domingo, 2 de agosto de 2020

O virreinado de "papá Manuel" (e 2)

Recén chegado, visita a praza de abastos pontevedresa para coñecer o problema das subsistencias e adoptar as medidas precisas para acabar radicalmente coas prácticas fraudulentas; ten o obxectivo de controlar os prezos do peixe, xa que era “preciso cumplir la consigna del Generalísimo, bajo cuyas directas inspiraciones vengo a actuar: que ningún español carezca de pan y de lumbre.” Como primeira medida impón 75 pesetas de multa ou 15 días de cárcere a unhas corenta vendedoras que non acataran as ordes dadas sobre venda ao peso e fixación de prezos. Regula a hora de peche dos bares, casinos, restaurantes e, como comprobou o estado de abandono do mercado pontevedrés, dispuxo que se encargase da alcaldía o primeiro tenente de alcalde. Respecto ao comercio de carne, ameaza con multas de 5.000 pesetas e peche de carnicerías. Aproveita para advertir mediante a prensa:

¡Ah! Y mucho ojo con la lengua y los gestos. Sabemos nosotros y lo sabe el Sr. Gómez Cantos, como se habla en la plaza por tablajeros y pescantinas y como la paciencia y la bondad tienen un límite, puede haber disgustos muy grandes.

Non faltan enfrontamentos coa patronal, cos funcionarios do propio goberno civil onde “tenemos bichos de todas clases, algunos con cascabel de tísico”; promete que eses amigos de caciques estarían fóra dos seus cargos nunha semana.

En las oficinas de mi cargo quiero personas decentes y no canallas marxistas embozados, con sus expedientes amañados y jueces incompetentes [...] Admito dimisiones antes de empezar a actuar.

As súas actuacións non quedaban só en palabras senón que puxo en práctica unha serie de sancións e destitucións, incluso a cargos do réxime: desterra a Cáceres varios carniceiros e vendedoras de peixe por aumentar os prezos, releva alcaldes como o das Neves, Fornelos de Montes e Sanxenxo, confina o cura de Meis “por cacicadas y erigirse en mandamás en el pueblo” e cesa o alcalde deste concello por gobernar ao ditado deste párroco; incauta máis dun millón de quilogramos de trigo na Panificadora de Vigo e distribúeo entre os concellos para remediar a carencia en toda a provincia.

Antigos políticos da dereita, xa situados no colaboracionismo co réxime, tamén foron obxecto da súa atención: o día 4 de maio ordena a detención de varias persoas por reunión clandestina utilizando “un despacho caciquil-portelista”, que era o do avogado Alejandro Mon Landa; aparte deste, deteñen a coñecidos pontevedreses entre os que citamos a Luis Sobrino (médico), Miguel Riestra (propietario), Manuel Corbal (industrial), José Ramón Gómez (fiscal de vivenda), Manuel Cabanillas (funcionario da Deputación), Isidoro Millán (avogado), Prudencio Landín (avogado) e varios máis. Clausura o bar Calixto porque nel se formaban parladoiros nos que os detidos criticaban a actuación do gobernador. Varios dos detidos son confinados fóra de Galicia e ten nunha especial xenreira contra Isidoro Millán e Manuel Cabanillas aos que advirte publicamente: “Les aviso que su papel de juerga constante haciéndose “la víctima” terminó y tengan bien entendido que prohibo terminantemente su estancia en reuniones” pois, de facelo, serían confinados por tempo ilimitado.

Diante das manobras defensivas das persoas e sectores sancionados, Gómez Cantos advirte:

No crean que la visita que realizaron a Burgos unos señores serios y otros “lagartos” que faltaron a su deber, les autoriza para seguir mangoneando a los propietarios enemigos de la España de Franco.

O 20 de xuño de 1939 publica unha nota na que anuncia un novo sistema para nomear alcaldes; segundo dita nota, as autoridades proporcionaránlle ao gobernador,

al hombre que sea capaz para desempeñar el cargo de Alcalde de su pueblo, a base de español puro, remitiéndome una relación con un nombre o dos de los que consideren más adecuados y competentes, y vendrá firmada, en reservado, por el cura párroco, jefe de Falange, comandante de puesto de la Guardia Civil y dos combatientes, de los licenciados ultimamente, y que hubieran pertenecido a unidades de choque.

Como apuntabamos, a estratexia de defensa non dubida en utilizar o apoio, real ou suposto, de sectores como os “combatientes de Franco”, con cartas que a secretaría particular facilita á prensa para a súa publicación. A linguaxe utilizada, os asuntos escollidos, o ton desmedidamente eloxioso, empregado por estes “machos que huelen a pólvora” do Batallón de Infantería 104, permiten sospeitar que a autoría ou a inspiración directa non debeu ser allea ao gobernador ou achegados. Como asinantes aparecen Andrés Crujeiras, José Solla, Antonio Martínez e Manuel Calvar.

No dudamos que el reaccionario espíritu medioeval, el señorito juerguista y holgazán, marxista, traidor, que vendió a los suyos y que nos vendería a nosotros si pudiera, en fin, toda esa caverna de malos españoles falsos, que levantan el brazo y dicen “Arriba España”, pero cuyo corazón no vibra ni siente [...] Adelante, papá Manuel, duro con esos comerciantes que quieren enriquecerse a costa de la miseria del pueblo español. Fuerte contra los criticones de café y despacho particular [...] Estamos casi seguros que alrededor de su actuación en este caso concreto [actuación sobre os fuxidos] se han tendido y siguen tendiendo una red de calumnias y críticas encaminadas a socavar su autoridad; pues bien, señor gobernador, si lo que V.E. ha hecho con esos hombres le parece mal a los señorones que en la retaguardia han venido haciendo pingües gancias al socaire de de la guerra, a nosotros, los que hemos derramado la sangre por España y que llevamos en el cuerpo las cicatrices de una campaña gloriosa, nos parece muy bien y creemos tener más, mucho más, derecho para formular una opinión.

Rodeado de inimigos en sectores poderosos, xa non eran os tempos máis favorables para o “papá Manuel” en Pontevedra e césano a finais de agosto de 1939, tras apenas cinco meses de mando. A súa actuación posterior deixa un regueiro interminable de sangue e morte; rematará na primavera de 1945 en Mesas de Ibor onde ordenou o fusilamento de tres subordinados por “covardía diante do inimigo”. Nin as súas múltiples débedas impagadas, irregularidades e crimes afectaron a este protexido de Queipo de Llano, algúns investigadores sosteñen que foi a intervención de xerarquías eclesiásticas, escandalizadas, non tanto polos fusilamentos senón porque non dera a oportunidade de confesar aos gardas fusilados, a que lle puxo freo. Destituído como xefe da comandancia de Cáceres, foi xulgado en consello de guerra e condenado a un ano de prisión e indemnizar a cada vítima con 10.000 pesetas, penas que non chegou a cumprir totalmente; pide a baixa voluntaria por enfermidade pero reingresa posteriormente e ascende a coronel. Falece en 1977.

O seu substituto foi o capitán da Guardia Civil, falanxista da Vieja Guardia, que sería máis tarde xefe da policía militar na División Azul, Francisco García Alted. Tivera unha actuación durísima como gobernador de Málaga. Sobre el escribe Antonio Bahamonde, delegado de propaganda e axudante de Queipo de Llano,:

Conoce bien la provincia en la que dejó un triste recuerdo. Al nombrarle gobernador civil se encargó personalmente de dirigir la represión y todo lo que con ella se relaciona. Es el principal responsable de las contínuas matanzas. [...] Sólo con oír proninciar su nombre produce pánico en toda la provincia. (“Un año con Queipo de Llano. Memorias de un nacionalista.”).

Tamén tivo un curto mandato: cinco meses. O gobernador posterior a García Alted foi outro militar, o comandante de infantería Francisco Rodríguez Acosta, que desempeñará o posto ata abril de 1943.







No hay comentarios: