No mapa de foxas publicado polo Ministerio de la Presidencia, Justicia y Relaciones, atopamos que no territorio que hoxe comprende o concello de Pontevedra existen dúas foxas catalogadas. Unha delas é a que está situada ao lado da igrexa de santo André de Xeve e outra a que sitúan no cemiterio de san Amaro. Sobre a foxa de Xeve xa escribimos noutras ocasións polo que non a trataremos nesta entrada, fóra de destacar a incongruencia de sinalar dúas datas distintas de enterramento para os alí sepultados. Está comprobada a existencia dunha saca do grupo alí enterrado o mesmo día así como testemuñas presenciais do enterramento. A disparidade pode ser debida a que na documentación xustificativa da aplicación da "lei de fugas" (elaborada a posteriori e sen moita preocupación pola veracidade) non sempre se paraban a comprobar a data.
O caso da foxa de san Amaro, catalogada como 1091/2009, presenta na súa ficha unha serie de erros que nos fan dubidar que existise un mínimo traballo de documentación.
Cando falamos de foxas referímonos de xeito habitual ás chamadas foxas comúns e, utilizando o escrito polo historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, en relación coa foxa dos asturianos en Celanova,
en el contexto de la represión franquista y, en especial, desde la perspectiva de la memoria, añade a su significado original otros, el primero "enterramiento masivo", pero también los de "fosa clandestina" o "enterramiento irregular", que implican un componente de ocultación, el intento de esconder las pruebas del crimen cometido e, incluso, el de una humillación más hacia las personas asesinadas, al no permitir la realización de un entierro digno i
No caso que nos ocupa, o informante (Patrimonio Nacional) sinala como enterrados na suposta foxa a sete persoas, unha delas descoñecida. Son: Alfonso Dal Minguillón, Descoñecido, José López Álvarez, Vicente Manuel Losada Arnejo, Francisco Rodríguez Bote, Manuel Toro García e Benito Pardo Méndez. No caso deste último, fan constar a súa condición de militar aínda que erran ao consideralo tenente, pois era capitán. Precisamente a presencia de Benito Pardo fixo saltar as alarmas sobre a condición de represaliados (polo menos directamente) dos citados. Unha consulta no libro rexistro de enterramentos do cemiterio, documenta a condición de falecidos na fronte de guerra de todos eles combatendo no bando sublevado; nada sabemos das militancias políticas agás a de Benito Pardo. Capitán retirado do exército pola lei Azaña, africanista, foi un destacado militante fascista en tempos da República; logo do golpe noméano xefe de milicias da Falange e actuou como membro de tribunais militares. Falece na fronte de Asturias o 11 de marzo de 1938. O enterramento foi multitudinario con asistencia de altas xerarquías falanxistas.
Todos os citados foron inhumados en sepulturas individuais numeradas e, polo tanto, coñecidas. Por certo, hai dous erros nas datas de enterramento: a do capitán Pardo foi o 17 (non o 11) de marzo de 1938 e a de Francisco Rodríguez o 3 de abril de 1937 (non do 38). Unha pregunta que cabe facerse é a do motivo polo que se consideran só sete cadáveres e se obvia o resto de combatentes alí enterrados nas mesmas condicións. No período entre xullo de 1936 e xuño de 1944 figuran rexistrados no cemiterio un total de 94 persoas mortas na fronte de batalla. Certo que podemos considerar vítimas do franquismo os soldados recrutados á forza, imposible sería facelo cos militantes e mandos falanxistas, algúns implicados anteriormente en prácticas represoras.
Analizando o rexistro de enterramentos, ata a data do 11 de maio de 1941 aparecen enterrados 147 represaliados polo franquismo nas diversas modalidades: execución tras sentencia, fusilados por incursos no bando e "paseados". Facemos notar que esta cifra non equivale ao total de asasinados na capital e contorna pois bastantes foron enterrados noutros cemiterios ou en lugares descoñecidos. Os cálculos de mortes na zona (tamén veciños doutros lugares que son asasinados aquí) é de como mínimo 220. Na ficha non se fai referencia a ningún deles, como tampouco se fai ao maior fusilamento colectivo efectuado en Pontevedra: o dos 28 asturianos executados na estrada a Monte Porreiro (A Seca) o 2 de xullo de 1938. Procedían de Camposancos e foron enterrados na zona 2 e 3 en dous grupos de 14. A partir de 1939 comezan a enterrarse mortos procedentes do penal de Figueirido; estes falecemento son debidos ás enfermidades propiciadas polas moi deficientes condicións hixiénicas e de alimentación naquel recinto, polo tanto eran tamén vítimas do franquismo. Na nosa opinión, non debemos falar de foxa no caso de san Amaro, pois os enterramentos alí efectuados foron individuais, estaba identificada cada sepultura cun número (no caso das situadas nas zonas 2 e 3, que eran a maioría) ou se efectuaron en panteóns familiares e algúns dos que se sinalan como vítimas eran militantes de organizacións que provocaron o golpe de estado. Non é o único caso pois, na propia comarca de Pontevedra, en Cerdedo sinálase unha pretendida foxa na que o único enterrado era Luis Gutiérrez Torres, destacado falanxista e membro do Batallón de Voluntarios de Falanxe, de quen o xornal El Pueblo Gallego afirma:
la exaltación de tu fe religiosa, tesoro espiritual heredado de tus buenos padres, tu encendido amor a España, tus fervores a Falange y tu adhesión imperecedera a José Antonio, fueron los que encendieron las llamas de tu juventud para ofrendársela a la Patria.ii
Figura na ficha que a "fosa" (?) de san Amaro foi "trasladada al Valle de los Caídos y dignificada" o 27 de marzo de 1959. Estes traslados foron consecuencia da orde de 23 de maio de 1958 do ministro de Gobernación, Camilo Alonso Vega, na que ordenaba aos gobernos civís a elaboración dunha relación de enterramentos colectivos coa finalidade de trasladalos a Cuelgamuros "sin distinción del campo en que combatieron" pero, iso sí, de relixión católica e españois. Bastantes represaliados foron levados a Cuelgamuros sen o permiso dos seus familiares.
Pero antes ocorreron outras cousas en san Amaro: o 23 de xullo de 1939, a instancias da Cruz Vermella, inaugúrase o Mausoleo aos Caídos. Este monumento deseñado polo arquitecto municipal Emilio Quiroga, axudado polo directivo da Cruz Vermella e dirixente falanxista Luis Huesa, ten 12 metros de longo, 7 de fondo e 6 de alto. Nos laterais graváronse os nomes dos "caídos", incluso os de aqueles que estiveran enterrados en panteóns familiares ou por outras circunstancias non puideran estar no monumento. Na inscrición figuran 76 nomes, entre eles os relacionados na ficha que comentamos. Como se dixo no acto da inauguración "la amplia cripta ha de guardar los restos de los héroes pontevedreses caídos en la Santa Cruzada de redención y cuyos nombres figuran a los costados del monumento funerario". Nese acto, con presencia de autoridades militares e de Falanxe, inhumouse na cripta o primeiro dos cadáveres, o dun soldado descoñecido que estaba enterrado na sepultura 895. No libro rexistro aparece tamén a indicación de "pasó al monumento a los caídos" na anotación do tenente da Bandeira Lexionaria Galega de Falanxe, Agustín Mariné Alemany, que morrera na fronte o 11 de setembro de 1936.
Non se explicita o significado de "dignificada" pois nos lugares de enterramento non se aprecia ningunha referencia. O monumento aos caídos é obxecto anualmente, o día de defuntos, dunha ofrenda por parte da BRILAT, con base en Figueirido, aos soldados falecidos en todos os tempos. Os actos consisten nun responso, descarga de fusilería e ofrenda floral.
iRodríguez Teijeiro, D. "Sobre memoria e historia. Reflexiones en torno a la "fosa de los asturianos" y la prisión del monasterio de San Salvador (Celanova 1936-1945). Minius nº 30, 2025.
iiEl Pueblo Gallego, 11-10-1938.

No hay comentarios:
Publicar un comentario