Mostrando entradas con la etiqueta O Rabioso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O Rabioso. Mostrar todas las entradas

domingo, 1 de abril de 2018

Unha derrota do "Rabioso".

O tenente Francisco González Rodríguez, alcumado “O Rabioso”, estaba satisfeito; nas súas mans tiña un documento que podía dar moito xogo na súa persecución de desafectos: unha fotografía tomada o 25 de xullo no salón Las Cabañas de Vigo, nunha comida con motivo do Día de Galicia. Nela aparecían retratadas varias figuras do galeguismo e outros persoeiros do mundo cultural, político, empresarial e asociativo vigués.
“O Rabioso” detivo a vista en dous deles, ambos eran comerciantes coñecidos, con posibilidades económicas e, por conseguinte, capaces de achegar unha significativa cantidade de pesetas mediante multa ou a consabida achega “voluntaria” aos alzados. Eran Ángel de la Gándara Cividanes, comerciante, moi ligado á Unión de Fabricantes de Conservas e o comerciante de calzado Cayetano Bastida Vázquez.
No informe que redacta, dirixido ao comandante militar da praza Felipe Sánchez, acusa a De la Gándara de separatista e galeguista aínda que recoñece que non puido comprobar que acollera na súa casa a Humberto Solleiro (xa fusilado) e a súa dona, nin que cotizase para o Socorro Rojo; tampouco puido atribuírlle pertenza á masonería (unha das súas teimas) pero si ao Rotary Club de Vigo. Neste senso, non deixou de relacionar no informe as ligazóns que, ao seu xuízo, presentaban ambas organizacións pois destaca que os rotarios eran unha sociedade condenada pola Igrexa Católica en diversas pastorais de bispos 
que la consideran secta de la masonería, en plan aristocrático y a la que los Masones Universales tienen declarada su protección por las coincidencias con su credo izquierdista y revolucionario, aparte de que está considerado que un ochenta por ciento de los afiliados “rotarios” son también masones.
Un detalle importante no informe era a relación de bens do denunciado.
O escrito que Felipe Sánchez envía, o 26 de decembro de 1936, ao xeneral xefe da 8ª división e que contén a denuncia do “Rabioso”, engade un parágrafo no que, pola súa parte, afirma que a opinión pública era moi rigorosa con De la Gándara a quen lle atribuía “actividades que concuerdan y aún acentúan el informe que tengo el honor de transcribirle.” Estas razóns valéranlle ao comandante militar para detelo e imporlle unha sanción de 5000 pesetas.
Ángel de la Gándara tiña os suficientes apoios para que o xeneral Aranda, xefe militar da 8ª rexión, o recibira para desmentir as acusacións, cousa na que tamén se ratifica por escrito.
A Cayetano Bastida impóñenlle unha multa de vinte e cinco mil pesetas para “el fondo de Abastecimiento del Ejército Salvador”. Tampouco queda calado Cayetano e fai valer a súa condición de “Patriota y de verdadero afecto al Régimen y movimiento del Ejército Glorioso Salvador de España, la que desea con todo el entusiasmo llegue a ser una, grande e Imperial”, como manifesta na reclamación ao xeneral xefe datada no 16 de febreiro de 1937. Lembra tamén a súa condición de católico, doante a varias congregacións relixiosas, adherido ao Bloque Nacional de Calvo Sotelo, contribuínte a todas as subscricións para os sublevados, etc.
En relación coa foto do banquete, manifesta que a celebración non tiña carácter separatista e que Santiago Apóstol era patrón de España, o banquete fora un acto de expansión alleo á política e el nunca estivera afiliado ao partido galeguista.
Dirixe tamén un escrito ao “Rabioso” no que se queixa por estar detido por figurar na foto e aduce que se fixera con motivo dunha festa pública,
fiesta de exaltación de Galicia, pero no de una Galicia separatista y mezquina, sino de una Galicia unida a toda España, una más en el conjunto de nuestra unidad nacional
 lémbralle tamén a súa condición de membro da Guardia Cívica viguesa así como as doazóns feitas para o exército e as forzas de seguridade.
Pero Francisco González “O Rabioso”, xa ascendido a capitán, contraataca cun informe no que afirma que se comprobou, sen lugar a dúbidas, a asistencia de Bastida, como afiliado, a reunións do partido galeguista e que, segundo o cobrador, pagara os recibos ata o de xullo do 36; aparte de consideralo “amoral” por unhas vendas de bens en Cacabelos, afirma que estivera afiliado ao Partido de Derechas (sic) satisfacendo unha cota dunha peseta (“en el Galleguista pagaba 2”) e cos recibos a outro nome por non prexudicar o negocio; en suma, dá a entender que era un caso de dobre militancia interesada.
As influencias e argumentos de Bastida puideron máis que a opinión do capitán da Guardia Civil e do comandante militar da cidade pois, con data do 13 de marzo de 1937, o xeneral Antonio Aranda considera que a conduta política de Cayetano quedaba esclarecida como dunha persoa que 
ni antes ni después del Glorioso Movimiento Nacional hizo oposición a las ideas que defiende, antes al contrario colaboró en él; acuerdo dejar sin efecto la sanción de 25000 pesetas que le impuso la Comandancia Militar de Vigo y por ende las retenciones o embargos practicadas para su aseguramiento.

domingo, 21 de abril de 2013

Vigo: ocupación de libros e documentos.

Ás catro da tarde do 19 de agosto de 1936, forzas da Guardia Civil mandadas polo coñecido tenente Francisco González Rodríguez “O Rabioso”, chegaban ás “casas baratas” de san Roque (Vigo). O motivo era rexistrar o domicilio e horta do concelleiro socialista José Caldas Iglesias por “tener sospechas de que se ocultasen armas o documentación relacionadas con el actual movimiento”.
No domicilio incautan libros e documentación variada da que xulgamos interesante dar conta polo miúdo; libros: “El esperanto”, “Crimen de Salvatierra”, “La Guerra Carlista”, “Abajo las Guerras” [ Abajo las armas?], “Política Española”, e 19 novelas de distintos autores; 5 “Cuadernos Socialistas”; folletos: “Historia de la Internacional”, “Nuevas formas del capitalismo”; un caderno coa memoria da Federación de Traballadores de Vigo; 4 talonarios do homenaxe a Pablo Iglesias, 56 exemplares do xornal “Solidaridad Obrera” [Solidaridad ?], unha tarxeta de “Guerra a la Guerra”, unha carta do dirixente obreiro Botana e varios oficios do concello.
Nunha caixa enterrada na horta atopan os seguintes efectos: 2 pistolas antigas sen munición, un puñal, unha conta pola comida no cárcere de varios detidos en outubro de 1934 por un importe de 1484,40 pesetas, unha carta dun mestre de Ourense marxista, o libro “El arte de la insurrección”, unha folla con textos contra a pena de morte, unha carta do “revolucionario I. Seoane” á Juventud Republicana, varias cartas de camaradas e convocatorias de reunións das que salientamos unha sobre o Bloque Popular asinada por Seoane e Bilbatúa e outra do sindicato de tranviarios dirixida aos obreiros e campesiños; tamén se atoparon regulamentos de sociedades e listados de afiliados a organizacións obreiras, estes listados serán utilizados na persecución de dirixentes obreiros como se pode comprobar nas anotacións feitas nos mesmos con posterioridade. Todo este material estaba envolvido por un xornal con data do 17 de xullo de 1936. Ademais, “por debajo de la caja un puñal con mango en forma de cruz con la hoja sinuosa”.
Todo o anterior aparece asinado polos gardas e polo propio José Caldas nun “Atestado por detención de un presunto sedicioso y ocupación de libros y documentos, en su casa y una huerta” que forma parte da causa 714/36. (AIMN).
En declaracións de Pilar Alonso, muller do dirixente socialista José Araujo, veciño de Caldas, asegúrase que foi ela a que mandou enterrar estes efectos na horta de Caldas “por tener a su marido en la prisión del partido y para evitarle los compromisos que pudieran alcanzarle o responsabilidades”; esta declaración é confirmada por unha criada.
José Caldas Iglesias, mestre de taller na Escuela del Trabajo, recoñece como seus algúns dos libros relacionados anteriormente, entre eles “San Manuel Bueno, mártir”, “Abajo las armas” e “La araña negra” pero afirma descoñecer a existencia dos efectos enterrados na horta.
O 20 de abril de 1937 celébrase en Vigo un consello de guerra contra José Caldas e Antonio Carballo Vázquez, este último tamén concelleiro (Izquierda Republicana) e masón; actúa como defensor o capitán de infantería Fabián de Caso. Nun resultando da sentencia afírmase que se reuniran o 20 de xullo con 
personas destacadas del extremismo en el Ayuntamiento con objeto de dirigir desde allí por medio de agentes de enlace que constantemente entraban y salían en el despacho del Alcalde, donde la reunión tenía lugar, a las turbas que en la calle se enfrentaban a la fuerza pública.
 Decláranos responsables, en concepto de autoría, dun delito de rebelión militar coa agravante de perversidade e transcendencia da súa actuación polo que son condenados a morte. Foron executados o 12 de maio de 1937 no castelo do Castro.