O vintenove deste mes de decembro
cúmprense 78 anos do asasinato do dentista ruso, aveciñado en
Pontevedra, Abraham Zbarsky. Noutras entradas temos falado das
familias Zbarsky e Kuper e hoxe centrarémonos nalgúns aspectos
descoñecidos relacionados coa actividade profesional dalgúns dos
seus membros. Aparte da escaseza de documentación, unha das maiores
dificultades para o estudo destas familias vén dada pola
variabilidade nos nomes que utilizan, que induce a erros nalgunhas
das poucas publicacións que se refiren a eles; así, por exemplo, a
muller de Abraham aparece denominada, segundo os autores, como Sofía,
Sonia (variante rusa do anterior nome) ou incluso Elisa, que
realmente era o nome dunha irmá dela. A ascendencia xudía e rusa
das familias complica a situación, polas diferentes posibilidades de
transliteración no paso ao alfabeto latino.
O proceso burocrático de legalización
dos títulos académicos e a obtención das autorizacións para
exercer a profesión supuxeron un cúmulo de dificultades. Detrás
dos atrancos estaban a férrea oposición dos colexios médicos e de
odontólogos, que vían na chegada dos profesionais estranxeiros unha
forte competencia, así como a existencia dunha trama de
falsificación de títulos académicos e a desconfianza das
autoridades cos inmigrantes procedentes de Rusia, polo temor de que
fosen axentes encubertos do bolchevismo. Nesta loita os dous bandos
xogaron todas as bazas, e non sempre limpas.
O 29 de xullo de 1917, o médico
odontólogo Manuel Filgueira publica no xornal Progreso unha carta
dirixida ao presidente do colexio de médicos na que lle pide que
tome medidas contra o intrusismo:
¿Es igualmente legal una autorización concedida a un título ruso que posee un tal Liloimo Mendelecrek Kuper el cual ejerce en esta ciudad de Vigo, Príncipe 67, al decir de las gentes en compañía de un marqués y que según dicha autorización puede ejercer en España como médico cirujano dentista?
O doutor Filgueira
refírese a Schloimo Mendelewitch Kuper, máis coñecido por Simeón
Kuper, que tamén aparece nalgúns textos como Victorino Kuper; a
variedade de nomes que recibe esta persoa, cuñado de Abraham
Zbasrky, suscita sospeitas entre os seus colegas vigueses. Simeón
Kuper deféndese de quen sospeitaba do seu título afirmando que
estudara nas universidades de Kiev e de Xenebra e que, ademais,
cursara a carreira de leis. No ano 1922 aínda ten pendente unha
resolución sobre o título, polo que se apraza a orde de suspensión
do exercicio como dentista ata coñecer o resultado desas
averiguacións. Por se acaso, en 1925 consegue nacionalizarse
español.
Avrun Kiva
Elewitch Zbarsky Geller [Abraham Zbarsky] exerce en Pontevedra dende
o ano 1925, con autorización do ministerio de Instrucción Pública.
Será no ano 1931 cando comece unha ofensiva contra el por parte dos
colexiados pontevedreses, encabezados por Celso López Blanco e Luis
Fontaíña. Celso López fora candidato monárquico no 1931, asinante
do manifesto de Unión Regional de Derechas (URD); falanxista logo do
golpe, chegaría a ser nomeado secretario provincial da sección
sanitaria de FET. Luis Fontaíña foi dirixente do Partido Radical,
deputado nas eleccións de 1933, presidente da Deputación e sumouse
aos golpistas no 36. Estes dous dirixentes do colexio de odontólogos
solicitan aclaración sobre a duración da licencia de Zbarsky, pois
nela non consta límite, a diferenza do que ocorría noutros casos
semellantes. Abraham deféndese cunha carta aos compañeiros
dentistas coa intención de que se
percate de los procedimientos que contra mi se siguen por parte de los señores Fontaíña y Blanco. Vengo trabajando profesionalmente en esta capital desde el año 1925 sin que se haya producido contra mi queja alguna, y he guardado siempre cordiales relaciones con todos los compañeros odontólogos, a los que respecto y considero. De ellos he recibido en todo momento pruebas de afecto, por lo que les estoy reconocido.
Lembra
que ten autorización do goberno, concedida o 23-6-1925, previo
informe favorable do Consejo de Instrucción Pública, “sin
fijación ni limitación de tiempo”.
O Ministerio de
Instrucción Pública y Bellas Artes, que abrira un expediente
informativo, resolve (4-8-1931) que a autorización é temporal,
pero, considerando todo un complexo de circunstancias, e para non
causar prexuízos irreparables ao señor Zbarsky, baseándose en
razóns de “equidad y humanos principios de hospitalidad”, xa que
non está en condicións de volver á súa patria nin de retirarse,
fixa un novo prazo de validez de cinco anos a partir da data da
resolución. Como o seu cuñado Simeón, Abraham solicitara
nacionalizarse español en 1929, pero, a pesar de acompañar a
instancia con recomendacións de diversas entidades, entre elas a
Unión Patriótica de Primo de Rivera, non lle conceden a
nacionalidade.
A muller de
Abraham, Scheiva [Cheiva, Schiva] Mendeleva Kuper, usualmente
coñecida por Sofía Kuper, era médico dentista licenciada na
universidade de Novorossiski e tiña autorización, concedida en
1923, para exercer por cinco anos. Tiña clínica no número 50 da
rúa Velázquez Moreno de Vigo. O 6 de febreiro de 1927 resulta
elixida para o cargo de Contador do Colexio de Odontólogos, nunhas
eleccións nas que a súa irmá Elisa obtivera a posición
de Tesoureiro. Aparece nas relacións de dentistas autorizados ata o
ano 1928, cando remata o permiso e deixa de exercer; na década dos
trinta aparece como socia da mutualidade benéfica de clases
sanitarias.
Un fillo de
Abraham e de Sofía, Elías Zbarsky Kuper, establecido en Ferrol,
tamén terá problemas, en 1933, co colexio de odontólogos daquela
cidade, neste caso, por romper o acordo de non prestar servizos ao
Exército; os compañeiros repudian o seu comportamento e piden que
sexa sancionado. O outro fillo, Jacobo, tamén figura como dentista
no ano 36; exercía en Vigo, na mesma clínica que o seu tío Simeón.
Foi fusilado en Pontevedra.