viernes, 16 de abril de 2021

O Somatén.


Unha das medidas tomadas pola ditadura de Primo de Rivera foi a implantación do somatén, institución de orixe e actuación catalá, en todo o territorio do estado. O decreto publicouse o 17 de setembro de 1923 e pronto comezaron a formarse comisións para constituílo nas distintas zonas. Insistíase moito en que tiña unha finalidade de mantemento da orde e que estaba alonxado de todo partidismo político pero a composición e actuacións amosaron o seu compromiso co réxime ditatorial e cos elementos máis reaccionarios da sociedade. A orientación do somatén baseábase na idea de que era indispensable levantar o espírito nacional, que estaba falto de fe e escaso de enerxías morais; para remedialo eran precisas “fuertes inyecciones de patriotismo”. Presentábase como un grupo de xente honrada, valerosa e entusiasta que sempre se atoparía xunto as autoridades e cooperaría con elas, non só como forza coercitiva, senón tamén coa “siembra incesante y tenaz entre los ciudadanos de una semilla sana y limpia, cuya cosecha recojan nuestros hijos”i. Os seus compoñentes comprometíanse a garantir a orde e, en caso preciso, colaborar coa Guardia Civil para manter a lei. Estaba fiscalizado por xefes e oficiais do exército o que era presentado como unha garantía de estar alleo a toda loita política. Subordinación total ao exército e os regulamentos eran aprobados polo ministerio da Guerra. Afirmábase que non se organizaba contra as reivindicacións obreiras sempre que tratasen de logralas por camiños legais e procedementos evolutivos, pero oporíase “tenaz y armadamente” a todo ataque á orde social. Este tipo de organizacións están na lóxica da mobilización paramilitar contrarrevolucionaria en Europa fronte ao fenómeno revolucionario que, de xeito real ou non, consideraban unha ameaza contra a orde social.

O lema era “Paz, paz y siempre paz” e a súa patroa era Nosa Señora de Montserrat.

Para ingresar era preciso ser home, maior de 23 anos, ter boa conduta e solicitalo no posto da Guardia Civil. Os niveis de organización eran o de partido xudicial, distrito ou concello e barrio ou parroquia; á fronte do primeiro estaban os vogais e dos outros os cabos e subcabos. Estaban armados con arma longa e os vogais, cabos e subcabos, tiñan ademais arma curta.

O 21 de setembro de 1923, o capitán xeral Antero Rubín publica un manifesto ao efecto e o 17 do mes seguinte ten lugar unha reunión na capitanía da 8ª rexión militar para formar o Somatén Armado de Galicia, Asturias y León. Os vogais da provincia de Pontevedra por cada partido xudicial foron: Laureano Salgado (Caldas de Reis), Luciano Buhígas Abad (Cambados), Camilo Facorro González (A Cañiza), Ramón Rodríguez González (Lalín), Alejandro Mon y Landa (Pontevedra), José Guerra y Guerra (Ponteareas), Juan Losada Suárez (Ponte Caldelas), Ricardo Contreras Valiñas (Redondela), José García Sánchez (Tui) e Guillermo Oya Lastres (Vigo). Como auxiliares militares atopamos ao comandante Rafael González- Besada Fernándezii (Pontevedra, Cambados, Ponte Caldelas), o capitán Manuel Villaverde Sobral (Lalín, Caldas) e o capitán José Rodríguez García (Vigo, Ponteareas, Tui, A Cañiza). Na petición de votos de grazas ás persoas que apoiaron a constitución do somatén aparecen nomes significativos: Pedro Martínez Casal, Sinforiano Melero Guerra, Emilio Curbera, Vicente Rivadeneira e Wenceslao González Garra, entre outros. No 1928, por falecemento de Buenaventura Pla, nomean vogal da comisión organizadora polos partidos xudiciais de Pontevedra e Lalín Raimundo Riestra Calderón, marqués de Riestra.

Na provincia de Pontevedra, as solicitudes iniciais de ingreso acadaron case as novecentas; en Pontevedra capital a primeira solicitude foi a do comerciante Salvador Estévez Rocafort.

No ano 1924 atopamos ocupando cargos en distintos lugares: Ramón Sobrino Buhígas (cabo de partido en Pontevedra), Víctor Lis Quibén (cabo de distrito), Rafael Lenard Quintana (subcabo de distrito), Gaspar Massó (cabo de Bueu), Manuel Sanjurjo Otero (cabo de Vigo), Ramón García (cabo de Poio) e Luis Pérez Quevedo (cabo de Marín). Nese mesmo ano parece que existen algunhas diverxencias na capital e o vogal, Alejandro Mon, presenta a renuncia, que non lle é admitida; acórdase prestarlle apoio para robustecer a súa autoridade e pídeselle que expoña confidencialmente á presidencia os obstáculos que tiña. En Vigo noméase vogal a Julio Curbera por falecemento de Oya. En xuño de 1926 causa baixa voluntaria o cabo de distrito Víctor Lis.

O acto máis vistoso do somatén pontevedrés foi a entrega da bandeira celebrado o 30 de setembro de 1928; celebrouse misa en san Francisco coa asistencia de autoridades. A doante da bandeira foi Pilar Quiroga Losada e a madriña Mª Luísa Vázquez Silva. O discurso desta última foi un canto á bandeira española e ás glorias pasadas:

es la gloriosa enseña de la nación española, que simbolizando su soberanía sancionará la actuación ciudadana que os está encomendada; es la bandera que en tiempos pretéritos paseó victoriosa por la vieja Europa y llevó los esplendores de la civilización a un nuevo mundo; la que agitándose lo mismo en los rápidos torbellinos de la candente África que meciéndose blandamente a impulsos de las brisas americanas, lo mismo en los países nebulosos del Norte que en las islas perdidas en la inmensidad del Océano, rubricaban en el espacio el nombre de España y el sol no se ponía para contemplarla.

Non esquece facer un canto á figura de Primo de Rivera porque, cando nun rincón de Europa se iniciara o incendio que ameazou con destruír a orde social e parecía prender en España, co seu temple e intelixencia, soubo alonxar o perigo. Tamén o comandante xeral do somatén, xeneral Rodríguez de Rivera loa a “misión providencial” do ditador e gaba o monarca:

que de contínuo labora con perseverancia ejemplar a impulso de la inmensa exaltación patriótica que abriga su corazón españolísimo lleno de ternura y de amor para su pueblo, que unido a una inteligencia preclara y un ánimo sereno y esforzado le hacen ser encarnación excelsa de la raza por cuyas cualidades sobresalientes es admirado y querido en el mundo entero.iii

Houbo banquete no hotel Engracia coa asistencia de 250 somatenistas e a bandeira levouse desfilando ata a casa do Marqués de Riestra onde quedou depositada.

A constitución do somatén tampouco se libra das críticas, así o xornal El Eco de Galicia da Habana cualifícao como un “cuerpo de esbirros” para delatar e traizoar o pobo.

A chegada da 2ª República significa a disolución inmediata deste organismo e a ditadura franquista volverá implantalo, baixo control da Guardia Civil, no ano 1945; nesta etapa colaborará na loita contra a resistencia antifranquista e non será ata o ano 1978 cando se proceda á súa disolución; neste momento contaba con cerca de trinta mil compoñentes. Pero tras o golpe militar de 1936 créanse en distintas localidade da zona sublevada unha serie de milicias “cívicas” que, en realidade, son semellantes (nalgúns casos ata coinciden en adoptar a cruz de Santiago como símbolo); nelas integraranse como membros destacados moitas das personalidades que atopamos no somatén. En Pontevedra capital e concellos limítrofes, aparte o caso de Víctor Lis, outros somatenistas figuran como oficiais ou membros da Guardia Cívica, ocupan cargos relevantes no réxime, son membros destacados de FET e de partidos de dereita como a Unión Regional de Derechas (URD), Partido Agrario Español e outros. Sen ánimo exhaustivo nomeamos algúns deles: Evaristo e Enrique Vázquez Lescaille,Tomás Abeigón Pazos (oficiais da G. Cívica), Rafael Lenard Quintana (xefe provincial de milicias de FET e concelleiro franquista), Remigio Hevia (alcalde nas dúas ditaduras e home de confianza de Riestra), Abel Hermida Vidal, José Antúnez Reclusa, Manuel Casalderrey Esperón, Pedro Soto Couselo, Ángel Graña Martínez, Bernardino Rodiño Escudero, Francisco Rodríguez Arruñada, Celestino Silva, Bernardo López, Rafael Varela, Francisco Cachafeiro, Joaquín Álvarez Lores, Plácido Castro Pena, entre outros.

Máis sorprendente é a presencia destacada no somatén dalgunha figura relevante no período republicano; é o caso de Bibiano Fernández Osorio-Tafall que aparece como subcabo do grupo 2º, barrio 1º do 3º distrito no ano 1929. Esta afiliación foi aproveitada no período republicano como arma dos seus adversarios políticos; no ano 1933 o xornal Progreso axusta contas de pasados agravios e leva a cabo un virulento ataque contra Tafall:

Fué somatenista con la Dictadura y vitoreó a los reyes cuando éstos visitaron ultimamente nuestra capital. Todavía en junio de 1930 iba muy devotamente en la procesión del Sagrado Corazón de Jesús. Obtuvo la cátedra de Agricultura de nuestro Instituto en una de aquellas oposiciones en que no triunfaban más que los protegidos de la Unión Patriótica. Con la República, a la que vino cuando esta se hallaba a la vista, obtuvo la dirección de nuestro Instituto – con los votos de los upetistas sus correligionarios ˗ la alcaldía de Pontevedra, el acta de diputado a Cortes y una pensión para realizar estudios en el extranjero. Esto que se sepa.iv

Nas eleccións de febreiro de 1936, desde sectores da esquerda volven a lembrar o pasado de Tafall e outros candidatos e piden aos electores que os borren das papeletas electorais.

iProgreso, 11-10-1923.

iiSería presidente da xestora provincial tras o golpe do 36.

iiiDiario de Pontevedra, 1-10-1928.

ivProgreso, 15-1-1933.

 Foto: Somatén de Pontevedra. Boletín Oficial del Cuerpo de Somatenes de la 8ª Región.

No hay comentarios: