Non é tarefa doada a pescuda sobre militancia e actividades da Falanxe; a sistemática destrución dos fondos documentais relacionados co Movimiento Nacional dificulta ou, ás veces, impide abordar o tema cun mínimo de rigor. Aínda así, a existencia de documentación que, por diversas razóns, sobreviviu á queima e que se atopa dispersa en arquivos municipais, provinciais e estatais, así como o baleirado das hemerotecas, posibilita unha aproximación fiable para certas localidades.
En novembro de 1941, o ministro secretario xeneral do Movimiento, José Luis Arrese, pon en marcha unha depuración interna que afecta toda a afiliación falanxista; esta tarefa vai demorarse no tempo e non remata ata principios de 1945. A finalidade era eliminar das filas falanxistas militantes non compatibles cos seus principios e que utilizaban a pertenza a Falanxe como cobertoira para outros fins.
O proceso esixía uns inxentes trámites burocráticos, con informes do servizo de investigación e dos xefes locais e declaracións individuais de antecedentes. Ao iniciarse a depuración pechouse a admisión de novos membros. Nos lugares nos que se conserva, a documentación xenerada proporciónanos unha valiosa información; o carácter parcial dos fondos conservados procuramos suplilo a través doutras fontes.
Neste artigo abordamos a composición da Falanxe no concello de Bueu dende 1936 ata 1951.
En setembro de 1940 había un total de 127 militantes; no ano 1943 son informados no proceso de depuración 125 e o 2 de marzo de 1945, rematado xa o proceso depurador, quedan un total de 82, dos que 73 teñen a categoría de militantes e 9 a de adheridos. Os adheridos eran unha sorte de afiliados de 2ª categoría, sen dereitos e que nun prazo de cinco anos decidíase se merecían pasar a ser militantes ou se decretaba a expulsión.
Só puidemos documentar 4 militantes “camisas vellas”, ou sexa con afiliación anterior ao golpe militar: Rogelio García Fernández, Emilio Juncal Malvido e Salvador Lago Carballo, que ingresan o 30 de abril de 1936 e Juan Menduiña Pastoriza que o fai o 15 de xullo dese ano (noutro documento afírmase que foi o 25). Tres afílianse o 18 de xullo, Ignacio Lis Lombos, Francisco e José Loira Franco. O 21 de xullo de 1936, un día despois do golpe en Galicia, ingresan Antonio Cerviño Martínez, José Diz Paz, José Lis Alonso e José Gil Rúa. Ao longo dese mes afílianse José Collazo Iglesias, Perfecto García Lemos, Ignacio Lis Alonso, José María e Antonio Massó García, Anselmo Rivas Vilariño, Manuel García Pousada, Francisco Pazos Pazos e Elías Regueira Alonso.
Algúns deles parece que xa participaban en actividades falanxistas na clandestinidade antes de ingresar oficialmente pois hai referencias da asistencia a reunións clandestinas de Antonio Cerviño.
Un feito a destacar é a presencia, nas primeiras semanas, dun significativo número de afiliados procedentes do partido galeguista, ao redor dunha ducia. Deles cinco son depurados favorablemente no 1945 (Antonio Cerviño, José Collazo, Manuel Dopazo, Manuel Fontán e Perfecto García), no ano 1951 xa non aparece ningún.
No ano de 1951 causan baixa, a maioría a petición propia, 28 afiliados, ou sexa, aproximadamente a cuarta parte do total.
O decreto de unificación de abril de 1937 dá lugar a un elevado número de ingresos, todos con data do 18 de xullo de 1937) procedentes da Garda Cívica. A maioría eran persoas que pola súa idade encadráranse nesta milicia; entre eles atopamos persoas que tiveran destacada participación política en etapas anteriores. Non son ben vistos polos falanxistas de primeira hora e os informes da xefatura local así o denotan; algúns deles pedirán a baixa aducindo elevada idade ou deixan de participar en actos e de pagar as cotas como forma discreta de darse de baixa.
A modo de exemplo do afirmado anteriormente, destacamos algúns deles.
Juan Cestay Cerviño, afiliado ao partido galeguista. “No posee disciplina ni espíritu falangista de ninguna clase sin que haya asistido jamás a concentraciones y actos celebrados por esta jefatura local”. Merece mal concepto e considérano estraperlista; a Fiscalía de Taxas impuxéralle unha multa de 10.000 pesetas.
José García Posada, industrial, fora alcalde na Ditadura de Primo de Rivera. Solicita a baixa por idade.
Attilio Gaggero Moresco, industrial, membro do partido fascista italiano. Non asistía a actos falanxistas, informan que se afiliou a Falanxe por comenencia. Proponse a baixa por non merecer confianza pero foi depurado favorablemente e figura como adherido no 1945.
Gaspar Massó García, industrial, afiliado ao partido galeguista, no informe afírmase que tamén militou na Unión Patriótica de Primo de Rivera (cabo do somatén) e en Acción Popular. Presidente da Unión de Fabricantes de Conservas. Membro da saga dos Massó, moi influínte na Falanxe e na política local. A xefatura local informa que votara ás dereitas e puxera a disposición dos votantes deste sino o seu coche e os da empresa. No 36 negáranlle o ingreso na Falanxe sendo admitido o 18 de xullo do 37, na categoría de adherido, pois non o consideran apto para militante e tiña pouco espírito falanxista. Axudou economicamente ao partido en varias ocasións. No ano 1939 foi sancionado polo gobernador civil Gómez Cantos con 1.500 pesetas por “pronunciar frases incorrectas y protestar en tonos airados contra lo dispuesto por la Superioridad sobre la expedición de salvoconductos”. Foi procurador en Cortes polo sindicato (vertical) da pesca.
Víctor Carballo Castiñeiras, armador, alcalde durante a monarquía. Solicita a baixa por idade.
José Rey González “Sarillo”, industrial, fora simpatizante da Fronte Popular e no 36 votara á esquerda. Non asiste ás reunións. Ao rematar a guerra solicitara a baixa.
Luis Pimentel Gil, médico, membro da xestora da primeira corporación republicana. Afírmase que nos primeiros días fora detractor da Falanxe. “Su moralidad política es bastante susceptible a la concupiscencia criticando en reuniones la árdua labor desarrollada por Falange”. Non merece a militancia. Foi concelleiro e delegado de Auxilio Social.
A continuación ofrecemos un listado, (non exhaustivo) de afiliados á Falanxe de Bueu e cargos ocupados.
Antonio Cerviño Martínez, industrial, galeguista. O día do golpe presentouse ás autoridades, pasou polo Polígono Janer de Marín onde lle facilitaron armamento, prestou servizos no cuartel da Garda Civil de Pontevedra ás ordes do capitán Pardo. Regresa a Bueu e forma a JONS local. Marcha á fronte como voluntario na Centuria de Zapadores de Marín mandada polo alemán “capitán Bruno”. Foi o primeiro xefe local de Bueu.
Francisco Domínguez Sobral, estudante, alférez provisional, voluntario na fronte. Subxefe da Falanxe desde finais de agosto de 1936 ata o 1 de xaneiro de 1937. Asesor técnico de atletismo no SEU de Compostela a finais de 1942.
Perfecto García Lemos, oficinista, galeguista. Presentouse o primeiro día “habiendo prestado servicios de armas y otros de gran confianza”. Delegado local de Organizaciones Juveniles (O.J.), secretario e delegado sindical local, xefe local de estadística e colocación, delegado local de obras sindicais de Artesanía, Previsión Social e Educación y Descanso. Alcalde en 1938.
Víctor Labaca García, oficial de artillería, xefe local de milicias.
Félix Lis Alonso, avogado, xefe local.
Ignacio Lis Alonso, médico, xefe local do Movimiento, xefe local do departamento médico de FE y de las JONS, médico asesor de milicias, delegado local da Frente de Juventudes, delegado local de Información e Investigación, asesor médico de Auxilio Social, tenente alcalde.
José Lis Alonso, perito industrial. Presentouse no Polígono Janer e estivo ás ordes do capitán Pardo en Pontevedra. Encargouse da dirección da fabricación de bombas e outros materiais de guerra na fábrica de Massó co grao de sarxento. Xefe local de milicias, delegado sindical local e xefe local do partido.
Dentro da familia Lis, un deles, Luis Lis Alonso, pertencera á Agrupación Socialista “pero sin actuación alguna”. Por outra parte, asistira a todas as reunións clandestinas da Falanxe para as que fora solicitado polo xefe Antonio Cerviño, estivera presente no enterro e funeral do “camarada caído” Secundino Esperón. Voluntario na Legión Gallega e fundador das JONS locais.
José María Massó García, conserveiro. Concelleiro e alcalde, xefe local, deputado provincial e xefe da 2ª liña. Foron soados os seus enfrontamentos con Camilo Davila Davila, antigo militante da URD, alcalde na Ditadura de Primo de Rivera, delegado de orde pública, que fora nomeado alcalde por Bastarreche nos primeiros días tras o golpe. As desavinzas (frecuentes entre os falanxistas da localidade) eran por a maior ou menor intensidade represora.
Antonio Massó García foi delegado de administración e de Prensa e Propaganda. Acusárono de irregularidades económicas.
Salvador Massó García, médico, delegado local de Información e Investigación, asesor sanitario das Organizaciones Juveniles e delegado local de Prensa y Propaganda.
Gerardo Martínez Estévez, mariñeiro, delegado local de agricultura e delegado parroquial de Beluso.
José Novio Fornos, oficinista, xefe de cadetes, administrador de Falanxe e secretario contador da Delegación Nacional de Sindicatos na localidade.
Francisco Pazos Pazos, delegado local das O.J., delegado local de Tesorería y administración do partido, secretario e xefe local, xefe da 3ª escuadra de 1ª liña.
Antonio Puig Davila, xefe local de milicias.
Francisco Puig Martínez, técnico de conservas, xefe da Garda Cívica. Delegado administración de FET.
En canto a composición por actividade, os grupos máis importantes de afiliados eran os mariñeiros (25%) e os obreiros e autónomos (18%) seguidos de oficinistas e empregados (12%). Os industriais supuñan o 9%, comerciantes e xornaleiros o 6% cada un, os funcionarios e os mestres, cada grupo o 5%.