domingo, 26 de julio de 2020

O virreinado de "papá Manuel" (1).

       Tras o triunfo do golpe de estado contra a legalidade republicana, un elevado número de persoas fuxidas estaba agochado nos montes da provincia pontevedresa, varias comarcas contan con diversos grupos que, pouco a pouco, vanse organizando e cometen diversas accións de tipo económico ou de represalia contra colaboradores do fascismo que preocupan ás autoridades do réxime. Á fronte do goberno civil noméanse militares, algúns deles de triste sona como encargados da represión de fuxidos noutras zonas de España.
      O máis coñecido foi o comandante da Guardia Civil Manuel Gómez Cantos nomeado en abril de 1939. Contaba cunha sinistra fama, ben merecida, pola súa actuación nas terras estremeñas e andaluzas das que hai unha extensa bibliografía.
      O que causou sorpresa foi a actitude que adoptou como gobernador en Pontevedra, radicalmente diferente da durísima persecución que dirixira anteriormente; esta actitude é, aínda hoxe, obxecto de controversia entre aqueles que a valoran como unha vía de saída que permitiu a moitos abandonar a clandestinidade e librarse dun futuro tráxico, como o que terían moitos compañeiros e, por outra banda, os que sosteñen que a súa oferta de perdón a aqueles “que non tiveran as mans manchadas de sangue” non deixara de ser unha artimaña para prendelos. Sendo certo que a moitos volveron detelos, tamén o é que as condenas de cárcere non foron moi elevadas e, na maior parte dos casos, fóronlle aplicadas conmutacións, indultos e reducións de pena.
      Unha das primeiras medidas que tomou foi decretar a posta en liberdade de todos os presos gobernativos. En relación cos fuxidos, mantivo varias reunións con familiares e cos propios escapados, algunha delas de carácter multitudinario: o trinta de abril presentouse nunha cabana na zona do Calvario e sostivo unha entrevista con catro fuxidos; estaba acompañado dos capitáns Bernal e Chacón; acordou cos fuxidos que acudisen o 2 de maio a reunirse con el nun lugar de Cabral, presentáronse uns 28 homes. “Los huídos se hallaban en lastimoso estado. Diecisiete hombres recibieron pan, que comían con avidez mientras saludaban con el brazo en alto y daban ardorosos vivas al Caudillo y a España.” (El Compostelano, 3-5-1939). Gómez Cantos maniféstalles que esperaba se presentasen máis e que serían recibidos con cariño e comprensión. Os presentados foron conducidos ao goberno civil para tomarlles a filiación e darlles cea e aloxamento. O gobernador comentoulle aos xornalistas: “¿Lo ven Vds? Cómo corderitos. Ya son míos y harán todo lo que les mande.” (El Pueblo Gallego, 5-5-1939).
     O 31 de maio presentáronse novos fuxidos e Gómez Cantos convida os doutras provincias a seguir os mesmos pasos: “Huídos de La Coruña, Orense y Lugo: os espero antes del día 15 del próximo mes. ¡ Españoles todos, la guerra terminó!.” O sete de xuño anuncia a terminación completa do problema dos fuxidos na provincia. Conta que se lle presentara a nai “del gran coco de la sierra Vicente Guillén” dicindo que o seu fillo quería presentarse. O día anterior, Cantos presentárase no domicilio do fuxido para entrevistarse con el, que estaba acompañado dos seus irmáns; Guillén manifestara estar incondicionalmente ás ordes do gobernador e disposto a aclarar os feitos dos que o acusaban manifestándose inocente.
     Paralelamente lévase a cabo unha campaña mediática na que se publicitan cartas de gabanza e adhesión a Gómez Cantos, algunhas encabezadas con “Querido papá Manuel”; algúns dos fuxidos, como o propio Vicente Guillén, desconfían e non se suman á dinámica proposta polo gobernador e volven ao monte; varios estarán á fronte de partidas e Guillén será condenado a morte e fusilado en Pontevedra o 18 de xuño de 1941. As cousas non debían ir todo o ben que pensaba e Gómez Cantos publica numerosos mensaxes crípticos na prensa: “Pronto te saldré al encuentro. No tengas miedo. Sin recibir carta. ¿Qué os pasa?” ou “Asturias, Asturias, Asturias: ¡Alerta! ¿Hasta cuando estaremos sin carta? Los camaleones saldrán al sol.”.
     Pero non só foi coñecido pola oferta de diálogo aos fuxidos, Gómez Cantos durante a súa etapa de mando na provincia instaura unha sorte de vicerreinado cunha forte dose de populismo, discrecionalidade e utilización sistemática dos xornais nos que dispuña de tribuna diaria. Proponse acabar persoalmente cos problemas de abastecemento de alimentos, escaseza de vivenda e paro obreiro; a loita contra o fraude e unha fixación obsesiva contra a “vella política” deron lugar a episodios dignos de relatar.    Precisamente o carácter despótico das súas actuacións e o enfrontamento con sectores poderosos e con influenzas a alto nivel acabarían propiciando o seu relevo.
(Continuará)

No hay comentarios: