domingo, 14 de septiembre de 2008

Guardia Cívica de Pontevedra (I)

Tras a sublevación militar, a necesidade de tropas para a fronte fai que, nas zonas de retagarda, se precise persoal encargado de “manter a orde”, máxime sabendo da presencia dun elevado número de membros e simpatizantes das organizacións republicanas que, aínda que escapados ou escondidos e desorganizados nestes primeiros momentos, podían supoñer un perigo potencial para o novo réxime.

Aparte das organizacións xa existentes como os requetés ( con pouca presencia numérica en Pontevedra), milicias das JAP e Falanxe, vanse crear as chamadas Guardias Cívicas. Estas organizacións paramilitares poden recibir distintos nomes (caballeros de Santiago, Defensa ciudadana,etc) pero en Pontevedra reciben o de Guardia Cívica e son coñecidos pola xente como “os cívicos”.

Os precedentes das gardas cívicas podemos atopalos xa en tempos de Felipe V e nas Milicias Nacionales, encargadas de “defender a orde e a paz” ao longo do século XIX. Con posterioridade, o modelo máis achegado é o dos somaténs, cos que tivo unha estreita relación un dos principais encargados da orde pública no novo réxime: o xeneral galego Severiano Martínez Anido.

Pero este tipo de organizacións, dende principios do s. XX non son privativas de España pois xorden en varios países europeos ante o medo aos movementos revolucionarios, tendo sustento ideolóxico na Entente Internationale contre la IIIª Internationale, con sé na Suiza e que pretendía ser a contrapartida da Komintern comunista. O seu lema era a defensa da orde, a familia, a propiedade e a patria. O seu Boletín tiña difusión entre militares españois como o propio Franco. O tte coronel Ungría foi na dictadura de Primo de Rivera, secretario da oficina española da Entente e logo sería o organizador e director do Servicio de Información y Policía Militar (SIPM) ou sexa os servizos secretos dos sublevados. ( Véxase: González Calleja, Eduardo e Del Rey Reguillo, Fernando.La defensa armada contra la revolución. Madrid: CSIC, 1995).

A Guardia Cívica encadraba a aquelas persoas que por idade, ocupación ou determinadas circunstancias, non eran susceptibles de enrolarse nas unidades de primeira liña e, polo tanto, prestaban servizo nas súas propias localidades. Con motivo da formación da G. Cívica viguesa, o seu xefe, comandante Crespo, en El Pueblo Gallego (19-9-36), expresaba así as súas características:
es una agrupación organizada de ciudadanos que se ponen al servicio y en relación del Ejército liberador de España y de la Benemérita Guardia civil según los pueblos y circunstancias con la misión de defender la vida, la hacienda, la religión, el orden y la autoridad de un pueblo [...] El Guardia Cívico ha de ser un hombre ejemplar, generoso, educado, patriota, ha de merecer el título de Caballero Guardia Cívico, como antiguos caballeros españoles, ejemplos del mundo, pensando siempre en España una, España grande, Imperial siempre, España libre ¡Viva España!.

O mesmo xornal (28-8-36) afirma:
...no tienen matiz político determinado [...] siempre al lado y a las órdenes del Ejército o de la Guardia Civil [...] personas que por su edad, vicisitudes de familia, dirección de negocio o profesión deben prestar servicio en la población o en el rural unicamente y como caso normal pero en caso de necesidad de la Patria no medirían distancia, destino ni sacrificio.
En Pontevedra capital, o organizador da G. Cívica é o comandante da Guardia Civil D. Joaquín Velarde Velarde. Víctor Lis no seu discurso con motivo do festival da G. Cívica expresa ...nuestra profunda gratitud pero muy especialmente al benemérito cuerpo de la Guardia Civil por la confianza inmerecida que ha depositado en nosotros, a sus dignos jefes y oficiales pero en particular a su digno comandante don Joaquín Velarde y Velarde a quien tanto debe la Guardia Cívica de esta ciudad. (El Progreso 28-11-36).

Esta estreita unión entre G. Civil e cívicos tamén se expresa na mesma ubicación de ámbalas dúas no campo da feira (hoxe praza de Barcelos). Na regulamentación das milicias nacionais, dictada en decembro do 36, determínase que as forzas auxiliares que teñan por misión servizos na retagarda, estarán sometidas ás disposicións da Cartilla da Guardia Civil e obrigadas a facer o oportuno atestado nas detencións ou sucesos en que interveñan.

A procedencia socioeconómica dos seus integrantes é variada pero con preponderancia de clases acomodadas : propietarios, empresarios, comerciantes, médicos, aínda que non faltan obreiros e funcionarios, etc. Tampouco fallan persoas marxinais, acadando algunhas unha triste fama polos seus feitos.
Politicamente destacan pola súa anterior militancia dereitista: monárquicos, Renovación Española, partido Radical e partido Agrario Español ( doce membros do seu comité organizador na capital pertencen á mesma e por acordo unánime da súa dirección, en agosto do 36, van entregarlle os seus fondos (387 pta). Non faltan persoas que ocuparon cargos directivos en organizacións agrarias ou (en menor grao) en partidos de esquerda e galeguistas. Debemos ter en conta que os Tradicionalistas, Juventudes de Acción Popular e Falange contaban con milicias propias na nosa cidade sendo a máis importante a falanxista. Tamén teñen presencia notoria na Guardia Cívica ex-membros do somatén e Unión Patriótica de Primo de Rivera e das xestoras dereitistas nomeadas na República.

Nesta variada composición, fóra do núcleo de militantes xa encadrados nos sectores máis dereitistas antes do golpe, non faltaban conversos de última hora , persoas que buscaban salvar algún familiar, facerse perdoar a súa propia actuación ou mesmo xente asustada pola situación.

No hay comentarios: