sábado, 8 de octubre de 2016

Moaña, outubro de 1934.


Os sucesos revolucionarios de outubro de 1934 tamén deron lugar a diversas accións na nosa zona; nunha entrada anterior demos conta do sucedido en Pontevedra capital e nas tres entradas anteriores ampliamos a información. Nesta ocasión aproveitamos para dar a coñecer unha forma de propaganda revolucionaria moi alonxada da práctica sindical actual: os pasquíns  nos que se convocaba ou se impartían consignas aos obreiros, confeccionados a man na maioría dos casos, aparecían asinados, como se dunha carta se tratase, por algúns membros do comité de folga. Este foi o caso do sucedido no Morrazo cando se convocou folga xeral a primeiros de outubro do 34; dirixían o comité de folga destacados militantes socialistas da zona, principalmente de Marín, que elaboraron un manifesto pedindo aos traballadores que non se reincorporasen ao traballo. Utilizaron algúns parágrafos do escrito para elaborar avisos que se colocaron en distintas localidades, no caso dos exemplares atopados referíanse á vila de Moaña e estaban asinados por José Gómez Martí, Jesús Canda, Cristóbal Peñín, Miguel Briones e Francisco López Crespo. Pode apreciarse a importancia da agrupación socialista marinense na dirección do conflito. Os asinantes foron detidos naquelas datas e represaliados logo do golpe de 1936, un deles (Peñín) foi fusilado e de Gómez Martí non se tiveron novas ("paseado"?).
O texto do manifesto era o seguinte:
Al Pueblo de Moaña.
¡¡ Trabajadores!! ¡Ciudadanos!
España entera se revuelve ahora, y enérgica contra el fascismo degradante y opresor que pretende convertir al pueblo español en una manada de esclavos hambrientos y sumisos.
A este gesto sublime y significado de los trabajadores, se unió el pueblo de Moaña haciendo honor a su historia rebelde y ansiosa de libertad y trabajo. Y esta actitud viril ha de conservarla mientras nuestros hermanos libran batallas encarnizadas por romper las ligaduras de la esclavitud.
Que nadie absolutamente nadie vuelva al trabajo hasta que se dé la orden general de hacerlo.
Por nuestra liberación y hasta aplastar al fascismo reaccionario todos en pie.
El Comité de Huelga.