrutor dirixe un oficio ao xefe da comandancia da Garda Civil solicitando información sobre a prisión na que estaba detido o encartado; ao día seguinte, o xefe da prisión de Caldas de Reis comunica que o mestre non era coñecido na mesma e que se ignoraba o seu paradeiro. Repítese unha vez máis o proceso de xustificación da eliminación dun detido pola coñecida como “lei de fugas”.

O informe da Garda Civil, datado no 27 de setembro de 1936, afirma:

al ser conducido la noche del cinco del actual, en virtud de Orden recibida al efecto, desde esta Capital a la prisión de Caldas de Reyes, por los Guardias segundos de esta Comandancia Evaristo Cid Lozano y Manuel Araújo Fernández, aprovechando una parada que hizo el vehículo que los transportaba para reparar una avería, solicitó a la fuerza, se le permitiese apearse unos momentos por notar síntomas de mareo. Autorizado por la pareja para apearse, nada más bajarse del coche, emprendió una veloz carrera consiguiendo internarse en un pinar inmediato a la carretera y ponerse, protegido por la oscuridad reinante, fuera del alcance de la pareja conductora que le persiguió haciéndole varios disparos de fusil ignorándose la dirección que haya tomado

Alfonso Rodrigo formou parte dun grupo de presos que foron conducidos por forzas da Garda Civil, “cívicos” e falanxistas a Bueu na noite do 5 de setembro; alí foron asasinados e fondeados no mar. Non se atoparon os seus corpos.

Diante do feito da “desaparición” de Alfonso Rodrigo, o instrutor publica unha requisitoria para que se presente no prazo de 48 horas e, ao non facelo, declárao en rebeldía. O auditor de guerra considera que procede suspender as actuacións “hasta que se presente o sea habido el procesado”.

A Comisión depuradora do maxisterio tamén publica unha requisitoria o 24 de febreiro de 1937 dándolle un prazo de dez días para presentarse e facer alegacións no seu expedente.

Foto: Alfonso coa súa filla Narda. Proxecto Universitario Nomes e Voces.  https://www.nomesevoces.net/

martes, 18 de junio de 2024

O asasinato de Víctor García " O Brasileiro".

 


Eran as oito e media da tarde do tres de agosto de 1948 cando o xuíz de 1ª instancia e instrución de Lalín, acompañado do secretario, o forense e axentes da Garda Civil, achéganse á parroquia de Moalde, en Silleda. Desprázanse ao sitio coñecido por “Costa do río do Porto”; alí, a unha ducia de metros dun camiño de carro, ao lado dun valado que separa esta finca doutra chamada “Chouza da Brea”, entre a maleza, atópase unha foxa a flor de terra. Apréciase que está escarvada por animais e obsérvanse restos humanos. A uns catro metros localízase un cranio completamente desprovisto de carne e restos de roupa. As teas están podrecidas pero aínda poden apreciarse as cores, como o gris dun xersei de la tecido a man.

O forense manifesta que se trata do cadáver dun home, en completo estado de putrefacción, e que o enterramento debeu efectuarse facía catro ou cinco meses.

Na identificación do cadáver foi básico o testemuño do garda civil Manuel Rodríguez Carballo; este membro do servizo de información era unha peza fundamental dentro do Sector Interprovincial establecido en Lalín para a persecución e represión de “bandoleros”, mandado polo comandante Manuel Montero Galvache. Rodríguez Carballo participou en innumerábeis accións contra a resistencia. Segundo afirma este garda, os restos coinciden exactamente coa ficha que teñen no Sector correspondente a Víctor García García “O Brasileiro”:

estatura baja, fuerte, cabeza grande, cara ancha, nariz gorda, orejas pequeñas caídas hacia adelante, con dos dientes de oro en el maxilar superior en sus partes laterales, formando un puente con los otros dientes postizos de marfil.

A dentadura postiza foi remitida por correo certificado á capitanía xeral.

Non é o lugar para tratar extensamente a biografía de Víctor García nin os pormenores da resistencia política e armada na década dos corenta. (Sobre a resistencia na provincia pontevedresa ver Anos do silencio e sobre O Brasileiro https://victor-garcia-garcia-el-brasileno.com/ ). Só faremos uns apuntamentos imprescindibles: Víctor García García, “O Brasileiro”, “O Asturiano”, “Estanillo”, “Manolo dente de ouro” e diversos alcumes máis, naceu en Muriellos, no concello de Quirón (Oviedo), fillo de Vicente e Adelina, cos que emigrou a América a mediados da década dos 20, establecéndose en Santos (Brasil). Ao seu regreso a Asturias tivo unha destacada actividade sindical. A finais de 1939 está no norte de Portugal como delegado da Internacional Comunista e desempeña tarefas relacionadas co partido comunista e a organización dos refuxiados na zona. En Vinhais e Castro Laboreiro entra en contacto con grupos de fuxidos procedentes de Galicia e Asturias que serían os pioneiros no movemento guerrilleiro. En 1943 reside en Fontao (Silleda), nas minas de volframio, e xunto con outros compañeiros participa na reorganización do PC, do que é responsable rexional. Máis adiante pasa a residir en Vigo; dende esta cidade dirixe o PC galego e organiza as Xuventudes Unificadas e Unión Nacional Española. Recibe o apoio de José María Urquiola “Chema” que, en 1945, foi detido en Ourense e, a consecuencia desta detención, prodúcense unha serie de “caídas” na militancia do partido en Galicia.

A finais deste ano ou principios de 1946, Víctor crea, con militantes do partido que se pasan ao monte para evitar as detencións e con membros de grupos armados xa existentes na zona de Vigo, o Destacamento Paco Barreiro. Tras a súa desarticulación, froito de delacións e axentes infiltrados, “O Brasileiro” marcha cara Silleda e únese ao grupo de Eugenio Rueda Perosanz e Miguel Nicolás Esperante “O Corcheiro”. Rueda e “O Corcheiro” xa proporcionaran cobertura, en 1944, ao grupo de Luis Blanco e Diego Valero, que foran detidos ese ano e executados mediante garrote en Pontevedra no 1946.

No partido comunista facía tempo que as cousas cambiaran; a persecución contra os partidarios de Jesús Monzón era intensa e as acusacións de infiltrados ou “axentes provocadores” estaban á orde do día. Un dos sinalados era Víctor García. A finais de 1945 chegaron a Galicia José Gómez Gayoso e Antonio Seoane para poñerse á fronte do partido e da resistencia armada; Víctor continuaba tendo un grupo importante de seguidores pero foi relevado á fronte do partido.

En Mundo Obrero (18-7-1946) advertíase da expulsión do Brasileiro “por convertirse en un provocador al servicio de la Falange”.

Víctor ferírase de xeito accidental cunha pistola, fora curado por un médico e estaba refuxiado na casa de Antonio Carracedo, na Estrada . En xaneiro de 1948, Benigno Andrade “O Foucellas” fáise cargo da Vª Agrupación da que forma parte o grupo do Corcheiro e, polo tanto, Víctor García. Seguindo as ordes da dirección do partido, decídese eliminalo. O día de san Brais, 3 de febreiro de 1948, un grupo composto por Benigno Andrade “O Foucellas”, Miguel Nicolás “O Corcheiro”, Vicente López Novo “ O da Nova”, Julio Bazarra “O Miope” e Constantino Menéndez “Tino”, recólleno na casa de Carracedo e diríxense cara Bandeira; na citada carballeira de Moalde “Tino” dispáralle un tiro na noca e entérrano.

As fontes da Garda Civil atribúenlle a responsabilidade da decisión a “O Foucellas”: o comandante Montero Galvache afirma que

según informes adquiridos el Foucellas desconfió de su fidelidad a la partida y lo sentenció a muerte dándole un tiro con pistola según parece en la nuca el TINO, en ocasión de venir o ir por el camino del monte de San Sebastián. (informe 16-8-48, causa 472/48).

O tenente coronel Francisco Aguado, no seu libro “El maquis en España”, escribe:

“Foucellas” da con su escondite, le detiene y tras ser condenado a muerte por “Julián”, entre “Foucellas” y “Tino” lo “ajustician” separándole la cabeza del tronco y a presencia de toda la partida, con el fin de que sirva de ejemplo.

Nun informe do PCE recoñécese a autoría do asasinato:

 Por fin lo cazamos. Este canalla se nos escurría como una sanguijuela. [...] En concreto, un provocador que nos dió muchos disgustos y que, aunque tarde, hemos eliminado.

Logo do descubrimento do cadáver, danlle sepultura no adro da igrexa de Moalde.

Foto: https://victor-garcia-garcia-el-brasileno.com/blog/

lunes, 27 de mayo de 2024

Contra o esquecemento: Ángel Buceta Loroño e Francisco Baamonde García.

 


Ángel Buceta Loroño “o Campana”, empregado, solteiro, naceu o 17 de xaneiro de 1917 en Vilagarcía, fillo de Manuel e Perfecta. Francisco Baamonde García, albanel, casado e con dous fillos, naceu o 24 de abril de 1913 en Bamio, fillo de Francisco e Esclavitud. Membro do sindicato de albaneis da CNT.

Segundo a súa declaración, Ángel Buceta fuxe ao monte nos primeiros días tras o golpe por medo a ser detido; refúxiase no mato chamado “Picote”, en Rubiáns. Leváballe comida unha obreira do porto chamada Angelita e tamén Lola, a muller de Juan Gil. A Angelita rapárona e estivo presa. A primeiros do ano 1937 reúnese co grupo mandado por Rodrigo Beruete1 Alejandre “O Xitano” e composto polos seguintes membros: Rodrigo Beruete, Manuel Díaz Hermo “O Cuevas”, Manuel Limeres Ordóñez, Antonio Basilio Sayanes González, Urbano Tarrío Montero, José Torres Eiras “o panadeiro de Bamio”, Francisco Baamonde García, Serafín Brea González, Ángel González García, Manuel Martínez Freire “o Randa”, e Ramón Rodríguez Carregal; tamén aparecen relacionadas co grupo dúas mulleres: Pilar Fernández Seijo “a Montañesa” e Josefa Barreiro González. Esta declaración, feita o 15 de febreiro de 1937 diante do tenente da Garda Civil Aurelio Belay, é moi detallada; Ángel Buceta relata as actividades deste grupo de fuxidos, os compoñentes e a súa actividade no mesmo. A presión da Garda Civil debeu ser moi forte para obter os datos pero Ángel ratifícaa tamén diante do xuíz municipal Eduardo García-Reboredo González.

Sobre a súa detención, afirma que o día 13 de febreiro, cando Buceta, Beruete, Juan Gil e Manuel Díaz estaban albergados na casa de Pilar Fernández en Trabanca-Badiña, presentáronse varios números da Garda Civil e da Garda Cívica. Os agochados fuxiron por un burato que abriran no tellado e, defendéndose a tiros, aproveitaron a escuridade da noite para fuxir cara o Xiabre. Buceta foi ferido e presentouse dous días despois no cuartel. Estivo internado no Hospital de Pontevedra ata o 31 de marzo.

A declaración de Buceta levou á detención de Francisco Baamonde García; este leváralle de comer aos fuxidos e estivera escondido na súa casa; ao parecer, tamén se uniría ao grupo máis tarde, cousa que nega. O informe da Garda Civil é moi duro: “pésimos antecedentes y gran agitador antes del Glorioso Movimiento Nacional” e apunta que era afiliado do partido comunista. O instrutor afirma 

sin que se hubiese acreditado que dicho Francisco Baamonde García hubiese intervenido en los robos a que este sumario se refiere ni que se hubiese alzado en armas ni hiciese oposición a la Fuerza Pública. 

O anterior fora corroborado no careo que tivo con Buceta Loroño. A pesar disto, foi procesado por auxilio á rebelión. A Ángel Buceta procésano por rebelión. Ambos na causa 288/37.

O 22 de xullo de 1937 celébrase o xuízo en Pontevedra; preside o tenente coronel de artillería Francisco Lorente Armesto, vogal poñente foi o capitán honorífico Ramón Rivero de Aguilar Otero e fiscal o alférez Eduardo Sanjurjo de Carricarte. Actúa como defensor o tenente de artillería Julio Conde González.

O fiscal pide pena de morte para Ángel Buceta e de reclusión perpetua para Francisco Baamonde pero o tribunal condena a ambos á última pena.

Nun dos resultandos da sentenza relátase a actividade do grupo de fuxidos:

formando parte de una partida de paisanos armados y provistos de bombas de mano, en los primeros días de iniciarse el Movimiento Nacional se refugia en los montes de Xiabre y Lobeira del partido judicial de Cambados, de esta provincia, y en distintos días asaltan varias casas de aquella comarca, apoderándose de dinero y efectos y manteniendo en fechas distintas fuertes tiroteos con fuerzas del Ejército que daba la batida a los marxistas.

Os dous foron executados o 11 de outubro de 1937, ás seis da mañá, na avenida de Bos Aires de Pontevedra, por unha sección da Garda de Asalto. Refusaran os auxilios espirituais e negáranse a asinar a sentenza.

Ángel recibe catro balazos na rexión precordial e dous na abdominal, determinantes de síncope cardíaco e Francisco 3 balazos na rexión precordial que producen hemorraxia interna. Foron enterrados no cemiterio de san Amaro, na zona 2ª, fila 2ª, sepultura 61 (Buceta) e sepultura 62 (Baamonde). Ángel Buceta vestía pantalón e xersei azuis, chaqueta escura, zapatos castaños e calcetíns encarnados a raias; Francisco Baamonde viste mono azul, chaqueta escura e zapatillas e calcetíns de cor negra.

En 1940, o tribunal provincial de responsabilidades políticas inicia expediente contra ambos. Anteriormente xa se lles fixara unha multa de 50 pesetas.

1Nalgunhas publicacións aparece como Berruete.

domingo, 21 de abril de 2024

Vigo 1938, homenaxe ao protomártir Calvo Sotelo.

 

No ano 1938 organízanse en toda a España baixo o dominio franquista unha serie de actos que tiñan como finalidade achegar fondo para erixir un gran monumento, en Madrid, destinado a perpetuar a memoria do Protomártir José Calvo Sotelo. En Vigo organízase unha festa lírico-musical pro monumento a Calvo Sotelo; celebrouse os días 17 e 18 de maio dese ano no teatro García Barbón. Segundo El Pueblo Gallego, os actos constituirían “la más bella página de cuantas registra la historia de nuestra lírica”, coa actuación de máis de douscentos cantantes e músicos procedentes de toda Galicia.

Froito destes actos, enmarcados na “Homenaje Nacional al Protomártir de la Patria”, publícase un pequeno folleto de 20 páxinas en pequeno formato impreso na Tipografía S.C. , radicada na rúa Oliva, nº 12 de Vigo.


Consta de dúas partes: a primeira, moi curta, é obra do duque de Medina de las Torres, que reflexiona sobre a España decaída, “en agonías de muerte”, polas doutrinas “obcecadas del marxismo” e polos conflitos “producidos y ahondados por el régimen execrable de una nefasta República”. Desta situación agónica volve á vida cun “resurgimiento tan inesperado como violento”, que repite e engade outras novas ás xestas de Numancia, Sagunto, Tarifa e tantas outras.

Calvo Sotelo era o

símbolo de puros ideales entre las más declaradas concupiscencias, luz entre las tinieblas de la ignorancia y el error, voluntad firme que contrastaba las veleidades y contubernios de las que tan desgraciadamente regían los destinos de la nación. 

Certo que a providencia obsequiara a España co “más genial artista de la Victoria”, ou sexa o Caudillo Franco, pero non o era menos que o poñer nas súas mans a cruz, a bandeira e a espada, eran o froito inicial de esa “vida que se fué hacia Dios porque la España de entonces no era digna de su inmenso valor”.

Outro apartado reproducía unha charla en Radio Vigo do xornalista vigués que asinaba como “Luis del Valle” [ Aurelio Domínguez ?]

Luis del Valle repasa o papel preponderante de España cos Reis Católicos, Carlos V, Felipe II e cita as palabras de Vázquez de Mella:

el Mediterráneo no era más que un estanque del palacio de nuestros reyesy el Atlántico guardaba encerrado entre nuestras costas como un espejo, demasiado pequeño par que en él se pudiese mirar nuestra grandeza.

Lembra as características da xeración do 98, que aparecían fundidas á “nefasta” República e todos os homes desa xeración estaban integrados nela: Unamuno satisfacía a súa relixión laica, Valle Inclán o seu afán de tesouros, Pío Baroja as súas figuras intrigantes e masónicas, Azorín o seu entusiasmo por Francia... Pero faltaba unha das características, a fundamental, a do grito sereo, a rebeldía xusta, “la santa disconformidad de los que prefieren morir con honra a vivir con vilipendio”. E iso era o que representaba Calvo Sotelo.

sábado, 16 de marzo de 2024

Falanxistas de Bueu.


Non é tarefa doada a pescuda sobre militancia e actividades da Falanxe; a sistemática destrución dos fondos documentais relacionados co Movimiento Nacional dificulta ou, ás veces, impide abordar o tema cun mínimo de rigor. Aínda así, a existencia de documentación que, por diversas razóns, sobreviviu á queima e que se atopa dispersa en arquivos municipais, provinciais e estatais, así como o baleirado das hemerotecas, posibilita unha aproximación fiable para certas localidades.

En novembro de 1941, o ministro secretario xeneral do Movimiento, José Luis Arrese, pon en marcha unha depuración interna que afecta toda a afiliación falanxista; esta tarefa vai demorarse no tempo e non remata ata principios de 1945. A finalidade era eliminar das filas falanxistas militantes non compatibles cos seus principios e que utilizaban a pertenza a Falanxe como cobertoira para outros fins.

O proceso esixía uns inxentes trámites burocráticos, con informes do servizo de investigación e dos xefes locais e declaracións individuais de antecedentes. Ao iniciarse a depuración pechouse a admisión de novos membros. Nos lugares nos que se conserva, a documentación xenerada proporciónanos unha valiosa información; o carácter parcial dos fondos conservados procuramos suplilo a través doutras fontes.

Neste artigo abordamos a composición da Falanxe no concello de Bueu dende 1936 ata 1951.

En setembro de 1940 había un total de 127 militantes; no ano 1943 son informados no proceso de depuración 125 e o 2 de marzo de 1945, rematado xa o proceso depurador, quedan un total de 82, dos que 73 teñen a categoría de militantes e 9 a de adheridos. Os adheridos eran unha sorte de afiliados de 2ª categoría, sen dereitos e que nun prazo de cinco anos decidíase se merecían pasar a ser militantes ou se decretaba a expulsión.

Só puidemos documentar 4 militantes “camisas vellas”, ou sexa con afiliación anterior ao golpe militar: Rogelio García Fernández, Emilio Juncal Malvido e Salvador Lago Carballo, que ingresan o 30 de abril de 1936 e Juan Menduiña Pastoriza que o fai o 15 de xullo dese ano (noutro documento afírmase que foi o 25). Tres afílianse o 18 de xullo, Ignacio Lis Lombos, Francisco e José Loira Franco. O 21 de xullo de 1936, un día despois do golpe en Galicia, ingresan Antonio Cerviño Martínez, José Diz Paz, José Lis Alonso e José Gil Rúa. Ao longo dese mes afílianse José Collazo Iglesias, Perfecto García Lemos, Ignacio Lis Alonso, José María e Antonio Massó García, Anselmo Rivas Vilariño, Manuel García Pousada, Francisco Pazos Pazos e Elías Regueira Alonso.

Algúns deles parece que xa participaban en actividades falanxistas na clandestinidade antes de ingresar oficialmente pois hai referencias da asistencia a reunións clandestinas de Antonio Cerviño.

Un feito a destacar é a presencia, nas primeiras semanas, dun significativo número de afiliados procedentes do partido galeguista, ao redor dunha ducia. Deles cinco son depurados favorablemente no 1945 (Antonio Cerviño, José Collazo, Manuel Dopazo, Manuel Fontán e Perfecto García), no ano 1951 xa non aparece ningún.

No ano de 1951 causan baixa, a maioría a petición propia, 28 afiliados, ou sexa, aproximadamente a cuarta parte do total.

O decreto de unificación de abril de 1937 dá lugar a un elevado número de ingresos, todos con data do 18 de xullo de 1937) procedentes da Garda Cívica. A maioría eran persoas que pola súa idade encadráranse nesta milicia; entre eles atopamos persoas que tiveran destacada participación política en etapas anteriores. Non son ben vistos polos falanxistas de primeira hora e os informes da xefatura local así o denotan; algúns deles pedirán a baixa aducindo elevada idade ou deixan de participar en actos e de pagar as cotas como forma discreta de darse de baixa.

A modo de exemplo do afirmado anteriormente, destacamos algúns deles.

Juan Cestay Cerviño, afiliado ao partido galeguista. “No posee disciplina ni espíritu falangista de ninguna clase sin que haya asistido jamás a concentraciones y actos celebrados por esta jefatura local”. Merece mal concepto e considérano estraperlista; a Fiscalía de Taxas impuxéralle unha multa de 10.000 pesetas.

José García Posada, industrial, fora alcalde na Ditadura de Primo de Rivera. Solicita a baixa por idade.

Attilio Gaggero Moresco, industrial, membro do partido fascista italiano. Non asistía a actos falanxistas, informan que se afiliou a Falanxe por comenencia. Proponse a baixa por non merecer confianza pero foi depurado favorablemente e figura como adherido no 1945.

Gaspar Massó García, industrial, afiliado ao partido galeguista, no informe afírmase que tamén militou na Unión Patriótica de Primo de Rivera (cabo do somatén) e en Acción Popular. Presidente da Unión de Fabricantes de Conservas. Membro da saga dos Massó, moi influínte na Falanxe e na política local. A xefatura local informa que votara ás dereitas e puxera a disposición dos votantes deste sino o seu coche e os da empresa. No 36 negáranlle o ingreso na Falanxe sendo admitido o 18 de xullo do 37, na categoría de adherido, pois non o consideran apto para militante e tiña pouco espírito falanxista. Axudou economicamente ao partido en varias ocasións. No ano 1939 foi sancionado polo gobernador civil Gómez Cantos con 1.500 pesetas por “pronunciar frases incorrectas y protestar en tonos airados contra lo dispuesto por la Superioridad sobre la expedición de salvoconductos”. Foi procurador en Cortes polo sindicato (vertical) da pesca.

Víctor Carballo Castiñeiras, armador, alcalde durante a monarquía. Solicita a baixa por idade.

José Rey González “Sarillo”, industrial, fora simpatizante da Fronte Popular e no 36 votara á esquerda. Non asiste ás reunións. Ao rematar a guerra solicitara a baixa.

Luis Pimentel Gil, médico, membro da xestora da primeira corporación republicana. Afírmase que nos primeiros días fora detractor da Falanxe. “Su moralidad política es bastante susceptible a la concupiscencia criticando en reuniones la árdua labor desarrollada por Falange”. Non merece a militancia. Foi concelleiro e delegado de Auxilio Social.

A continuación ofrecemos un listado, (non exhaustivo) de afiliados á Falanxe de Bueu e cargos ocupados.

Antonio Cerviño Martínez, industrial, galeguista. O día do golpe presentouse ás autoridades, pasou polo Polígono Janer de Marín onde lle facilitaron armamento, prestou servizos no cuartel da Garda Civil de Pontevedra ás ordes do capitán Pardo. Regresa a Bueu e forma a JONS local. Marcha á fronte como voluntario na Centuria de Zapadores de Marín mandada polo alemán “capitán Bruno”. Foi o primeiro xefe local de Bueu.

Francisco Domínguez Sobral, estudante, alférez provisional, voluntario na fronte. Subxefe da Falanxe desde finais de agosto de 1936 ata o 1 de xaneiro de 1937. Asesor técnico de atletismo no SEU de Compostela a finais de 1942.

Perfecto García Lemos, oficinista, galeguista. Presentouse o primeiro día “habiendo prestado servicios de armas y otros de gran confianza”. Delegado local de Organizaciones Juveniles (O.J.), secretario e delegado sindical local, xefe local de estadística e colocación, delegado local de obras sindicais de Artesanía, Previsión Social e Educación y Descanso. Alcalde en 1938.

Víctor Labaca García, oficial de artillería, xefe local de milicias.

Félix Lis Alonso, avogado, xefe local.

Ignacio Lis Alonso, médico, xefe local do Movimiento, xefe local do departamento médico de FE y de las JONS, médico asesor de milicias, delegado local da Frente de Juventudes, delegado local de Información e Investigación, asesor médico de Auxilio Social, tenente alcalde.

José Lis Alonso, perito industrial. Presentouse no Polígono Janer e estivo ás ordes do capitán Pardo en Pontevedra. Encargouse da dirección da fabricación de bombas e outros materiais de guerra na fábrica de Massó co grao de sarxento. Xefe local de milicias, delegado sindical local e xefe local do partido.

Dentro da familia Lis, un deles, Luis Lis Alonso, pertencera á Agrupación Socialista “pero sin actuación alguna”. Por outra parte, asistira a todas as reunións clandestinas da Falanxe para as que fora solicitado polo xefe Antonio Cerviño, estivera presente no enterro e funeral do “camarada caído” Secundino Esperón. Voluntario na Legión Gallega e fundador das JONS locais.

José María Massó García, conserveiro. Concelleiro e alcalde, xefe local, deputado provincial e xefe da 2ª liña. Foron soados os seus enfrontamentos con Camilo Davila Davila, antigo militante da URD, alcalde na Ditadura de Primo de Rivera, delegado de orde pública, que fora nomeado alcalde por Bastarreche nos primeiros días tras o golpe. As desavinzas (frecuentes entre os falanxistas da localidade) eran por a maior ou menor intensidade represora.

Antonio Massó García foi delegado de administración e de Prensa e Propaganda. Acusárono de irregularidades económicas.

Salvador Massó García, médico, delegado local de Información e Investigación, asesor sanitario das Organizaciones Juveniles e delegado local de Prensa y Propaganda.

Gerardo Martínez Estévez, mariñeiro, delegado local de agricultura e delegado parroquial de Beluso.

José Novio Fornos, oficinista, xefe de cadetes, administrador de Falanxe e secretario contador da Delegación Nacional de Sindicatos na localidade.

Francisco Pazos Pazos, delegado local das O.J., delegado local de Tesorería y administración do partido, secretario e xefe local, xefe da 3ª escuadra de 1ª liña.

Antonio Puig Davila, xefe local de milicias.

Francisco Puig Martínez, técnico de conservas, xefe da Garda Cívica. Delegado administración de FET.

En canto a composición por actividade, os grupos máis importantes de afiliados eran os mariñeiros (25%) e os obreiros e autónomos (18%) seguidos de oficinistas e empregados (12%). Os industriais supuñan o 9%, comerciantes e xornaleiros o 6% cada un, os funcionarios e os mestres, cada grupo o 5%.

 

miércoles, 21 de febrero de 2024

Repoboación forestal, resistencia veciñal, fábrica de celulosa...

 


Os montes do común eran unha fonte básica para a subsistencia da economía veciñal. Os pastos, as landras e as castañas proporcionaban alimento a rabaños de animais (cabras, ovellas, vacas...), as leñas secas e piñas utilizábanse como combustible nas lareiras e cociñas de ferro; o toxo e a broza servía como cama do gando e, posteriormente, sería o esterco para os campos. As pedras tamén se utilizaban nas construcións.

Xa en anos anteriores á 2ª República se levaran a cabo repoboacións forestais pero na inmediata posguerra incrementouse esta política repoboadora, que levou consigo a perda do uso veciñal de gran parte da superficie do monte comunal. As deputacións, que achegan os terreos (propios, dos concellos, comunais ou de particulares que se adhiren) xunto co Patrimonio Forestal do Estado, son os grandes impulsores e contan coa colaboración dos concellos, que poñen os montes á súa disposición. Algúns dos máis importantes defensores da repoboación en etapas anteriores, como Daniel de la Sota ou Rafael Areses, son referencias destacadas logo do golpe de estado do 36.

Créanse os consorcios forestais e os beneficios da venda das madeiras repártense de xeito proporcional entre os tres organismos que os integran: Deputación (35%), Patrimonio Forestal do Estado (25%) e concellos propietarios (40%). A xunta provincial encargada de dirixir o proceso está composta por un presidente (Patrimonio Forestal do Estado), un vicepresidente (Deputación), dous representantes dos concellos consorciados, o xefe do servizo forestal da Deputación e o xefe provincial de FET y de las JONS.

Para efectuar as tarefas de plantación e evitar os danos causados polo pastoreo, cércanse os montes mediante postes de pedra (cada 5 m.) e arames; a parte que se reserva fóra do cercado para aproveitamento da veciñanza mediante pastos, leñas e esquilmos, é discrecional e sempre subordinada ás necesidades da repoboación. Na maioría das veces resulta insuficiente e son numerosos os casos de reclamacións; no ano1941, veciños de Campañó e Alba solicitan a rectificación da liña de plantación por non quedar espazo para pastoreo; noutras localidades repítense estas peticións que, maiormente, teñen resposta negativa.

Diante dos prexuízos causados, a veciñanza articula estratexias de resistencia cun variado repertorio de accións. Unha das máis estendidas ten que ver coa provocación de incendios na “forestal”. O bo coñecemento do terreo e o tipo de especies empregadas nas plantacións (piñeiros, eucaliptos) facilita o éxito. Esta acción vese complementada por tácticas de resistencia pasiva mediante a abstención ou o entorpecemento das tarefas de extinción. Xa en etapas anteriores aos consorcios do franquismo se empregara esta táctica.

Son moi numerosas as novas sobre incendios, xa no ano 1937 hai grandes incendios na Portela, O Xiabre e no Castrove tendo que intervir o exército e falanxistas; en diversos plenos da Deputación trátase o asunto. A modo de exemplo, incendios en zonas repoboadas de Ponte Sampaio, Pazos de Borbén, Xeve, O Morrazo.... Sobre os autores, o xornal falanxista El Pueblo Gallego (15-9-1937) afirma:

Los montes no arden solos. Alguien INTENCIONADAMENTE, provoca estas catástrofes, que, además, muchas veces, ponen en peligro las propias haciendas y vidas de los campesinos.

Esos incendiarios – acaso derrotistas, a buen seguro marxistas, ya que del marxismo es la exclusiva de los incendios, de las destrucciones, de los robos – son unos canallas, unos grandes criminales, a quienes hay que perseguir, descubrirlos a todo trance, para aplicarles el inmediato y severo castigo que merece su criminalidad.

O 7 de outubro de 1945 prodúcese un incendio en S. Adrián que chega ata o monte Xaxán; os alcaldes de barrio de Currás e Domaio non acoden a apagalo a pesar dos toques de alarma, só se acercan algúns veciños ao día seguinte; dáse conta ao gobernador para impoñer sancións por falla de auxilio. O 10 de outubro dese ano, nun incendio en Xeve só acoden 8 veciños de Maúnzo pero non acoden os de Santa Cruz nin os dos Fontáns. O 10 de setembro de 1941 tamén se denuncia a falla de asistencia e colaboración de veciños de Vilaboa. Na sesión da Deputación pontevedresa do 23-10-1946, denúnciase que en varios lugares os alcaldes de barrio requiridos non acudiran a apagar o lume. No incendio da Chan de Baxil, en xullo de 1938, que causou uns danos de 10.165,60 pesetas, o servizo forestal supón que “haya sido provocado intencionadamente y que los autores deben ser vecinos de Domaio”.

O pleno deputacional do 29 de setembro de 1937 tomou o acordo de pedir ao gobernador que tomase medidas para investigar os autores dos repetidos incendios nos montes. O servizo forestal fai notar que a repetición dos lumes “con una contumacia verdaderamente criminal” fai que se inste a investigar e tomar medidas extraordinarias, que serían en beneficio da economía nacional. Autorízase que o enxeñeiro director do servizo reforce a vixilancia nocturna e diúrna. Ademais do servizo de gardería, dotado con carabinas Destroyer, participa activamente a Garda Civil obrigando a veciñanza a participar na extinción.

Outra táctica de oposición consiste nos danos nas árbores (cortar ou arrincar as plantas) e na invasión cos rabaños da zona replantada. Son numerosas as sancións impostas por “pastoreo abusivo” e danos ás plantacións.

En ocasións as accións son de moita importancia; no ano 1950, na zona do Acival, atácase directamente os cercados e destrúense. Prudencio Landín, apoderado do contratista encargado dos traballos (José María Ceballos), dá conta do sucedido:

En este monte y en todo el perímetro fueron derribados unos 600 postes (asunto en el que intervino la Guardia Civil de Campo Lameiro) y, repuestos nuevamente por el destajista, otra vez fueron derribados y rotos. Esta segunda vez no fueron levantados.

Unha das finalidades das repoboacións desde os primeiros momentos tiña que ver coa fabricación de celulosa. Empresas de fabricación de pasta de papel como SNIACE (Sociedad Nacional Industrias Aplicaciones Celulosa Española S. A.) ofrécense a facer convenios para plantar eucaliptos e crear unha fábrica de celulosa en Pontevedra; así llo comunica (1951) o director xeral, Eugenio Calderón Montero-Ríos, ao presidente da Deputación. Por certo, Eugenio Calderón fora nomeado en setembro de 1936 subdelegado de Orde Pública en Pontevedra nunha negra etapa caracterizada pola eliminación extraxudicial de desafectos ao golpe militar.

Como veremos, os grandes impulsores da fábrica de celulosa foron un grupo de enxeñeiros de montes da Deputación e do Patrimonio Forestal do Estado, con valedores políticos entre os que destaca Daniel de la Sota.

Xa en setembro de 1937, os enxeñeiros Rafael Areses (xefe do distrito forestal) e Diego Terreros (enxeñeiro encargado do servizo) presentan unha instancia á Deputación sobre a procedencia de interesar da superioridade que facilite a instalación en Pontevedra dunha fábrica de pasta de papel. Está acompañada dunha memoria elaborada polo tamén enxeñeiro de montes Ignacio Echeverría. Nela trátanse aspectos técnicos e económicos que se poden ofrecer para unha fábrica de pasta química á sosa e de pasta kraft.

No mes de outubro, visita a provincia o Inspector General de Montes Rafael Baró; percorre os montes repoboados acompañado dunha comisión de deputados provinciais, dos enxeñeiros do servizo de repoboación Terreros e Basanta, de Rafael Areses e dun enxeñeiro designado pola Junta Técnica del Estado, para estudar as posibilidades de instalación da fábrica. Baró considerou a repoboación “adecuadísima para el objeto a que se pretende destinar”.

A futura fábrica de pasta levaríase a cabo nun proxecto independente das papeleiras xa existentes. No pleno da Deputación do 12 de abril de 1957, o presidente, Luis Rocafort Martínez, informa da constitución da xunta xeral da “Sociedad de la Celulosa de Pontevedra”, da que era conselleiro. Precisa que a fábrica necesitaría 150.000 m3 de madeira ao ano e que o ano anterior, só na provincia pontevedresa, cortáranse 247.000 m3.

Neste proxecto, auspiciado polo Instituto Nacional de Industria (INI), as interrelacións entre empresa e a Deputación son tan notorias que o enxeñeiro do servizo forestal da entidade, José Taboada Lobit, simultanea o emprego co de delegado da Empresa Nacional de Celulosa. Non parece moi exemplar o asunto e a Deputación césao (13-2-1959) por incompatibilidade. Posteriormente o Tribunal Supremo falla a favor de Taboada pero, a finais de 1960, o propio enxeñeiro solicita o cese voluntario, precisamente por incompatibilidade.

A posta en marcha da fábrica, que tamén foi obxecto dunha forte resistencia veciñal, ocasionou unha serie de problemas. As repercusións no medio pola súa localización nunca se tiveran en conta seriamente. No pleno provincial do 3 de agosto de 1963, ao tratar da renuncia do concello de Poio para efectuar obras de acondicionamento na praia de Lourido, afírmase:

Y resultando que el Ayuntamiento para fundamentar el cambio alega que dada la proximidad de la playa, que se pretendía acondicionar, al emplazamiento del complejo industrial de “Celulosas de Pontevedra S.A.” y toda vez que dicho complejo, como es público y notorio, por las causas que sean, provoca la emanación de olores nauseabundos y de resíduos de espuma procedente de los estanques de lavado, así como de productos de transformación no recuperables, que en muchas ocasiones invaden las playas de la ría, en especial la que nos ocupa, lo que practicamente elimina la afluencia de veraneantes y turistas y, en definitiva, lleva a la conclusión de considerar absurda, al menos mientras no sean corregidas las deficiencias apuntadas, la inversión de la subvención de referencia en las obras citadas, no siendo por ello rentable el gasto.

domingo, 28 de enero de 2024

A liberdade tiña un prezo.


Na represión económica hai moitos aspectos a considerar, máis alá do que poderíamos chamar represión económica regulada, ou sexa a derivada da variada lexislación sobre responsabilidades políticas. A propia política económica autárquica na posguerra non deixa de utilizarse como medio de recompensa e de afianzamento de lealdades para os afíns e como castigo a desafectos; tamén a existencia de redes de carácter mafioso de falanxistas, “cívicos” ou funcionarios do réxime, que varios colegas temos tratado nalgunhas publicacións.

Un aspecto máis a analizar é o das pretendidas doazóns patrióticas e subscricións varias. Interminables listados de doantes enchían os xornais nos primeiros meses; bastantes eran achegas efectivamente voluntarias de persoas partidarias dos golpistas, que tamén as había; noutras pode intuírse que estaban determinadas polo afán de congraciarse coas novas autoridades e emendar condutas pasadas e outras son as que analizaremos neste artigo.

Estes listados contribuían á propaganda golpista sobre o apoio unánime que recibían da poboación.

Nesta entrada documentaremos a existencia da extorsión mediante multas disfrazadas de doazóns, que se esixían a detidos para obter unha liberdade moitas veces fugaz.

O mecanismo sempre era o mesmo: detención dalgunhas persoas con antecedentes e consideradas desafectas e, despois dalgúns días detidas no cuartel da Guardia Civil ou no da Cívica, esixíanlles unha determinada cantidade de diñeiro, entre cen e mil pesetas, como condición para acadar a liberdade. Se eran “cívicos” os que as pedían non se acostumaba darlle recibo da “doazón”, cousa que era máis habitual se o facían gardas civís. Ao cabo dun tempo, estas persoas volvían a ser detidas e moitas sometidas a procedementos xudiciais militares.

Estas actuacións, tradicionalmente atribuídas a falanxistas e a “cívicos”, podemos documentalas tamén como efectuadas por certos gardas civís, como veremos. En Salcedo eran autores os “cívicos” e na parroquia de Tomeza, da que tratamos hoxe, era o cabo Jesús Barja, o membro da Guardia Civil máis habitual na represión extraxudicial acompañando os homes de Víctor Lis.

Unha variante curiosa era a efectuada pola Guardia Cívica cobrando as supostas multas que as sociedades lle impuxeran aos seus socios; así o explica o oficial desta organización encargado da súa contabilidade:

eran aquellas que impuestas por las sociedades a sus afiliados, no habían sido hechas efectivas todavía por estos, y como se diera el caso de que los multados preferían donar el importe de dichas multas a la cívica, esta recaudaba el importe de tales sanciones impuestas por las sociedades. (Declaración diante do xuíz militar de Manuel Corbal, 16-4-1937.)

Curioso papel o da Guardia Cívica como axente recadador das sociedades revolucionarias!

O comandante Velarde, xefe da comandancia pontevedresa, declara que as cantidades “recaudadas a los extremistas con alguna presión” foran feitas unicamente por parte da G. Cívica pois as da Guardia Civil “fueron siempre en forma voluntaria y espontánea por los donantes”. Ao seu subordinado, o cabo Barja, debía traizoarlle o subconsciente e non tiña claro o de multas e doazóns cando afirma: es lo cierto que los multados, mejor dicho, los donantes”, pero recoñece o descontrol nas finanzas dos “cívicos”: "un tal AFRODISIO, que perteneció a ésta,por irregularidades en la imposición de multas y retención de cantidades, terminó suicidándose".

A continuación relacionamos, a modo de exemplo, algúns dos casos documentados.

A Manuel López (Pintos, Marcón) detéñeno a finais de setembro do 36 no cuartel da G. Civil. Esíxenlle 1000 pesetas. A súa nai, Peregrina López, retira da caixa de aforros 500 pesetas e pídelle a un sobriño o resto. Ambos entregan o diñeiro e liberan a Manuel. Catro meses despois deteno a G. Cívica.

Nas mesmas datas, un grupo de “cívicos” mandados polo cabo Barja detén os irmáns Manuel, Benito e Fermín Couto Rodríguez, veciños de Tomeza. Logo de estar detidos tres semanas, o cabo Barja esixe o pago de 1000 pesetas por liberar a Manuel e de 200 por Benito; a Fermín libérano para ingresar no exército. A muller de Manuel, Amelia Rodríguez, ten que pedir prestado o diñeiro; a Benito permítenlle saír do cuartel para procurar os cartos. No mes de febreiro volven a ser detidos por orde do xuíz militar. Manuel Couto decláralle ao xuíz (30-4-1937) que, como non tiña os cartos, pedíralle ao cabo Barja unha rebaixa, contestándolle o garda que non podía perdoarlle nin cinco céntimos. Ademais “ y como el declarante le dijese que no los tenía, el citado cabo le manifestó que tenía que pagarlas, porque sino otra cosa le iba a pasar”.

Francisco Villaverde declara que Barja lle dixera que para saír en liberdade debía entregar 350 pesetas como “donativo para el Ejército Nacional” nun prazo de 48 horas. Vendeu unha res e pagou.

A Gumersindo Villaverde pídenlle 300 pesetas; ten que vender un becerro e asínanlle un donativo ao “Tesoro Nacional”.

A nai de Gumersindo e de Fermín Pazos Senra confirma a detención destes por Barja e uns “cívicos”. Gumersindo incorpórase ao exército e Fermín pide prestadas parte das mil pesetas que lle esixen e, cando o liberan, marcha para Bos Aires.

A falla de control apréciase no caso de Domingo Lage; a súa dona entrégalle 200 pesetas ao tenente Rivera no cuartel da G. Civil; posteriormente o cabo Barja manda recado á súa casa dicíndolle que como non lle enviara os cartos, co ben que se portara con el.

Un caso parecido de extorsión, que se disfraza de doazón, foi o efectuado coa mestra de Mourente María Alonso, que “doa” 500 pesetas para evitar o rapado do pelo.

Os casos anteriores, coas dificultades e sacrificios que tiveron para reunir o diñeiro (préstamos e venda de bens) poñen en cuestión o que afirmaba o tan citado cabo Barja (26-4-1937)

si bien no había pruebas para instruír los correspondientes atestados contra los mismos, sin embargo como se conocía su actuación precedente al Movimiento, como de carácter revolucionario, y dichos individuos estaban dispuestos a entregar cantidades para el Tesoro Nacional.

Como era habitual, estas actuacións (e outras aínda máis graves) só tiveron a consideración de meras irregularidades administrativas.

 

lunes, 15 de enero de 2024

Contra o esquecemento: Germán Fernández Gracia (e 2)


Non é preciso reiterar que os xuízos militares careceron das mínimas garantías xurídicas; unha delas sería a de poder elixir libremente avogado defensor. Na práctica debían limitarse a elixir dentro dunha lista de oficiais do exército, polo tanto, comprometidos co golpe militar. A maiores, estes oficiais non posuían especial formación xurídica, o que supoñía unha desvantaxe respecto ao fiscal; estaban supeditados xerarquicamente aos membros do tribunal e dispuñan de moi pouco tempo para o estudo do caso e a busca de probas de defensa. Lembremos que, no caso dos sumarísimos, a documentación ponse á súa disposición por un prazo que non podía exceder de tres horas. Habitualmente, limitábanse a solicitar a benevolencia do tribunal e a redución de pena.

Nesta ocasión, o defensor era o alférez de artillería Juan José Astor García de Medrano e implicouse nun grao superior ao acostumado; puidera pensarse que foi debido á amistade co procesado, pois afirma que fora compañeiro seu de instituto.

De todos xeitos non deixa de curarse en saúde ao principio do seu alegado:

[O Glorioso Levantamiento Nacional] libertó a España de las monstruosas garras del marxismo destructor y que las pasiones desatadas dejaron al descubierto bajezas, miserias y crueldades que hacen aparecer a los que hasta hace poco llamábamos hombres, como bestias que tienen que alimentar, con esas nefastas ideas izquierdistas, su inteligencia si se le puede dar tal nombre.

A continuación articula a defensa en varios puntos:

- A declaración dos soldados que detiveran a Germán, que afirman non poder sinalalo como autor.

- As contradicións entre os informes da Garda Civil e da policía, que o encadran en dous partidos distintos ao mesmo tempo.

- Denuncia o apaixonamento dos policías que declaran na súa contra e que non puideran sinalar a identidade dos gardas que lles fixeran as confidencias.

- Sinala que a afiliación a partidos políticos, aínda que fose certa, non estaba penada polas leis anteriormente vixentes.

- No caso de que fose “peligroso agitador” tería que ser sancionado, apercibido ou preso gobernativamente con anterioridade nalgunha ocasión e non o fora, nin sequera en outubro do 34.

Remata a intervención facendo unha apelación de carácter emocional:

Que tengan en cuenta los señores del Consejo que mi defendido al ser hombre solo tuvo la preocupación de formar un hogar al que dedicar todas sus actividades, todos sus cariños, teniendo en la actualidad una niña de corta edad y su mujer embarazada en período avanzado y dos hermanos huérfanos a su custodia, que su familia es de derechas y que solo la fatalidad lo trajo a ese banquillo y que recordando esto que yo acabo de decir se sienta dispuesto a ser benévolo con la desgracia.

Logo da condena a morte, Germán Fernández Gracia dirixe unha instancia (na que se ve a man do defensor) á máxima autoridade militar:

Elevo esta súplica a V.E. para rogarle que tenga en cuenta el ruego de un condenado a muerte, que espera de su reconocida bondad, que sea benévolo conmigo, pues tambien es de Justicia, y me sea conmutada la pena, por las razones que mas adelante expongo.

En estos momentos tan trascendentales para mi, por estar mi vida pendiente de un rasgo de misericordia, quisiera llevar al corazón de V.E. para predisponerlo a mi favor y que no consienta que sea yo el único condenado por los Consejos celebrados en el dia de ayer en Pontevedra. Soy joven sin experiencia casi, y me acusan de ser dirigente, cosa que es absurda dada esa inexperiencia y falta de dotes; en cambio el presidente del Partido Socialista de Cambados y el Alcalde del mismo pueblo, para quien el Fiscal solicitaba la pena de muerte, no han sido condenados por el Tribunal. Sin duda ha habido un error al juzgarme y yo quisiera que V.E. movido por el espíritu de caridad cristiana, se tome la molestia antes de autorizar la sentencia, de revisar el proceso y verá como no hay acusaciones que puedan llevarme a la situación en que hoy me encuentro por culpa de la fatalidad.

La única acusación que contra mi se hace parte de unos agentes de policía, que parece que se han puesto de acuerdo para acusarme ya que son completamente uniformes las declaraciones, y ellos que se han mostrado tan diligentes para acusarme no lo han sido para probar sus acusaciones. Dicen haberme visto decir a unos guardias de seguridad de servicio en el Gobierno Civil que deseaba armas para armar a la gente, ¿pero por qué no dicen quienes eran esos guardias?.... Sencillamente porque no pueden por no ser cierta esa acusación. La plantilla de guardias en esta ciudad es muy reducida, el número de los que entran en servicio en el Gobierno Civil mas aún y sin embargo esos agentes que conocen a todos los guardias de seguridad no son capaces de señalarlos para que vengan a acusarme. ¿Es que por el libro de turno de las guardias no podía saberse quienes eran?...¿Por que tampoco han citado un nombre de los supuestos grupos en que según ellos actué de enlace? Hay que hacer notar que los citados agentes decían que eran de mi ideología. De modo que parece desprenderse de esta afirmación que los conocían cuando sabían su manera de pensar, y sin embargo tampoco citan a ninguno. ¿Por qué esos agentes que para acusarme a mi se muestran tan activos no demuestran su actividadd para acusar a mis inventados cómplices?....Sencillamente porque no existen.

Se me acusa de haber estado en el Gobierno Civil, y sin embargo los testigos que han desfilado en el acto del Consejo, han declarado no ser cierto. Don Basilio Moret en cuya oficina trabajaba yo, dice que yo asistí el día de los sucesos a la oficina normalmente, y los restantes testigos afirman que el citado día estuve paseando con ellos por otros lugares hasta que se produjeron los primeros incidentes, marchándonos cada uno a nuestra casa. Todos declaran que yo no he sido nunca extremista y mucho menos peligroso. Yo he pertenecido al Partido de Izquierda Republicana, o sea que yo he sido republicano pero nunca marxista y mucho menos sindicalista. Ni siquiera pertenecía al Sindicato de mi profesión, el de banca y oficina.

Tal vez la causa de estar yo afiliado a este partido, haya sido no tener unos padres que me hubiesen dado buenos consejos (soy Huérfano desde que era un niño), y yo que he tenido que buscarme la vida por todos los medios que me fué posible para lograr el sustento de los míos, he sido arrastrado por las predicaciones de los verdaderos dirigentes que para lograr mi adhesión no han vacilado en hacerme ofertas de empleos que retrasadas unas tras otras, me han conducido a que puedan considerarme traidor a mi Patria. Sostengo un hogar con mi mujer, un hijo y otro que está para venir al mundo, dos hermanitos míos huerfanitos confiados a mi custodia, y mis dos suegros ancianos a los que también sustentaba. V.E. sin duda, aún no sabiendo lo que es la vida en estas circunstancias, podrá suponer los apuros que he tenido que pasar en estos tiempos atroces en que solo tenía derecho a la vida los que estaban con los gobernantes. ¡No permita V.E. que el día de mañana puedan recordar mis hijos, que su padre murió bajo la acusación de ser lo que nunca fué ni tuvo intención de ser! Un mal español. Eso es horrible para mi.

Ya mi defensor en su defensa hace constar a que fué motivada la chiquillada que motivó mi expulsión de la escuela de marinería de Marín. Yo entonces era un verdadero niño (ahora tengo 26 años) y en cambio cuando fuí un poco mayor serví en el arsenal de Ferrol, para cumplir mis deberes militares; estuve como amanuense de la Habilitación, luego pasé a la escuadra donde presté los mismos servicios con el beneplácito de mis superiores, hasta que trasladado al Blas de Lezo, y naufragado este barco me reintegré a la vida civil, sin que en todo el tiempo que estuve en filas hubiese sido amonestado por mis superiores como lo demuestra la cartilla militar y los informes que de ello pueden dar las distintas dependencias en que estuve.

Una razón, falsa en absoluto, en que se funda la policía para tildarme de sindicalista es que desempeñé el empleo de encargado de un kiosco de periódicos en la estación. La necesidad me empujó a buscar este empleo, pues no tenía ninguno, pero nadie me exigió pertenecer a determinado sector. Además no creo que sea condición precisa para ese empleo el ser sindicalista. Yo durante el tiempo que estuve allí he vendido toda clase de periódicos (el Debate, El Siglo Futuro, El Liberal...etc), como se puede demostrar por una información pública. Tampoco hice ningún desfalco, pues tengo toda la documentación en regla a disposición de quien quiera comprobarlo. Que se pida informe sinó a los Juzgados de aquí a ver cuando he sido apercibido por alguno de ellos.

Quisiera también que se pidiesen informes de la Alcaldía para ver si yo he tenido alguna vez mala conducta. Sobre el mismo extremo, pueden informar los vecinos de las calles que habité yo. Figueroa, Sarmiento y Plaza de la Constitución.

Este sería el medio de esclarecer el hecho de que se me acusa sin justificación alguna de él, y yo me vería libre de esta ignominia que hoy me atenaza.

Siempre he sido enemigo de la violencia, jamás he sido detenido por la policía, ni he sido procesado, ni multado, y por eso la policía no habla sobre ese extremo. Por tanto soy opuesto a la resistencia que otros engañados opusieron a la acción libertadora del Ejército Español, que estoy convencido procurará al trabajador mas bienestar que la Dictadura. Yo he leído en la prensa hablar a los ilustres jefes del Ejército, ofrecer clemencia para los engañados que no hubiesen cometido algún crimen y castigo para los dirigentes que se lucran con la sangre derramada por los trabajadores. ¿He cometido yo algún crimen? Yo confío en esas promesas de clemencia y espero que para mi la habrá, como se que la hubo para otros aún en esta misma cárcel de Pontevedra, y que a mi lo mismo que a ellos se me comunicará el indulto.

Yo así lo espero en nombre de unos niños sin mas amparo que yo, de mis pobres hermanitos y del resto de mi familia, que siempre fué de derechas, tengo dos tíos curas fuera de Pontevedra. Y sobre todo lo espero de catolicismo y en nombre de la justicia que debe regir todos los actos de la Nueva España. Por esa España Grande, y que lo será mas cuanta menos sangre se derrame de sus hijos engañados.

Con todo respeto le pido nuevamente a V.E. que se digne ejercer la prerrogativa de proponer mi indulto a el digno Jefe del Estado.

Gracia que espera conseguir de V.E. el condenado.

Cárcel de Pontevedra a 11 de diciembre de 1936.


O informe do auditor oponse ao indulto e reafírmase en que se trata dun suxeito extremista, militante moi activo, destacado organizador con índice de acusada perigosidade.