domingo, 30 de junio de 2024

Contra o esquecemento: o mestre Alfonso Dámaso Rodrigo Méndez.



Alfonso Dámaso Rodrigo Méndez naceu o sete de abril de 1895 en Bande (Ourense); era fillo de Joaquín e de Consuelo. Estudou a carreira de mestre; no ano 1925 reside en Figueirido (Pontevedra) e solicita unha praza de interino sendo destinado á escola de Figueroa (Cerdedo). No ano 1926 aproba as oposicións e, no 1927, destínano a Meira (Lugo). No ano seguinte trasládase a Porto (Salvaterra) e no 1933, pola quenda de consortes, toma posesión da escola unitaria nº 2 de Sanxenxo, xunto coa súa dona Bernarda Pereira Solla. Socio da Casa del Maestro de Pontevedra, fai unha doazón de 3 pesetas para a homenaxe que o maxisterio tributou ao ministro Marcelino Domingo no ano 1935. O labor docente deste matrimonio na localidade foi moi destacado, cun intenso compromiso pola renovación pedagóxica. (Véxase: Mestres deSanxenxo).

Alfonso tivo tamén unha destacada actividade política como militante socialista, organizador e secretario da agrupación do PSOE na localidade e afiliado á UGT.

Este compromiso político fixo que estivera no punto de mira das forzas da dereita e cando triunfa o golpe militar de 1936 vai pagar as consecuencias. Detéñeno nos primeiros días e ingresa no cárcere de Pontevedra. O 16 de agosto, varios militantes falanxistas toman a iniciativa de presentarse diante do comandante de posto da Garda Civil, José Freijanes Freijanes, para acusar o mestre. Declaran que fora o organizador das “milicias marxistas armadas”, que dirixira a requisa de coches “alentando a las masas para marchar a la capital con el objeto de ponerse frente al Ejército y la fuerza pública”. Conceptuábano como individuo de ideas extremistas que inculcaba aos nenos. A partir destas declaracións, o cabo chama a declarar outro veciño, que reforza as acusacións contra Alfonso. Explica que, o 20 de xullo, o mestre animaba a un cento de persoas que o acompañaban con gritos de “Viva o comunismo” e dicíalles que ían loitar polo proletariado e a Fronte Popular. Tamén lle oíra dicir que “esto pronto iba a terminar, y que algunas casas de esta villa (dirigiéndose a las de determinadas personas de derecha) serían pronto para algunos pobres que estaban viviendo miserablemente” e que aos elementos fascistas de Sanxenxo había que cortarlles a cabeza. Engade o declarante que Alfonso dixera que a súa maior alegría fora cando sacaran os crucifixos das escolas e cando puidese queimar a igrexa de Sanxenxo.

Pola súa conta, o cabo instrutor do atestado engade que Alfonso actuaba intensamente en política e que era un propagandista de ideas extremistas intervindo “incluso en asuntos de huelgas en los que se colocaba en actitudes de las que era imposible llegar a arreglarse”.

Alfonso Rodrigo presta declaración diante do xuíz militar como inculpado na causa 832/36, contra os principais dirixentes republicanos da localidade, os días 26 de agosto e 3 de setembro. Recoñece a súa actividade política pero nega as acusacións de que era obxecto.

O 28 de agosto ábreselle unha causa (1151/36) polo delito de rebelión. Ante a imposibilidade de localizar a Alfonso, pídense varios informes. O 20 de setembro, o director de prisións, Lago Búa, informa que, por orde da superioridade, fora entregado á Garda Civil para trasladalo a Caldas. O 30 de setembro, o secretario do instrutor dirixe un oficio ao xefe da comandancia da Garda Civil solicitando información sobre a prisión na que estaba detido o encartado; ao día seguinte, o xefe da prisión de Caldas de Reis comunica que o mestre non era coñecido na mesma e que se ignoraba o seu paradeiro. Repítese unha vez máis o proceso de xustificación da eliminación dun detido pola coñecida como “lei de fugas”.

O informe da Garda Civil, datado no 27 de setembro de 1936, afirma:

al ser conducido la noche del cinco del actual, en virtud de Orden recibida al efecto, desde esta Capital a la prisión de Caldas de Reyes, por los Guardias segundos de esta Comandancia Evaristo Cid Lozano y Manuel Araújo Fernández, aprovechando una parada que hizo el vehículo que los transportaba para reparar una avería, solicitó a la fuerza, se le permitiese apearse unos momentos por notar síntomas de mareo. Autorizado por la pareja para apearse, nada más bajarse del coche, emprendió una veloz carrera consiguiendo internarse en un pinar inmediato a la carretera y ponerse, protegido por la oscuridad reinante, fuera del alcance de la pareja conductora que le persiguió haciéndole varios disparos de fusil ignorándose la dirección que haya tomado

Alfonso Rodrigo formou parte dun grupo de presos que foron conducidos por forzas da Garda Civil, “cívicos” e falanxistas a Bueu na noite do 5 de setembro; alí foron asasinados e fondeados no mar. Non se atoparon os seus corpos.

Diante do feito da “desaparición” de Alfonso Rodrigo, o instrutor publica unha requisitoria para que se presente no prazo de 48 horas e, ao non facelo, declárao en rebeldía. O auditor de guerra considera que procede suspender as actuacións “hasta que se presente o sea habido el procesado”.

A Comisión depuradora do maxisterio tamén publica unha requisitoria o 24 de febreiro de 1937 dándolle un prazo de dez días para presentarse e facer alegacións no seu expedente.

Foto: Alfonso coa súa filla Narda. Proxecto Universitario Nomes e Voces.  https://www.nomesevoces.net/

No hay comentarios: