O antigo concello de Xeve (Pontevedra) conta con dous fusilados tras consellos de guerra celebrados en Pontevedra, trátase do mestre de Verducido Eduardo Emilio Muíños Búa e do albanel Manuel Dios Costado; os dous contaban con 39 anos e foron fusilados no alto da Caeira o 2 de decembro de 1936. Tamén hai referencias á morte de Rafael Abelleira Cobas o 16-6-38. Así mesmo foi escenario da morte e enterramento de seis paseados procedentes doutras zonas (véxase neste mesmo blogue ¿Enterrados en Xeve?) e dos que, por testemuños recollidos ultimamente, podemos afirmar que non foron asasinados na Ponte do Couto (Tenorio), senón nun descampado xunto á carreteira que vai de Xeve a Campo Lameiro; dato este que concorda máis cos diversos testemuños sobre os feitos. Case ao tempo que tiña lugar a fallida exhumación da presunta fosa común do cemiterio de Tenorio, morría sr Daniel, supervivente das persoas que foron obrigadas a levar cos seus carros estes cadáveres para ser enterrados entre a igrexa e o cemiterio de santo André de Xeve.
Nesta actividade represiva, “baixa” se a relacionamos coa intensa actividade societaria daquel concello, deberon ter influencia dúas persoas: o crego de s. André, don Manuel Ogando que tivo unha actitude de defensa dos seus feligreses e o xefe de Falanxe e alcalde, José Iglesias Rodríguez.
Deste último e das súas publicacións, trata hoxe esta entrada.
José Iglesias era mestre de S. Andrés e -aparte dunha serie de libros con títulos como: “Pepito el Bebé”, “Pepito el Infante”, “Pepito el Valiente” ou “ Pepito el Estudiante”, autorizados polo ministerio de Educación Nacional para a súa publicación, venda e uso nas escolas de 1º ensino no ano 1939 -publicou dous folletos de alto contido patriótico: “La España Triunfal. ¡¡Gloria a Franco!!” do que foron adquiridos 500 exemplares polo concello de Pontevedra ( Sesión permanente do 30-09-1937) e tamén o titulado “Lecturas patrióticas para los heroicos soldados de Franco”, editado no 1938 e impreso por Artes Gráficas, imprenta situada na rúa Charino, 7 e que fora "La Popular", propiedade do fusilado Ramiro Paz e incautada pola Falanxe. A lectura desta obra foi recomendada polo Ministerio de Defensa Nacional (BOE 14-12-38) para clases e soldados.
Neste folleto de 36 páxinas, rebosante do ardor patriótico propio do momento, faise un repaso de xestas militares, gabanzas ao exército e consellos aos soldados.
Para mostra do ton (¡ollo á adxectivación!), copiamos o seguinte parágrafo:
¡ Hemos ganado la guerra! ¡Hosanna!. ¡ Gloria a ti, Ejército de Franco, Ejército valiente, leal, sufrido, cordial, sobrio, humano, noble, disciplinado, subordinado, valeroso, tenaz, bravo, indomable, heroico, abnegado, estoico en el fragor del combate, recio de corazón, fuerte y templado de alma!...
Has ganado una de las guerras más trascendentales que han visto los siglos. Aniquilaste a las hordas salvajes de Rusia. Salvaste a España y a 2000 años de civilización cristiana. Afianzaste la paz en el Universo. El Mundo te admira. España te aclama. La Patria hierve de gratitud hacia ti... ¡ Salve glorioso Ejército de Franco, Salve!