domingo, 21 de abril de 2013

Vigo: ocupación de libros e documentos.

Ás catro da tarde do 19 de agosto de 1936, forzas da Guardia Civil mandadas polo coñecido tenente Francisco González Rodríguez “O Rabioso”, chegaban ás “casas baratas” de san Roque (Vigo). O motivo era rexistrar o domicilio e horta do concelleiro socialista José Caldas Iglesias por “tener sospechas de que se ocultasen armas o documentación relacionadas con el actual movimiento”.
No domicilio incautan libros e documentación variada da que xulgamos interesante dar conta polo miúdo; libros: “El esperanto”, “Crimen de Salvatierra”, “La Guerra Carlista”, “Abajo las Guerras” [ Abajo las armas?], “Política Española”, e 19 novelas de distintos autores; 5 “Cuadernos Socialistas”; folletos: “Historia de la Internacional”, “Nuevas formas del capitalismo”; un caderno coa memoria da Federación de Traballadores de Vigo; 4 talonarios do homenaxe a Pablo Iglesias, 56 exemplares do xornal “Solidaridad Obrera” [Solidaridad ?], unha tarxeta de “Guerra a la Guerra”, unha carta do dirixente obreiro Botana e varios oficios do concello.
Nunha caixa enterrada na horta atopan os seguintes efectos: 2 pistolas antigas sen munición, un puñal, unha conta pola comida no cárcere de varios detidos en outubro de 1934 por un importe de 1484,40 pesetas, unha carta dun mestre de Ourense marxista, o libro “El arte de la insurrección”, unha folla con textos contra a pena de morte, unha carta do “revolucionario I. Seoane” á Juventud Republicana, varias cartas de camaradas e convocatorias de reunións das que salientamos unha sobre o Bloque Popular asinada por Seoane e Bilbatúa e outra do sindicato de tranviarios dirixida aos obreiros e campesiños; tamén se atoparon regulamentos de sociedades e listados de afiliados a organizacións obreiras, estes listados serán utilizados na persecución de dirixentes obreiros como se pode comprobar nas anotacións feitas nos mesmos con posterioridade. Todo este material estaba envolvido por un xornal con data do 17 de xullo de 1936. Ademais, “por debajo de la caja un puñal con mango en forma de cruz con la hoja sinuosa”.
Todo o anterior aparece asinado polos gardas e polo propio José Caldas nun “Atestado por detención de un presunto sedicioso y ocupación de libros y documentos, en su casa y una huerta” que forma parte da causa 714/36. (AIMN).
En declaracións de Pilar Alonso, muller do dirixente socialista José Araujo, veciño de Caldas, asegúrase que foi ela a que mandou enterrar estes efectos na horta de Caldas “por tener a su marido en la prisión del partido y para evitarle los compromisos que pudieran alcanzarle o responsabilidades”; esta declaración é confirmada por unha criada.
José Caldas Iglesias, mestre de taller na Escuela del Trabajo, recoñece como seus algúns dos libros relacionados anteriormente, entre eles “San Manuel Bueno, mártir”, “Abajo las armas” e “La araña negra” pero afirma descoñecer a existencia dos efectos enterrados na horta.
O 20 de abril de 1937 celébrase en Vigo un consello de guerra contra José Caldas e Antonio Carballo Vázquez, este último tamén concelleiro (Izquierda Republicana) e masón; actúa como defensor o capitán de infantería Fabián de Caso. Nun resultando da sentencia afírmase que se reuniran o 20 de xullo con 
personas destacadas del extremismo en el Ayuntamiento con objeto de dirigir desde allí por medio de agentes de enlace que constantemente entraban y salían en el despacho del Alcalde, donde la reunión tenía lugar, a las turbas que en la calle se enfrentaban a la fuerza pública.
 Decláranos responsables, en concepto de autoría, dun delito de rebelión militar coa agravante de perversidade e transcendencia da súa actuación polo que son condenados a morte. Foron executados o 12 de maio de 1937 no castelo do Castro.