miércoles, 13 de noviembre de 2019

Pontevedreses en Cuelgamuros.

O Boletín Oficial do Estado do 2 de abril de 1940 publicaba un decreto dispoñendo a creación en Cuelgamuros dunha basílica, un mosteiro e un “Cuartel de Juventudes” para perpetuar a memoria dos caídos en “nuestra Gloriosa Cruzada”. Na exposición de motivos escríbese:
Es necesario que las piedras que se levanten tengan la grandeza de los monumentos antiguos, que desafíen al tiempo y al olvido y que constituyan lugar de meditación y de reposo en que las generaciones futuras rindan tributo de admiración a los que les legaron una España mejor.
A estos fines responde la elección de un lugar retirado donde se levante el templo grandioso de nuestros muertos en que por los siglos se ruegue por los que cayeron en el camino de Dios y de la Patria. Lugar perenne de peregrinación en que lo grandioso de la naturaleza ponga un digno marco al campo en que reposen los héroes y mártires de la Cruzada.
Como pode apreciarse, nun primeiro momento, a finalidade era a de homenaxear e lembrar os vencedores da guerra, os caídos por Deus e pola Patria; máis adiante, con posterioridade á 2ª guerra mundial, é cando se modifica a idea inicial e se fala de que tamén se enterren alí os mortos republicanos. Esta reformulación reconciliadora, impregnada de contido cristián, podemos lela na actualidade na páxina web do chamado Valle de los Caídos:
Su simbología conectaba con la necesidad de cicatrizar heridas, deponer antagonismos y volver a encontrarse juntos. El carácter sagrado de esos componentes conmemorativos parecía excluír otra idea que no fuera la de una nueva armonía bajo lo que es el signo máximo de la pacificación: la Cruz. (www.valledeloscaidos.es. Consultada 26-10-2019)
A construción iníciase en 1940 e ábrese ao público o 1 de abril de 1959 (nótese o simbolismo da data, que se celebraba como o Día de la Victoria).
É practicamente imposible saber o número exacto de enterrados en Cuelgamuros e moito máis coñecer o nome de cada unha desas persoas. Calcúlase que poderían ser máis de corenta mil e, no caso de republicanos, moitos sen autorización e sen coñecemento por parte dos familiares. A partir de diversas bases de datos podemos estimar que os mortos procedentes da provincia de Pontevedra son 37, todos homes, pero a estes habería que engadirlles outros pontevedreses que foran enterrados noutros lugares de toda España. Unha dificultade engadida é o pouco rigor nos listados, con numerosas erratas e apelidos ou nomes cambiados. O listado podemos atopalo en diversas publicacións, por exemplo en: http://www.nomesevoces.net/web/media/pdf/listado-victimas-enterradas-en-el-valle-de-los-caidos-5.pdf.
Nesta entrada lembraremos algúns deses pontevedreses, tanto das filas golpistas como das republicanas.
Benito Pardo Méndez, o capitán Pardo ao que adicamos unha entrada neste blog fai once anos era natural de Villalpando, militar que se acollera ao retiro pola “lei Azaña” foi un asiduo participante en incidentes protagonizados por fascistas na capital pontevedresa durante os anos da República. Militante falanxista, morreu por feridas de guerra en marzo de 1938 e foi enterrado en san Amaro; posteriormente sería trasladado a Cuelgamuros. Como cantaba o romance que lle adicaron:
El capitán Pardo era,
un capitán de Falange;
su camisa azul tenía
viejos prestigios de sangre.
Luis Gutiérrez Torres pertenecía a unha familia de Cerdedo con varios membros falanxistas; fai anos faríanse coñecidos polas denuncias que presentaron contra o historiador Dionisio Pereira. Luis marchou a loitar na fronte de guerra integrado no Batallón de Voluntarios de Falange no mes de agosto de 1936. O 27 de setembro dese ano morre na fronte de Asturias. O xornal falanxista El Pueblo Gallego adicáballe unhas acendidas palabras das que recollemos o seguinte parágrafo:
Tú, Luis, caistes (sic) de los primeros; el ímpetu de tu coraje y de tu bravura te llevó a los puestos de mayor peligro en los que había que demostrar valor en el alma y temple en el corazón. La exaltación de tu fe religiosa, tesoro espiritual heredado de tus buenos padres, tu encendido amor a España, tus fervores a Falange y tu adhesión imperecedera a José Antonio, fueron los que encendieron las llamas de tu juventud para ofrendársela a la Patria.
Luis Collazo Campos (no listado figura como Docampo) era un mozo vigués que, ao rematar o servicio militar no rexemento de artillería en Pontevedra, afiliouse na Falange e participou activamente coas súas escuadras nos habituais incidentes con forzas de esquerda. O 7 de febreiro de 1936, cando estaban reunidos no seu local varios falanxistas, entre eles o xefe local Felipe Bárcena, os irmáns Mondina, Collazo, entre outros, un grupo de asaltantes armados de filiación anarquista penetrou no local e no enfrontamento resultaron feridos varios militantes falanxistas; cando escapaban, os asaltantes tiveron un enfrontamento cun garda de asalto e resultaron feridos o garda, Luis Quintas a quen se consideraba xefe do grupo, e morre o anarquista Robustiano Figueiras. Luis Collazo falecería dous días despois, o 9 de febreiro. Os seus restos foron trasladados a Cuelgamuros en 1960.
Nos listados aparecen numerosa persoas procedentes de Mondariz; entre eles estaban Manuel Piñeiro Zúñiga, Domingo Peramos Muñes [Páramos Núñez], Fernando Rubio Estévez, Manuel Pérez Besado [Besada] e Francisco Rodríguez Bote [Otero]. Piñeiro era natural de Noia pero vivía en Tomiño de onde era concelleiro; Páramos residía en Caldelas de Tui e alí tiña un taller de ferreiro co nome de “El agrario”, deixou dez orfos con nomes como: Armonía, Aurora, Domingo, Espronceda, Ferrer, Floreal, Julia, Libertad, Progreso e Verdad. Rubio e Pérez vivían en Guillarei e Rodríguez “Paquiño de Figueiró” era farmacéutico, galeguista, de Tomiño; fuxira a Portugal pero foi entregado pola policía portuguesa. Todos eles, xunto co mestre de Forcadela Hipólito Gallego, foron “paseados” o 4 de outubro de 1936 nas inmediacións de Mondariz. O comandante militar de Tui, capitán Eduardo Rodríguez, asinou un informe con data de 15-10-1936, no que documenta a morte de tres deles coa clásica aplicación da “lei de fugas”:
Francisco Rodríguez, Manuel Piñeiro e Hipólito Gallego foran conducidos pola Guardia Civil de Tui ao mando do sarxento comandante do posto a Mondariz onde, ao parecer, existían depósitos de explosivos e armas; logo de practicar as dilixencias:
al llegar a las cercanías de aquella localidad los referidos procesados trataron de huir por lo que tuvieron necesidad de disparar contra ellos, resultando todos muertos.
Nestes días en que Cuelgamuros está de actualidade, aínda que sexa co nome de Valle de los Caídos, poñémoslle nome e biografía a algúns dos pontevedreses alí enterrados.

No hay comentarios: