viernes, 4 de noviembre de 2011

Mulleres represaliadas.


Carmen Martínez “A Mariona” nunca lerá este artigo, pois morreu fai uns anos; tampouco saberá que algunhas das súas conversas con quen isto escribe aportaron luces ao mellor coñecemento dos anos do medo en Pontevedra. Os seus irmáns eran militantes de esquerda e un deles, Manuel Martínez Vázquez, destacado dirixente obreiro. Logo do golpe fuxiron aos montes dos arredores e as mulleres da casa, co pretexto de coller toxo, deixábanlles comida e roupa en certos lugares, e así ata a entrega, anos despois de rematada a guerra, xa que Manuel non se presentou ás autoridades ata principios do 1948. Carme, xornaleira, nunca calou os nomes dos “cívicos” e falanxistas de Mourente nin as súas feitorías. Antifranquista e anticlerical, sufriu na súa persoa vexacións, desprezos e privacións económicas. ¡Como se alporizaba cando se dicía que o gobernador Gómez Cantos salvara a moitos fuxidos perdoando aos que non tivesen as mans manchadas de sangue! Ela sempre sostivo que fora unha trampa para prendelos.
Cando se fala da represión esquecemos moitas veces a exercida sobre as mulleres; pero o certo é que, como no caso de Carme, tiveron que asumir o papel de viúvas, fillas, irmás, nais ou compañeiras de fusilados, e ter que poñerse á fronte das familias e sacalas adiante sufrindo, ademais, humillacións e persecucións. No caso de ter familiares encarcerados, levarlle roupa, comida... Moitas foron as que collían o tren para ir a san Simón, sempre coa intranquilidade e a angustia de que os “paseos” da noite anterior non tiveran ao seu familiar como obxectivo.
Mulleres que tiveron que soportar as periódicas visitas de “cívicos”, falanxistas ou gardas, que ameazaban, arramplaban ás veces co que lles petaba, furaban bocois botando a perder o viño e todas as vexacións que se poida imaxinar.
O rapado do pelo a cero, o pintado con tinta chinesa das siglas UHP na fronte, a inxestión de aceite de ricino, etc eran vexacións que tiveron que sufrir moitas polo seu compromiso coa esquerda ou por ser compañeiras de perseguidos.
Mulleres como Carmen Casalderrey, compañeira de Albino Sánchez, con quen tiña dous fillos, casada horas antes de que o fusilasen, que cando lle concederon, finalizada a ditadura franquista, unha indemnización, o primeiro que fixo foi comprar o anel que non tivera no momento da voda.
Algunhas delas, nese ambiente de terror, aínda tiñan folgos para arrepoñerse fronte ao réxime: a Dominga Carballeda Gómez pídelle o fiscal 6 meses e un día de prisión, nun consello de guerra por “faltas a la fuerza pública” o 1 de setembro de 1937. En novembro do 38 deteñen a Sara Outón, de Santa María de Xeve, por escándalo e facer manifestacións contrarias ao “Movimiento”. Nos xornais da época aparecen máis casos semellantes.
A represión máis directa e intensa foi a exercida sobre as mulleres máis significadas pola súa participación política, non hai máis que ver os informes que facían as forzas represoras; nun informe da Guardia Civil, datado o 4 de xaneiro de 1937, aparecen algúns exemplos: María Rodríguez Pereira “La Chinita”, sastra de Lérez, “De mala conducta y antecedentes, comunista significada y concurría uniformada a las manifestaciones”; María Fandiño Estévez, “De mala conducta y antecedentes, comunista y propagandista de este ideal”; Jesusa Domínguez “La cara cortada”, “De depravada conducta, comunista significada, propagandista de este ideal, concurría con uniforme”; Elvira Lodeiro, “De mala conducta pública y privada, comunista”; Hermosinda Blanco “De mala conducta y antecedentes, comunista y usaba uniforme en las manifestaciones igual a las dos anteriores”; Victoria Méndez, “Comunista, de mala conducta y antecedentes y asistía uniformada a las manifestaciones”; Otilia Meis, “De mala conducta y antecedentes, comunista significado (sic)”. A esta última instrúenlle un “atestado instruído con motivo de una mujer que ha tomado parte en el movimiento de julio” e, como xa relatamos noutra ocasión, non se cortan en afirmar que “con motivo de ser imbecil (sic) no se puede precisar su ideal, concurría a las manifestaciones por indución (sic), era afecta al comunismo por que (sic) se dejaba influír por personas que le aconsejaban” (causa 1323/36). Tiña 24 anos cando a detiveron, en outubro do 36, acusada de esconder armas, estar na Alameda o 20 de xullo, tomar parte en desfiles e ser “extremista activa”.
Os dous casos máis soados de represión a mulleres, mediante xuízo militar, foron a causa 1229/36 e a seguida contra Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro, a raíz dos sucesos de Salcedo.
Arrarás e Silva Ferreiro afirman que, en xullo do 36, tentaron apoderarse das mulleres e fillos de militares para utilizalas como reféns pero, ao recibirse confidencias do planeado, xa estaban refuxiadas no interior do cuartel.
O inspector Iglesias acusa a María Fandiño Estévez, Elvira Lodeiro, Hermosinda Blanco, Victoria Méndez e outras, de recrutar mulleres para levar a cabo a acción antes mencionada, e de chamarlles covardes aos homes que fuxían cando apareceu o hidroavión de Marín.
Abriuse causa, por un delito de rebelión, contra Carmen Aboín Díaz, Emma Mourón Álvarez, Luisa Rodríguez Pereira, Hermosinda Blanco, Elvira Lodeiro e os homes Manuel Martínez, Albino Sánchez, Manuel Pedreira e Rogelio [Aurelio] Torres. Unha das presuntas vítimas do intento de rapto foi a mestra Mª Teresa Recuna, que no ano 1937, sería delegada provincial da Sección Femenina de Falange. Na súa declaración quítalle ferro ao asunto e alega que o nerviosismo do momento imposibilitábaa para dar detalles; aínda así lembraba as ameazas dalgunha delas.
A causa foi sobreseída provisionalmente, pero foron postas a disposición da autoridade gobernativa por mala conduta e antecedentes. Algunhas das encartadas eran as compañeiras de significados dirixentes obreiros.
O segundo caso foi consecuencia do crime cometido polos “cívicos” o 12 de decembro de 1936 en Salcedo; este suceso xa foi obxecto dunha entrada neste blogue. Ao día seguinte, domingo, celebrouse consello de guerra en procedemento sumarísimo e entre os encausados estaban dúas mulleres, Consuelo Acuña Iglesias, de 60 anos e Elvira Lodeiro González, de 28. O fiscal solicitou a pena de morte, pois así estaba previsto para quen ocultase a reclamados por actividades contrarias ao golpe militar. Consuelo foi fusilada, logo de rexeitar os auxilios espirituais, xunto ao seu irmán Ramón. A Elvira fusílana o sábado 19; a versión oficial dicía que, tras o recoñecemento médico no Hospital Provincial, comprobárase que o seu embarazo era falso.
Polos datos coñecidos ata o momento, son as únicas mulleres fusiladas como consecuencia dun consello de guerra na capital da provincia.