domingo, 26 de julio de 2026

"Profanación" da Cruz dos Caídos pontevedresa.


Saturnino Benito Paz Peón foi un dos primeiros afiliados á Falanxe pontevedresa. Ingresou na organización no ano 1934 e nese mesmo ano xa aparece como denunciante do chofer comunista Juan Manuel Gómez Corbacho; a consecuencia do proceso militar que se lle incoa, Corbacho acabaría preso no penal de san Cristóbal. Paz Peón formou parte do grupo máis próximo ao xefe provincial da Falanxe Manuel Castro Pena e, xunto outros falanxistas e o propio Castro Pena, foi procesado en maio de 1937 pola serie de extorsións e abusos que cometeran tras o golpe. O tribunal foi comprensivo coas accións realizadas considerando que eran propias daqueles primeiros momentos.

Voluntario na fronte de batalla, Saturnino acada a graduación de tenente provisional de infantería e foi condecorado coa Cruz de Guerra, Cruz Roja del Mérito Militar e Medalla de la Campaña. Foi xefe local de milicias e mutilado de guerra. Tamén tivo un papel moi activo na reactivación da Semana Santa pontevedresa e foi fundador, xunto outros destacados falanxistas, da Cofradía de Nuestro Padre Jesús Caído, máis coñecida como a confraría dos ex-combatentes. Nomeárono xefe da gardería do servizo forestal da Deputación.

No ano 1950 ocupaba o cargo de Delegado Comarcal de Ex-Combatientes e fai un escrito dirixido ao Camarada Jefe Provincial del Movimiento no que denuncia unha serie de feitos relacionados co monumento aos caídos, máis coñecido como Cruz dos Caídos, sito na avenida de Montero Ríos.

Al objeto de perpetuar la memoria de los miles de camaradas Caídos por Dios y por la Patria, se erigió en la Avenida de Montero Ríos de esta Capital, un Monumento para mantener vivo el recuerdo de las generaciones. Los que vimos caer bajo el plomo de la metralla marxista a tantos excelentes camaradas, que todo lo dieron en holocausto de la Patria, no podemos consentir la profanación a que está sometido diariamente el citado Monumento.

Es vergonzoso ver, como se ve muy a menudo, la falta de respeto hacia un símbolo tan sagrado; tales como dedicarse a comer y merendar unas veces; a jugar los niños otras y lo que es más denigrante aún, es que las parejas de enamorados se arrullen en posturas y ademanes nada correctos y siempre inmorales sobre las losas de tan sagrado lugar.

Reclama que as autoridades tomen medidas e fagan as reparacións necesarias para arranxar o deterioro do conxunto monumental.

Como Delegado Comarcal de Ex-Combatientes de Pontevedra, como Falangista y como Español, lo pongo en tu conocimiento, al objeto de que se remedien estos males y se honre como lo merecen a todos aquellos que dieron todo lo que tenían que dar, por la Religión y por su Patria. Por Dios, España y su Revolución Nacional-Sindicalista. Pontevedra, 6-2-1950.

A Cruz de los Caídos fora unha iniciativa do gobernador civil e xefe provincial do Movimiento Francisco Rodríguez Acosta, secundado polo secretario local Luis Huesa.

As obras comezaron en agosto de 1941. Estaba composta por unha cruz de pedra de 10 metros de altura flanqueada polas bandeiras do Movimiento e coa lenda, gravada en bronce, de “José Antonio: ¡Presente!”. Como se escribía no xornal falanxista El Pueblo Gallego:

 Pontevedra había ya erigido, en la necrópolis de San Mauro, un magnífico mausoleo a los Caídos pontevedreses; había grabado sus nombres en las paredes vetustas de sus templos; pero este homenaje parcial, limitado, había que generalizarlo, extenderlo a todos los Caídos de la nación.

Foi inaugurada o 7 de decembro de 1941 nun acto no que tivo especial protagonismo o arcebispo Tomás Muniz de Pablos; oficiou unha misa en Santa María e, a continuación, trasladouse baixo palio cara o monumento. O tempo non axudou pois houbo unha choiva continua obrigando a que o acto de inauguración se celebrase no interior da Deputación; Muniz de Pablos bendiciu a cruz dende un balcón do pazo provincial. Concedeu cen días de indulxencias por cada oración que se rezase diante da cruz. Asistiron autoridades militares, co capitán xeral Soláns á cabeza, alcaldes de toda a provincia e xerarquías do Movimiento. Destacouse a presencia de representantes do Fascio italiano e do Partido Nazi alemán que acompañaron os xerarcas falanxistas vigueses.

 

martes, 7 de julio de 2026

Resistencias. Tui: Manuel Vicente Álvarez.


Entre os actos de resistencia cotiá contra o Réxime, os comentarios e rumores afectaban a orde ideolóxica imposta polo franquismo. Así o consideraban as autoridades, que non dubidaron en proceder contra os autores e, como no caso que nos ocupa, podían chegar a sometelos a consello de guerra.

Aínda que non poden asociarse automaticamente as persoas autoras de actos de resistencia como opositoras conscientes ao franquismo, no caso dos de carácter simbólico ou ideolóxico, o máis habitual era que tivesen antecedentes nese senso.

Era o caso do funcionario de prisións Manuel Vicente Álvarez. Manuel solicitara o ingreso na loxa Helenes nº 7 de Pontevedra no ano 1933; así se documenta nun escrito que esta loxa envía á Constancia nº 13 de Ourense. O xuíz Colmeiro, instrutor do macroproceso contra a masonería galega, manda detelo en setembro de 1937 porque existían “indicios suficientes para asegurar de una manera indubitable” a súa afiliación masónica. Quedou en liberdade o 16 de decembro dese ano. Tamén sabemos da súa militancia en Izquierda Republicana.

Era natural da Guarda e residía en Tui.

O día 27 de xaneiro de 1938, a Garda Civil tudense instrúelle un atentado “por propalar noticias falsas en relación al Glorioso Movimiento Nacional”. O Delegado de Orde Pública ordena detelo por “frases derrotistas”.

Un dos denunciantes era o garda cívico Jesús Vidal; afirma que, nunha conversa entre ambos, Manuel dixera que en Teruel 

habíamos tenido los Nacionales una carnicería, demostrando en toda su conversación su tendencia derrotista, considerándole un individuo de ideas marxistas y demostrando su poco afecto a la Causa Nacional.

Ademais do anterior, outras testemuñas afirman que, atopándose no despacho de gasolina de Gerardo Priegue, dixéralle a un fillo do dono que se marchaba á fronte “que iba al matadero de Teruel”. Así o confirma Xerardo.

Manuel Vicente nega os feitos á Garda Civil e, posteriormente, diante do xuíz admite as conversacións pero sostén que as manifestacións non foran no senso en que o acusaban. Por exemplo, no caso do fillo de Priegue, a confusión podería deberse a que falara baixo por estar afónico. O que lle dixera fora: “Que lleve V. buen viaje, y a defender la Patria y morir por ella si es preciso, que aquello es un matadero de rojos y hay que acabar con ellos”.

Manuel móvese moi ben para articular a defensa e consegue informes moi favorables, entre outros do alcalde e do presbítero Pío J. Varela. Xúlgano na causa 504/38, por sedición militar.

Nun dos resultandos da sentencia, afírmase que 

es persona de buena conducta pública y privada no teniendo matiz político conocido y habiendo tratado con deferencia y afabilidad en su cargo de Inspector de Prisiones a los presos sociales de derechas encarcelados por el funesto Frente Popular.

 Considerando que houbera unha errónea interpretación das frases, o tribunal absolveuno.