Estamos en Semana Santa, fagamos un percorrido polos tempos da 2ª República para pescudar o ocorrido naqueles anos que, algúns, cualifican de persecución atroz contra os católicos. As celebracións de Semana Santa non deixan de ser só un aspecto anecdótico dun problema moi complexo como foi o da relación Igrexa-Estado nese período, pero analizado a nivel micro, achegado ao noso contorno, pode relativizar afirmacións maximalistas amplificadas tras o golpe militar.
O ano anterior á proclamación da República as celebracións na capital pontevedresa seguen a monotonía acostumada: o xoves saía de santa María a procesión dos Pasos, coa participación do alcalde, banda de música municipal e un piquete de infantería; o venres santo continúan os oficios relixiosos en todos os templos e sae a procesión do Santo Enterro presidida polas autoridades.
En 1931, antes das eleccións municipais que trouxeron a República, continúa a tónica habitual e o teatro Principal suspende os espectáculos dende as doce da noite do mércores santo, seguindo o costume de non consentir actos nos que se interprete música profana. Pero xa hai novas de pequenas liortas e o xornal La Libertad (2-4-1931), baixo o título “El Clero provoca a los republicanos”, conta que, con motivo da inauguración do centro republicano de Arcade,
premeditadamente, se hizo pasar una procesión religiosa ante el Centro Republicano en el momento en que salían sus socios, prorrumpiendo los que la dirigían en gritos insultantes contra los republicanos, que fueron inmediatamente contestados como se merecían.
A cousa viña de días atrás pois, segundo o xornal, os clérigos repartiran unhas follas insultando e inxuriando os republicanos.
No ano 1932 xa estaba vixente a necesidade de que solicitasen permiso ao gobernador para as procesións, como era preceptivo para calquera entidade que quixera celebrar manifestacións públicas. Na provincia da Coruña o gobernador autorizou máis de cen procesións en distintas localidades, que se celebraron coa maior orde e sen incidentes, segundo o xornal católico El Ideal Gallego (26-3-1932). Ese mesmo xornal lembráballe aos lectores o sucedido na Coruña durante a procesión de 1894, cando un mozo disparoulle ao Nazareno gritando “¡Viva la anarquía!”, un dos tiros perforou a túnica da imaxe e “la ferviente fe de algunas devotas mujeres aseguraron después de haber visto que la imagen al oir las detonaciones, moviera la cabeza hacia la izquierda para mirar al joven pistolero” (11-12-1932). Como pode comprobarse, as accións anticlericais viñan de moito antes da República.
En Pontevedra non saíron á rúa as procesións e os cultos limitáronse ao interior dos templos; o Santo Enterro procesionou polo interior da igrexa e os claustros de san Francisco. De todos xeitos, o 3 de abril saíu da igrexa de santa María o “santísimo”, conducido polo párroco Mansilla e baixo o palio que portaban vellos mariñeiros da Moureira; a procesión ía acompañada pola banda de música municipal e tiña por obxecto levar a comuñón aos enfermos da parroquia. O día 10 fai o mesmo a parroquia de santa María.
Noutras localidades da provincia a Semana Santa celébrase do xeito acostumado: en Cangas, con gran solemnidade, saíu á rúa a procesión da “Santa Cena” na tarde do xoves e o venres celebrouse a cerimonia do “Encuentro” e procesión polas rúas. En Ponteareas non saíu a procesión do venres debido ao mal tempo pero si a do xoves, non houbo ningún incidente (El Tea, 3-4-1932).
No ano 1933 o venres santo coincide co 14 de abril, día de celebración da República, e celébrase tamén sen procesións no exterior, hai Via Crucis en san Francisco e procesión polos claustros.
Se notó la ausencia en las calles de señoritas ataviadas con la clásica mantilla española. En cambio la afluencia de público a la visita de los Sagrarios no desmereció en nada de la de los años anteriores (Progreso, 15-4-1933).
Os curas solicitaron autorización para as procesións de comuñón pascual e o gobernador concédella.
O ano 1934 xa gobernan as dereitas e organízase a procesión do “Santo Enterro” custeada por subscrición popular.
O gobernador, no ano 1935, concede autorización para celebrar procesións en todos os pobos que as celebrasen tradicionalmente. Na capital os actos teñen gran brillantez coa procesión polas rúas do “Santo Entierro”, as imaxes do Cristo Xacente e da virxe da Misericordia son conducidas por mariños da Armada, que se ofreceran voluntarios para facelo; participa a banda de trompetas de artillería, a banda de música municipal e a Popular de Lantaño. Destaca a programación de Radio Pontevedra, organizada por Labor Gallega, con conferencias radiadas de Filgueira Valverde, Álvarez Limeses, José Lino e Pedret Casado, así como audicións de música sacra e concerto da Coral Polifónica.
A prensa socialista, como El Obrero, órgano da agrupación socialista de Ferrol, lanza os seus dardos sobre o que considera “indecente carnavalada político-religiosa”
Ha pasado ya el sarampión religioso de estos días conmemorando la fábula del Gólgota. Nada hemos querido decir para no quitarle brillo a la carnavalada religiosa. A nosotros nos ha parecido muy bien el ver ese sentimiento mítico-religioso, aunque, si hemos de ser sinceros, nos parece más bien una farsa política y un alarde de fuerzas de la España negra. Vimos en todo ello la mano negra de la Compañía de Jesús soplando la tea que ya estaba casi estinguida (sic) de la pira del Santo Oficio (27-4-1935).
En 1936, cun goberno da Fronte Popular, volven as celebracións no interior dos templos e concertos de música sacra na radio. Hai algúns incidentes, como o ocorrido en Lavadores, protagonizado por cinco mozos que con lazos vermellos e emblemas comunistas tentaron entrar na igrexa da parroquia sen conseguilo; as forzas da orde instrúen o correspondente atestado.
Tras o golpe militar tampouco acabaron as autorizacións previas: unha circular do gobernador civil da Coruña Florentino González Vallés do 2 de agosto de 1936 determinaba que “No se permitirán otras manifestaciones exteriores que las del culto católico, previo permiso que los señores sacerdotes solicitarán de los respectivos delegados civiles” (Boletín Oficial Arzobispado de Santiago, 14-8-1936).
Foto: Procesión en Vigo no ano 1935. El Pueblo Gallego (20-4-1935). Foto Pacheco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario