No
universo carcelario do franquismo hai unha serie de prisións míticas
como San Simón, O Dueso, Saturrarán, Figueirido, o forte de San
Cristóbal, Valdenoceda... que foron lugar de sufrimento para moitos
presos e presas que, nunha sorte de “turismo” carcelario, foron
desprazados da súa terra nun castigo engadido á condena orixinaria.
Imos
lembrar nesta entrada a veciños do concello de Pontevedra que
participaron na fuga do 22 de maio de 1938 e tamén a aqueles que,
presos no penal, optaron por quedarse na prisión ou que faleceron antes da fuga.
Foron
tres os veciños da capital pontevedresa que participaron na fuga e
que foron capturados polas tropas franquistas ou polos requetés:
José
Arribas Hermida, natural de Lérez e casado en Mosteiro, foi
dirixente da Fraternidade Obreira dos Agricultores e alcalde
republicano daquel concello. Condenado a cadea perpetua, participou
na fuga, foi capturado e condenado por este feito a 17 anos 4 meses e
un día por auxilio á rebelión.
Timoteo
Blanco Abal era xoieiro. Foi condenado a reclusión perpetua por
participar nos rexistros domiciliarios en Campo Lameiro en xullo do
36. Anos despois, tras a caída do aparato do partido comunista,
volve a ser xulgado na Coruña (causa 36/47), por dar apoio e
aloxamento ao pontevedrés Alejandro Gama. Condenado a 1 ano de
prisión.
Maximino
Domínguez Ramírez, de 52 anos, mariñeiro, vivía no barrio da
Moureira e estaba emparentado cunha familia que sufriu moita
represión: os Fariña. Estivera fuxido e, tras entregarse, foi
xulgado; estivo preso tamén na illa de san Simón. (Información
facilitada por Montse Fajardo)
Os
presos que non participaron na fuga foron:
Laureano
Bao Rúa. Canteiro, 43 anos, un
dos seus irmáns (Gerardo) fora fusilado en Pontevedra. Laureano foi
xulgado en Ourense. Morreu por embolia cerebral o 11 de decembro de
1937.
Raúl
Casados Besada. Tiña 22 anos,
latoeiro, xulgado en Tui por rebelión militar.
Eladio
Fernández Leiro residía en
Bilbao onde estaba destinado como garda de asalto. Era natural da
parroquia de Bora, estaba solteiro e tiña 29 anos. Foi xulgado por
auxilio á rebelión e condenado a cadea perpetua. Dado de baixa no
corpo de asalto o 17 de setembro de 1937. (BOE 19-9-37)
Ciriaco
Licer Cons era baldeiro (nalgunhas fontes aparece como dependente) e tiña
35 anos. Encartado na causa 1098/36 por participar en requisas de
armas en Xeve. Xulgado por un delito de rebelión militar foi
condenado a morte, que posteriormente foi conmutada pola de cadea
perpetua. Pasou a prisión atenuada o 26-8-1940.
Modesto
David Pérez Estévez.
Oficinista de 25 anos, estaba condenado a reclusión perpetua por un
delito de rebelión militar.
Francisco
Rio Barros foi xulgado en
Ferrol por traizón e tiña 67 anos.
Juan
Silva Názara tiña 22 anos,
xulgado en Pamplona e condenado a cadea perpetua.
Vicente
Soto Martínez. Era mestre,
socialista, 25 anos. Participou na defensa do goberno civil
pontevedrés e na requisa de armas. Un informe da Guardia Civil
considerábao De dudosa conducta y antecedentes, simpatizante del
frente popular, propagandista de izquierdas. Condenado a cadea
perpetua por rebelión militar.
Un
caso aparte foi o de Nemesio Laya que, ao parecer, tivo unha actitude
contraria á fuga, segundo se desprende de diferente documentación.
Nemesio
Laya Abal , traballaba de representante de seguros, era nativo de
S. Vicente de Nogueira (Meis) pero veciño de Pontevedra; o 20-11-36
fora condenado por participar en requisas de armas en Xeve. Segundo
os informes policiais era de extrema esquerda. En San Cristóbal
ocupou postos de confianza: escribinte, ordenanza da xefatura de
servizos...Foi indultado por Franco xunto con outros presos que non
secundaron a fuga “distinguiéndose notablemente por su actuación
en favor del restablecimiento del orden”, “cooperando en el
sofocamiento de la rebelión tumultuaria”. Non teño referencias de
como foi a súa colaboración pero rebaixáronlle 2/3 de condena. O
19 de xullo de 1940 obtén a prisión atenuada no seu domicilio.