viernes, 25 de octubre de 2019

Contra o esquecemento: Ciriaco Licer e Nemesio Laya.

Resultando: Que iniciado el Movimiento Nacional hacia el día diecisiete de Julio último con el fin de rescatar a España del mando de los Gobiernos del Frente Popular, el Ejército personalizó y dirigió tal movimiento bajo el régimen legal de los Bandos declaratorios del Estado de Guerra, con el fin de evitar cayese la Patria en el régimen soviético, habiéndose opuesto resistencia contra tal acción salvadora por parte de elementos adictos y simpatizantes del Gobierno anti-nacional los que llegaron a alzarse en armas contra la Institución armada procurando por todos los medios oponerse a los designios patrióticos de ésta.
O anterior era un dos resultandos da sentencia da causa 1098/36 que se xulgou en Pontevedra o 20 de novembro de 1936; dous dos xulgados foron Nemesio Laya Abal e Ciriaco Licer Cons sobre os que trataremos neste artigo.
Ciriaco estaba casado, fora dependente da ferretería de César García e tiña como profesión toneleiro, nacera en Pontevedra o 4 de outubro de 1901, fillo de José Antonio e de Juana e vivía na rúa das Flores. Nemesio estaba solteiro, era representante dos seguros La Previsora Hispalense, nacera en san Vicente de Nogueira ( nalgúns documentos consta como nacido en Pontevedra) o 4 de decembro de 1908, vivía en Pontevedra na rúa Sarmiento.
Sobre Ciriaco Licer non hai moita información en canto á súa actuación política; se facemos caso aos informes da Guardia Civil, tiña mala conduta e antecedentes e era militante socialista. Nemesio Laya tiña unha maior relevancia pública: en 1931 formaba parte como vogal do comité executivo da Juventud Republicana que presidía Laureano Poza Juncal e do que tamén formaban parte Alfonso Guillán Abalo e Laureano Tomé. Fora un dos asinantes dun manifesto á mocidade galega da Juventud Radical Socialista Autónoma de Pontevedra e, en 1935, ocupaba o cargo de tesoureiro da Juventud de Izquierda Republicana, que presidía Germán Fernández Gracia; non é de estrañar que a Guardia Civil o considere de extrema esquerda e dubidosa conduta.
O 20 de xullo de 1936 atopábanse na avenida de Montero Ríos e subiron a un coche incautado dirixíndose ata Xeve. Serían as cinco da tarde cando chegaron á casa do cura de Santa María de Xeve, Victorino Pereira; o sacerdote estaba diante da casa e o mestre Eduardo Muíños, que mandaba o grupo, entrou con el no interior e saíron cunha escopeta do calibre 24 pola que lle expediron e asinaron un recibo. Volveron a Pontevedra.
Acusados de rebelión militar foron xulgados por un tribunal que presidía o tenente coronel Antonio Durán Salgado, o defensor foi o alférez de complemento Juan Astor. Tanto Licer como Laya foron condenados a reclusión perpetua coa accesoria de interdición e inhabilitación absoluta e a abonar ao Estado a cantidade de cinco mil pesetas.
Ciriaco e Nemesio estiveron presos na illa de san Simón e, posteriormente, no penal de san Cristóbal en Pamplona no que ingresan en febreiro de 1937. A Ciriaco Licer conmútanlle a pena a 4 anos de prisión menor e sae en prisión atenuada o 26 de agosto de 1940, acada a liberdade en xaneiro de 1942 e o licenciamento definitivo en 1944.
O expediente carcerario de Nemesio Laya presenta un maior interese, fundamentalmente polo papel que debeu desempeñar durante a fuga do 22 de maio de 1938 na que se afirma que actuou “cooperando en el sofocamiento de la rebelión tumultuaria” pero sen especificar de que xeito concreto o fixera. Franco concede o indulto das dúas terceiras partes da condena a todos os reclusos que “impidieron con su actuación, alcanzara mayores proporciones la evasión llevada a cabo por otros”; Nemesio foi un dos beneficiados, en abril fora nomeado escribinte da xefatura de servizos e posteriormente ordenanza da mesma xefatura. Segundo o expediente de indulto, opuxérase á fuga “distinguiéndose notablemente por su actuación en favor del restablecimiento del orden”. O propio fiscal afirma que con tal proceder evidenciaba estar arrepentido do seu comportamento anterior e a súa adhesión aos principios da “Autoridad y Orden”. Concédenlle a prisión atenuada no domicilio o 17 de xullo de 1940 e a liberdade definitiva en 1944. Morreu aos 42 anos o 1 de febreiro de 1957.
Imaxe: Forte de san Cristóbal. Wikipedia.org

No hay comentarios: