lunes, 29 de marzo de 2021

Semana Santa.

 


Estamos en Semana Santa, fagamos un percorrido polos tempos da 2ª República para pescudar o ocorrido naqueles anos que, algúns, cualifican de persecución atroz contra os católicos. As celebracións de Semana Santa non deixan de ser só un aspecto anecdótico dun problema moi complexo como foi o da relación Igrexa-Estado nese período, pero analizado a nivel micro, achegado ao noso contorno, pode relativizar afirmacións maximalistas amplificadas tras o golpe militar.

O ano anterior á proclamación da República as celebracións na capital pontevedresa seguen a monotonía acostumada: o xoves saía de santa María a procesión dos Pasos, coa participación do alcalde, banda de música municipal e un piquete de infantería; o venres santo continúan os oficios relixiosos en todos os templos e sae a procesión do Santo Enterro presidida polas autoridades.

En 1931, antes das eleccións municipais que trouxeron a República, continúa a tónica habitual e o teatro Principal suspende os espectáculos dende as doce da noite do mércores santo, seguindo o costume de non consentir actos nos que se interprete música profana. Pero xa hai novas de pequenas liortas e o xornal La Libertad (2-4-1931), baixo o título “El Clero provoca a los republicanos”, conta que, con motivo da inauguración do centro republicano de Arcade,

premeditadamente, se hizo pasar una procesión religiosa ante el Centro Republicano en el momento en que salían sus socios, prorrumpiendo los que la dirigían en gritos insultantes contra los republicanos, que fueron inmediatamente contestados como se merecían.

A cousa viña de días atrás pois, segundo o xornal, os clérigos repartiran unhas follas insultando e inxuriando os republicanos.

No ano 1932 xa estaba vixente a necesidade de que solicitasen permiso ao gobernador para as procesións, como era preceptivo para calquera entidade que quixera celebrar manifestacións públicas. Na provincia da Coruña o gobernador autorizou máis de cen procesións en distintas localidades, que se celebraron coa maior orde e sen incidentes, segundo o xornal católico El Ideal Gallego (26-3-1932). Ese mesmo xornal lembráballe aos lectores o sucedido na Coruña durante a procesión de 1894, cando un mozo disparoulle ao Nazareno gritando “¡Viva la anarquía!”, un dos tiros perforou a túnica da imaxe e “la ferviente fe de algunas devotas mujeres aseguraron después de haber visto que la imagen al oir las detonaciones, moviera la cabeza hacia la izquierda para mirar al joven pistolero” (11-12-1932). Como pode comprobarse, as accións anticlericais viñan de moito antes da República.

En Pontevedra non saíron á rúa as procesións e os cultos limitáronse ao interior dos templos; o Santo Enterro procesionou polo interior da igrexa e os claustros de san Francisco. De todos xeitos, o 3 de abril saíu da igrexa de santa María o “santísimo”, conducido polo párroco Mansilla e baixo o palio que portaban vellos mariñeiros da Moureira; a procesión ía acompañada pola banda de música municipal e tiña por obxecto levar a comuñón aos enfermos da parroquia. O día 10 fai o mesmo a parroquia de santa María.

Noutras localidades da provincia a Semana Santa celébrase do xeito acostumado: en Cangas, con gran solemnidade, saíu á rúa a procesión da “Santa Cena” na tarde do xoves e o venres celebrouse a cerimonia do “Encuentro” e procesión polas rúas. En Ponteareas non saíu a procesión do venres debido ao mal tempo pero si a do xoves, non houbo ningún incidente (El Tea, 3-4-1932).

No ano 1933 o venres santo coincide co 14 de abril, día de celebración da República, e celébrase tamén sen procesións no exterior, hai Via Crucis en san Francisco e procesión polos claustros.

Se notó la ausencia en las calles de señoritas ataviadas con la clásica mantilla española. En cambio la afluencia de público a la visita de los Sagrarios no desmereció en nada de la de los años anteriores (Progreso, 15-4-1933).

 Os curas solicitaron autorización para as procesións de comuñón pascual e o gobernador concédella.

O ano 1934 xa gobernan as dereitas e organízase a procesión do “Santo Enterro” custeada por subscrición popular.

O gobernador, no ano 1935, concede autorización para celebrar procesións en todos os pobos que as celebrasen tradicionalmente. Na capital os actos teñen gran brillantez coa procesión polas rúas do “Santo Entierro”, as imaxes do Cristo Xacente e da virxe da Misericordia son conducidas por mariños da Armada, que se ofreceran voluntarios para facelo; participa a banda de trompetas de artillería, a banda de música municipal e a Popular de Lantaño. Destaca a programación de Radio Pontevedra, organizada por Labor Gallega, con conferencias radiadas de Filgueira Valverde, Álvarez Limeses, José Lino e Pedret Casado, así como audicións de música sacra e concerto da Coral Polifónica.

A prensa socialista, como El Obrero, órgano da agrupación socialista de Ferrol, lanza os seus dardos sobre o que considera “indecente carnavalada político-religiosa”

Ha pasado ya el sarampión religioso de estos días conmemorando la fábula del Gólgota. Nada hemos querido decir para no quitarle brillo a la carnavalada religiosa. A nosotros nos ha parecido muy bien el ver ese sentimiento mítico-religioso, aunque, si hemos de ser sinceros, nos parece más bien una farsa política y un alarde de fuerzas de la España negra. Vimos en todo ello la mano negra de la Compañía de Jesús soplando la tea que ya estaba casi estinguida (sic) de la pira del Santo Oficio (27-4-1935).

En 1936, cun goberno da Fronte Popular, volven as celebracións no interior dos templos e concertos de música sacra na radio. Hai algúns incidentes, como o ocorrido en Lavadores, protagonizado por cinco mozos que con lazos vermellos e emblemas comunistas tentaron entrar na igrexa da parroquia sen conseguilo; as forzas da orde instrúen o correspondente atestado.

Tras o golpe militar tampouco acabaron as autorizacións previas: unha circular do gobernador civil da Coruña Florentino González Vallés do 2 de agosto de 1936 determinaba que “No se permitirán otras manifestaciones exteriores que las del culto católico, previo permiso que los señores sacerdotes solicitarán de los respectivos delegados civiles” (Boletín Oficial Arzobispado de Santiago, 14-8-1936).

Foto: Procesión en Vigo no ano 1935. El Pueblo Gallego (20-4-1935). Foto Pacheco.

jueves, 4 de marzo de 2021

Mortes en Vigo, xullo de 1936.

 


No ano 2018 publicamos o informe no que o capitán Carreró daba conta aos seus superiores do sucedido ao ler o bando de guerra en Vigo; agora trataremos das vítimas ocasionadas naquelas datas. Autores como X. C. Abad, no II Congreso da Memoria (Culleredo) xa publicou unha relación de vítimas mortais; nesta entrada utilizaremos a versión ofrecida na causa militar “Instruída en averiguación de las causas que motivaron la aparición de cadáveres de (sic) distintos sitios de la población” (498/36. AIMN.).

As primeiras actuacións do xulgado foron o recoñecemento de cadáveres na Casa de Socorro ou en clínicas como a do Dr. Cobas e o ditado de ordes para que foran trasladados ao cemiterio de Pereiró co obxecto de que lles realizaran a autopsia.

O mesmo día 20, o xuíz Pérez Navaza oficia ao auditor de guerra dando conta do inicio da causa e ao capitán da Guardia Civil e Comisaría de policía a efectos de que “practiquen las más activas gestiones encaminadas a averiguar la forma y por quiénes fueron heridos”; segundo dispuña a lei de axuizamento civil, ordena fixar na porta do cemiterio un cartel para tratar de identificar os mortos descoñecidos.

O día 22, o xulgado preséntase en Pereiró e comproba que no depósito atópanse vinte e oito cadáveres:

Simeón López Veloso, 25 anos [29], solteiro, albanel, veciño do barrio do Couto (142, Z.15)1

Lenin Moreda Vázquez, 15 anos, solteiro, de Riomao (Lavadores). (138, Z.15)

José Álvarez Fríez [Froiz], 18 anos, botóns da sociedade “La Oliva”. (153, Z.15)

Manuel Lence González, 40 anos [41], casado, comisionista, domiciliado na rúa 14 de abril. (2, Z.6)

Lorenzo Cid González, 53 anos [36], empregado de Obras del Puerto. Natural de Molezuelas de la Carballeda (Zamora). (136, Z.15)

Lorenzo Mumary Gil, 22 anos [23], solteiro, rúa do Paraguay. (3, Z.6)

María Suárez Paz, 51 anos [46], natural de Cuntis, domiciliada en r/ Uruguay. (129, Z.15)

Ángel Cameselle Pazo, 18 anos, solteiro, albanel, barrio da Quintela (Coia). (135, Z.15)

Manuel Gómez Verdes, 60 anos [55], axudante de caixa do Banco de España, natural de Ponteareas. (131, Z.15)

Dolores García, barrio de O Calvario (Lavadores). (143, Z.15)

Agustín Castro Fábregas, r/ de San Antonio. (137, Z.15)

Antonio Fernández. (139, Z.15)

Laureano García Carrera, 27 anos, chofer, de Tui, solteiro. (141, Z.15)

Rogelio Paramos Gándara, de Guillarei. (140, Z.15)

Julio Vázquez, ó redor de 36 anos. (146, Z.15)

Francisco Gamallo. (130, Z.15)

Manuel Paredes Piñeiro, 43 anos, xornaleiro, natural de Moaña, domicilio en r/ Ballesta. (132, Z.15)

Antonio J. Fariña Barros, 30 anos, dependente, natural de Barrio (sic) Pontevedra. (133, Z.15)

Estanislao Núñez Barrio2, 53 anos, industrial, natural de León, domicilio no barrio do Seixo (Lavadores).

Constante Gutiérrez Blanco, 53 anos, ferreiro, barrio da Ceboleira (Lavadores). (134, Z.15)

Ademais aparecen 8 cadáveres descoñecidos, destes logran identificar posteriormente a:

Adelino Hidalgo Andreu, 30 anos, solteiro, oficinista, domiciliado en r/ Méndez Núñez.

Alfonso Groba González, 22 anos, solteiro, chofer, natural e veciño de Ponteareas.

As autopsias a 27 dos cadáveres duran sete horas e son efectuadas polo forense Luis Martínez García-Murillo, axudado por Francisco Bustelo Bustelo. Todos foran ferido por arma larga, agás Constante Gutíerrez, Ángel Cameselle e Estanislao Núñez que o foron por arma curta.

Nas declaracións de familiares dos mortos faise referencia ás causas da morte con frases como: “diferentes descargas, no solamente de la fuerza pública sinó también de los revoltosos”, “cuando la fuerza pública y del Ejército se batía contra turbas que le hacían frente”, “ignorando si las lesiones de bala se la ocasionaron los militares o los paisanos que se habían revelado (sic) contra aquellos”, “fué obligado a ir en un coche ocupado por comunistas, que iban con armas y agredían a la fuerza pública, siendo muerto por esta”.

O 22 de xullo falece no sanatorio Troncoso Camilo Gómez e o 24 morre José Prado.

O 27 de xullo ingresan no cemiterio de Pereiró cinco cadáveres ocasionados polos sucesos ocurridos en Lavadores o día 26:

Alfonso Posada, do barrio de San Lourenzo.

Manuel Rodríguez Mouriño, estudante, 20 anos, r/ Galán.

José Manuel Taboada Martínez, 37 anos, r/ Ballesta.

Manuel Correa de Carballo Costa, natural de Viana do Castelo e veciño do Calvario.

Enrique Acuña, veciño de Riomao e natural de Portugal.

O 26 de xullo, o sanatorio cirúrxico de Lavadores dá conta do ingreso das feridas Soledad e Ramona Domínguez e afirma que a nai e unha filla de Ramona resultaran mortas cando abandonaban o domicilio para refuxiarse nunha casa veciña; eran de Pardavila.

O día 30 falece Romualdo Fernández Martínez tras ser operado nos pavillóns sanitarios de Vigo.

Na relación publicada por Abad figuran dúas persoas que non aparecen nesta documentación: Ricardo Fernández Martínez (será o citado anteriormente como Romualdo?) e Arturo Juan Baldomero Fernández Cabaleiro e non constan varios dos aquí nomeados; a explicación xa foi advertida polo autor: “excluídos os que morreran días despois e os que, con toda probabilidade non se rexistraron debidamente para evitar complicacións”.3

Sobre as xestións ordenadas para dar cos autores, a comisaría informa que non deran resultado “por las dificultades que ofrece el barrio por donde se han efectuado las gestiones”. Varias testemuñas declaran que non viran agresións á forza pública nin a ninguén armado.

En canto a feridos, o Hospital Municipal comunica o 26 de xullo que prestara asistencia a 22 persoas; habería que engadir o resto das clínicas para calcular o total, que non aparece na causa.

No Hospital Militar atendeuse o tenente Rafael Marco, con erosión nunha orella, os soldados Inocencio Román con erosión no lombo, José Vicente por perdigonada e Julián Mínguez por dúas feridas no pescozo, todos eles de prognóstico leve.

Dos interrogatorios aos feridos dedúcese que o foran

como consecuencia de los tiroteos habidos entre el Ejército y los revoltosos, cuando casualmente pasaban algunos de ellos por los lugares en que estaba entablada la lucha [...] Ignoran por tanto quienes han sido causantes de las heridas que les fueron producidas, aunque suponen lo fueran por la fuerza pública, al repeler con sus armas la agresión de que habían sido objeto.

O instrutor considera que os feitos se produciran de “modo casual y fortuito” polo que non había culpabilidade e dítase sobresemento.

1Entre parénteses aparece a localización onde foi enterrado no cemiterio.

2Morto polos resistentes ao golpe tras o asalto ao seu domicilio.

3Abad, X.C. “¡Ás barricadas! A defensa da legalidade republicana na bisbarra de Vigo”. Actas segundo congreso da memoria. Culleredo. Páx. 561.