domingo, 26 de julio de 2020

O virreinado de "papá Manuel" (1).

       Tras o triunfo do golpe de estado contra a legalidade republicana, un elevado número de persoas fuxidas estaba agochado nos montes da provincia pontevedresa, varias comarcas contan con diversos grupos que, pouco a pouco, vanse organizando e cometen diversas accións de tipo económico ou de represalia contra colaboradores do fascismo que preocupan ás autoridades do réxime. Á fronte do goberno civil noméanse militares, algúns deles de triste sona como encargados da represión de fuxidos noutras zonas de España.
      O máis coñecido foi o comandante da Guardia Civil Manuel Gómez Cantos nomeado en abril de 1939. Contaba cunha sinistra fama, ben merecida, pola súa actuación nas terras estremeñas e andaluzas das que hai unha extensa bibliografía.
      O que causou sorpresa foi a actitude que adoptou como gobernador en Pontevedra, radicalmente diferente da durísima persecución que dirixira anteriormente; esta actitude é, aínda hoxe, obxecto de controversia entre aqueles que a valoran como unha vía de saída que permitiu a moitos abandonar a clandestinidade e librarse dun futuro tráxico, como o que terían moitos compañeiros e, por outra banda, os que sosteñen que a súa oferta de perdón a aqueles “que non tiveran as mans manchadas de sangue” non deixara de ser unha artimaña para prendelos. Sendo certo que a moitos volveron detelos, tamén o é que as condenas de cárcere non foron moi elevadas e, na maior parte dos casos, fóronlle aplicadas conmutacións, indultos e reducións de pena.
      Unha das primeiras medidas que tomou foi decretar a posta en liberdade de todos os presos gobernativos. En relación cos fuxidos, mantivo varias reunións con familiares e cos propios escapados, algunha delas de carácter multitudinario: o trinta de abril presentouse nunha cabana na zona do Calvario e sostivo unha entrevista con catro fuxidos; estaba acompañado dos capitáns Bernal e Chacón; acordou cos fuxidos que acudisen o 2 de maio a reunirse con el nun lugar de Cabral, presentáronse uns 28 homes. “Los huídos se hallaban en lastimoso estado. Diecisiete hombres recibieron pan, que comían con avidez mientras saludaban con el brazo en alto y daban ardorosos vivas al Caudillo y a España.” (El Compostelano, 3-5-1939). Gómez Cantos maniféstalles que esperaba se presentasen máis e que serían recibidos con cariño e comprensión. Os presentados foron conducidos ao goberno civil para tomarlles a filiación e darlles cea e aloxamento. O gobernador comentoulle aos xornalistas: “¿Lo ven Vds? Cómo corderitos. Ya son míos y harán todo lo que les mande.” (El Pueblo Gallego, 5-5-1939).
     O 31 de maio presentáronse novos fuxidos e Gómez Cantos convida os doutras provincias a seguir os mesmos pasos: “Huídos de La Coruña, Orense y Lugo: os espero antes del día 15 del próximo mes. ¡ Españoles todos, la guerra terminó!.” O sete de xuño anuncia a terminación completa do problema dos fuxidos na provincia. Conta que se lle presentara a nai “del gran coco de la sierra Vicente Guillén” dicindo que o seu fillo quería presentarse. O día anterior, Cantos presentárase no domicilio do fuxido para entrevistarse con el, que estaba acompañado dos seus irmáns; Guillén manifestara estar incondicionalmente ás ordes do gobernador e disposto a aclarar os feitos dos que o acusaban manifestándose inocente.
     Paralelamente lévase a cabo unha campaña mediática na que se publicitan cartas de gabanza e adhesión a Gómez Cantos, algunhas encabezadas con “Querido papá Manuel”; algúns dos fuxidos, como o propio Vicente Guillén, desconfían e non se suman á dinámica proposta polo gobernador e volven ao monte; varios estarán á fronte de partidas e Guillén será condenado a morte e fusilado en Pontevedra o 18 de xuño de 1941. As cousas non debían ir todo o ben que pensaba e Gómez Cantos publica numerosos mensaxes crípticos na prensa: “Pronto te saldré al encuentro. No tengas miedo. Sin recibir carta. ¿Qué os pasa?” ou “Asturias, Asturias, Asturias: ¡Alerta! ¿Hasta cuando estaremos sin carta? Los camaleones saldrán al sol.”.
     Pero non só foi coñecido pola oferta de diálogo aos fuxidos, Gómez Cantos durante a súa etapa de mando na provincia instaura unha sorte de vicerreinado cunha forte dose de populismo, discrecionalidade e utilización sistemática dos xornais nos que dispuña de tribuna diaria. Proponse acabar persoalmente cos problemas de abastecemento de alimentos, escaseza de vivenda e paro obreiro; a loita contra o fraude e unha fixación obsesiva contra a “vella política” deron lugar a episodios dignos de relatar.    Precisamente o carácter despótico das súas actuacións e o enfrontamento con sectores poderosos e con influenzas a alto nivel acabarían propiciando o seu relevo.
(Continuará)

miércoles, 1 de julio de 2020

Desiderio Comesaña, outubro de 1934.

Desiderio Comesaña Prado era natural de Salcedo, fillo de Isidoro e Serafina (porén no rexistro civil aparecía como de pais descoñecidos), tiña 34 anos, camareiro, residente no número 39 da rúa da Oliva. Era a figura máis coñecida do anarquismo na capital pontevedresa. A media mañá do sete de outubro de 1934 deteno a policía na praza da Ferrería. No conseguinte rexistro atópanlle un exemplar da circular nº 13 da Confederación Regional Galaica (CRG); esta circular dirixíase a toda a afiliación da CNT dando unha serie de instrucións sobre a actitude a tomar, no caso de que se producira un movemento revolucionario. Atópanlle tamén un escrito sen sinatura, que era a contestación a outro da Agrupación Socialista capitalina sobre a participación no movemento revolucionario previsto para outubro. A circular lembra o deber dos sindicatos da CNT de impedir por todos os medios que calquera xesto reivindicativo da crase traballadora puidese ser esmagado pola reacción e considera que, se se produce unha subversión, os traballadores da CNT “impedirán por todos los medios a su alcance que tal movimiento sea sofocado por la movilización y desplazamiento de fuerzas, las cuales deben ser entretenidas, a fin de que, como decimos, no puedan acudir a puntos donde aplastarían a la clase trabajadora en lucha”.
No outro escrito, que Comesaña recoñece como seu, aparte de remitir ao que se acordase no congreso a celebrar o día 20 dese mes en Madrid, adianta a súa opinión particular, que resume do seguinte xeito: unificación circunstancial na loita con reivindicacións de carácter moral e económicas
y en el aspecto mediato o sea en el francamente revolucionario, expropiación de la propiedad privada y demoledor del Estado, construyendo una nueva economía socializada sobre bases amplias de federalismo libertario; como en este aspecto nos encontramos en posición diametralmente opuesta con vuestros principios doctrinarios – conquista del Poder, según vosotros; destruyéndolo, según nosotros – opinamos que, insurrecionalmente, pueda que haya unidad de criterio, en cuanto a la finalidad lo dudamos mientras otra cosa no se nos demuestre, por lo tanto nos obliga a manifestaros que seguimos firmes en nuestros principios revolucionarios, que no son otros sino ir a la conquista del Comunismo libertario.
O xefe da Comisaría de Investigación y Vigilancia, Gonzalo López de Silanes, informa que Desiderio era un dos xefes da Federación Anarquista Ibérica (FAI) e que o viran entrar nos cafés “sin duda para dar órdenes a sus compañeros de que se declarasen en huelga”.
O 26 de outubro decretan o procesamento pola súa actuación contraria ao bando de guerra. Desiderio nega que coaccionase os traballadores xa que el non se solidarizara co movemento de folga. O auditor opina que debe profundarse máis na investigación; o 17 de novembro dítase novo auto de procesamento e Comesaña nomea avogado defensor a Isidoro Millán.
O 21 de novembro, o auditor considera que o escrito non chegara a saír do poder do procesado e era “el simple reflejo de una proposición puramente ideológica, aún no transmitida a quienes iba dirigida” e non puidera probarse a participación do detido no movemento revolucionario, polo que acorda o sobresemento provisional da causa militar 384/34.